Símbolo
O termo símbolo, con orixe no grego súmbolon, designa un elemento representativo (realidade visíbel) que está no canto de algo (realidade invisíbel) que tanto pode ser un obxecto coma un concepto ou idea, determinada cantidade ou calidade. O "símbolo" é un elemento esencial no proceso de comunicación, encontrándose difundido no día a día e nas máis variadas vertentes do saber humano. Así a todo, existen símbolos que son recoñecidos internacionalmente, outros só son comprendidos dentro dun determinado grupo ou contexto (relixioso, cultural etc.).
A representación específica para cada símbolo pode xurdir como resultado dun proceso natural ou pode ser unha convención de modo en que o receptor (unha persoa ou grupo específico de persoas) consiga facer a interpretación do seu significado implícito e atribuírlle determinada conotación.
Pode tamén estar máis ou menos relacionada fisicamente co obxecto ou idea que representa, podendo non só ter representación gráfica ou tridimensional senón taménm sonora ou mesmo xestual.
A semiótica é a disciplina que se ocupa do estudo dos símbolos, do seu proceso e sistema en xeral. Outras disciplinas especifican metodoloxías de estudo, como a semántica, que atende ó simbolismo na linguaxe, ou sexa, as palabras, ou a psicanálise, que, entre outros aspectos, se centra na interpretación do simbolismo nos soños.
Definicións
[editar | editar a fonte]- O símbolo é unha representación convencional dun obxecto, idea, concepto ou cualidade. Un exemplo de símbolo acontece cando relacionamos unha pomba branca coa paz.
- Símbolo matemático. Aquel que representa un número, unha cantidade, unha operación... etc. O símbolo "+" indica unha operación matemática de adición.
- Simbolo químico. Na química, letra ou letras que designan a un elemento. H é o símbolo químico do hidróxeno.
Características dos símbolos e signos
[editar | editar a fonte]Entre signos e símbolos hai diferenzas:
- Os signos poden ser comprendidos polos seres humanos e os animais; os símbolos non.
- Os signos sinalan; son específicos dun cometido ou unha circunstancia. Os símbolos teñen un significado máis amplo e menos concreto. Ambos son institucións.
- No caso dos símbolos poden aparecer como os orixinais aos que aluden, e poden ser entendidos sen explicacións.
Os signos e símbolos, sen semellanza física coa información que representan, posúen significados unicamente por un acordo social. Os signos son menos complicados cós símbolos. Sexa un debuxo ou un aceno, os signos cobran forma visible para expresar unha idea. Xa que logo, a miúdo os signos dirixen ao receptor cara a unha solución.
Os símbolos poden compoñerse de información realista, extraídas da contorna, fácil de recoñecer, ou tamén por formas, tons, cores, texturas..., elementos visuais básicos que non gardan ningunha similitude cos obxectos da contorna natural. Non posúen ningún significado, excepto o que se lles asigna. Existen moitas formas de clasificar os símbolos; poden ser simples ou complicados, obvios ou escuros, eficaces ou inútiles. O seu valor pódese determinar segundo penetren na mente pública en termos de recoñecemento e memoria.
Símbolo científico-técnico
[editar | editar a fonte]No ámbito científico e técnico, o símbolo é unha abreviación constituída por signos ou letras que difiren da abreviatura por carecer de punto. Tal é o caso dos símbolos químicos (ex. C, O, H20, C4H10), matemáticos (ex. ), as unidades (ex. m, kg, os puntos cardinais (ex. N, O), os símbolos de moedas (ex. $, €) etcétera, cuxo fin fundamental é simplificar a escrita e a trasmisión das ideas e o coñecemento.
Símbolo nacional
[editar | editar a fonte]Os símbolos nacionais son aqueles que un país adopta para representar os seus valores, metas, historia ou riquezas e mediante os cales identifícase e distingue dos demais, ademais de aglutinar en torno a eles aos seus cidadáns e crear un sentimento de pertenza. Os símbolos nacionais por excelencia son a bandeira e as cores nacionais, o escudo de armas e o himno. A eles engádense en ocasións outros emblemas como pode ser unha planta, animal ou obxecto asociado intimamente co país.
