Selección de rugby de Gales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gales
Escudo de camisola/Emblema da asociación
Alcume(s)O XV do Dragón
EmblemaPlumas do Príncipe de Gales
UniónWelsh Rugby Union
AdestradorWarren Gatland
CapitánAlun Wyn Jones
Mais capsAlun Wyn Jones (132)
Máis ensaiosShane Williams (58)
EstadioMillennium Stadium (73 931)
Casa
Fóra
Ranking World Rugby
Actual4 (2 de decembro de 2019)
Máximo1 (2019)
Mínimo10 (2007)
Estrea internacional
Inglaterra Inglaterra 8−0 Gales Gales
Londres, Reino Unido; 19 de febreiro de 1881
Maior vitoria
Gales Gales 98−0 Xapón
Cardiff, Reino Unido; 26 de novembro de 2004
Maior derrota
Suráfrica 96−13 Gales Gales
Pretoria, Suráfrica; 27 de xuño de 1998
Copa do Mundo
Participacións7 (primeira en 1987)
Mellor resultado3º (1987)
Plumas do Príncipe de Gales

A Selección de rugby de Gales (en galés: Tîm rygbi'r undeb cenedlaethol Cymru) representa ao País de Gales en torneos internacionais de rugby. Compite cada ano coas seleccións de Escocia, Francia, Inglaterra, Irlanda e Italia no Torneo das Seis Nacións. Gales ten gañado este torneo 24 ocasións, sendo o segundo no palmarés tras Inglaterra. A selección tamén compite na Copa do Mundo de Rugby cada catro anos, sendo o seu mellor resultado até o de agora terceiro en 1987. A International Rugby Board (IRB) considera a Gales como unha nación Tier One (de primeiro nivel), e actualmente ocupa o sétimo posto na Clasificación da IRB a 19 de setembro de 2011[1].

O corpo gobernante da mesma é a Unión de Rugby Galesa, que foi fundada en 1881, o mesmo ano que xogaron o seu primeiro encontro fronte a Inglaterra. As actuacións de Gales no Home Nations Championship (agora o Seis Nacións foi mellorando de xeito exponencial, chegando á súa primeira "idade de ouro" entre 1900 e 1911. No seu primeiro encontro fronte á Nova Zelandia, coñecidos coma os All Blacks, en 1905, gañaron por 3:0 nun encontro moi famoso no Cardiff Arms Park. O rugby galés baixou de nivel entre a Primeira e a segunda guerra mundial, mais experimentou unha segunda "idade de ouro" entre 1969 e 1982 cando gañaron cinco campionatos do Cinco Nacións (incluíndo tres vitorias compartidas). Xogaron a primeira Copa do Mundo de Rugby en 1987 onde acadaron a súa mellor clasificación ata o de hoxe neste torneo, terceiros. Despois da declaración oficial da profesionalización do rugby pola IRB en 1995, Gales acolleu a Copa do Mundo de Rugby 1999 e, en 2005, acadou o seu primeiro Grand Slam no Seis Nacións, seguido por un segundo en 2008.

Os xogadores actuais máis destacados son Ryan Jones e o Xogador Internacional do Ano da IRB en 2008, Shane Williams. Williams ademais conseguiu máis ensaios que ningún outro xogador na historia de Gales con 55.

Gales xoga con camisolas vermellas coas Plumas do Príncipe de Gales. O seu actual estadio é o Millennium Stadium en Cardiff, rematado de construír en 1999 para substituír o Estadio Nacional de Cardiff Arms Park. Dez antigos xogadores de Gales forman parte do Salón da Fama Internacional do Rugby, e un deles foi incluído no Salón da Fama da IRB.

Historia[editar | editar a fonte]

O rugby chegou a Gales en 1850, cando o reverendo Rowland Williams chegou a Vice-Director no colexio universitario de St David. O primeiro club galés, o Neath RFC, foi fundado en 1871. O 19 de febreiro de 1881, Gales xogou o seu primeiro encontro internacional, organizado por Newport's Richard Mullock, fronte a Inglaterra, gañando os ingleses por sete goles.

