Walter Gómez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Walter Gómez
Información persoal
Nome Walter Gómez Pardal
Nacemento 17 de decembro de 1927
Lugar de nacemento Montevideo
Falecemento 4 de marzo de 2004
Lugar de falecemento Buenos Aires
Altura 1,70 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1942–1943 Central Español
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1944–1945 Central Español
1946–1949 Nacional 48 (25)
1950–1955 River Plate 140 (76)
1956 Milan 0 (0)
1956–1958 Palermo 47 (8)
1959–1960 Nacional 20 (15)
1961 Cúcuta Deportivo 26 (0)
1962–1963 Once Caldas 50 (14)
1963–1964 Deportivo Galicia
Selección nacional
1945–1946 Uruguai 4 (0)
Na rede
Find a Grave: 9983350 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Walter Gómez Pardal, nado en Montevideo o 17 de decembro de 1927 e finado en Vicente López, Arxentina, o 4 de marzo de 2004, foi un futbolista uruguaio, de orixe galega. Destacou especialmente no Nacional uruguaio e no River Plate arxentino, sendo un dos dianteiros máis importantes na historia dos dous clubs Co Nacional xogou durante catro anos, marcando 97 goles e conquistando sete títulos, entre eles dous campionatos uruguaios (1946 e 1947) e a Copa Aldao de 1946. Con River Plate xogou cinco tempadas e marcou 76 goles, sendo o máximo goleador estranxeiro da historia do club no seu día e o segundo na actualidade. Gañou os torneos arxentinos de 1952, 1953 e 1955.

Xogou ademais no fútbol italiano, colombiano e venezolano, pechando a súa carreira no Deportivo Galicia en 1964. Foi internacional coa selección uruguaia, coa que gañou o Campionato Suramericano de 1946.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Nado no barrio de La Unión de Montevideo, era o menor dos cinco fillos dunha uruguaia e dun galego natural de Santiago de Compostela.[1] Comezou a súa carreira futbolística aos 17 anos no Central Español, pasando ao ano seguinte ao Nacional.

Nacional[editar | editar a fonte]

Xogou catro anos no equipo tricolor, nos que se converteu nun ídolo da afección e nun dos xogadores máis destacados da historia do club. Compartiu dianteira con Atilio García, Luis Ernesto Castro, Roberto Porta e Bibiano Zapirain, e marcou 97 goles. Gañou sete títulos oficiais co club, entre eles os campionatos uruguaios de 1946 e 1947 e a Copa Aldao de 1946.[2] Durante esta época debutou coa selección uruguaia.

Con todo, o 9 de outubro de 1949, nun clásico contra Peñarol, agrediu ao árbitro Horacio Bochetti, feito polo que recibiu unha sanción dun ano.[3][4]

River Plate[editar | editar a fonte]

Félix Loustau, Walter Gómez e Ángel Labruna coas camisetas do River Plate.

Fichou entón polo River Plate, grazas á rápida xestión do presidente do club arxentino, Antonio Vespucio Liberti, que buscaba un dianteiro que ocupase o oco deixado por Alfredo Di Stéfano. O club arxentino pagou polo traspaso preto dun millón de pesos uruguaios.[4] Debutou o 2 de abril de 1950 nun partido contra Newell's en Rosario, o mesmo día que o facía o tamén uruguaio Luis Ernesto Castro,[5] e tardou só un minuto en marcar o seu primeiro gol.[6]

Foi o máximo goleador do seu equipo no campionato arxentino de 1950, con 22 tantos, e compartiu dianteira entre outros con Ángel Labruna, Félix Loustau, Sánchez Lage, Santiago Vernazza, Roberto Zárate, Eliseo Prado e Omar Sïvori. Conquistou os campionatos de 1952, 1953 e 1955, e foi un ídolo para a afección, que coreaba habitualmente a frase "La gente ya no come por ver a Walter Gómez" ("A xente xa non come por ver a Walter Gómez").[7][6] Nun partido contra Lanús en 1954, marcou catro goles en 20 minutos, no día do debut de Omar Sívori. Marcou un total de 76 goles nos cinco anos que xogou en River, converténdose no seu día no estranxeiro con máis goles da historia do club, rexistro que non foi superado ata décadas máis tarde polo tamén uruguaio Enzo Francescoli.[8][9]

