Reintegracionismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reintegracionista»)
Associaçom Galega da Língua.

O reintegracionismo ou lusismo[1] é unha postura lingüística que defende que o galego, xunto co resto de variedades da lingua portuguesa, son unha única lingua.[2] Xa que logo, as diferentes falas galegas serían, como as portuguesas, parte da mesma lingua, e non dúas linguas do mesmo diasistema lingüístico como defende a RAG. Como consecuencia da procura da converxencia entre o galego e o portugués, este movemento propón a adopción da normativa reintegracionista do galego, se ben hoxe en día asociacións como a AGAL promoven a convivencia desa norma xunto coa normativa oficial do galego nun chamado binormativismo.

A normativa reintegracionista do galego ten a súa orixe no Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1983. Estas normas, completadas e actualizadas, poden ser encontradas no Compêndio Atualizado das Normas Ortográficas e Morfológicas do Galego-Português da Galiza [3] da Associaçom de Estudos Galegos. Pola súa parte, a AGAL deu un paso alén e encadrou esas normas xunto coas usadas pola xente partidaria de introducir o padrón portugués, nun proceso coñecido como confluência normativa.[4] Desta confluencia saíu en 2017 a Ortografia galega moderna: confluente com o português no mundo, obra sen carácter prescritivo[5] que estabelece a día de hoxe a norma escrita.

Historia[editar | editar a fonte]

Logotipo vello da AGAL.

Como postura moi minoritaria tivo algúns partidarios a comezos do século XX como Xoán Vicente Viqueira[6] ou Evaristo Correa Calderón e a mediados do século na figura de Ernesto Guerra da Cal[7]. Con todo a primeira formulación ortográfica debeuse a José Martinho Montero Santalha que en 1976 publicou na revista Grial a súa Unificación ortográfica galego-portuguesa, recollendo a proposta que Manuel Rodrigues Lapa fixera en 1973 de adoptar o portugués como a forma literaria do galego, pero matizándoa para defender só un achegamento ortográfico[8], afondando nesa liña en Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa de 1979. Eses postulados recolleunos Ricardo Carvalho Calero a partir de 1980 nunha serie de obras. E ao ano seguinte naceu a principal organización reintegracionista; a Associaçom Galega da Língua.

A normativa reintegracionista do galego[editar | editar a fonte]

Para o reintegracionismo, as falas galegas forman parte do mesma sistema lingüístico que o portugués. Deste xeito, aos padróns portugués e brasileiro, habería que engadir un terceiro padrón galego. Polo tanto, rexeitan a normativa oficial do galego, xa que argumentan que está baseada na ortografía castelá e que separa o galego artificialmente do resto de falas lusófonas.

No pasado ten habido polémica entre os reintegracionistas partidarios de manter unha ortografía converxente, mais marcando claramente os trazos galegos, e outros que optaban por adoptar o padrón portugués directamente. Hai quen ten chamado estas dúas posturas de reintegracionistas e lusistas respectivamente, mais a maioría do colectivo rexeita esta nomenclatura e, fóra del, lusismo e reintegracionismo son usados como sinónimos.

Nome da lingua[editar | editar a fonte]

As persoas partidarias do reintegracionismo teñen diferentes achegamentos á hora de nomear a lingua. O maior consenso está en usar o nome galego, unha vez que é o máis espallado socialmente, convivindo co nome portugués no ámbito internacional. Deste xeito, galego e portugués funcionarían como sinónimos, igual do que castelán e español. Non é de estrañar entón ver que certa xente reintegracionista se refira ao galego falado en Galiza como português da Galiza, do mesmo xeito que é posíbel ver o termo galego tropical en referencia ao portugués do Brasil.[9]

No ámbito académico foi aumentando o uso do termo galego-portugués, a semellanza do usado noutras linguas como o asturleonés ou o serbocroata. Esta nomenclatura, porén, choca co uso dado actualmente ao termo, que é o da lingua na súa época medieval, que requiriría ser alterado tamén.

Para diferenciar o galego escrito segundo a normativa reintegracionista do galego daquel escrito segundo a normativa oficial do galego, a AGAL promove o nome galego internacional,[10] que convive con outros termos como galego reintegrado ou galego lusista.

A ILP Paz-Andrade[editar | editar a fonte]

En 2014 o parlamento galego aprobou por unanimidade a ILP Paz-Andrade, convertida en Lei de aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.[11] Esta lei promove o ensino da lingua portuguesa en todos os niveis educativos e a relación co resto de países da lusofonía a todos os niveis. No seu texto, di o seguinte sobre o galego e a súa relación co portugués:

A lingua propia de Galicia, polo feito de ser intercomprensible co portugués, outorga unha valiosa vantaxe competitiva á cidadanía galega en moitas vertentes, nomeadamente na cultural pero tamén na económica. Por isto debemos dotarnos de métodos formativos e comunicativos que nos permitan desenvolvernos con naturalidade nunha lingua que nos é moi próxima e nos concede unha grande proxección internacional.

Entre outras cousas, por causa desta lei o Diario Oficial de Galicia (DOGA) permite a súa visualización en portugués, galego e castelán. Tamén é posíbel ver coproducións de series entre a TVG e a RTP, como Auga Seca ou Vidago Palace.