Os primeiros anos (1850 - 1919)[editar | editar a fonte]

Equipo de Gales en 1905 que derrotou a Nova Zelandia
Gales contra Nova Zelandia

O 12 de marzo de 1881 a Unión de Rugby Galesa foi fundada no Hotel Castle, en Neath.[2] Dous anos despois o torneo das Home Nations foi por primeira vez xogado e non acadaron ningunha vitoria.[3].

A finais de 1905, Gales xogou o seu primeiro encontro fronte a un equipo de fora das Home Nations, fronte a Nova Zelandia, os All Blacks no Cardiff Arms Park. Os neozelandeses estaban invictos durante a súa xira nas Illas Británicas, gañando a Inglaterra, Irlanda e Escocia nos tres encontros anteriores ao de Gales[4]. Antes do partido, os All Blacks realizaron a Haka (a famosa danza maorí), os 47.000 espectadores responderon a plena voz co Himno Nacional de Gales, o Hen Wlad Fy Nhadau ("Vella Terra dos Meus Pais"), a primeira vez que un himno nacional soou antes dunha competición deportiva.[5] O á galés Teddy Morgan anotou primeiro para dar a Gales un 3 a 0, mais un pouco despois o All Black Bob Deans afirmou que conseguira un tanto arrastrándose detrás da liña de gol antes de que o arbitro chegase. Mais o arbitro sinalou melé e o marcador finalmente non trocou, gañando os galeses finalmente por 3 a 0[6]. Esta derrota foi a única dos neozelandeses, que só perderon 1 dos seus 35 encontros da xira.

En 1909, Gales gaña o Home Championship e logo, en 1910, o primeiro torneo das Cinco Nacións (agora xa incluíndo a Francia como a quinta nación). En 1911, Gales gaña o primeiro Grand Slam oficial gañando tódolos seus encontros do Cinco Nacións. Terían que pasar corenta anos até repetir a xesta. A primeira guerra mundial chegou en 1914 e o rugby foi suspendido durante a súa duración.

Anos de Posguerra (1920 - 1968)[editar | editar a fonte]

Pintura de Inglaterra contra Gales en 1931
Irlanda contra Gales, ilustración de 1920

Os anos da posguerra da primeira guerra mundial foron de declive para o rugby Galés. O peor período foi durante comezos dos anos vinte cunha recesión industrial no país moi grave, sendo a situación máis crítica no sur de Galés. Xogáronse 42 encontros, dos que só 17 foron gañados e 3 empatados. A depresión acabou con medio millón de persoas abandonando Gales para atopar traballo en calquera lar, incluíndo gran parte dos xogadores de rugby da Unión de Rugby Galesa. Entre 1923 e 1928, Gales acadou só 7 vitorias, 5 delas fronte a Francia.

O rexurdimento da economía e do rugby foron parellos nos anos 30, e en 1931 Gales gañou o seu primeiro campionato tras nove anos. En 1935, Gales gañou na súa xira ós All Blacks por 13 a 12 con Haydn Tanner facendo a súa primeira aparición. Durante a segunda guerra mundial o torneo das Cinco Nacións foi suspendido.

Despois da guerra, Gales xogou contra o equipo da armada de Nova Zelandia (os Kiwis) en 1946, perdendo por 11 a 3. O campionato das Cinco Nación volveu en 1947 gañando o título compartido con Inglaterra. En 1948 perdeu por primeira vez na casa contra Francia. Gañaron en 1950 o seu primeiro Grand Slam dende 1950. En 1956, Gales gaña de novo o Cinco Nacións, cousa que non se repetirá até 1964 de xeito compartido e 1965 de pleno dereito.

O 23 de marzo de 1968 aconteceu un fito histórico, non só para o rugby galés, senón para toda Gales, cando o público que asistía en Arms Park ao partido contra Francia impediu cos seus asubíos a interpretación do God Save the Queen, que ata entón se interpretaba como himno para a selección galesa, e entoou o Hen Wlad Fy Nhadau ("Vella terra dos meus pais"), himno de Gales[7].

A segunda 'Idade de Ouro' (1969 - 1982)[editar | editar a fonte]

Durante este período, o equipo de Gales, especialmente entre 1969 e 1979 foi e segue a ser considerado un dos máis grandes equipos de rugby da historia. Con grandes xogadores a nivel mundial como Gareth Edwards, JPR Williams, Gerald Davies, Barry John e Mervyn Davies, Gales dominou o rugby do hemisferio norte, cun incríbel rexistro de vitorias, perdendo só cinco veces no Campionato das Cinco Nacións.

