André
André[1] é un nome de varón da onomástica galega e portuguesa de orixe grega. Deriva do termo ανήρ (anēr), xenitivo ανδρός (andrós), que indica o home como oposto da muller (mentres que home na súa acepción de humano é άνθρωπος, ánthropos, ανθρώπου, anthrópou); ανήρ pode estar ligado coa raíz indoeuropea ner que significa home, forza vital.[2] Pode entenderse o seu significado coma home forte, viril e bravo, e malia a etimoloxía e significado, en galego úsase Andrea (ás veces Andreia) coma forma feminina do nome.
André tamén é un apelido galego e francés. Nun documento galego de 1321 xa se nomeaba un Martin André e un Johan Andres.[Cómpre referencia]
O nome en Galiza
[editar | editar a fonte]O nome de André foi moi común en Galiza, infinidade de parroquias teñen a Santo André como padroeiro, e até 10 levan incluído no nome da aldea Santo André (ás veces pronunciado santandré).
A forma galega do nome, André, coincidente coa portuguesa e a francesa, foi desprazada en gran parte pola castelá Andrés, con todo nos últimos anos estase a recuperar a forma propia en nenos.
En xaneiro de 2016 632 varóns levan o nome de André en Galiza. En España 1 722 (en parte pola coincidencia co nome francés), sendo con todo, Pontevedra a provincia de España con maior porcentaxe do nome, seguida de Ourense.[3] A variante castelá Andrés lévana como nome en Galiza 7 472 varóns (no total de España 118 951 homes). O feminino, Andrea, corresponde a 8 441 mulleres galegas, polo que é moi abondoso en Galiza, sendo a provincia de Pontevedra a de maior porcentaxe en toda España. A variante Andreia lévana 63 mulleres galegas, é tamén en Galiza onde se dan as maiores porcentaxes de toda España.
O apelido André aparece nas catro provincias galegas, cun total de 429 persoas, sendo máis frecuente en Pontevedra e especialmente en Ourense, cunha porcentaxe de 0,23, a maior de toda España[4].
Santoral
[editar | editar a fonte]30 de novembro: Santo André, apóstolo de Xesús Cristo.
Variantes galegas
[editar | editar a fonte]- Feminino: Andrea, ás veces coa variante arcaica Andreia.
- Hipocorísticos: Necho, Nes.
- Diminutivos: Andresiño e Andy (forma proveniente do inglés).
Variantes noutras linguas
[editar | editar a fonte]Variantes noutras linguas | |
---|---|
Albanés | Ndreu |
Alemán | Andreas |
Etíope | Andreyas |
Árabe | أندراوس (Andraous) |
Armenio | Andreas |
Asturiano | Andrés, Andresu |
Bretón | Andreo |
Búlgaro | Андрей (Andrej) |
Catalán | Andreu |
Checo | Ondřej, Andrej |
Corso | Andria |
Croata | Andrija, Andreas |
Dinamarqués | Andreas |
Eslovaco | Ondrej, Andrej |
Esloveno | Andrej |
Español | Andrés |
Esperanto | Andreo |
Estoniano | Andreas |
Éuscaro | Ander |
Finés | Andreas |
Francés | André |
Gaélico escocés | Anndrais |
Galés | Andrés |
Galego | André |
Grego | Ανδρέας (Andréas) |
Hebraico | אנדראס (Andras) |
Neerlandés | Andreas |
Húngaro | András |
Inglés | Andrew |
Irlandés | Aindriú |
Islandés | Andreas |
Italiano | Andrea |
Latín | Andreas |
Letón | Andrejs |
Lituano | Andrejus |
Maltés | Andrija |
Noruegués | Andreas |
Occitano | Andrièu |
Polonés | Andrzej |
Portugués | André |
Romanés | Andrei |
Ruso | Андрей (Andrej) |
Sardo | Andrìa |
Serbio | Андреј (Andrej) |
Sueco | Andreas |
Ucraíno | Андрій (Andriy) |
Xaponés | アンドレス (Andoresu) |
Xeorxiano | ანდრია (Andria) |
Historia
[editar | editar a fonte]A forma na que coñecemos o nome André, en grego é Andreas, que atopamos xa nunha das historias de Heródoto. É, polo tanto, un nome que en tempos de Xesús levaba xa a usarse máis de 500 anos, como o de Filipe ("aquel que ama os cabalos"), o outro discípulo con nome grego. É da familia léxica de "anhr" (anér), que significa "home valoroso" ou "viril", e de andreia (andréia), que significa "valentía" pola súa proximidade aos valores masculinos.
As orixes deste nome remóntanse á antiga Grecia, onde os loiadores calificaban de "andré" aos gañadores. Entendendo así por este termo un cualificativo cunha carga emotiva importante, razón pola que levar a cabo unha revolución uníndose varios "andrés" e agrupándose baixo o pseudónimo de 'Andreanos', cuxo berro de guerra característico ao comezaren cada batalla era "Andreano a morrer!"
