Caqui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo fala da árbore, para a cor véxase caqui (cor).

O caqui (do inglés kaki e este do persa hak ‘po’)[1] ou diospireiro (Diospyros kaki),[2] é unha especie arbórea da familia das Ebenáceas, orixinario de Asia. O seu froito, o caqui ou dióspiro, é unha baga comestíbel de sabor moi doce. É de forma xeralmente arredondada semellante a un tomate, e nalgúns cultivares, algo máis alongado. Non é unha froiteira común en Galiza. Pódese cultivar en todas as rexións subtropicais, incluíndo as Rías Baixas galegas.

Historia[editar | editar a fonte]

Xeralmente dise que o caqui ten a súa orixe no Xapón e mais na China onde se cultiva dende o século VIII. Posteriormente foi introducido nos países occidentais: nos Estados Unidos, a principios do século XIX e en Francia, España e Italia, contra 1870.

Variedades[editar | editar a fonte]

Existen diversas variedades, en función da adstrinxencia, determinada polo seu contido en taninos, os responsábeis da sensación áspera ao padal:

  • Entre as adstrinxentes están: "tomatero", "persimon", "gordo" (variedade autóctona de EUA), "Flaco", "Rojo Brillante" (variedade autóctona de Carlet , provincia de Valencia, "Hachiya", "Tanenashi", "Kushiyama" etc.
  • E entre as non adstrinxentes, que son as de maior consumo, están: "Sharoni" (israelí, aínda que se trate da estadounidense "Triumph" rebautizada), "Fuyu" etc.

Existen multitude de variedades, e cada día aparecen novas como resultado da polinización cruzada, porén, todas elas se agrupan en catro grandes grupos en función da adstrinxencia do froito, denominados CFNA, CFA, VFNA, VFA.

  • Grupo CFNA. Constante á Fecundación Non Adstrinxente (PCNA - Pollination Constant Non Astringent): cultivares con froitos non adstrinxentes durante a colleita, non dependente da presenza de sementes (caqui doce). A carne é clara e normalmente presenta manchas escuras miúdas. Os froitos resultan comestíbeis na árbore aínda que cando non estean completamente maduros, independentemente da fecundación ("Fuyu", "Jiro", "Hana Fuyu","O'Gosho", "Izu" etc.).
  • Grupo VFNA. Variábel á Fecundación Non Adstrinxente (PVNA - Pollination Variant Non Astringent): cultivares con froitos non adstrinxentes se están fecundados. A carne é escura e presenta manchas marróns se o froito ten unha ou dúas sementes. Presenta carne clara e non son comestíbeis directamente da árbore se non foron fecundados, requirindo en tal caso post-maduración ou eliminación da adstrinxencia de xeito artificial (froito brando) ("Kaki Tipo", "Nishimura Wase", "Zenjimaru", "Shogatsu" etc.)
  • Grupo CFA. Constante á Fecundación Adstrinxente (PCA - Pollination Constant Astringent): cultivares con froitos adstrinxentes, independentemente da presenza de sementes. A carne é clara e non presenta manchas marróns. Froitos comestíbeis soamente con sobre-maduración, ou con eliminación da adstrinxencia de xeito artificial ("Hachiya", "Atago", "Yokono" etc.).
  • Grupo VFA. Variábel á Fecundación Adstrinxente (PVA Pollination Variant Astringent): cultivares con froitos adstrinxentes se están fecundados. Non son adstrinxentes arredor das sementes, onde se forma unha zona marrón. O número das sementes non interfire na adstrinxencia da carne ("Aizumishirazu", "Koshu Hyakume" etc.). A este grupo pertencen tamén "Hiratanenashi" e as súas mutacións clonais, aínda que xeralmente non producen sementes aínda despois da polinización.

Propiedades nutritivas[editar | editar a fonte]

Caqui da variedade "Fuyu".
Cultivar "Persimon", sementes soltas.

En canto ao seu valor nutricional, conta con importantes cantidades de hidratos de carbono (frutosa e glicosa), pectina e mucilaxes (fibra solúbel). Ademais, trátase dunha excepcional fonte de provitamina A e vitamina C que tamén aporta potasio, ferro, magnesio e calcio e, en menor cantidade, fósforo e sodio. Beneficia a visión e o crecemento e desenvolvemento dos ósos, é antioxidante e favorece o tránsito intestinal.

Contén hidratos de carbono coma frutosa e glicosa, escasa de graxas e proteínas e ten alto valor calórico a respecto doutras froitas. Rico en vitaminas A e C.

Composición por 100 g de porción comestíbel:

  • Calorías: 65,6 kcal
  • Hidratos de carbono: 16 g
  • Fibra dietética: 1,6 g
  • Potasio: 190 mg
  • Magnesio: 9,5 mg
  • Provitamina A: 158,3 µg
  • Vitamina C: 16 mg
  • Ácido fólico: 7 µg

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Caqui.

