Saltar ao contido

Zifio de Cuvier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ziphius cavirostris»)
Zifio de Cuvier
Ziphius cavirostris

Tamaño en comparación co home
Tamaño en comparación co home

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Ziphioidea
Familia: Ziphiidae
Xénero: Ziphius
Especie: Z. cavirostris
Nome binomial
Ziphius cavirostris
Cuvier, 1823 [2]

O zifio de Cuvier,[3] ou cifio de Cuvier,[4] Ziphius cavirostris, é unha especie de cetáceo odontoceto da superfamilia dos zifioideos, familia dos zifíidos, unha das dúas especies viventes da subfamilia dos zifiinos, e único representante do xénero Ziphius.[5][6][7]

É o zifio de maior distribución coñecida. O seu estudo moderno iniciouno en 1823 Georges Cuvier a partir dun cranio encontrado anos antes nas costas de Francia.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1823 polo naturalista francés Georges Cuvier na súa obra Recherches sur les ossements fossiles. Nouv. éd., 5 (1): 1-352.[7][8]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]
Xénero

O nome científico Ziphius foi cuñado por Georges Cuvier, que parece que o derivou dunha adaptación do grego antigo ξίφος xíphos "espada", en alusión ao estreito bico destes animais.[9]

Especie

O epíteto específico, cavirostris, así mesmo debido a Cuvier, está formado polos elementos do latín científico cavi-, da raíz do adxectivo latino cavus, -a, -um, "oco", "baleiro", e -rostris, do latín rostrum, -i, "fociño", "bico",[10] aludindo ao seu bico oco (no melón).

Sinonimia

[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo, ademais do nome que lle deu Cuvier, e que é o actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos numerosísimos sinónimos seguintes:[11]

  • Aliama desmarestii Gray, 1864
  • Aliama indica Gray, 1865
  • Delphinorhynchus australis Burmeister, 1865
  • Delphinus desmaresti Risso, 1826
  • Delphinus philippii Cocco, 1846
  • Epiodon australe Burmeister, 1867
  • Epiodon australis Gray, 1871
  • Epiodon chathamiensis Hector, 1873
  • Epiodon cryptodon Gray, 1870
  • Epiodon desmarestii Carus, 1893
  • Epiodon heraultii Gray, 1872
  • Epiodon patachonicum Burmeister, 1867
  • Hyperodon semijunctus Cope, 1865
  • Hyperondon semijunctus Hall & Kelson, 1959
  • Hyperoodon capensis Gray, 1865
  • Hyperoodon desmarestii Gray, 1850
  • Hyperoodon doumetii Gray, 1850
  • Hyperoodon gervaisii Duvernoy, 1851
  • Petrorhynchus capensis Gray, 1865
  • Petrorhynchus indicus Gray, 1865
  • Petrorhynchus mediterraneus Gray, 1871
  • Ziphiorrhynchus cryptodon Burmeister, 1865
  • Ziphius aresques Gray, 1871
  • Ziphius australis Trouessart, 1904
  • Ziphius cavirostris indicus Deraniyagala, 1945
  • Ziphius chatamensis Lahille, 1899
  • Ziphius chathamensis Flower, 1885
  • Ziphius chathamiensis Iredale & Troughton, 1934
  • Ziphius cryptodon Fischer, 1857
  • Ziphius decavirostris Gray, 1871
  • Ziphius grebnitzkii Stejneger, 1883
  • Ziphius indicus Van Beneden, 1863
  • Ziphius novaezealandiae Haast, 1876
  • Ziphius savii Richiardi, 1873
  • Zyphius chathamensis Moreno, 1895

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características que permiten distinguir o zifio de Cuvier doutras especies de cetáceos semellantes son as seguintes:[12][13][14]

