Saltar ao contido

Zifio de Cuvier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zifio de Cuvier
 Nome taxon
    Ziphius cavirostris
Georges Cuvier 1823 Editar o valor en Wikidata
 Nome curto
    Z. cavirostris (mul) Editar o valor en Wikidata
Diagrama de tamaño
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseMammalia
OrdeArtiodactyla
FamiliaZiphiidae
XéneroZiphius
EspecieZiphius cavirostris Editar o valor en Wikidata
Cuvier, 1823 Ziphius cavirostris Editar o valor en Wikidata
Localización
 Área de distribución
 Mapas
Distribución
Wikidata C:Commons

O zifio de Cuvier,[1] ou cifio de Cuvier,[2] Ziphius cavirostris, é unha especie de cetáceo odontoceto da superfamilia dos zifioideos, familia dos zifíidos, unha das dúas especies viventes da subfamilia dos zifiinos, e único representante do xénero Ziphius.[3][4][5]

É o zifio de maior distribución coñecida. O seu estudo moderno iniciouno en 1823 Georges Cuvier a partir dun cranio encontrado anos antes nas costas de Francia.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1823 polo naturalista francés Georges Cuvier na súa obra Recherches sur les ossements fossiles. Nouv. éd., 5 (1): 1-352.[5][6]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]
Xénero

O nome científico Ziphius foi cuñado por Georges Cuvier, que parece que o derivou dunha adaptación do grego antigo ξίφος xíphos "espada", en alusión ao estreito bico destes animais.[7]

Especie

O epíteto específico, cavirostris, así mesmo debido a Cuvier, está formado polos elementos do latín científico cavi-, da raíz do adxectivo latino cavus, -a, -um, "oco", "baleiro", e -rostris, do latín rostrum, -i, "fociño", "bico",[8] aludindo ao seu bico oco (no melón).

Sinonimia

[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo, ademais do nome que lle deu Cuvier, e que é o actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos numerosísimos sinónimos seguintes:[9]

  • Aliama desmarestii Gray, 1864
  • Aliama indica Gray, 1865
  • Delphinorhynchus australis Burmeister, 1865
  • Delphinus desmaresti Risso, 1826
  • Delphinus philippii Cocco, 1846
  • Epiodon australe Burmeister, 1867
  • Epiodon australis Gray, 1871
  • Epiodon chathamiensis Hector, 1873
  • Epiodon cryptodon Gray, 1870
  • Epiodon desmarestii Carus, 1893
  • Epiodon heraultii Gray, 1872
  • Epiodon patachonicum Burmeister, 1867
  • Hyperodon semijunctus Cope, 1865
  • Hyperondon semijunctus Hall & Kelson, 1959
  • Hyperoodon capensis Gray, 1865
  • Hyperoodon desmarestii Gray, 1850
  • Hyperoodon doumetii Gray, 1850
  • Hyperoodon gervaisii Duvernoy, 1851
  • Petrorhynchus capensis Gray, 1865
  • Petrorhynchus indicus Gray, 1865
  • Petrorhynchus mediterraneus Gray, 1871
  • Ziphiorrhynchus cryptodon Burmeister, 1865
  • Ziphius aresques Gray, 1871
  • Ziphius australis Trouessart, 1904
  • Ziphius cavirostris indicus Deraniyagala, 1945
  • Ziphius chatamensis Lahille, 1899
  • Ziphius chathamensis Flower, 1885
  • Ziphius chathamiensis Iredale & Troughton, 1934
  • Ziphius cryptodon Fischer, 1857
  • Ziphius decavirostris Gray, 1871
  • Ziphius grebnitzkii Stejneger, 1883
  • Ziphius indicus Van Beneden, 1863
  • Ziphius novaezealandiae Haast, 1876
  • Ziphius savii Richiardi, 1873
  • Zyphius chathamensis Moreno, 1895

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características que permiten distinguir o zifio de Cuvier doutras especies de cetáceos semellantes son as seguintes:[10][11][12]