Palermo[editar | editar a fonte]

En 1956 cruzou o océano Atlántico para fichar polo Milan, reclamado polo adestrador uruguaio Héctor Puricelli, que buscaba na Arxentina un dianteiro que acompañase á estrela milanista Juan Alberto Schiaffino. Disputou só un partido amigable co club lombardo, e trala fichaxe de Puricelli polo Palermo, tamén el foi traspasado ao club siciliano. Con ese equipo xogou unha tempada na Serie A, descendendo á Serie B, e militou dous anos na segunda categoría. En 1958 chegou a Galicia para poñerse a proba co Celta de Vigo, club contra o que xa xogara en Balaídos durante a xira europea de River Plate en 1952.[1] Con todo, a proba non foi satisfactoria.[10]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

A mediados de 1959 regresou ao Nacional de Montevideo, onde militou durante máis dun ano, antes de trasladarse a Colombia para xogar no Cúcuta Deportivo. Xogou unha tempada no Cúcuta e dúas no Once Caldas, e en 1963 fichou polo Deportivo Galicia de Venezuela. Co club de orixe galega proclamouse campión da Primeira División de Venezuela en 1964, pouco antes de retirarse tras un amigable contra Cerro en Montevideo.[11]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Walter Gómez con Omar Sívori e Ángel Labruna .

Debutou coa selección uruguaia o 15 de agosto de 1945, nun partido amigable contra a Arxentina no Estadio Gasómetro de Buenos Aires. Con Pedro Cea como adestrador, formou na dianteira xunto con José María Ortiz, Nicolás Falero, Juan Pedro Riephoff e Bibiano Zapirain. Saíu en padiola do estadio, lesionado, pero ovacionado polos seareiros arxentinos.[11] Participou coa súa selección no Campionato Suramericano de 1946, proclamándose campión.[12]

A sanción que recibiu en 1949 cortou todas as súas posibilidades de disputar o Mundial de 1950, onde o Uruguai se proclamou campión tralo Maracanazo.

Morte[editar | editar a fonte]

Faleceu o 4 de marzo de 2004, sendo soterrado no cemiterio de Lomas de Zamora, en Buenos Aires.[6]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Nacional
River Plate
Deportivo Galicia
Selección uruguaia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Walter Gómez y Nicolas de las Heras llegaron ayer a Vigo para someterse a prueba con el Celta". El Pueblo Gallego (en castelán) (11535). 28 de novembro de 1958. p. 7. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  2. "Conocé a las figuras más relevantes del Tricolor". Club Nacional de Football (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  3. "El día que Nacional se retiró" (en castelán). 8 de novembro de 2012. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Walter Gómez el “Botija de Oro”" (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  5. "Chío de Museo River". Twitter (en castelán). 10 de xullo de 2020. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Walter Gómez: murió una leyenda de River". Clarín (en castelán). 5 de marzo de 2004. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  7. "Walter Gómez". nacionaldigital.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2012. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  8. "A 11 años de la partida del gran Walter Gómez". Club Atlético River Plate (en castelán). 4 de marzo de 2015. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  9. "El nuevo récord de Rafael Borré" (en castelán). 5 de marzo de 2021. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  10. "Futbolerías viguesas". La Noche (en castelán) (11619). 5 de decembro de 1958. p. 5. Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  11. 11,0 11,1 Redacción (5 de agosto de 2000). "Recuerdos del Botija de Oro". lanacion.com.ar (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  12. "Campionato Suramericano de 1946". RSSSF (en inglés). Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]