Portal:Finlandia/Artigo destacado/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Finlandia:

1[editar a fonte]

A Liiga (anteriormente denominada Suomen Mestaruus Liiga ou SM-liiga en finés, e FM-ligan en sueco) é a máxima liga profesional de hóckey sobre xeo de Finlandia, e unha das ligas máis famosas nesa modalidade en Europa, sendo catalogada pola IIHF como a segunda mellor liga nacional máis importante do continente por detrás da Svenska hockeyligan (SHL), e a cuarta mellor do mundo por detrás das ligas internacionais National Hockey League (NHL) e Kontinental Hockey League (KHL).

Creada en 1975, substituíu ao campionato de afeccionados SM-sarja, e na súa tempada inaugural competiron dez equipos, número que foi progresivamente aumentando ata os 15 que a conforman dende a tempada 2015-16. A Liiga ten un acordo coa Federación Finesa de Hóckey sobre xeo, polo que está considerada coma o campionato principal do país. Ademais, o hóckey sobre xeo está considerado un dos deportes nacionais de Finlandia.

O trofeo entregado ao equipo campión dos play-offs (e polo tanto o campión final da liga) é a Kanada-malja, que era entregada xa na precedente SM-sarja. O equipo que máis veces gañou a Kanada-malja é o Tappara de Tampere (19 en total), que é tamén o equipo máis laureado dende a profesionalización da competición con 12 títulos. Dende a súa creación, a liga estivo dominada principalmente por tres equipos: Tappara (12 títulos e 9 subcampionatos), TPS (10 títulos e 7 subcampionatos) e Kärpät (8 títulos e 2 subcampionatos), que suman un total de 28 títulos ao inicio da tempada 2018-19.


2[editar a fonte]

Finlandia participou en primeira ocasión no Festival de Eurovisión en 1961, e participou en total 45 veces. Finlandia gañou o festival por primeira vez no 2006 con "Hard Rock Hallelujah" de Lordi. Anteriormente o seu mellor resultado fora un 6º lugar con "Tom tom tom" de Marion Rung en 1973.

Antes da vitoria do 2006 Finlandia era considerada por moitos como o mellor exemplo dun país con pobres resultados en Eurovisión. Terminou nove veces en último lugar e obtivo "cero puntos" tres veces. A canción finlandesa de 1982, "Nuku pommiin" de Kojo, é unha das quince cancións que obtivo cero puntos desde que se introduciu o sistema de puntuación actual en 1975 (Noruega terminou en último lugar dez veces e obtido cero puntos catro veces, con todo gañou tres). No 2006, Lordi obtivo a vitoria, cunha canción radicalmente diferente ao europop que dominaba nas propostas da competencia: unha canción de rock heavy, interpretada por unha banda de "monstros" e un espectáculo visual ao uso. A banda e a súa canción "Hard Rock Hallelujah" rompeu récord ao obter a puntuación máis alta na historia do Festival de Eurovisión ata aquela data (292 puntos).


3[editar a fonte]

Hai 53 municipios en Finlandia nos que o finés non é a única lingua oficial. En Finlandia, en decembro de 2013, o 89,3% da poboación falaba finés, o 5,3% sueco, e o 0,04% linguas saamis. Tanto o finés como o sueco son linguas oficiais de Finlandia. Oficialmente, un municipio é bilingüe se a poboación que fala a lingua minoritaria é canto menos o 8% da poboación total, ou ten canto menos 3 000 falantes. Un municipio previamente bilingüe mantense co status se a proporción da lingua minoritaria descende por baixo do 8%, ata o 6%. Se cae por debaixo do 6%, é posible que o municipio se manteña bilingüe por decreto gobernamental, por recomendación do consello municipal, durante dez anos máis. Entre os municipios que fan uso da regra dos 3 000 falantes inclúense a capital Helsinqui e no centro cultural da comunidade sueca finesa, Turku. No arquipélago das Åland, onde o finés está case ausente da vida diaria, a lei lingüística non se aplica. No continente, a maior proporción de falantes de lingua sueca encóntrase na costa occidental, en Ostrobotnia.

Dos 317 municipios de Finlandia, 16 son unilingües en lingua sueca. 33 municipios son bilingüe en finés e sueco; e deles, 15 teñen como lingua maioritaria o sueco e en 18 é o finés a lingua maioritaria. Catro municipios, todos localizados en Laponia, teñen como lingua maioritaria o finés e algunha lingua saami como lingua minoritaria: Enontekiö, Inari, Sodankylä e Utsjoki. Inicialmente, só a lingua sueca recibiu o bilingüismo oficial, a través da acta lingüística de 1922; disposicións similares extendéronse ás linguas saamis a través dunha lei de 1991. A lei de 1922 foi remprazada por unha nova mais en boa parte similar en 2003.


4[editar a fonte]

A guerra de Inverno (en finés: talvisota; en sueco: vinterkriget; en ruso: Зимняя война, (Zimniaia voina)) foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda Guerra Mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.

Os soviéticos tiñan tres veces máis soldados que os fineses, trinta veces máis avións, e cen veces máis tanques. O Exército Vermello, porén, fora paralizado pola Gran Purga de Iosif Stalin de 1937, reducindo a moral e a eficacia do exército pouco tempo antes do inicio da guerra. Con máis de 30.000 dos seus oficiais executados ou presos, incluídos moitos altos mandos, o Exército Vermello en 1939 tiña moitos oficiais de nivel medio e alto inexpertos. Debido a estes factores, e a alta moral das forzas finesas, Finlandia foi capaz de resistir a invasión soviética moito máis tempo do que os soviéticos agardaban.