Galiza na CPLP[editar | editar a fonte]

A presenza de Galiza na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) vén de longo. Varias delegacións galegas teñen participado ao longo da década de 1980 nos debates sobre a unificación das normas do portugués, o que daría como resultado o Acordo Ortográfico do Portugués de 1990.[12] En 2016 ingresou como observador consultivo o Consello da Cultura Galega[13], e posteriormente en 2017 tamén o faría a Academia Galega da Língua Portuguesa[14].

En 2018 en debate parlamentario foi aprobada unha resolución no Parlamento de Galicia solicitando ao goberno galego iniciar trámites para a incorporación de Galiza na CPLP.[15]

Asociacións e colectivos afíns ao reintegracionismo[editar | editar a fonte]

A maior asociación do movemento reintegracionista é a Associaçom Galega da Língua. Dela escindiuse a Associaçom de Estudos Galegos por diferenzas relacionadas coa confluência normativa. Noutro ámbito máis diplomático está a Academia Galega da Língua Portuguesa, observador consultivo da CPLP. Alén destas, destacan historicamente outras agrupacións como como o MDL (Movemento Defensa da Lingua), usan a Norma AGAL e a portuguesa indiferentemente, a AAG-P (Asociación de Amizade Galiza-Portugal), as IFG-P (Irmandades da Fala da Galiza e Portugal) ou a Asociación Socio-Pedagóxica Galaico-Portuguesa (AS-PGP). Xa no ámbito internacional, encontramos o MIL: Movemento Internacional lusófono e os Coloquios da Lusofonía.

Ademais, existen organizacións que defenden a liberdade normativa para a lingua galega e, en consecuencia, teñen publicacións escritas en normativa reintegracionista. É o caso da editorial Laiovento ou da revista cultural O Ferrado.

Fóra destas asociacións, cómpre destacar os movementos sociais de base, como os centros sociais ou a Rede de Escolas Semente.

Xa no ámbito político, mesmo que os principais partidos non adoptan a normativa reintegracionista, a nivel persoal diferentes persoas, como os deputados Antón Gómez-Reino (Podemos) e Néstor Rego (BNG), teñen usado e defendido esta normativa publicamente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lusismo.
  2. Francisco Fernández Rei A situación do galego en Galicia e no occidente de Asturias, de León e de Zamora en Estudios de sociolingüística románica: linguas e variedades minorizadas. Universidade de Santiago de Compostela, 1999, páxina 43
  3. "Sai o 'Compêndio atualizado das normas ortográficas e morfológicas do galego-português da Galiza" AEG
  4. "AGAL aproba a confluencia das dúas tradicións normativas do reintegracionismo" Galicia Confidencial, 5 de decembro de 2016
  5. "Ortografia Galega Moderna confluente com o Português no mundo I. Esclarecimentos prévios". AGAL
  6. Domingos Prieto Alonso Planificaçom lingüística do galego:Vicente Viqueira, mestre de dom Ricardo en José Luís Rodríguez (ed.) Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero. Universidade de Santiago de Compostela, 2000, pp. 267-281
  7. Maria do Carmo Henríquez Salido Caracterizaçom da língua en Ernesto Guerra da Cal en Homenagem a Ernesto Guerra da Cal. Universidade de Coimbra, 1997, páxina 277
  8. Serafín Alonso Pintos O ideal de lingua na Gramática de Carballo Calero, Grial 147, 2000, páxina 473
  9. "Português brasileiro: o galego tropical" PGL, 9 de setembro de 2015
  10. "AGAL priorizará “galego internacional” para definir o seu modelo de língua" Arquivado 27 de marzo de 2020 en Wayback Machine. PGL, 12 de decembro de 2017
  11. "LEI 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía" DOG, 8 de abril de 2014
  12. Academia das Ciências de Lisboa (6-12 de outubro de 1990). "Delegações e intervenientes no Encontro de Unificação Ortográfica, a convite da Secretaria de Estado do Governo Português e Academia das Ciências de Lisboa, que elaboraram o Acordo Ortográfico de 1990 ou «Ortografia Unificada da Língua»". Archived from the original on 28 de febreiro de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2020. 
  13. "O CCG ingresa como observador consultivo na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa". Consello da Cultura Galega. 1 de novembro de 2016. 
  14. "AGLP observador consultivo da CPLP". Portal Galego da Língua. 24 de xullo de 2017. 
  15. 12.ª Resolución “O Parlamento insta a Xunta a adoptar as medidas que sexan necesarias, antes de finalizar a presente lexislatura, para impulsar a solicitude de admisión de Galicia como membro na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. Así mesmo, insta o Goberno galego a desenvolver de maneira real e efectiva a Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua e cultura portuguesas convocando prazas docentes de portugués na vindeira oferta pública de emprego dirixida ao ensino e a dotar de orzamento nas contas para 2019 a aplicación desta lei.” Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas. (Proposta de resolución núm. 22 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego). "Resolucións aprobadas no Debate anual de política xeral". Parlamento de Galicia. 9 de outubro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]