Santo André
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: André Apóstolo.
Segundo a tradición cristiá Santo André é un dos doce apóstolos de Xesús, cuxo nome figura nas enumeracións que os catro Evanxeos fan dos apóstolos. Era irmán de Pedro, o primeiro dos apóstolos, ao que Xesús encomendaría a misión de rexer a Igrexa.
De acordo con dita tradición, procedía de Betsaida e era un modesto pescador no lago de Xenezaret. Moraba en Cafarnaum, par de Pedro e maila dona deste. Escoitaba con interese as predicacións de Xoán o Bautista, cando este anunciou aos que acodían a se bautizar, que el non era ninguén, que non era digno nin de desagulletar as fitas das sandalias de Xesús. Encarreirouse, logo, cara a el. André escoitou a Xesús durante horas e quedou conturbvdo. Contoullo a seu irmán Pedro e conduciuno até Xesús. Un día atopounos aos dous a pescar e díxolles: "Seguídeme, que eu vos farei pescadores de homes". E dende aquela rexeitaron canto tiñan e se dedicaron a axudar a Xesús na súa misión evanxelizadora.
Trala morte de Xesús, logo de ter evanxelizado André os escitas e os colonos gregos de Heraclea, Sinop e Trebisonda, tornou a Xerusalén, onde sufriu martirio nunha cruz en forma de aspa, que pasaría a se chamar a "Cruz de Santo André". Isto tería ocorrido polo ano 95 da nosa era, e o seu corpo foi trasladado a Constantinopla o ano 357.
Etnografía galega
[editar | editar a fonte]- Por Santo André, toma o porco polo pé[5].
Toponimia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Santo André.
O nome de Santo André proliferou extraordinariamente na xeografía. En Galiza é un topónimo frecuente, levándoo 10 parroquias e 18 lugares ou aldeas como nome, ademais de ser patrón de moitas outras. Un dos santuarios desta advocación máis famoso é o de Santo André de Teixido, no concello coruñés de Cedeira, onde se mesturan lendas cristiás e pagás.
Personaxes célebres
[editar | editar a fonte]Santos
[editar | editar a fonte]- André Apóstolo, un dos doce apóstolos;
- André de Fiesole, relixioso irlandés e bispo de Fiesole (século IX);
- André Corsini, bispo de Fiesole (1302 - 1377), venerado o 4 de febreiro;
- André Corsini, carmelita e bispo italiano (1521 - 1608);
- André Bobola, xesuíta polaco (1591 - 1657), festexado o 16 de maio;
- André Kim Taegon, primeiro presbítero coreano, mártir (1821 - 1846), festexado o 20 de setembro;
- André Avelino, sacerdote do século XVI.
Reis
[editar | editar a fonte]Hungría | André I, rei de Hungría (1047-1061). André II, rei de Hungría e de Croacia (1205-1235). André III, rei de Hungría (1290-1301). |
Nápoles | André I, rei de Nápoles e conde da Provenza (1343-1345). |
Rusia | Tsares de Rusia André I Bogolyubsky, primeiro Gran Príncipe de Vladimir (1168-1174). André II, oitavo Gran Príncipe de Vladimir (1249-1252). André III, décimo terceiro Gran Príncipe de Vladimir (1294 - 1304). |
Outras personalidades
[editar | editar a fonte]Galegos
[editar | editar a fonte]- André de Iria, (século VI), primeiro bispo galego da diocese de Iria documentado.
- André Pena Graña, Ferrol, 1955, é un historiador contemporáneo galego especializado en investigacións sobre a cultura céltica.
- Eloy Luís André, Verín, 1878, foi un filósofo e psicólogo galego.
Outras personalidades
[editar | editar a fonte]- Nomes en diferentes linguas: André, Andrés, Andreu, Andrew, Andrei...
- Andrés Aberasturi, escritor e xornalista español.
- Andre Agassi, ex xogador de tenis estadounidense.
- Andrés Aguilera, piloto e esquiador español.
- Andreu Aleu, escultor catalán.
- Andreu Alfaro, escultor valenciano.
- André Marie Ampère, matemático e físico francés.
- André André futbolista portugués.
- Andrei Arshavin, futbolista ruso.
- Andrea Bargnani, xogador de baloncesto italiano.
- André Bellessort, poeta e novelista francés.
- Andrés Bello, poeta, filólogo, educador, xurista venezolano e primeiro reitor da Universidade de Chile.
- Andrés Eloy Blanco, avogado, escritor, humorista, poeta e político venezolano.
- Andrea Bocelli, cantante italiano.
- André Breton, escritor francés.
- André Brink, escritor surafricano.
- Andreu Buenafuente, humorista, presentador e produtor catalán.
- Andrés Avelino Cáceres, tres veces Presidente do Perú no século XIX.
- Andrés Caicedo, escritor colombiano.
