Yvain, o Cabaleiro do León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Yvain rescata o león
Yvain combatendo contra Gauvain

Yvain, o Cabaleiro do León (en francés: Yvain, le Chevalier au Lion) é unha novela de cabalarías de Chrétien de Troyes. Foi escrita probabelmente en 1170, simultaneamente con Lanzarote ou o Cabaleiro da Carreta, e inclúe varias referencias aos acontecementos daquel poema. O personaxe principal, Yvain, baséase nunha figura histórica, Owain mab Urien.

Argumento[editar | editar a fonte]

Un día, na Corte do Rei Artur, Calogrenant conta a súa aventura: atopa unha fonte máxica, e dinlle que se consegue verter a súa auga nunha gran pedra, se exporá a moitos perigos, en particular a unha terrible tempestade, pero tamén a sucesos marabillosos. Cando o fai, desencadéase unha tempestade que destrúe as colleitas e mata a xente do lugar. Pero despois, ocorre a marabilla: moitos paxaros de cantos melodiosos se pousan sobre a árbore. De pronto, un cabaleiro negro combate a Calogrenant e vénceo. Yvain decide vingar o seu primo. Chega ó castelo, mata o seu dono e namórase de Laudine, a viúva. Casa con ela pero despois, convencido por Galván, volve ás súas aventuras, e incumpre a súa promesa de volver ó cabo dun ano. Ela escríbelle e dille que non o quere volver a ver, co que el tolea e vaga errante polos bosques. Alí bate cun león a pelexar cun dragón. Decide axudar o león e sálvao. Como agradecemento, este fica ao seu lado, polo que será chamado de aí en diante o Cabaleiro do León, e ambos vivirán unha serie de aventuras que terminarán por lle ensinar a Yvain o verdadeiro significado da honra, a amizade e o amor. Coa axuda dunha doncela da dona, recupera o amor da súa esposa e consegue o seu perdón.

A lenda do Cabaleiro do León en Galicia[editar | editar a fonte]

Aínda que na literatura galega medieval non se conservan textos con esta historia, non hai dúbida que se coñecía. Un testemuño moi claro é o tímpano do mosteiro de Santa María de Penamaior (cisterciense), labrado contra 1255. Alí aparece Yvain, o cabaleiro triunfante levando as rendas do cabaleiro vencido, a fonte milagreira, representada polas ondas do círculo central, a árbore chea de paxaros, o cadrado ó pé da fonte onde se vertía a auga que desencadeaba tormentas e o león, co rabo bifurcado[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sánchez Ameijeiras, Rocío (2003). "Cistercienses y leyendas artúricas: el caballero del león en Penamior (Lugo)". Rocío Sánchez Ameijeiras y José Luis Senra Gabriel y Galán (coords.): El Tímpano románico: imágenes, estructuras y audiencias. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia: 295–321. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • TROYES, Chrétien de. Ivain, o Cavaleiro do Leão. En Romances da Távola Redonda. Tradución de Rosemary C. Abílio. São Paulo: Martins Fontes, 1991.
  • LACY, Norris J. Chrétien de Troyes. En The New Arthurian Encyclopedia, pp. 88–91. Nova York: Garland, 1991. ISBN 0-8240-4377-4.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]