Saltar ao contido

Urien

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Urien de Rheged»)
Brasón atribuído a Urien na Idade Media coa representación do corvo.

Urien, moitas veces chamado Urien Rheged, foi a finais do século VI rei de Rheged, un antigo reino britano do Hen Ogledd (norte de Inglaterra e sur de Escocia).

O seu poder e as súas vitorias, incluídas as batallas de Gwen Ystrad e Alt Clut Ford, son celebradas nos poemas laudatorios que lle dedicou Taliesin, preservados no Libro de Taliesin. Tivo catro fillos, chamados Owain, Rhiwallon, Rhun e Pasgen, dos cales o máis vello foi o seu sucesor. Converteuse no 'Rei Urien de Gore' da lenda artúrica posterior e o seu fillo Owain mab Urien foi logo coñecido como Ywain.

Segundo as xenealoxías, Urien foi fillo de Cynfarch Oer, fillo de Meirchion Gul, fillo de Gorwst, fillo de Cenau, fillo de Coel Hen (o rei Cole), o primeiro líder militar postromano documentado na área do muro de Hadrián. Loitou contra os gobernantes do reino anglo de Bernicia (a moderna Northumberland). Un nobre anglo, Ida, ocupou Metcauld a mediados do século sexto e comezou a devastar o continente. Urien aliouse con outros reis setentrionais, Rhydderch Hael "o Xeneroso" de Strathclyde e outros dous descendentes de Coel, Gwallog mab Llaenog e Morgant Bwlch. Venceron aos anglos e cercáronos en Lindisfarne pero, segundo a Historia Brittonum, Urien foi asasinado por orde de Morgant Bwlch que estaba celoso do seu poder. Moi pouco despois os anglos uníronse aos escotos do Ulster para inflixir a definitiva derrota en Dagsestone que fixo caer o poder dos reinos britanos setentrionais. Unha das tríades galesas chama ao asasinato de Urien un dos "Tres asasinatos desafortunados" e outra inclúeo nos "Tres grandes líderes militares de Britania".

Urien ficou como unha figura popular en Gales por séculos, e el e o seu fillo Owain foron incorporados á lenda artúrica cando se expandiu de Britania á Europa continental. O seu reino foi finalmente transferido á mítica terra de Gore, e os reis Lot de Lothian e Auguselus de Escocia aparecen ás veces como irmáns seus. Durante o reinado de Uther Pendragon casa coa irmá de Artur (a miúdo Morgana, pero ás veces aparece outra irmá). El, como os reis doutras terras, ao principio oponse ao ascenso de Artur ao trono tras a morte de Uther. Urien e os outros rebélanse contra o xove monarca, pero tras a súa derrota, os rebeldes vólvense aliados e vasalos de Arturo.

Na lenda o seu matrimonio con Morgana non aparece retratado como feliz. Nunha historia Morgana conspira para apoderarse de Excalibur, matar a Urien e Arturo, e poñerse ela e máis o seu amante Accolon no trono. Sempre se lle atribúe a paternidade de Ywain (Owain), e moitos textos dánlle un segundo fillo, Ywain o Bastardo, concibido coa muller do seu senescal. A tradición galesa atribúelle unha filla chamada Morfydd.

Thomas Malory ás veces escribe o seu nome como "Urience", cousa que levou a algúns (e.g. Alfred Tennyson) a identificalo co rei Rience.