Zifio de Cuvier. Museo de Xenebra.
Esqueleto dun exemplar de zifio de Cuvier conservado no Museo de Xenebra.
  • Corpo longo e robusto, de tamaño medio entre os cetáceos, cunha lonxitude media comprendida entre os 5,5 e os 6,5 m e pesos entre as 2,6 e as 7 t; as femias son lixeiramente máis grandes, cun tamaño máximo observado de 7 m.[13] As crías miden unha media de 2,1 m ao naceren.[14] Calcúlase que pode chegar a vivir uns 40 anos.
  • A cabeza, relativamente pequena, presenta unha curvatura frontal pouco convexa entre o fociño, cun bico curto, en comparación con outros zifios, e o espiráculo, en forma de croissant, coa concavidade enterior, sitúase entre 1/8 e 1/10 da lonxitude total da cabeza; este carácter diferénciao dos hiperoodontinos (a outra das dúas subfamilias en que se divide a familia dos zifíidos), que teñen o espiráculo bastante máis lonxe cara a atrás. Detrás do espiráculo presenta unha pequena fendedura. E, debaixo da garganta, hai dous sucos formando unha "V" coas ramas non xuntas, sensibelmente paralelas ás da mandíbula inferior.
  • A boca ten a mandíbula inferior proxectada cara a adiante máis que a superior, e presenta no ápice un único par de dentes, os únicos do animal, de aparencia piriforme e que miden de 7 a 8 cm de lonxitude e uns 4 cm de diámetro, pero a parte superior, cónica, non sobresae da enxiva, nos machos, máis de 2,5 a 3 cm; os das femias son máis delgados, e é raro que a súa punta sexa visíbel por riba da enxiva.
  • A aleta dorsal é de pequeno tamaño e forma triangular, co bordo posterior que pode ser cóncavo (aleta falciforme), ou non, e está situada atrasada, ao principio do terzo posterior do corpo. As aletas pectorais son curtas, de forma lanceolada e cor variábel (desde a parda clara á branca, pasando por varias tonalidades de cor crema intermedias). A aleta caudal, bastante ancha, non adoita ter escotadura central e, cando a presenta, é lixeira; os seus bordos posteriores son cóncavos.
  • A coloración xeral do corpo, suxeita a variacións individuais, varía entre a parda escura, parda torrada e clara, ou crema, a unha gris azulada ou negra purpúrea (que pode verse avermellada cando se ve á luz forte do sol). O bico, a fronte, o melón e o mento son de cor branca crema ou totalmente branca. Nos machos vellos, a parte superior do corpo pode ser case branca diante da aleta dorsal. Todo o corpo presenta manchas e cicatrices circulares de cor crema, sobre todo na parte inferior e nos flancos.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Ziphius cavirostris é unha especie que habita en augas temperadas dos océanos e mares de todo o mundo, desde os trópicos até ás rexións polares, entre os 90° N e os 90° S, e entre os 180° W e os 180° E.[13]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Distribución do zifio de Cuvier.

A distribución do zifio de Cuvier coñécese sobre todo en base ao gran número de varamentos, e a algunhas observacións. Parece ser un dos zifios de distribución máis cosmopolita, cun ámbito moi extenso nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, encontrándose individuos desde as illas Shetland a máis de 60º N até o arquipélago da Tierra do Fogo, a 55º S, non estando presentes, por tanto, tan só nas augas polares de ambos os hemisferios.[10][11]

Encóntrase en torno a moitas illas oceánicas, e son bastante comúns en mares pechados, como o Mediterráneo ou o do Xapón. Reside todo o ano en augas de Hawai e outras zonas, e non se coñecen migracións.[11]

Nas costas europeas as poboacións máis importantes están no golfo de Biscaia e na conca occidental do Mediterráneo (costas de España, Francia e Italia, pero sinaláronse algúns varamentos en Grecia).
Non se viu no canal da Mancha, e só penetra excepcionalmente no mar do Norte. Raros animais erráticos foron observados nas costas de Suecia e no mar Báltico.[10] A súa presenza en augas próximas a Galicia é pouco frecuente.[12]

Poucas veces se acerca á costa, excepto en canóns submarinos ou en zonas onde a plataforma continental é estreita e as augas costeiras son profundas.[11]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

