Saltar ao contido

Rapante pintado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rapante pintado
Lepidorhombus boscii
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Scophthalmidae
Xénero: Lepidorhombus
Especie: L. boscii
Nome binomial
Lepidorhombus boscii
Risso, 1810

O rapante pintado, tamén coñecido como ollón,[1][2] rapante de catro manchas,[3] e, sobre todo, como meiga (de Fisterra "para arriba") e rapante (de Fisterra "para abaixo"), cientificamente Lepidorhombus boscii (Risso, 1810), é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos escoftálmidos,[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1810 polo naturalista nizardo Antoine Risso baixo o nome de Pleuronectes boscii,[4] que dedicou ao seu colega Louis-Augustin Bosc d’Antic.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo basónimo citado, a especie tamén se coñeceu polos sinónimos:[4]

  • Arnoglossus boscii (Risso, 1810)
  • Hippoglossus boscii (Risso, 1810)
  • Rhombus boscii (Risso, 1810)

Descrición

[editar | editar a fonte]
Lepidorhombus boscii nun mercado.

Peixe aplanado e de corpo moi alongado, mide entre os 20 e os 40 cm de lonxitude e pesa entre os 200 gr e os 1.500 gr.[5] Ten os ollos situados no lado esquerdo, ambos os dous separados por unha crista ósea (o inferior esta mais adiantado). Lepidorhombus boscii presenta catro pintas escuras e redondas en cada unha das aletas anal e dorsal,[6] e posúe unhas escamas que son caedizas e do mesmo xeito que en Lepidorhombus wiffiagonis (o rapante común) son ctenoides no lado pigmentado e cicloides) no lado cego.[7]

As súas mandíbulas superiores con dentes moi pequenos e curvados acadan as proximidades da vertical que pasa polo centro do ollo e a lonxitude desta é de igual magnitude para ambos os lados da boca que é ancha e oblicua. A aleta dorsal ten 78/86 radios, a anal 65/69, a pectoral 11/12 e a ventral 6. Todos os radios son brandos.

Posúe de 11 a 13 branquispinas na rama inferior do primeiro arco branquial.

Hábitat e situación

[editar | editar a fonte]

Vive moi próximo ao fondo (é demersal), nos bancos areosos da masa de auga que é o seu hábitat a uns 1.000 ou 900 metros aproximadamente.

Lepidorhombus boscii atópase nas augas do Atlántico nororiental, no mar Cantábrico e no Mediterráneo occidental.

En Galicia

[editar | editar a fonte]

A primeira cita desta especie en Galicia débese a De Buen, no seu traballo de 1935 "Fauna ictiológica. Catálogo de los peces ibéricos de la planicie continental, aguas dulces, pelágicos y de los abismos próximos. II parte!, Not. y Res. Inst. Esp. Ocean. 82: 1-89.[2]

A outra especie do xénero

[editar | editar a fonte]

Ademais do rapante pintado (Lepidorhombus boscii), hai outra especie denominada rapante común (Lepidorhombus whiffiagonis) que se diferencia deste en que non ten as catro manchas escuras do final do corpo e tamén en que o tamaño do rapante común é algo maior. Na praza diferéncianse en que o pintado ten unha cor máis escura e as raias debaixo da pel son lixeiramente máis grosas e máis escuras que o rapante común.

O rapante pintado cotizábase en agosto de 2012 a uns 12 €/kg mentres que o común a uns 7 €/kg.

  1. Rodríguez Solórzano et. al. (1983), p. 182.
  2. 2,0 2,1 Rodrígue Villanueva el al. (1995), pp. 280-281.
  3. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 83.
  4. 4,0 4,1 4,2 Lepidorhombus boscii (Risso, 1810) no WoRMS.
  5. Ficha do peixe (en castelán)
  6. Ao que debe o nome que lle outorgaron Lahuerta e Vázquez.
  7. Ficha do rapante na web de gastronomíadegalicia.com da Xunta de Galicia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]