Éxida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atenea coa éxida, e a cabeza de Medusa no centro do peito (detalle da Copa de Aisón, na que se representa a Atenea observando como Teseo mata o Minotauro.

A éxida [1] é un elemento protector, catacterístico das armaduras de Zeus ou, especialmente, de Atenea. Consiste nun escudo (no caso de Zeus) ou nunha coiraza feita de pel de cabra (no caso de Atenea), coa cabeza da Gorgona Medusa no centro. Por extensión, pasou a significar protección ou defensa, en xeral.

Na Antigüidade foi usada por emperadores e guerreiros como símbolo de invulnerabilidade outorgada pola protección dos deuses. Algúns emperadores romanos foron representados con este amuleto, formado por unha miniatura dun escudo coa cabeza a imaxe de Medusa no centro. No afamado mosaico da batalla de Issos entre Alexandre o Grande e o rei persa Darío III, aquel aparece representado cunha armadura que luce no peito unha cabeza de Medusa.

Alexandre o Grande na batalla de Issos, mostrando a cabeza de Medusa no peito

Segundo Homero, a éxida era o escudo co que se protexía Zeus, gornecido con borlas. Fixérao Hefesto, e levaba a cabeza de Medusa no centro. Tradicións posteriores contan que Zeus construíu o seu escudo coa pel da cabra Amaltea (ou a armadura completa) cando esta morreu. Trátase da mesma cabra que co seu leite o alimentara cando naceu nunha cova da illa de Creta [2]. Con este escudo, Zeus dirixiu a guerra contra os Xigantes.

Co tempo, Zeus acabou regalando a éxida á súa filla Atenea. Outras tradicións din que Atenea recibiu de Perseo a cabeza de Medusa para que a puxera na súa coiraza.

[Teseo] " devolveu a Hermes as sandalias, a 'kíbisis' e o casco, pero a cabeza da Gorgona entregoulla a Atenea... Atenea dispuxo no centro do seu escudo a cabeza da Gorgona".
(Pseudo-Apolodoro II, 4, 3)

Pero tamén se di que se fixo a éxida da pel do xigante Palas (ou Palante), ó que matou durante a Xigantomaquia [3].

Segundo todo o anterior, a éxida podía ser un escudo de pel de cabra, ou a propia pel usada como coiraza, cubrindo ombros e brazos, ou ben a correa, de pel de cabra, coa que se suxeitaba o escudo e cruzaba o peito oblicuamente. Por veces, representábase con serpes no bordo (as borlas de que falaba Homero), pero era habitual a presenza da cabeza de Medusa no centro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1. "Escudo de pel de cabra que era o atributo de Zeus e de Atenea". 2. "(Figurado) Protección ou defensa" (DRAG on line, consultado o 20.01.2021).
  2. Co nome de Amaltea desígnase tanto unha das ninfas que coidaron de Zeus en Creta, como a cabra que o aleitoaba. No primeiro caso, Amaltea posuía unha enorme cabra, que se chamaba, simplemente, Aix (a Cabra); no segundo, as ninfas chamábanse Ida e Adrastea. Xogando Zeus meniño coa cabra tronzoulle un corno, e del xorde o corno da abundancia.
  3. "Coa pel que arrincara a Palante cubriu o seu propio corpo durante a batalla" (Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitolóxica I, 6, 2).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, px. 58.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s.v. Amaltea.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].