O zifio de Cuvier é unha especie peláxica, gregaria, oceanódromo, que nada a profundidades entre os 0 e os 8 000 m, usualmente entre os 1 000 e os 4 000 m,[13] que se despraza en pequenos grupos de até 25 individuos. Polo xeral evita os barcos, pero ás veces é curioso e amigábel, sobre todo en Hawai. Algúns animais puidéronse observar no momento de saltar por completo fóra da auga, cousa que parece pouco frecuente; no salto sae da auga case verticalmente, e cae cara a atrás de forma torpe.[10][11]

O sopro respiratorio está dirixido lixeiramente cara a diante e á esquerda, pero é baixo e pouco conspicuo; pode verse mellor tras unha inmersión longa.[11] Na inmersión profunda, arquéase e saca a aleta cuadal por riba da auga para mergullarse verticalmente.[10] As inmersións adoitan duraren entre 20 e 40 min, seguramente con de 2 a 3 sopros cada 10 ou 20 seg.[11] A profundidade alcanzada nos seus mergullos parece ser da orde dos 300 m (información obtida a partir das especies encontradas nos contidos estomacais), e a duración da inmersión pode durar até 30 min.[10]

Parece dar tombos na auga, e pode asomar a cabeza cando nada velozmente, e coa aleta dorsal visíbel.[11]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Pouco é o que se sabe da vida do zifio de Cuvier. A madurez sexual alcánzase, en ambos os sexos, cando chegan medir 5,5 m. Non se coñece ningún dato sobre a época do emparellamento nin da duración da xestación,[12] pero o período de nacementos parece ser, no golfo de Biscaia, en primavera. As crías miden, ao naceren, de 2 a 3 m.[10]

O seu réxime alimenticio componse fundamentalmente de cefalópodos de augas profundas,[10] pero tamén pode comer pequenos peixes e algúns crustáceos.[13]

Relación cos humanos

[editar | editar a fonte]

Cada ano, uns 20 individuos son capturados por baleeiros xaponeses. Este é un número relativamente pequeno e non son cazados regularmente.[15]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

En 2008 a UICN catalogou o estado do zifio de Cuvier na súa Lista vermella como puco preocupante (LC). Aínda que non se dispón de estimacións globais sobre a poboación total deste cetáceo, considérase que non é inferior aos 100 000 individuos.[16]

A especie ten unha área de distribución moi ampla, e as principais ameazas son os altos niveis de ruídos causado polos humanos, en especial os sonares militares, e as capturas accidentais. A combinación da súa ampla distribución e da súa abundancia relativa, é suficiente para que non ocorra unha diminución global maior do 30 % en tres xeracións.[16]

  1. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000), p. 314.
  2. Guía dos mamíferos de Galicia, Juan Ignacio Díaz d'a Silva, Yosy Cartelle Serantes, Baía Edicións, 2007.
  3. Taylor, B. L.; Baird, R.; Barlow, J.; Dawson, S. M.; Ford, J.; Mead, J. G.; Notarbartolo di Sciara, G.; Wade, P. & Pitman, R. L. (2008): Taxon Ziphius na Lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 20-08-2016.
  4. Ziphius Cuvier, 1823 no WoRMS.
  5. 1 2 Ziphius en MSW.
  6. Ziphius cavirostris Cuvier 1824 Arquivado 14 de xuño de 2015 en Wayback Machine. en Fossilworks.
  7. Ziphius no Merriam-Webster's Unabridged Ditionary.
  8. cavirostris en engyes.com
  9. Ziphius cavirostris Cuvier, 1823 no WoRMS.
  10. 1 2 3 4 5 6 7 8 Dupuy e Robineau (1987), pp. 152-153.
  11. 1 2 3 4 5 6 7 8 Carwardine, M. (1995), pp. 142-143.
  12. 1 2 3 Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007), p. 128.
  13. 1 2 3 4 Ziphius cavirostris Cuvier, 1823 en SeaLifeBase.
  14. Ziphius cavirostris na ADW. Consultada o 20-8-2016.
  15. Watson, Lyall (1981): Sea Guide to Whales of the World. London: Hutchinson and Co. ISBN 978-0-09-146600-8.
  16. 1 2 Taylor, B. L.; Baird, R.; Barlow, J.; Dawson, S. M.; Ford, J.; Mead, J. G.; Notarbartolo di Sciara, G.; Wade, P. & Pitman, R. L. (2008):Ziphius cavirostris na Lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 20-08-2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]