O fin desta era chegou coa derrota fronte a Escocia en Cardiff o 20 de marzo de 1982, sendo derrotados os Dragóns Vermellos por 18 a 32, a maior anotación en contra que concedeu Gales na casa na súa historia.

Os anos estériles (1983 - 2003)[editar | editar a fonte]

Gales gañou dous partidos en cada un dos torneos de 1983 e 1984 do cinco Nacións. Australia derrotou a Gales 28 a 9 no Cardiff Arms Park. Neste encontro recibiu o maior número de puntos contra Gales en Cardiff por un equipo fóra do Cinco Nacións.

De tódolos xeitos Gales segue a ser respectado polo momento na primeira Copa do Mundo en 1987. Despois de derrotar a Inglaterra nos cuartos de final, Gales viuse as caras fronte os All Blacks (selección de Nova Zelandia). Aínda que os neozelandeses gañaron por 46 a 9, Gales venceu a Australia no partido pola terceira praza[8] O ano seguinte Gales gañou a Tripla Coroa por primeira vez dende 1979, pero grandes derrotas durante a xira en Nova Zelandia puxeron final ás carreiras dun gran número de xogadores galeses, que se pasaron ao rugby league (deporte semellante ao rugby).

En 1990, Gales sufriu o seu primeiro Cinco Nacións en branco e, en 1991, sufriron máis ou menos o mesmo destino ao acadar un só punto por un empate fronte a Irlanda en Cardiff. Na Copa do Mundo de Rugby de 1991 Gales perdeu o seu primeiro partido na fase grupos contra Manu Samoa. Posteriormente gañaron aos Pumas da Arxentina pero perderon estrepitosamente contra os actuais campións nese intre, Australia polo que foron eliminados antes da fase de cuartos de final.[9]

As actuacións de Gales melloraron tempo despois, en 1998 coa chegada dun novo adestrador, Graham Henry, e o retorno de internacionais dende o rugby league. Henry conseguiu unha racha de dez vitorias consecutivas[10] incluíndo a primeira vitoria de Gales sobre os actuais campións nese intre do mundo, Suráfrica, por 29 a 19, no partido inaugural do Millennium Stadium, co que os medios de comunicación galeses comezaron a chamalo the great redeemer (o gran redentor)[11]. Gales acolleu o Mundial de Rugby de 1999, no que Gales se clasificou por primeira vez a cuartos de final dende 1987, onde perderon 9 a 24 contra Australia[12]. Xa cun novo adestrador no Mundial de 2003, Gales anotou catro ensaios contra Nova Zelandia, perdendo ao final 53 a 37, e máis tarde perdendo cos que logo serían os campións do torneo, Inglaterra, por 28 a 17, nos cuartos de final[13]

Michael Owen

Rexurdimento (2004 - Presente)[editar | editar a fonte]

Adestrados por Mike Ruddock, Gales gañou o seu primeiro Grand Slam do Torneo das Seis Nacións (dende que se incorporou Italia) en 2005. Comezaron vencendo 11 a 9 sobre Inglaterra no Millennium Stadium, grazas a un penalti de longa distancia de Gavin Henson. Logo dunha vitoria sobre Italia, Gales enfrontouse a Francia, partido que ían perdendo 15 a 6 no intermedio. Gales conseguiu darlle a volta ao marcador vencendo 24 a 18, nun dos partidos máis emocionantes de todo o torneo. Os do XV do Dragón máis tarde venceron a Escocia fora da casa (46 a 22) e despois, no Millennium, fronte a unha multitude de seareiros, xogaron o partido final do torneo fronte a Irlanda. Gañando os Dragóns Vermellos por 32 a 20, no seu primeiro título do campionato dende 1994, e o seu primeiro Grand Slam dende 1978[14]. A derrota por 41 a 3 contra os All Blacks no Millennium Stadium a finais de ano, supuxo a maior derrota da historia en chan galés[15]. Foi seguido por unha vitoria por un só punto contra Fidxi, unha derrota fronte a Suráfrica e unha vitoria contra Australia[16]

O 14 de febreiro de 2006 Mike Ruddock rexeitou continuar coma adestrador de Gales por motivos familiares[17]. O 10 de maio de 2007, Gales e Australia decidiron celebrar 100 anos de partidos de rugby entre os dous países co estabelecemento do Trofeo James Bevan[18]. Australia gañou as series 2 a 0.

