Morgana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Morgana le Fay, por Anthony Frederick Sandys (1829 - 1904), 1864 (Birmingham Art Gallery)

Morgana é unha poderosa fada da mitoloxía celta, media irmá do Rei Artur, nai con el de Mordred e discípula de Merlín. É a raíña da illa de Avalon, co poder de curar e mudar de forma.

Morgana no ciclo artúrico[editar | editar a fonte]

No ciclo artúrico, a fada Morgana é un personaxe feminino, ás veces presentada polos cristiáns como antagonista do Rei Artur e inimiga de Xenebra. Na Vita Merlini (Vida de Merlín) do século XII, dise que Morgana ("Morgen") é a maior de nove irmás que gobernan Avalon. Geoffrey de Monmouth fala de Morgana como curandeira e cambiante. Escritores máis tardíos como Chrétien de Troyes, baseándose na interpretación de Monmouth, describiron a Morgana velando a Merlín en Avalon.

Na tradición dos ciclos artúricos, Morgana era a filla da nai de Artur -Lady Igraine- e do seu primeiro marido -Gorlois, duque de Cornualles- e sobriña de Viviana, a Dona do Lago. Arturo, fillo de Igraine e de Uther Pendragon, era, por tanto, medio irmán dela. Como muller celta, Morgana herdou parte da "maxia da Terra" da súa nai. Morgana tiña dúas irmás máis vellas (e era por tanto a menor das tres, e non a maior de nove). O trío de irmás é unha fórmula abundantemente usada na mitoloxía celta. En La Mort d'Arthur (A morte de Artur) e noutras fontes, ela é a infeliz esposa do Rei Urien de Gore, e Owain mab Urien é o seu fillo.

Nas interpretacións cristiás máis modernas da mitoloxía artúrica, Morgana seduce a Artur e concibe con el o malvado Mordred, aínda que orixinalmente (por exemplo en La Mort d'Arthur) este papel asígnaselle a unha das súas irmás.

Diversas fontes describen a Morgana como discípula de Merlín, e máis adiante como a súa rival; neste papel, o personaxe aparece parcialmente superposto a "Viviana", unha das figuras que corresponden ao nome da "Dona do Lago". O mito da rivalidade entre Morgana e Merlín retómase nalgunhas obras cinematográficas, en particular na película Excalibur de John Boorman (1981).

Morgana noutras fontes[editar | editar a fonte]

A fada Morgana aparece tamén en narracións fantásticas posteriores, non relacionadas co ciclo do rei Artur, con frecuencia como personificación do fenómeno óptico fata morgana. Por exemplo, a fada Morgana aparece na fábula Os cisnes selváticos de Hans Christian Andersen.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]