Lavanco

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Lavanco
Estado de conservación
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Anas
Nome científico
Anas platyrhynchos
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O Lavanco (Anas platyrhynchos) é probablemente a forma de parrulo máis coñecida, e a orixe de case tódolos parrulos domésticos. É unha ave da familia das anátidas (Anatidae). (O nome científico significa, en grego antigo parrulo de bico chan.

Índice

[editar] Descrición

Lavanco femia (Anas platyrhynchos)Véxase o espello azul nas alas
Lavanco femia (Anas platyrhynchos)Véxase o espello azul nas alas

Pesa entre 700 e 1500 gramos, miden de 56 a 65 cm. de longo e á envergadura das alas acada os 95 cm. A velocidade de voo chega ós 110 km. hora.

O aspecto do macho na época reprodutora é moi característico. É gris co peito e o lombo castaños e a cola negra. A cabeza é de cor verde metálica cun anel branco na parte inferior e o peteiro amarelo agrisado. Na beira posterior das alas ten unha banda azul con beira branca, o espello (speculum), ben visible cando voa. As puntas da cola son rizadas. Entre xullo e agosto o macho perde a plumaxe de gala e o seu aspecto é similar o das femias, agás pola cor do bico, que nas fenias é gris escuro ou acastañado.

A plumaxe da femia e de cor castaña clara con debuxos escuros, semellante á das femias doutras especies, das que se diferencia polo espello, que e coma ó do macho.

Os lavancos, coma tódolos parrulos mudan a plumaxe dúas veces ó ano. Untan continuamente as plumas coa graxa procedente dunha glándula situada no comenzo da cola para evita que as entre a auga. Collen a graxa co bico e exténdena pola plumaxe.

As formas domésticas ou semidomésticas poden ter cores diferentes da forma salvaxe.

O lavanco cumpre a un tempo, cousa difícil de atopar nunha ave, a regra de Allen e a regra de Bergmann . A regra de Bergmann establece que as formas polares dunha ave determinada son de maior tamaño cás de climas máis quentes. A regra de Allen afirma que os apéndices (coma as orellas ou o bico) tenden a ser máis pequenos nas formas setentrionais dun animal, para evitar perdas de temperatura e meirandes nos exemplares de zonas moi cálidas, para facilitar a difusión de calor. O tamaño do lavanco tamén varía coa latitude é os de Grenlandia son meirandes e mais grosos cós do sur, pero teñen o bico, no que abundan os vasos sanguíneos, máis pequeno.

Os parrulos sostéñense na auga sobre unha especie de colchón de aire. Reteñen o aire entre o plumón e as plumas exteriores. Esta cámara de aira e a capa de graxa que teñen debaixo da pel, evitan que a ave perda temperatura corporal.

[editar] Distribución xeográfica e hábitat

O lavanco é un dos parrulos máis comúns e máis espallados polo mundo. Esta presente como reprodutor en todo o hemisferio Norte. Foi introducido en Australia e Nova Zelandia onde se cruzou coa especie local á que esta a desprazar.

En moitas cidades aparecen exemplares híbridos, resultado de cruces con patos domésticos.

É moi adaptable e aparece en zonas acuáticas moi diversas: lagos, pantanos, estanques, lagos alpinos, ríos e mesmo en pequenos bosques e zonas de pradería. Crían mesmo nalgunhas cidades que dispoñen de lugares axeitados.

[editar] Costumes

É moi característica a súa maneira de "bañarse": primeiro mete a cabeza na auga, despois bate con forza a auga coas alas e proxectase cara adiante baio a superficie.

En estado salvaxe poden vivir entre 10 e 15 anos, pero sábese de animais domésticos que chegaron a idades moi superiores.

A conducta migratoria é moi variable, pero os lavancos que viven na zona norte da súa distribución son estrictamente migratorios, e a especie esta incluída no AEWA ("Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de Eurasia e África). En Europa Os do leste e norte emigran a partir de outubro cara o sur, o centro e o oeste do continente. Os exemplares do oeste e sur de Europa son sedentarios. Os do centro poden emigrar, facer desprazamentos curtos ou ser sedentarios.

[editar] Alimentación

A parte máis importante da súa dieta e de orixe vexetal, incluíndo plantas acuáticas e terrestres, sementes, froitas. Come tamén insectos, moluscos, larvas, pequenos crustáceos, cabezolos, ras pequenas, crías de peixes, vermes e mesmo ratos pequenos. No outono poden comer landras e outros froitos secos. Mesmo poden comer pan e outros restos de comida.

Se se senten ameazados mentres están comendo na auga, somérxense inmediatamente. Cando comen mergullan a cabeza quedando o corpo vertical mentres arrincan anacos de plantas có bico, que traballa coma un coador, expulsando a auga pero retendo o alimento.

[editar] Reprodución

Femia adulta coas crías
Femia adulta coas crías

A época de aparellamento en Europa é ó comezo da primavera. A danza nupcial ten un ritual complicado. Os machos forman un círculo para realizar a "danza", que é observada polas femias desde un circulo exterior. As veces algúns machos que quedan sen parella perseguen a unha femia ata que esta accede a ser copulada polos membros do grupo. Ocasionalmente uns machos poden atacar a outros do mesmo xeito.

