João Afonso
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de xullo de 1965 (59 anos) Maputo, Mozambique |
Actividade | |
Ocupación | vocalista, cantante |
João Nepomuceno Baltazar de Lima, nado en Maputo (Mozambique) o 8 de xullo de 1965, é un cantautor portugués, máis coñecido como João Afonso.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Viviu en Maputo coa súa familia até o seu traslado en 1978 a Portugal. Recolle as influencias da música urbana africana do seu país de orixe e a tradición portuguesa do seu tío o cantante portugués Zeca Afonso. Participa nos actos de homenaxe a este último que se organizan a finais da década de 1980 e no ano 2012.[1]
En decembro de 1994 integra o proxecto Maio maduro maio xunto a José Mário Branco e Amélia Muge. Gravado en dobre compacto en 1995, preséntase en diversas capitais internacionais, incluída Lisboa. Colabora nos discos Janelas verdes e Acústico de Júlio Pereira e en Lua extravagante, do grupo homónimo.
En 1996 canta en España, xunto a Luis Pastor, temas propios e de Zeca Afonso; ocasionalmente úneselles Pedro Guerra, que por entón era unha nova promesa da canción nacional. En maio de 1997 publica en Portugal Missangas, o seu primeiro disco en solitario, que se reedita despois en Francia (Polygram) e España (Resistencia). Na Exposición Internacional de 1998 en Lisboa participa na gravación do espectáculo Voz e guitarra e ofrece concertos propios.
En 1998 ofrece dous temas do romanceiro histórico ao disco colectivo Novas vos trago, compón música para o poema Paz de Santiago de José Saramago, que grava Luís Pastor no seu álbum Por el mar de mi mano, e grava co grupo canario Mestisay o tema Na machamba, cuxa versión orixinal se incluía na súa obra Missangas. En 1999 canta o tema Aquí em baixo (Azul) no disco da cantante galega Uxía Senlle.
En 1999 publica Barco voador, o seu segundo disco en solitario, onde recolle a súa experiencia como viaxeiro por diversos continentes. A discográfica Universal edítao en España. En 2002 edita o seu disco Zanzibar, con catorce temas —a maioría da súa autoría— con xogos instrumentais e vocais. En 2006, Outra vida, confírmao como un dos mellores intérpretes e creadores da súa xeración en Portugal. En 2014 edita Sangue bom, con composicións propias sobre poemas de Mia Couto e de José Eduardo Agualusa.
Participou nos festivais galegos Cantos na Maré, Festas do Apóstolo [2] e Festigal, entre outros.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Maio maduro maio, con José Mário Branco e Amélia Muge (1995)
- Missangas (1997)
- Barco voador (1999)
- Zanzibar (2002)
- A arte e a música, recompilatorio (2004)
- Outra vida (2006)
- Um redondo vocábulo, con João Lucas (2010)
- Sangue bom (2014)
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Voz e guitarra (1997)
- Encontros: Canções de João Lóio (1997)
- Novas vos trago (1998)
- Cantigas de amigo (1999)
- O cancioneiro do Niassa, canções proibidas (1999)
- Canções de embalar (2001)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ""Terra da Fraternidade": Galicia homenajea a José Afonso". RTVE. Consultado o 26-07-2020.
- ↑ "Apóstolo 2018". Portal Galego da Língua. Consultado o 26-07-2020.