Zifio de Cuvier. Museo de Xenebra.
Esqueleto dun exemplar de zifio de Cuvier conservado no Museo de Xenebra.
  • Corpo longo e robusto, de tamaño medio entre os cetáceos, cunha lonxitude media comprendida entre os 5,5 e os 6,5 m e pesos entre as 2,6 e as 7 t; as femias son lixeiramente máis grandes, cun tamaño máximo observado de 7 m.[15] As crías miden unha media de 2,1 m ao naceren.[16] Calcúlase que pode chegar a vivir uns 40 anos.
  • A cabeza, relativamente pequena, presenta unha curvatura frontal pouco convexa entre o fociño, cun bico curto, en comparación con outros zifios, e o espiráculo, en forma de croissant, coa concavidade enterior, sitúase entre 1/8 e 1/10 da lonxitude total da cabeza; este carácter diferénciao dos hiperoodontinos (a outra das dúas subfamilias en que se divide a familia dos zifíidos), que teñen o espiráculo bastante máis lonxe cara a atrás. Detrás do espiráculo presenta unha pequena fendedura. E, debaixo da garganta, hai dous sucos formando unha "V" coas ramas non xuntas, sensibelmente paralelas ás da mandíbula inferior.
  • A boca ten a mandíbula inferior proxectada cara a adiante máis que a superior, e presenta no ápice un único par de dentes, os únicos do animal, de aparencia piriforme e que miden de 7 a 8 cm de lonxitude e uns 4 cm de diámetro, pero a parte superior, cónica, non sobresae da enxiva, nos machos, máis de 2,5 a 3 cm; os das femias son máis delgados, e é raro que a súa punta sexa visíbel por riba da enxiva.
  • A aleta dorsal é de pequeno tamaño e forma triangular, co bordo posterior que pode ser cóncavo (aleta falciforme), ou non, e está situada atrasada, ao principio do terzo posterior do corpo. As aletas pectorais son curtas, de forma lanceolada e cor variábel (desde a parda clara á branca, pasando por varias tonalidades de cor crema intermedias). A aleta caudal, bastante ancha, non adoita ter escotadura central e, cando a presenta, é lixeira; os seus bordos posteriores son cóncavos.
  • A coloración xeral do corpo, suxeita a variacións individuais, varía entre a parda escura, parda torrada e clara, ou crema, a unha gris azulada ou negra purpúrea (que pode verse avermellada cando se ve á luz forte do sol). O bico, a fronte, o melón e o mento son de cor branca crema ou totalmente branca. Nos machos vellos, a parte superior do corpo pode ser case branca diante da aleta dorsal. Todo o corpo presenta manchas e cicatrices circulares de cor crema, sobre todo na parte inferior e nos flancos.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Ziphius cavirostris é unha especie que habita en augas temperadas dos océanos e mares de todo o mundo, desde os trópicos até ás rexións polares, entre os 90° N e os 90° S, e entre os 180° W e os 180° E.[15]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Distribución do zifio de Cuvier.

A distribución do zifio de Cuvier coñécese sobre todo en base ao gran número de varamentos, e a algunhas observacións. Parece ser un dos zifios de distribución máis cosmopolita, cun ámbito moi extenso nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, encontrándose individuos desde as illas Shetland a máis de 60º N até o arquipélago da Tierra do Fogo, a 55º S, non estando presentes, por tanto, tan só nas augas polares de ambos os hemisferios.[12][13]

Encóntrase en torno a moitas illas oceánicas, e son bastante comúns en mares pechados, como o Mediterráneo ou o do Xapón. Reside todo o ano en augas de Hawai e outras zonas, e non se coñecen migracións.[13]

Nas costas europeas as poboacións máis importantes están no golfo de Biscaia e na conca occidental do Mediterráneo (costas de España, Francia e Italia, pero sinaláronse algúns varamentos en Grecia).
Non se viu no canal da Mancha, e só penetra excepcionalmente no mar do Norte. Raros animais erráticos foron observados nas costas de Suecia e no mar Báltico.[12] A súa presenza en augas próximas a Galicia é pouco frecuente.[14]

Poucas veces se acerca á costa, excepto en canóns submarinos ou en zonas onde a plataforma continental é estreita e as augas costeiras son profundas.[13]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