Os lavancos forman parellas só ata que a femia pon os ovos, momento en que o macho a abandona. Fan os niños, de plantas, cerca da auga. A niñada é de entre 7 e 16 ovos, que son chocados de 25 a 28 días. Os polos son precoces e poden nadar e buscar alimentos desde que nacen, aínda que se manteñen preto da mai, da que dependen para impermeabilizar a plumaxe, buscando protección. A conducta dos parruliños ó naceren para identificar a súa mai, ten sido moi estudiada e é un momento decisivo do ciclo reproductivo. Esta fase coñecida como impresión diferencias de outros tipos de aprendizaxe por dúas características: é irreversible e limitase a unha periodo crítico moi curto. Os patiños tardan entre 50 días e dous meses en telas plumas completamente desenroladas e ser capaces de voar.

Pitos
Pitos

[editar] Hibridación e sistemática

Os lavancos crúzanse frecuentemente con especies relacionadas do xénero Anas e mesmo con especies non tan próximas, producindo formas híbridas que son, porén, fértiles. Esta circunstancia, pouco habitual, parece deberse á rápida evolución da especie que tería empezado no período, relativamente recente, do Pleistoceno Superior. Por suposto as variedades domésticas de parrulos, que derivan do lavanco, poden cruzarse coas aves salvaxes.

Híbrido de parrulo doméstico e lavanco en Islandia
Híbrido de parrulo doméstico e lavanco en Islandia

O lavanco é considerado unha especie invasora en Nova Zelandia. Alí, coma noutras partes da súa area de distribución, estanse a ver favorecidos pola urbanización e hibridando cos parentes locais (Rhymer & Simberloff 1996). Esta situación causa preocupación pola conservación das especies próximas ó lavanco coma o Pato de Hawai (Anas wyvilliana), o Pato gris de Nova Zelandia, o Pato negro americano (Anas rubripes), o Pato de Florida (Anas fulvigula), o Pato de bico amarelo (Anas ondulata) ou o Pato mexicano (Anas diazi). No caso deste último, discútese a súa independencia como especie, o que incide nas políticas de conservación.

Por outra parte o Anas zonorhyncha esta a introducirse na poboación de lavancos na zona do Primorski Krai no extremo leste de Rusia, se cadra por causa do cambio climático (Kulikova et al. 2004). O Pato das Marianas, posiblemente derivado de cruces entre o lavanco e o Pato negro do Pacífico, extinguiuse no 1980. Os cruces con parrulos domésticos fuxidos están a producir un aumento de tamaño dos lavancos, sobre todo dos machos, que viven en áreas urbanas.

A consideración de que o suposto maior atractivo sexual dos machos salvaxes, orixinado pola súa plumaxe, favorecería, en xeral, a hibridación entre femias domésticas e machos bravos é non ó revés, parece ser incorrecta. (Rhymer et al. 1994, Kulikova et al. 2004).

De todolos xeitos a hibridación non é a amenaza meirande para a subsistencia das anátidas. O Pato de Laysan (Anas laysanensis), da illa de laysan en Hawai, parente do lavanco cunha pequena poboación, podería ter hibridado con lavancos migratorios pero os híbridos non parecen adaptarse as condicións de vida da illa e desaparecen axiña. En xeral, as causas da desaparición das especies locais teñen máis que ver coa caza, os cambios ecolóxicos e o illamento dalgunhas delas que cos cruces cos lavancos.

[editar] O parrulo urbano

Os parrulos urbanos habitan sobre todo en estanques e zonas de augas tranquilas dalgunhas cidades e vilas, máis tamén en cursos de auga que as atravesen, e mesmo en fontes grandes.

[editar] Aspecto

Os exemplares que viven en vilas e cidades teñen coloracións "defectuosas". Son e xeral máis escuros, as veces negros, marróns ou gris escuros. A miúdo teñen un "babeiro" branco no peito. De tódolos xeitos a coloración e moi variable e nalgunhas zonas está máis preto da orixinal que noutras.

[editar] Comportamento

Os patos urbanos amosan a miúdo menos caracter protector cara ós fillos, que se afastan da mai máis axiña cás dos lavancos bravos. Na fase reprodutora é común que varios machos intenten copular coa mesma femia, chegando a afogala co seu peso ó lanzarse sobre ela na auga. En xeral os machos son máis abundantes cás femias

[editar] Historia

Os patos urbanos teñen a súa orixe máis probable en cruces de parrulos domésticos con lavancos. En moitos casos os patos que viven nos estanques das cidades son simplemente exemplares domésticos fuxidos. Danse casos tamén doutras especies, máis ou menos exóticas, que aparecen en parques e outras zonas acuáticas urbanizadas, ben porque fuxiron ou porque foron ceibados polo propietario. Aparentemente hai unha tendencia entre os exemplares "urbanistas""a ir recuperando co paso das xeracións as cores típicas da especie, nun exemplo de selección natural.

[editar] Referencias

  • Kulikova, Irina V.; Zhuravlev, Yury N. & McCracken, Kevin G. (2004): Asymmetric hybridization and sex-biased gene flow between Eastern Spot-billed Ducks (Anas zonorhyncha) and Mallards (A. platyrhynchos) in the Russian Far East. Auk 121 (3): 930-949. [Ingles e ruso] DOI: 10.1642/0004-8038(2004)121[0930:AHASGF]2.0.CO;2 texto completo en PDF
  • Rhymer, Judith M. & Simberloff, Daniel (1996): Extinction by hybridization and introgression. Annu. Rev. Ecol. Syst.
  • Rhymer, Judith M.; Williams, Murray J. & Braun, Michael J. (1994). Mitochondrial analysis of gene flow between New Zealand Mallards (Anas platyrhynchos) and Grey Ducks (A. superciliosa). Auk 111 (4): 970–978. texto en ingles en PDF


[editar] Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Ferramentas persoais