No Mundial de 2007, Gales fallou e non conseguiu pasar aos cuartos de final. O 8 de outubro dese ano, a WRU e Unión de Rugby de Suráfrica estabeleceron o Trofeo Prince William para conmemorar 100 anos de rugby entre Gales e o estado africano.

Colin Charvis

Warren Gatland, un neozelandés e antigo All Black, foi contratado coma novo adestrador de Gales o 9 de novembro de 2007. O seu primeiro partido coma adestrador foi no Seis Nacións de 2008 contra Inglaterra en Twickenham o 2 de febreiro de 2008. Inglaterra, finalistas no Mundial de 2007, eran os favoritos e vencían por 13 ao descanso, á saída Gales pelexou e acadou a vitoria por 26 a 19, a súa primeira vitoria en Twickenham dende 1988. Os seguintes dous partidos de Gales fronte a Escocia e Italia remataron con vitorias por 30-15 e 47-8 respectivamente. Finalmente a súa vitoria fronte Irlanda 12 a 16 en Dublín (gañando a Tripla Coroa) e no último partido do campionato fronte a Francia gañaron 29 a 12 no Millennium Stadium, polo que gañaron o campionato e o Grand Slam. Nos partidos internacionais do outono dese ano foron derrotados fronte a Nova Zelandia e Suráfrica, pero gañaron fronte ao Canadá e, quizais moito máis importante, contra Australia por 21 a 18, o que os converteu na única selección do Hemisferio Norte que gañou a un dos países do Tri Nations en 2008, o que os levou a ocupar o quinto posto nas clasificacións mundiais. Máis vitorias fronte Escocia e Inglaterra melloraron a súa posición até acadar o cuarto posto mundial (a 23 de febreiro de 2009)[19]. Nos primeiros partidos Seis Nacións de 2009 a selección leva dous partidos gañados (fronte Escocia e Inglaterra) e un perdido fronte Francia, tendo posibilidades de revalidar o título.

Os símbolos[editar | editar a fonte]

Insignia dos Príncipes de Gales

O equipamento[editar | editar a fonte]

O país de Gales xoga con camisola vermella e coas plumas do Príncipe de Gales, cuns pantalóns albos e coas medias, ao que a camisola, vermellas.

En 2007 o equipamento a compañía que viste aos galeses é Reebok é a cervexaría de Cardiff SA Brain quen aparece como patrocinador da camiseta. Como a Lei Évin (lei francesa que limita fortemente o dereito de facer publicidade de bebidas alcólicas nas camisolas), cando o equipo xogou en Francia en 2005 a verba "Brains" foi substituída por "Brawn" (músculo), en 2007 poñía "Brawn Again".

O emblema[editar | editar a fonte]

O seu emblema representa tres plumas estilizadas de avestruz, incorporando así o símbolo do Príncipe de Gales cunha versión "modernizada" na que por exemplo se perdeu a divisa "ich dien", que significa Eu son en alemán. Estas insignias foron as do príncipe Eduardo de Woodstock, o Príncipe Negro, na vitoria na Batalla de Crécy, o 25 de agosto de 1346. Eduardo é unha figura da historia galesa[20].

O porro[editar | editar a fonte]

A orixe do porro como símbolo remontase a unha batalla que tivo lugar nun campo de porros, cando Saint David (patrón de Gales), evanxelizador do país, aconsella aos combatentes galeses de dotarse deles para distinguirse dos asaltantes, o que levou a unha grande vitoria galesa. Unha razón máis probábel de é que este vexetal é moi común no País de Gales e a base de numerosas receitas culinarias[21].

O porro (cenhinem en galés) é levado o primeiro de marzo na honra do santo patrón, aínda que ás veces é substituído polo narciso (que ten case o mesmo nome en galés: cenhinem pedr), e é un pouco máis estético.

