Owain mab Urien

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ywain»)
Owain mab Urien
Nacementoséculo V
Falecementoc. 595
NacionalidadeRheged e Yr Hen Ogledd
Ocupaciónmonarca e rei
PaiUrien
CónxuxeTeneu
FillosSaint Mungo e Elffin
IrmánsPasgen fab Urien, Morfudd ferch Urien e Rhun ab Urien
editar datos en Wikidata ]

Owain mab Urien ou Owein, finado contra o 595, foi fillo de Urien, rei de Rheged c. 590, e loitou co seu pai contra os anglos de Bernicia. A figura histórica de Owain ficou incorporada na lenda artúrica onde tamén o coñecen como Ywain, Yvain, Ewain ou Uwain. Na súa forma lendaria é o protagonista do Cabaleiro do león de Chrétien de Troyes e do conto galés Owain, ou a dama da fonte, que se corresponde co poema de Chrétien.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O Owain histórico[editar | editar a fonte]

As referencias principais para o Owain histórico aparecen nos poemas de Taliesin, bardo de Urien. Nun poema, aparece como vencedor na batalla de Alclud Ford. Outro, Gweith Argoed Llwyfain ("A Batalla de Argoed Llwyfain"), fala da participación de Owain nunha batalla entre os homes de Rheged so Urien e os homes de Bernicia so "Fflamddwyn" (Ladrón de lume), posibelmente o rei anglo Teodorico. Cando Fflamddwyn pide reféns, Owain lanza un desafío e inspira os homes de Rheged a loitaren mellor que dar tributo aos anglos.

Taliesin tamén compuxo Marwnad Owain, unha elexía a Owain. No poema, dise que Owain matou a Fflamddwyn:

Pan laddodd Owain Fflamddwyn Nid oedd fwy nogyd cysgaid
Cysgid Lloegr llydan nifer A lleufer yn eu llygaid
A rhai ni ffoynt haeach A oeddynt hyach na rhaid
Owain a'u cosbes yn ddrud Mal cnud yn dylud defaid.
Cando Owain matou a Fflamddwyn non había máis para el que durmir
a ampla hoste de Lloegr [Inglaterra] dorme coa luz nos seus ollos
e os que non foxen foron máis bravos có necesario
Owain castigounos severamente como un fato de lobos a perseguir ovellas.

Herdou o reino de Rheged cando mataron a seu pai, pero foi cercado inmediatamente polos seus veciños britanos Dunaut Bwr de Dunoting e Gwallawc Marchawc Trin de Elmet, este último atacou ao irmán de Owein, Elffin, mentres Owein e Pasgen, outro irmán, se enfrontaban a Dunaut.

Owein morreu en batalla contra o vello rival de seu pai Morcant Bulc de Bryneich despois dun curto reinado. A súa morte marcou o final de Rheged como un poder efectivo.

Dise que foi enterrado en Llan-Forfael ou Llan-Heledd, que as tradicións locais sitúan no cemiterio de St. Andrew en Penrith[1]. con todo é posíbel que a tumba pertenza realmente ao máis tardío Owen Cesarius[2].

Dise que Owein foi o pai de San Kentigern Garthwys con Denw, a filla de "Leuddun", comunmente identificado co rei Lot Luwddoc de Lothian.

O Owain da lenda[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ywain.

Cos séculos, a historia de Owain coñecida por contacontos diluíuse o suficiente como para ser incorporada á lenda artúrica galesa e que certas historias sobre el chegasen á Europa continental. Yvain, o cabaleiro do león de Chrétien e a historia relacionada dos Mabinogion Owain, ou a dama da fonte están dedicadas ás súas fazañas, e aparece moi claramente no conto dos Mabinogion O soño de Rhonabwy e brevemente na Historia Regum Britanniae de Geoffrey de Monmouth. O personaxe retrátase como un excelente cabaleiro nas historias posteriores, o ciclo Lancelot-Grail e Le Morte d'Arthur de Sir Thomas Malory cunha versión do seu nome ou a outra.

N’O soño de Rhonabwy, xoga unha partida de xadrez contra Artur mentres Rhonabwy mira e os saxóns se preparan para loitaren. As liñas do Yvain, o cabaleiro do león de Chrétien de Troyes e Owain, ou a dama da fonte son esencialmente as mesmas; Owain escoita falar dunha fonte tormentosa no bosque de Brocelianda e vai na súa busca só para atopala defendida por un excelente cabaleiro. Vence a este guerreiro e casa coa súa muller Laudine, pero ao abandonar os seus deberes maritais coas súas fazañas cabaleirescas, perde o seu amor. Coa axuda dun león rescátaa dunha serpe, realiza varias aventuras e reúnese finalmente coa súa esposa. Aparece na maioría dos relatos posteriores, a súa importancia vén indicada pola súa estreita amizade con Gawain e a pasaxe da sección na Mort Artu do ciclo do Lancelot-Grail onde é un dos derradeiros cabaleiros en morrer antes de Artur.

Case todas as versións da historia de Artur teñen a Owein como fillo de Urien e sobriño de Artur, e os relatos tardíos asumen que a súa nai foi a Fada Morgana, cando non outra das medio irmás do rei. Ten un medio irmán chamado Owain (ou Yvain) o Bastardo, produto da unión entre Urien e a muller do seu senescal. Os galeses dánlle unha irmá xemelga, Morvydd, e como sobriño materno de Artur é curmán de Gawain e o clan Orkney.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]