Ten unha polpa de sabor moi doce e zumarenta. Os grupos adstrinxentes presentan un sabor adstrinxente se non están moi chegados ou non se lle extraeu a adstrinxencia.

Os caquis pódense comer frescos ou utilizarse na elaboración das sobremesas máis variadas, como por exemplo o xeado.

Eliminación da adstrinxencia[editar | editar a fonte]

Existen tratamentos para eliminar a adstrinxencia dos froitos, un tratamento normal é o mantemento dos froitos apañados antes do amolecemento natural da súa polpa e introducíndoos en cámaras de atmosfera controlada entre 2 e 4 días cunha concentración na atmosfera de 5.000 ppm de etanol, unha humidade relativa do 90% e a unha temperatura de 20 °C.[3]

Un método caseiro para a eliminación da adstrinxencia baseado no mesmo concepto que o anterior é apañar os caquis cando aínda teñen a polpa firme e introducilos nun recipiente pechado onde tamén se introduce algunha bebida alcohólica de alta graduación (augardente, coñac etc.), procurando que non entren en contacto a bebida alcohólica e o froito. Mantense dentro durante dous ou tres días desaparecendo deste xeito a adstrinxencia.[4]

Pódese deste xeito presentar o caqui coa polpa consistente e ser comido simplemente mediante a peladura. Se se deixa madurar naturalmente a polpa amolece e a súa manipulación, transporte e consumo é algo máis dificultoso.

A adstrinxencia tamén pode ser eliminada mediante tratamentos en anhídrido carbónico en cámaras confinadas. Os tratamentos para a eliminación da adstrinxencia veñen combinados con atmosferas frías e a este o preceden períodos curtos frío-calor.

Países produtores[editar | editar a fonte]

En Galicia non se cultiva profesionalmente por mor da falla de horas de sol, malia darse ben nas rías Baixas. En España cultívase principalmente en Castellón, Huelva, Sevilla, Málaga e Granada (especialmente na zona de Zafarraya) e máis que en calquera outro lugar na provincia de Valencia que posúe a Denominación de Orixe (D.O.) "Kaki Ribera del Xúquer". A variedade de caqui autorizada por esta D.O. é a Rojo Brillante enxertada sobre Diospyros lotus. Ten inscritas unhas 1.800 ha de cultivo.[5]

En Italia é moi común na zona de Venecia (Véneto).

Principais produtores de caqui (2011)
(toneladas)
China 3 259 334
Corea do Sur 390.820
Xapón 207.500
Brasil 154.625
Acerbaixán 146.084
Italia Italia 50.236
Uzbekistán 41.000
Israel 29.271
Nova Zelandia Nova Zelandia 2.526
Irán 2.123
Eslovenia Eslovenia 813
Fonte:
Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura
[6]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

  • Diospyros amara Perrier
  • Diospyros bertii André
  • Diospyros chinensis Blume nom. invalid.
  • Diospyros costata Carrière
  • Diospyros kaempferi Naudin
  • Diospyros kaki var. aurantium André
  • Diospyros kaki var. domestica Makino
  • Diospyros kaki var. elliptica André
  • Diospyros kaki var. sahuti André
  • Diospyros kaki var. silvestris Makino
  • Diospyros lycopersicon Carrière
  • Diospyros mazelii E.Morren
  • Diospyros roxburghii Carrière
  • Diospyros schi-tse Bunge
  • Diospyros sinensis Naudin
  • Diospyros sphenophylla Hiern
  • Diospyros trichocarpa R.H.Miao
  • Diospyros wieseneri Carrière
  • Embryopteris kaki (Thunb.) G.Don[7]

Outras especies[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Diospyros.

Do caqui (xénero Diospyros) existen máis de 700 especies que se diferencian entre non adstrinxentes (libre de tanino) e adstrinxentes (con tanino, o que conforma o sabor áspero), o tamaño e sabor están diferenciados en función da variedade que pode ser de cor vermella, alaranxada ou amarela. Entre esas outras especies do xénero cabe mencionar:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Caqui". Portal das Palabras. Consultado o 13 de agosto de 2016. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 26 de febreiro de 2013. 
  3. "Tratamiento para eliminar la astringencia del caqui" (PDF) (en español). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 04 de outubro de 2010. Consultado o 1 de xuño de 2011. 
  4. "Obtener persimón casero" (html) (en español). Consultado o 1 de xuño de 2011. 
  5. "Información pública de la solicitud de modificación del pliego de condiciones de la denominación de origen protegida Kaki Ribera del Xúquer" (pdf). Diari oficial de la Comunitat Valenciana (en español) (6299): 26 029. 29 de junio de 2010. Consultado o 1 de xuño de 2011. 
  6. Food and Agriculture Organization of the United Nations
  7. The Plant List

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]