Feiraco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°53′50.44″N 8°42′10.30″O / 42.8973444, -8.7028611

Feiraco
Medalla de Galiza.svg
Tipo Cooperativa
Fundación 1968
Localización Pontemaceira S/N 15864 Ames A Coruña Galicia Galicia
Fundador Jesús García Calvo
Industria Láctea
Produtos Leite
Produtos lácteos
Penso
Beneficio 114 millóns de euros (2013)[1]
Páxina web feiraco.es

Feiraco é unha empresa agrícola galega, fundada en Negreira en 1968. Actualmente as súas instalacións están na Ponte Maceira (Ames). Está xestionada en réxime de cooperativa, desenvolvendo todo o proceso desde a recollida até a comercialización do leite e os produtos derivados. En 2014 contaba con 2.114 socios, 213 empregados e 490 explotacións produtoras de leite nas que recollía arredor de 126 millóns de litros anuais.

Historia[editar | editar a fonte]

Publicidade de Feiraco na Coruña.

Feiraco, Sociedade Cooperativa Galega foi formada en 1968 por 400 persoas da comarca da Barcala. O rexistrador da propiedade Jesús García Calvo, impulsor do proxecto, foi elixido primeiro presidente, cargo que ocupou até 2008, ano en que o sucedeu o gandeiro de Olveira (Dumbría) José Antonio Casais. Dende 2012 a cooperativa está presidida por José Montes Pérez.

En 1970 construíuse unha fábrica de pensos propia, e ao ano seguinte iniciouse a recollida e comercialización do leite. En 1974 foi unha das primeiras empresas en introducir en España o sistema UHT de envasado.

En 2011 creou a marca Unicla, vinculada ao selo Galega 100% promovido pola Xunta de Galiza que identifica o leite de orixe galego. A marca Feiraco tamén está certificada por Galicia Calidade e foi a primeira empresa española certificada por AENOR coa "Letra Q" do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.

Esta marca recibiu o primeiro Premio Europeo á Innovación Cooperativa. No ano 2011 recibiu o distintivo de Igualdade na Empresa, outorgado polo Ministerio de Sanidade, pola súa política de responsabilidade social, e en 2016 a Xunta outorgoulle o Premio RSE polo seu proxecto Responsabilidade Social en Movemento para afianzar prácticas responsables en todas as áreas de traballo da compañía. Recentemente recibiu o distintivo de Igualdade na Empresa pola súa política de responsabilidade social, e foi distinguida como «empresa socialmente responsable.

Entre 2011 e 2012 lidera o proceso de adquisición, xunto a outras nove cooperativas galegas integradas en ACOLACT, da planta de CLESA en Caldas de Reis. Este proceso foi apoiado pola Xunta de Galiza a través do IGAPE, e culminou coa sinatura formal das escrituras de compra o 19 de xullo de 2012.

En novembro de 2016 funda Cooperativas Lácteas Reunidas (CLUN) xunto a Melisanto e Os Irmandiños. Esta sociedade cooperativa de segundo grao, que xestiona arredor do 15% da produción láctea galega, comercializa as marcas Feiraco, Feiraco Unicla e Clesa.

Moi vencellada á cultura e o patrimonio galego, Feiraco colabora coa Xunta de Galicia para difundir a celebración das Letras Galegas con accións como a edición especial de bricks ou a convocatoria de concursos de microrelatos.

Produtos[editar | editar a fonte]

Leite Feiraco: enteiro, semidesnatado e desnatado.

Leite Feiraco Unicla: enteiro, semidesnatado e desnatado.

Leite Feiraco Unicla sen lactosa: semidesnatado e desnatado.

Feiraco Yogu+: iogur bebible sabor morango, macedonia e natural.

Feiraco Batido de Chocolate

Feiraco Nata para montar e cociñar.

Queixos: de barra, Tetilla e Arzúa-Ulloa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]