Éider
| Éider | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Somateria mollisima | ||||||||||||
O éider (Somateria mollissima) é un pato mergullador da familia Anatidae. O seu nome latino, Somateria mollissima, fai referencia a penuxe mol e quente desta especie. Traducido viría significar: "o máis brando co corpo negro".
Índice |
[editar] Descrición
Os éideres son algo meirandes ca un lavanco. Miden uns 58 cm de longo e pesan de media uns 2.200 gramos. Os machos son en xeral de maior tamaño e peso cás femias e poden chegar a idades máis avanzadas. De aspecto gordo e zoupón na terra é un mergullador e nadador áxil, que pode desenvolverse ben mesmo con ondas moi grandes. A causa da altura da raíz do seu bico, que sobe ata a fronte e fai doado distinguilo doutros parrulos, a cabeza recorda á forma dunha cuña. En voo, recoñécese polo seu aspecto gordo, o pescozo curto e a forma da cabeza.
O éider amosa un claro dimorfismo sexual na plumaxe. Na época reprodutora, o macho ten o lombo e o peito brancos na súa maior parte, as plumas do peito teñen un lixeiro ton rosado. A barriga, os lados, a cola, as plumas cobertoiras desta e o lado superior da cabeza son negros. A caluga e de cor verde de brión. Fóra do tempo de cría, a plumaxe do macho é castaña escura, con partes brancas.
O aspecto da femia é moi semellante ó das femias doutras especies de parrulos. Amosa todo o ano unha plumaxe pouco rechamante de cores acastañadas, máis ou menos escuras, atravesada por bandas negras mestas. A cabeza e o pescozo son, porén, estritamente castaños, con só un lixeiro raiado máis escuro. A plumaxe é moi semellante á doutras especies de parrulos.
O peteiro dos machos é verdoso, verde escuro no caso das femias. A punta do bico é máis clara e amosa unha punta elevada. Ámbolos dous sexos teñen o iris dos ollos marrón.
A plumaxe das crías semella a das femias.
[editar] Distribución e status
O éider vive ó longo das costas do norte de Europa, Norteamérica e leste de Siberia. Cría dende o Ártico ata o mar do Norte e o noroeste de Francia. Na costa atlántica americana a súa área de cría chega ó estado de Maine, na costa do océano Pacífico, ata o sur de Alasca. As áreas principais de cría son Islandia, onde crían unhas 450.000 parellas, e o mar Báltico onde xe xuntan ata 600.000. Os números en América calcúlanse entre 750.000 a 1 millón de parellas. O IUCN calcula os seus números entre 2,5 e 3,6 millóns de exemplares, non dándolle a consideración de especie ameazada.
Os exemplares das zonas máis boreais emigran cara á parte sur da súa distribución no inverno, onde poden formar grandes bandos en sitios axeitados. As poboacións máis meridionais son sedentarias. No inverno os éideres intérnanse regularmente en pequeno número en terras interiores, chegando os europeos ata os Alpes. Dende os anos 1970 algúns exemplares pasan o verán nalgúns puntos de Centroeuropa e danse casos de parellas que fan os niños nos lagos suízos e outros lagos perialpinos.
[editar] Comportamento e alimentación
Son de actividade diúrna. Aliméntanse preferentemente de moluscos bivalvos de ata 40 mm de lonxitude, come ademais caracois, crustáceoss e peixes. Nas costas do mar do Norte come sobre todo mexillóns. En augas interiores come o mexillón tigre, unha variedade de auga doce orixinaria de Asia que está a espallarse rapidamente por Europa dende os anos 1980. O alimento vexetal non é importante na súa dieta. Buscan alimento no fondo de augas pouco fondas ou mergullándose. Buscando moluscos poden chegar a profundidades de 6 metros e permanecer algo máis dun minuto somerxidos. Debaixo da auga empregan as alas para desprazarse. Algunhas observacións aseguran que poden acadar no mar distancias máis fondas, nalgún caso de ata 30 metros. O seu bico forte permítelles arrincar os mexillóns da roca ou sacar moluscos do fondo. Cazan tamén insectos acuáticos entre as algas mariñas.
Tragan os bivalvos coas cunchas. Despois de rompelas coa súa forte morzoa, vomítanas en forma de [egagrópila]]s. O sal que tragan coa comida é expulsado a través das glándulas especiais situadas na fronte.
[editar] Reprodución
[editar] Cortexo
As femias son fértiles ós dous anos de idade, mentres que os machos non toman parte nas cerimonias de cortexo ata o terceiro, momento no que teñen a plumaxe adulta completamente desenvolvida.
Durante o cortexo os berros do macho son respondidos pola femia. Para emitir o seu son o macho bota a cabeza para atrás e incha o peito. En xeral, varios machos sitúanse ó redor dunha femia. Entre as técnicas de cortexo do macho cóntanse demostracións de natación, durante as que move a cabeza a modo de dereita a esquerda e estrica o corpo fóra da auga, abrindo cara atrás as ás.
A femia amosa a disposición para a cópula estirándose sobre a auga. Durante a cópula, que dura poucos segundos, o macho empurra a femia case completamente debaixo da auga e suxéitaa polo pescozo co seu peteiro.
As parellas duran unha soa temporada, aínda que os exemplares sedentarios poden emparellarse máis dun ano seguido.
[editar] Cría
Crían en grandes colonias que nalgúns casos, como en Islandia, poden acubillar 1.000 parellas. A época de cría vai, segundo as rexións e as condicións climatolóxicas, de comezos de abril a mediados de maio.