- Andrew Carnegie, industrial, empresario e filántropo estadounidense.
- André Chénier, poeta francés.
- André Citroën, enxeñeiro francés.
- André da Silva Gomes, compositor clásico portugués.
- André Derain, pintor e ilustrador francés.
- André Gaboriaud, tirador de esgrima francés.
- Andy García, actor e produtor de cinema cubano-estadounidense.
- André Gide, escritor francés.
- André Greipel, ciclista alemán.
- Andrei Gromyko, economista, diplomático, político e chanceler soviético.
- Andreas Gryphius, poeta e dramaturgo barroco alemán.
- Andrew Fielding Huxley, fisiólogo e biofísico británico, Premio Nobel de medicina en 1963.
- Andrés Iniesta, futbolista español.
- Andrew Jackson, sétimo Presidente dos Estados Unidos.
- Andrew Johnson, décimo sétimo Presidente dos Estados Unidos.
- Andrija Kačić Miošić, poeta e freire franciscano croata.
- André Kertész, fotógrafo húngaro.
- André Kolingba, presidente da República Centroafricana.
- Andréi Kolmogórov, matemático ruso.
- Andrzej Kuśniewicz, escritor, ensaísta e poeta polonés.
- André Le Nôtre, xardineiro francés.
- André Leroi-Gourhan, etnólogo francés.
- Andrew Lloyd Webber, compositor británico.
- Andrés Manuel López Obrador, político mexicano.
- André Maginot, político francés.
- André Malraux, novelista, aventureiro e político francés.
- André Martinet, lingüista francés.
- André Martins, xogador de fútbol portugués.
- André Masséna, militar francés.
- André Maurois, novelista e ensaísta francés.
- Andreas Metaxas, político grego.
- André Michaux, botánico, briólogo e explorador francés.
- André Michel Lwoff, microbiólogo francés .
- Andy Murray, tenista escocés.
- Andrés Nin, político español.
- Andrés Pajares, actor, director, guionista e cómico de cinema, teatro e televisión español.
- Andrzej Panufnik, compositor, pianista, director e pedagogo polonés.
- Andreas Papandreu, economista e político grego.
- Andrés Pastrana Arango, político colombiano, presidente de Colombia entre 1998 e 2002.
- André Pichot, científico francés , investigador en epistemoloxía e historia da ciencia.
- Andrea Pirlo, futbolista italiano.
- Andréi Platónov, escritor ruso.
- André Rieu, director de orquestra e violinista holandés.
- Andy Roddick, tenista estadounidense.
- Andrei Rublev, relixioso e pintor ruso.
- Andrei Sakharov, físico nuclear ruso.
- Andreu Sala, escultor barroco catalán.
- Andrés de Santa Cruz, militar e político boliviano, foi Presidente do Perú (1827), Presidente de Bolivia (1829-1839) e Supremo Protector da Confederación Perú-Boliviana (1836-1839).
- André Santos, futbolista portugués.
- Andrés Segovia, guitarrista clásico español.
- Andriy Shevchenko, futbolista ucraíno.
- André Soares, arquitecto portugués.
- András Szőllősy, compositor e musicólogo húngaro.
- Andrei Tarkovskii, director de cinema, actor e escritor ruso.
- Andrei Túpolev, deseñador e construtor aeronáutico ruso.
- Andrés de Urdaneta, militar, cosmógrafo, mariño, explorador e relixioso agustiño español.
- Andrés de Vandelvira, arquitecto renacentista español.
- André Vesalio, anatomista flamengo.
- André Villas-Boas, adestrador de fútbol portugués .
- Andrei Vyshinski, xurista e diplomático ruso.
- Andrzej Wajda, director de cinema polonés.
- Andrew Warhola, (Andy Warhol), artista visual.
- Andrés Wiese, actor e modelo peruano.
- Andrés Zaldívar, político chileno.
- Andrei Zhdánov, político soviético.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome galego en Diccionario galego-castelán, Terceira Edizón, Leandro Carré Alvarellos (1951), A Coruña, Roel
- ↑ Diccionario griego clásico online Arquivado 23 de outubro de 2013 en Wayback Machine., Instituto Lingüístico de la Universidad de Texas.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística - http://www.ine.es/tnombres/formGeneralresult.do?L=0&vista=1&orig=ine&cmb4=99&cmb6=Andr%E9&cmb7=1&x=12&y=9
- ↑ http://www.ine.es/apellidos/formGeneralresult.do?L=0&vista=1&orig=ine&cmb3=99&cmb6=Andr%E9&x=11&y=9
- ↑ Literatura popular de Galicia, 1881, Juan Antonio Saco y Arce. Ed. De J. L. Saco, Ourense
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Santo André homónimos.
- André Apóstolo
- Cruz de Santo André (sautor)
- Andrea, en galego úsase coma feminino. En italiano e albanés corresponde con André.