O dragón[editar | editar a fonte]

O dragón vermello (Y ddraig goch en galés) é un símbolo nacional, da loita entre os Saxóns e os Celtas. Unha lenda conta que o rei Uther Pendragon (pai do Rei Artur) quería construír un castelo, máis a terra tremía e destruíndo os cimentos sen descanso. Merlín, chamado Myrddin en galés, que tiña o don da clarividencia, achou que este problema era debido a dous dragóns: un, o de cor branca, tomara o lugar do outro, o vermello, na súa cova. O dragón vermello representa metaforicamente aos Bretóns, que eventualmente prevaleceron sobre os invasores saxóns.

É a insignia real de Gales dende 1901 e dende 1959, por orde da Raíña, en representación da bandeira nun fondo verde e branco (as cores da familia Tudor, orixinaria de Gales), sendo a bandeira oficial do país.

Estadios representativos do XV do dragón[editar | editar a fonte]

Millennium Stadium, Cardiff, onde Gales xoga tódolos seus partidos en casa

O primeiro partido internacional da selección en Gales foi xogado no campo de Saint Helen, en Swansea en 1882, campo que se seguiu utilizando até 1954, momento no que o Cardiff Arms Park tomou o relevo. Este estadio fora comezado a erixir en 1881 e continuou creando máis asentos durante ese década. As multitudes acudían cada vez máis a ver os partido, chegando en 1902 a superar todo un récord ao reunir 40.000 espectadores nun partido fronte a Escocia. En 1933 unha nova bancada foi erixida, aumentando a súa capacidade até os 56.000 espectadores.

Estadio Nacional

En 1958, a WRU concluíu que era preciso un novo estadio xa que o vello inundábase a miúdo. Despois da disputa entre a federación galesa (WRU) e outras partes, incluído o Cardiff RFC (equipo de rugby galés), xa nos anos 60 decidiuse que un novo estadio nacional se ía a construír nun novo terreo co apoio do club de Cardiff. O National Stadium, como así se coñecía, foi oficialmente inaugurado en 1970.

Actualmente, Gales xoga tódolos partidos en casa no Millennium Stadium de Cardiff, que é tamén estadio nacional de Gales. O Millennium Stadium ten unha capacidade para 74.500 espectadores[22] e é o estadio máis grande do país, ademais do cuarto con máis capacidade de todo o Reino Unido despois de Wembley, Twikenham e Old Trafford. O Millennium Stadium foi proxectado en 1994, para substituír o National Stadium que despois dunha revisión viuse que estaba en non moi boas condición, habendo ademais unha nova lexislación que requiría que os estadios tiveran tódolos postos cubertos con cadeiras[23]. A Construción comezou en setembro de 1997 e foi rematado en xuño de 1999, a tempo para a Copa do Mundo de Rugby de 1999. A construción custou a WRU 126 millóns de libras esterlinas (uns 190 millóns de euros).

Rexistros[editar | editar a fonte]

Copa do Mundo de Rugby[editar | editar a fonte]

Participacións de Gales na Copa do Mundo.

Edición Organizador Posto
1987 Nova Zelandia e Australia Terceiro
1991 Inglaterra[24] Fase de grupos
1995 Suráfrica Fase de grupos
1999 País de Gales[25] 1/4 finalista
2003 Australia 1/4 finalista
2007 Francia[26] Fase de grupos
2011 Nova Zelandia Cuarto
2015 Inglaterra[27] -

Seis Nacións[editar | editar a fonte]

 
Escocia

Francia

Gales

Inglaterra

Irlanda

Italia
Torneos 121 86 121 119 121 16
Vitorias (compartidas) 14 (8) 17 (8) 26 (10) 26 (10) 13 (9) 0 (0)
Grand Slam 3 9 11 12 2 0
Tripla Coroa 10 N/A 20 24 10 N/A

Rexistros de xogadores[editar | editar a fonte]

Máis partidos coa selección[editar | editar a fonte]

Gareth Thomas

A listaxe seguinte recoller os rexistros máis notábeis de partidos xogados coa selección galesa[28]. A lista inclúe xogadores dos últimos 25 anos, é preciso sinalas que unha clasificación por número de selección non depende só da calidade do xogador senón só do número de partido disputados internacionalmente. Co nacemento da copa do mundo en 1987 a periodicidade dos partidos variou de xeito destacábel. En negra xogadores que seguen en activo na selección de Gales.

