Taurotragus derbianus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Taurotragus derbianus
Grande elán / Elán xigante
Elán de Derby
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Tribo: Strepsicerotini
Xénero: Taurotragus
Especie: T. derbianus
Nome binomial
Taurotragus derbianus
Gray, 1847
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
  • Tragelaphus derbianus (Gray, 1847) [1][2]

Taurotragus derbianus é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos e tribo dos estrepsicerotinos,[3] coñecido vulgarmente como grande elán, elán xigante ou elán de Derby.

É unha das dúas especies de antílopes africanos que, xunto con Taurotragus oryx, compoñen o xénero Taurotragus.

De gran tamaño e con gran parecido aos bovinos, posúe unha gran papada no pescozo, que contribúe a disipar a calor.

Como os camelos, para evitar a deshidratación cando vai moita calor, pode aumentar a temperatura corporal para impedir a suoración.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie Taurotragus derbianus foi descrita por primeira vez en 1847 polo naturalista británico, John Edward Gray na súa obra Ann. Mag. Nat. Hist., [ser. 1], 20: 286.[3]

O xénero Taurotragus, no que se inclúen o elán común (T. oryx) e o grande elán, T. derbianus, modernamente está en discusión. De acordo con numerosos e recentes estudos xenéticos, moleculares e cromosómicos (por exemplo, Fernández & Vrba,[4] ou Rubes et al.,[5]) cada vez máis autoridades subsumen o xénero Taurotragus como subxénero dentro do xénero Tragelaphus.[3][6][7][8]

Características[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Taurotragus oryx.

Os Taurotragus son os máis grandes dos antílopes do mundo. Algúns autores, como Theodor Halternorth, consideran a Taurotragus derbianus conespecífica con T. oryx (ademais de considerar esta especie como pertencente ao xénero Tragelaphus).[9]

Ambos os sexos son recoñecíbeis polos seus cornos en espiral, pero os dos machos son máis grandes. Poden medir até 1,80 m de altura na cruz e pesar até unha tonelada. No pescozo teñen unha papada, particularmente grande nos machos. A capa é gris amarelada con finas raias verticais brancas nos flancos.[10]

A pesar do seu nome, os eláns xigantes son en realidade xeralmente máis pequenos que os eláns comúns, pero os seus cornos son substancialmente máis grandes (así como as orellas). Outra diferenza é que a ostensíbel papada do elán xigante comeza debaixo da barbela (en lugar de na gorxa, como no elán común) e termina na metade do pescozo.[2]

Hábitat, distribución e poboación[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

O elán xigante ten requirimentos de hábitat moito máis estreitos que o elán común, e está limitado a sabanas arboradas e bosques de árbores planifolios, xeralmente os dominados pola leguminosa Isoberlinia doka, que constitúe unha parte importante da súa dieta. É pouco frecuente nas sabanas herbáceas.[2]

Distribuciön de Taurotragus derbianus:
      Taurotragus derbianus derbianus.
      Taurotragus derbianus gigas

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta especie unha vez habitaba nunha banda continua a través de África central, desde Gambia até o Nilo Branco.

Pero como consecuencia da perda de hábitats e da caza excesiva, agora e especie está extinta en Costa do Marfil, Gambia, Ghana e Togo.

Hoxe, como resultado, o gran elán encóntrase soamente en tres poboacións disxuntas:

Poboación[editar | editar a fonte]

A poboación total é probabelmente de ao redor de 15.000 a 20.000 individuos. Só 200 exemplares de T. d. derbianus, ou menos, subsisten en África Occidental, principalmente no Senegal.[7] A caza eliminou esta especie de gran parte da súa antiga área de dispersión e, ademais, unha epidemia de peste bovina en 1983 afectou seriamante á súa poboación.[2] Esta enfermidade foi considerada erradicada pola Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) o 25 de maio de 2011.[11][12]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Trofeo de T. derbianus á venda nunha tenda de Seattle.

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a poboación total estímase, como quedou dito, en de 15.000 a 20.000 cabezas, e probabelmente é estábel en grandes zonas da súa área de distribución na República Centroafricana e o Camerún, onde as densidades de poboación humana son baixas, aínda que probabelmente estea diminuíndo gradualmente en toda a zona.[7]

O elán xigante é un dos máis buscados trofeos de antílope e a súa caza sustetábel está tendo un efecto positivo sobre a conservación das súas poboacións en moitas zonas.[7]

Segundo East,[13] estímase que hai probabelmente máis de 15.000 individuos de T. d. gigas, deles máis de 12.500 na República Centroafricana.
A poboación desta subespecie aumentou en dita República, o Camerún e o Chad desde a década de 1990. O número de individuos que sobreviven no Sudán do Sur descoñecese, pero poderían ser substancial. Porén, a tendencia da poboación, en xeral a longo prazo, probabelmente irá diminíndo de forma gradual.[7]

A pesar diso, a UICN mantén a cualificación para esta especie como LC (pouco preocupante).[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tragelaphus (Taurotragus) derbianus) en birdspiders.com (en inglés)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Tragelaphus derbianis en Encyclopedia of Life (en inglés)
  3. 3,0 3,1 3,2 Grubb, P. (2005): "Order Artiodactyla". En; Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World Vol. 2. 3ª ed., pp. 696–697.
  4. Manuel Hernández Fernández & Elisabeth S. Vrba (2005): "A complete estimate of the phylogenetic relationships in Ruminantia: a dated species-level supertree of the extant ruminants" Arquivado 16 de setembro de 2014 en Wayback Machine. Biol. Rev 80: 269–302.
  5. Rubes, J; Kubickova, S; Pagacova, E; Cernohorska, H; Di Berardino, D; Antoninova, M; Vahala, J; Robinson, T. J. (2008): "Phylogenomic study of spiral-horned antelope by cross-species chromosome painting". Chromosome Research: an International Journal on the Molecular, Supramolecular and Evolutionary Aspects of Chromosome Biology 16 (7): 935–947 Resumo, Resumo.
  6. Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), p. 65.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Tragelaphus oryx na Lista vermella da UICN. Versión 2014.2
  8. Kingdon, J. (en prensa): "Genus Tragelaphus". En: J. S. Kingdon and M. Hoffmann (eds), The Mammals of Africa. Amsterdam: Academic Press.
  9. Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), pp. 65-66.
  10. Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 190-191.
  11. Peste bovina Arquivado 22 de outubro de 2014 en Wayback Machine.. Organización Mundial de Sanidad Animal (OIE).
  12. La peste bovina no matará más Arquivado 06 de xuño de 2015 en Wayback Machine. OIE.
  13. East, R. (1999): African Antelope Database 1999. IUCN, Gland, Switzerland and Cambridge, UK..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Nowak, R. (1991): Walker's Mammals of the World.Vol. 2. Baltimore, Maryland. EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, EE.UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]