O zifio de Cuvier é unha especie peláxica, gregaria, oceanódromo, que nada a profundidades entre os 0 e os 8 000 m, usualmente entre os 1 000 e os 4 000 m,[15] que se despraza en pequenos grupos de até 25 individuos. Polo xeral evita os barcos, pero ás veces é curioso e amigábel, sobre todo en Hawai. Algúns animais puidéronse observar no momento de saltar por completo fóra da auga, cousa que parece pouco frecuente; no salto sae da auga case verticalmente, e cae cara a atrás de forma torpe.[12][13]

O sopro respiratorio está dirixido lixeiramente cara a diante e á esquerda, pero é baixo e pouco conspicuo; pode verse mellor tras unha inmersión longa.[13] Na inmersión profunda, arquéase e saca a aleta cuadal por riba da auga para mergullarse verticalmente.[12] As inmersións adoitan duraren entre 20 e 40 min, seguramente con de 2 a 3 sopros cada 10 ou 20 seg.[13] A profundidade alcanzada nos seus mergullos parece ser da orde dos 300 m (información obtida a partir das especies encontradas nos contidos estomacais), e a duración da inmersión pode durar até 30 min.[12]

Parece dar tombos na auga, e pode asomar a cabeza cando nada velozmente, e coa aleta dorsal visíbel.[13]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Pouco é o que se sabe da vida do zifio de Cuvier. A madurez sexual alcánzase, en ambos os sexos, cando chegan medir 5,5 m. Non se coñece ningún dato sobre a época do emparellamento nin da duración da xestación,[14] pero o período de nacementos parece ser, no golfo de Biscaia, en primavera. As crías miden, ao naceren, de 2 a 3 m.[12]

O seu réxime alimenticio componse fundamentalmente de cefalópodos de augas profundas,[12] pero tamén pode comer pequenos peixes e algúns crustáceos.[15]

Relación cos humanos

[editar | editar a fonte]

Cada ano, uns 20 individuos son capturados por baleeiros xaponeses. Este é un número relativamente pequeno e non son cazados regularmente.[17]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

En 2008 a UICN catalogou o estado do zifio de Cuvier na súa Lista vermella como puco preocupante (LC). Aínda que non se dispón de estimacións globais sobre a poboación total deste cetáceo, considérase que non é inferior aos 100 000 individuos.[1]

A especie ten unha área de distribución moi ampla, e as principais ameazas son os altos niveis de ruídos causado polos humanos, en especial os sonares militares, e as capturas accidentais. A combinación da súa ampla distribución e da súa abundancia relativa, é suficiente para que non ocorra unha diminución global maior do 30 % en tres xeracións.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Taylor, B. L.; Baird, R.; Barlow, J.; Dawson, S. M.; Ford, J.; Mead, J. G.; Notarbartolo di Sciara, G.; Wade, P. & Pitman, R. L. (2008):Ziphius cavirostris na Lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 20-08-2016.
  2. Zphius cavirostris en MSW.
  3. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000), p. 314.
  4. Guía dos mamíferos de Galicia, Juan Ignacio Díaz d'a Silva, Yosy Cartelle Serantes, Baía Edicións, 2007.
  5. Taylor, B. L.; Baird, R.; Barlow, J.; Dawson, S. M.; Ford, J.; Mead, J. G.; Notarbartolo di Sciara, G.; Wade, P. & Pitman, R. L. (2008): Taxon Ziphius na Lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 20-08-2016.
  6. Ziphius Cuvier, 1823 no WoRMS.
  7. 7,0 7,1 Ziphius en MSW.
  8. Ziphius cavirostris Cuvier 1824 Arquivado 14 de xuño de 2015 en Wayback Machine. en Fossilworks.
  9. Ziphius no Merriam-Webster's Unabridged Ditionary.
  10. cavirostris en engyes.com
  11. Ziphius cavirostris Cuvier, 1823 no WoRMS.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Dupuy e Robineau (1987), pp. 152-153.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 13,7 Carwardine, M. (1995), pp. 142-143.
  14. 14,0 14,1 14,2 Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007), p. 128.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Ziphius cavirostris Cuvier, 1823 en SeaLifeBase.
  16. Ziphius cavirostris na ADW. Consultada o 20-8-2016.
  17. Watson, Lyall (1981): Sea Guide to Whales of the World. London: Hutchinson and Co. ISBN 978-0-09-146600-8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]