  1. Gethin Jenkins - 115
  2. Stephen Jones - 104
  3. Gareth Thomas - 100
  4. Martyn Williams - 99
  5. Adam Jones - 95

5 de setembro de 2011

Máis ensaios[editar | editar a fonte]

Shane Williams

Shane Williams é o xogador que conseguiu máis ensaios coa selección de Gales[29], xogador que ademais é o único en activo dos seis primeiros da clasificación coa selección galesa, sendo ademais sexto na clasificación de máis ensaios en toda a historia do rugby coa súa selección.

  1. Shane Williams - 58
  2. Gareth Thomas - 40
  3. Ieuan Evans - 33
  4. Colin Charvis - 22
  5. George North - 22

5 de setembro de 2011

Puntos[editar | editar a fonte]

Stephen Jones e Tom Shanklin

O récord de puntos marcados posúeo Neil Jenkins con 1.049 puntos[30]. Este xogador, retirado en 2003, ocupa o primeiro posto na clasificación histórica internacional de puntos coa súa selección, aínda que contando partidos cos British and Irish Lions só superado polo inglés Jonny Wilkinson, xogador que segue en activo.

  1. Neil Jenkins - 1.049
  2. Stephen Jones - 917
  3. Leigh Halfpenny - 493
  4. James Hook - 352
  5. Paul Thorburn - 304

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "IRB World Rankings". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2011. Consultado o 26 de febreiro de 2009. 
  2. http://www.rugbyfootballhistory.com/timeline1880s.htm Historical Rugby Milestones 1880s (en inglés)
  3. http://www.rugbyfootballhistory.com/6nations.htm Historia do Seis Nacións (en inglés)
  4. "The 1905/06 'Original' All Blacks en Rugby Museum". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2013. Consultado o 26 de febreiro de 2009. 
  5. "Museo do Rugby" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2013. Consultado o 26 de febreiro de 2009. 
  6. All Black Test: 83rd All Black Game
  7. Vídeo en Youtube.
  8. "Resultados da Rugby World Cup". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 27 de febreiro de 2009. 
  9. "Resultados da 1991 Rugby World Cup" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 16 de setembro de 2019. 
  10. "Arquivo de Adestradores de Gales" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 28 de febreiro de 2009. 
  11. Henry O "Great Redeemer" (en inglés)
  12. "Resultados da 1999 Rugby World Cup". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 28 de febreiro de 2009. 
  13. "Resultados da 2003 Rugby World Cup". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 28 de febreiro de 2009. 
  14. Wonderful Wales exude joy of Six (en inglés)
  15. All Blacks step up a Gear to crush Wales (en inglés)
  16. "Arquivo de Resultados de Gales". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2007. Consultado o 28 de febreiro de 2009. 
  17. Ruddock steps down as Wales coach (en inglés)
  18. Novo trofeo para Gales contra Australia
  19. "IRB Rankings" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2012. Consultado o 28 de febreiro de 2009.  IRB Rankings (en inglés)]
  20. Tres plumas e dous dedos(en inglés) Arquivado 25 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine., de www.thereddragonhood.com
  21. "Un porro e as plumas" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2008. Consultado o 26 de febreiro de 2009. 
  22. O Millennium Stadium
  23. [https://web.archive.org/web/20071009115105/http://www.millenniumstadium.com/3473_3557.php Arquivado 09 de outubro de 2007 en Wayback Machine. Background to the Millennium Stadium Project (en inglés)
  24. coa asistencia de País de Gales, Escocia, Irlanda e Francia
  25. coa asistencia de Escocia, Inglaterra, Irlanda e Francia
  26. coa asistencia de País de Gales e Escocia
  27. coa asistencia do País de Gales
  28. WRU: Arquivo de Xogadores de Gales, en wru.co.uk Arquivado 02 de marzo de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)
  29. WRU: Arquivo de Xogadores de Gales Arquivado 24 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. wru.co.uk (en inglés)
  30. WRU: Arquivo de Xogadores de Gales Arquivado 17 de maio de 2008 en Wayback Machine., consultado o 28 de febreiro de 2009, en wru.co.uk (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]