- Véxase tamén: Heráldica, Numismática, Vexiloloxía
Símbolo relixioso
[editar | editar a fonte]A representación de ideas abstractas mediante símbolos é de orixe oriental. Ó longo da historia, a fe estivo ligada a unha serie de símbolos significativos. Nas sociedades primitivas, os símbolos e os tótem serven para expresar as calidades esenciais da fe. Só os xudeus e os musulmáns prohiben as imaxes na adoración. En lugar diso, subliñan a palabra e a necesidade dunha cultura escrita para a participación da oración. Neste contexto dominado polo oral xurdiu o cristianismo. O Antigo Exipto é o primeiro pobo que practicou este costume, pois a súa escrita é xeroglífica, a súa mitoloxía figurada (cada unha das divindades representa un aspecto do deus supremo) e as súas manifestacións artísticas son simbólicas. Igualmente nas formas exteriores das relixións semíticas como a asiria e fenicia, na hindú e nas indoeuropeas, como a greco-latina, impera o símbolo pois nelas deuse a representación dos fenómenos da natureza personificados en seres mitolóxicos que terminaron por encarnar os valores morais da sociedade.
Por San Clemente de Alexandría sabemos que os símbolos, que profusamente ornamentaban as catacumbas e que posteriormente se viron reproducidos na pintura e a escultura, xa eran utilizados polos cristiáns no século II, adornando aneis, medallas etc. co propósito de recoñecerse entre si obrigados ao segredo que a persecución impoñía aos primeiros cristiáns. Entre outros empregábanse símbolos de unión ou reunión coma os peixes de bronce ou cristal atopados nas catacumbas de Roma e que se entregaban ós bautizados para que os levasen colgados do pescozo. Tamén era costume que os viaxeiros que recibiran hospitalidade nunha casa rompesen un símbolo e deixasen a metade do mesmo de modo que, se repetisen a visita, ou o fixesen os seus descendentes, se repetise a hospitalidade; tal é o uso que debían ter as moedas partidas que con frecuencia adoitan atoparse.
Á marxe destes símbolos convencionais, tiveron outros ós que a Igrexa deu moita importancia. O principal foi o símbolo dos Apóstolos, que pretendía proporcionar unha sucinta guía ó cristián sobre as verdades reveladas e para que os fieis puidesen cambiar un contrasinal entre si que os distinguise dos herexes; deste xeito se por calquera causa cambiaban de congregación podían ser recoñecidos como cristiáns ortodoxos se recitaban o símbolo. A igrexa primitiva prohibía entregalo por escrito para evitar que caese en mans dos infieis, de modo que os crentes debían aprendelo de memoria.
A arte figurativa adoptou estes símbolos para representar, en ocasións desprovistos xa de carácter relixioso ou mitolóxico, atributos ou calidades e ata determinadas manifestacións da actividade humana aos que foi engadindo outros cando foi necesario aínda que ó principio debedores das manifestacións relixiosas anteriores que constituían o patrimonio cultural común.
O símbolo como figura estilística
[editar | editar a fonte]O símbolo é un recurso estilístico. No poema de Rosalía de Castro "Un repoludo gaiteiro" (pertencente a Cantares Gallegos), "palomas" e "luz" son metáforas, sendo ademais "luz" tamén un símbolo:
- pobres palomas, buscaban
- a luz que as ía queimar
As "palomas" (pombas) identifícase co concepto de 'doncela'. A "luz", símbolo de vida e destrución, identifícase co gaiteiro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Símbolo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Figura estilística
- Comunicación
- Código
- Emblema
- Icona
- Indicio
- Insignia
- Letra
- Logotipo
- Semiótica
- Signo
- Símbolo sexual
- Síntoma
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Simboloxía galega (vídeo en Youtube)