As femias fan o niño, cuberto dunha capa de penuxe que sacan da barriga, preto do mar, habitualmente entre o grixo e vexetación rara. En ocasións aproveitan niños de gaivota. Poñen de 4 a 6 ovos gris verdoso. Cando a femia abandona o niño cóbreo con penuxe para evita que perdan calor. Choca soa durante uns 25 ou 26 días, tempo no que non se alimenta. Mentres, o macho permanece preto do niño.
Cando saen do ovo, os polos son guiados pola femia que os vixía entre 65 e 75 días, permitíndolles a finais do verán aventurarse no mar. Nesta época é común que se xunten varias familias, unións que se desfán cando os polos son capaces de voar.
[editar] Condutas migratorias
Aínda que os máis dos éideres son migratorios, as distancias entre os puntos de cría e de invernada non adoitan ser moi grandes, polo que voan distancias relativamente curtas para remuda-las plumas, o que fan despois de criar. Voan a áreas especiais, que escollen pola súa tranquilidade, xa que nesta época a súa capacidade de voar vese limitada. A distancia á que se sitúan dos homes sobe nesa época dos 100 ou 300 m ata os 500 ou 1.000. Evitan, porén, áreas nas que noutras épocas son habituais, pero que non lles ofrecen posibilidades de fuxida. Nese tempo utilizan mesmo lagos interiores da zona alpina. Nalgúns casos, como no das marismas do mar do Norte, as zonas de muda aprovéitanse tamén para pasa-lo inverno. Noutros, buscan cuarteis de inverno diferentes para os que saen en outubro e novembro. O camiño de volta comeza en febreiro e marzo.
[editar] Depredadores e outras ameazas naturais
Nas zonas árticas o raposo polar e o bufo das neves son as principais ameazas. Máis ó sur o bufo real, a aguia mariña e o raposo son os predadores que están en disposición de poder cazar a unha ave do peso do éider. Os polos e os ovos son vítimas das gaivotas e outras aves, coma os córvidos. Diversos parasitos poñen tamén en perigo a vida das crías. Os invernos moi fríos, que causan a conxelación da auga da costa e lles impiden alimentarse, poden causar tamén mortes masivas entre esta especie.
[editar] Subespecies
Diferéncianse seis razas, aínda que os movementos poboacionais e as poboacións mixtas fan difícil unha delimitación exacta.
- Somateria mollissima mollissima, a forma nominativa, que cría no noroeste de Europa.
- S. m. faeroeensis, a variedade máis pequena, propia das illas Feroe. As femias desta raza son algo máis escuras.
- S.m. borealis, con machos de bico amarelo alaranxado e femias de plumaxe máis avermellada. Atópase sobre todo na zona ártica do Atlántico norte.
- S.m. dresseri, que ten a parte dianteira do peteiro máis ancha e arredondada. Vive desde a península do Labrador en Canadá ata Maine nos Estados Unidos.
- S.m. sedentaria, da baía de Hudson. A plumaxe das femias é castaña agrisada.
- S.m. v-nigrum. A variedade meirande. O macho adulto ten un debuxo negro en forma de V na gorxa e as meixelas. Vive no Pacífico norte ata a zona ártica do Canadá.
[editar] O home e o éider
A caza desta especie está permitida nos países escandinavos e en Rusia. En Noruega os seus lugares de reprodución están protexidos. En Islandia a especie está protexida dende 1847. Ademais da caza, as molestias provocadas polo home ás aves que están a criar provocan o abandono de niños e a perda de ovos e polos. Neste campo o turismo é a ameaza máis directa. Coma outras aves, sofre as consecuencias dos vertidos de combustibles e aceites ó mar.
[editar] Os éideres de Northumberland
Unha das colonias de éider de máis sona áchase na illa de Farne, diante de Northumberland, no Reino Unido. Estas aves foron obxecto da primeira lei de protección das aves coñecida, promulgada en 676 por san Cutberto, de onde vén que os éideres reciban en ocasións o nome de patos de san Cutberto. O éider pasou a formar parte do escudo de armas de Northumberland
[editar] Importancia económica
Son produtores da penuxe de éider, que ten unha grande capacidade para manter a calor. En especial en Islandia esa penuxe ten gran importancia económica. Con ela énchense almofadas e cobertores (edredóns). A penuxe é recollida en Islandia dos niños xa baleiros do éider. Un niño pode dar uns 20 gramos de penuxe.
[editar] O éider en catividade
A plumaxe rechamante do macho fixo a especie atractiva como animal cativo. Son animais tranquilos que se relacionan pacificamente con outras aves acuáticas. Precisan estanques fondos de abondo e augas limpas.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Franz Robiller: Lexikon der Vogelhaltung. Landbuch, Hannover 1986. ISBN 3-7842-0322-1
- Eckart Pott: Vögel am Meer. Landbuch, Hannover 1987. ISBN 3-7842-0364-7
- Steve Madge: Wassergeflügel – Ein Bestimmungsbuch der Schwäne, Gänse und Enten der Welt. Paul Parey, Hamburg und Berlin 1989. ISBN 3-490-19018-1
- T. Bartlett: Ducks And Geese - A Guide To Management. Crowood, Marlborough 1986, 2002. ISBN 1-852236507
- Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. Ulmer, Stuttgart 1999. ISBN 3-8001-7442-1
[editar] Ligazóns externas