As hostilidades remataron o 13 de marzo de 1940 coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país. Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.


5[editar a fonte]

Lågskär —en galego: «escollo baixo»— é unha pequena illa de 43 hectáreas pertencente ao arquipélago das Åland (Finlandia). Está situada a uns 24 km ao sur de Mariehamn, no Báltico mar de Åland. Caracterízase polos seus cons e cantís na costa, e unha vexetación abundante no interior. Na súa parte meridional localízanse os illotes de Sundbloms Grund, Söderklappen e Österkläppen. Xunto con Björkör, ocupa unha superficie de pouco máis de 60 km² e ten unha altitude media de 6 msnm.

Recoñecida por ser un criadeiro para aves acuáticas, a illa é frecuentada por persoas ornitólogas que empregan o faro durante a súa estadía para pernoctar. Este foi construído en 1920, cun dispositivo de alumeado rotatorio mediante gas, o primeiro do seu tipo no mundo. Pola súa banda, é de destacar que varios buques de guerra afundiron fronte á súa costa, incluíndo o acoirazado alemán SMS Rheinland durante unha espesa névoa en 1918. Ademais, son numerosas as rutas de transbordador que pasan a escasos quilómetros do seu territorio, como a que une Estocolmo con Tallin e a que vai dende Mariehamn a Helsinqui. No ano 2000, foi clasificada como un área importante para a conservación das aves (AICA) por BirdLife International.


6[editar a fonte]

Gyromitra esculenta é un fungo ascomiceto amplamente distribuído en Europa e Norteamérica. Normalmente frutifica en solos areosos baixo árbores coníferas en primavera e principios do verán. O corpo frutífero ou cogomelo, consta dun píleo ou chapeu con forma de cerebro irregular de cor marrón escura que pode chegar aos 10 cm de altura e 15 cm de largo, situado sobre un robusto estipe ou pé de ata 6 cm de altura. Parécese superficialmente á pantorra (Morchella), ao que se debe o nome que se lle dá nalgúns idiomas equivalente a "falsa pantorra".

Aínda que é un fungo potencialmente mortal cando se come cru, Gyromitra esculenta é un manxar popular en Escandinavia, Europa oriental e rexión norte dos Grandes Lagos de Norteamérica. Aínda que tamén é popular nalgunhas zonas do leste dos Pireneos, está prohibida a súa venda pública en España. Pode venderse fresco en Finlandia, pero debe ir acompañado de advertencias e instrucións sobre a súa correcta preparación.

Malia que adoita ser semifervido antes da súa preparación, as evidencias suxiren que incluso este procedemento pode que non faga que este fungo sexa enteiramente seguro para o seu consumo. Cando se come, o seu principal axente activo, a xiromitrina, é hidrolizada dando o composto tóxico monometilhidrazina (MMH). A toxina afecta o fígado, o sistema nervioso central e ás veces os riles. Os síntomas de envelenamento son vómitos e diarrea que aparecen varias horas despois do seu consumo, seguidas de mareos, apatía e dor de cabeza. Os casos graves poden levar ao delirio, o coma e a morte en de cinco a sete días.


7[editar a fonte]

A guerra civil finlandesa foi un conflito polo liderado e control de Finlandia durante o período de transición que viviu o país desde que deixou de ser un Gran Ducado do Imperio ruso para converterse nun estado independente. O enfrontamento tivo lugar no contexto da axitación nacional, política e social causada pola primeira guerra mundial e a revolución rusa de 1917. Dun lado se encontraban as forzas socialdemócratas, dirixidas pola delegación popular de Finlandia, comunmente coñecidos como «vermellos» (punaiset). Doutro lado se encontraban as forzas do Senado, controladas desde o outono anterior polos conservadores, popularmente coñecidos como «brancos» (valkoiset). As forzas paramilitares dos Gardas Vermellos, compostas por traballadores industriais e agrarios, controlaron as cidades e os centros industriais do sur de Finlandia. Pola súa banda, as forzas dos Gardas Brancos, compostas por granxeiros e outros membros das clases sociais media e alta, controlaban o rural no centro e norte do país.

Os enfrontamentos decisivos foron as batallas de Tampere e Viborg (finés: Viipuri; sueco: Viborg), gañadas polos Brancos, e as batallas de Helsinqui e Lahti, gañada polas tropas alemás, o que deu lugar a vitoria dos Brancos e as forzas alemás na contenda. A violencia política tamén formou parte do enfrontamento. Arredor de 12 500 prisioneiros de guerra Vermellos morreron de mal-nutrición e enfermidades nos campos de prisioneiros. Arredor de 39 000 persoas, das cales 36 000 eran finlandeses, morreron no conflito.

Finlandia pasou de estar na esfera de influencia rusa á alemá. O senado conservador intentou establecer unha monarquía finlandesa, cun rei alemán: o príncipe Federico Carlos de Hesse-Kassel, pero, tras a derrota alemá na Gran Guerra, Finlandia emerxeu como unha república democrática independente.


8[editar a fonte]

Portal:Finlandia/Artigo destacado/8

9[editar a fonte]

Portal:Finlandia/Artigo destacado/9

10[editar a fonte]

Portal:Finlandia/Artigo destacado/10