Unha figura estilística, figura da linguaxe ou figura retórica é unha estratexia literaria que os escritores poden aplicar no texto para conseguir un efecto determinado no lector. Son formas de expresión máis localizadas en comparación coas funcións da linguaxe, que son características globais do texto. Pódense relacionar con aspectos fonolóxicos, morfosintácticos ou semánticos. Dado que se poden utilizar fóra do ámbito da poética para convencer a un auditorio, poden incluírse como parte da retórica.
Aliteración: combinación repetida de certos sons iguais ou afíns ó longo dun verso, estrofa ou poema.
Apóstrofe: nunca leva signos de interrogación. Invocación ou chamada a un ser ausente ou presente, real ou imaxinario, mesmo personificado.
Exclamación retórica: sempre entre signos de exclamación. O poeta trata de expresar sentimentos subxectivos conectados directamente coas súas máis íntimas sensacións.
Fonosimbolismo: evocación de sensacións non auditivas por medio da expresividade dos sons, Pode ser visual, táctil, cinético ou auditivo.
Interrogación retórica: entre signos de interrogación. Consiste na formulación dunha pregunta que non precisa ningunha resposta.
Onomatopea: aliteración que trata de reproducir ou suxerir sons da realidade.
Paronomasia: reunión de voces de pronuncia semellante con significados distintos.
Similicadencia: uso de palabras con son semellantes no mesmo accidente gramatical (verbos con mesmos sufixos).
Amplificación: desenvolvemento dun motivo cun máximo de palabras para alonga-lo texto.Pode valerse de calquera fenómeno producido por acumulación ou recorrencia.
Paráfrase: repetir ou traducir un discurso oral ou escrito con liberdade, sen se axustar ó orixinal.
Paréntese: inclusión no medio dun discurso oral ou escrito de asuntos secundarios que supoñen unha pausa ou ralentización no percorrido principal.
Expolitio: achega un mesmo motivo con múltiplas perspectivas.
Metonimia ou sinécdoque: noméase o todo por unha parte, unha parte por outra, unha parte polo todo...
Antonomasia: substituír un nome común por un nome propio (tamén pode ser común), o cal posúe algunha relación co inicial nome común.
Prosopopea: atribúese calidades humanas a algo que potencialmente carece delas.
Lítote: atenuación do que se quere expresar. Atenuación que se logra mediante un rodeo de palabras, normalmente precedidas do adverbio de negación non.
Ironía: expresar unha idea con palabras que indican aproximadamente o contrario do que e quere dicir.
Símbolo: substituír un substantivo que se refire a un elemento ou sentimento por outro substantivo con que aparentemente non ten relación. O elemento, polo que se substitúe trata de representar unha realidade espiritual.