Saltar ao contido

Gyromitra esculenta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gyromitra esculenta
Clasificación científica
Reino: Fungi
División: Ascomycota
Clase: Pezizomycetes
Orde: Pezizales
Familia: Discinaceae
Xénero: Gyromitra
Especie: Gyromitra esculenta
Nome binomial
Gyromitra esculenta
(Pers. ex Pers.) Fr. (1849)
Sinonimia[1]

Gyromitra esculenta é un fungo ascomiceto amplamente distribuído en Europa e Norteamérica.[2] Normalmente frutifica en solos areosos baixo árbores coníferas en primavera e principios do verán. O corpo frutífero ou cogomelo, consta dun píleo ou chapeu con forma de cerebro irregular de cor marrón escura que pode chegar aos 10 cm de altura e 15 cm de largo, situado sobre un robusto estipe ou pé de ata 6 cm de altura. Parécese superficialmente á pantorra[3] (Morchella), ao que se debe o nome que se lle dá nalgúns idiomas equivalente a "falsa pantorra".

Aínda que é un fungo potencialmente mortal cando se come cru, Gyromitra esculenta é un manxar popular en Escandinavia, Europa oriental e a rexión norte dos Grandes Lagos de Norteamérica. Aínda que tamén é popular nalgunhas zonas do leste dos Pireneos, está prohibida a súa venda pública en España. Pode venderse fresco en Finlandia, pero debe ir acompañado de advertencias e instrucións sobre a súa correcta preparación.

Malia que adoita ser semifervido antes da súa preparación, as evidencias suxiren que incluso este procedemento pode que non faga que este fungo sexa enteiramente seguro para o seu consumo.[4] Cando se come, o seu principal axente activo, a xiromitrina, é hidrolizada dando o composto tóxico monometilhidrazina (MMH). A toxina afecta o fígado, o sistema nervioso central e ás veces os riles. Os síntomas de envelenamento son vómitos e diarrea que aparecen varias horas despois do seu consumo, seguidas de mareos, apatía e dor de cabeza. Os casos graves poden levar ao delirio, o coma e a morte en de cinco a sete días.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Este fungo describiuno en 1800 o micólogo Christian Hendrik Persoon, co nome Helvella esculenta,[5] e tomou o seu actual nome binomial aceptado cando o micólogo sueco Elias Magnus Fries o situou no xénero Gyromitra en 1849.[6] O nome do xénero deriva dos termos do antigo grego gyros/γυρος, 'redondo' e mitra/μιτρα, 'diadema, fita para a cabeza'.[7] O seu epíteto específico deriva do latín esculentus, 'comestible'.[8]

Gyromitra esculenta é un membro dun grupo de fungos coñecidos como "falsas pantorras", chamadas así polo seu parecido co aprezado fungo pantorra ou fungo de coresma (do xénero Morchella). Neste grupo inclúense outras especies do xénero Gyromitra, como G. infula, G. caroliniana e G. gigas. Aínda que algunhas destas especies conteñen pouca ou ningunha xiromitrina, moitos libros de guías de fungos recomendan tratalos todos como velenosos, xa que a súa aparencia similar e variacións intraespecíficas significativas poden facer que sexa difícil unha identificación fiable.[9]

Os fungos máis distantemente relacionados do xénero Verpa, como V. bohemica e V. conica, son tamén moi parecidos, e igual que Gyromitra, son considerados comestibles por algúns e velenosos por outros.[10]

O xénero Gyromitra fora considerado clasicamente como pertencente á familia Helvellaceae, xunto con outros fungos moi semellantes do xénero Helvella. As análises de ADN ribosómico de moitos Pezizales mostraron que Gyromitra esculenta e as outras falsas pantorras só tiñan un parentesco moi distante cos outros membros das Helvellaceae e, ao contrario, estaban máis próximas ao xénero Discina, formando un clado que tamén comprende Pseudorhizina e Hydnotrya. Así, os catro xéneros están agora incluídos na familia Discinaceae.[11]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Un espécime máis xove cun chapeu menos engurrado.

O chapeu ou píleo irregular deste fungo lembra un cerebro e pode chegar aos 10 cm de altura e 15 cm de largo. Inicialmente é liso, mais faise progesivamente engurrado a medida que crece e envellece. A cor do píleo pode ter diversos tons de marrón avermellado, acastañado, púrpura, escuro ou ás veces dourado. Os espécimes de California poden ter un píleo máis marrón avermellado.[12] Unidos ao píleo en diversos puntos, o estipe é de 3 a 6 cm de alto e 2 a 3 cm de largo.[13] O seu cheiro pode ser agradable e foi descrito como afrutado, e o fungo ten un sabor suave. A impresión da espora é abrancazada, e as esporas son transparentes e elípticas, de 17–22 μm de lonxitude.[14]

Gyromitra esculenta lembra varias especies de verdadeiras pantorra (Morchella), aínda que estas últimas son máis simétricas e cun aspecto máis de esponxa gris, marrón ou torrada. Ten o píleo xeralmente máis escuro e grande.[15] Ademais, Gyromitra esculenta ten un estipe macizo, mentres que o das verdadeiras pantorras (Morchella spp.) é oco.[13]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

G. esculenta crece en chans areosos en bosques de coníferas temperados e ocasionalmente en bosques caducifolios. Entre as coníferas encóntrase sobre todo baixo piñeiros (Pinus spp.), pero tamén ás veces baixo lamigueiros (Populus spp.).[16] Brota de abril a xullo, máis cedo que outras especies, e o fungo pode incluso brotar durante a fusión da neve.[12] Pode ser abondoso nalgúns anos e raro noutros. O cogomelo encóntrase máis frecuentemente en lugares onde o terreo foi alterado, por zonas despexadas, regatos, cortas de madeira, zonas aradas, claros creados por lumes e beiravías de estradas.[13] Os entusiastas deste fungo en Finlandia informaron que enterarron no chan xornais inoculados co fungo en outono e volveron na primavera seguinte para recoller os cogomelos.[17]

Aínda que é máis abondoso en bosques de montaña e nos de coníferas do norte como en Sierra Nevada e a Cadea das Cascadas do noroeste de Norteamérica, Gyromitra esculenta encóntrase amplamente distribuída polo continente norteamericano,[12] chegando polo sur ata México.[18] Tamén é común en Europa central, menos abondoso no leste, e máis en áreas montañosas que en terras baixas.[19] Foi rexistrado en Irlanda do Norte,[20] na provincia de Uşak no oeste de Turquía,[21] e preto de Kaş na provincia de Antolia na costa sur de Turquía.[22]

Toxicidade

[editar | editar a fonte]
En venda cun signo de advertencia, Praza do Mercado, Helsinqui.

As reaccións tóxicas deste fungo coñécense desde hai polo menos cen anos. Os expertos especularon que a reacción era máis de tipo alérxico e específica de determinados consumidores, ou unha identificación incorrecta, en lugar dunha toxicidade innata ao fungo, debido á ampla variedade de efectos observados. Algúns sofren síntomas graves ou morren, mentres que outros non presentan síntomas despois de comer cantidades similares destes cogomelos do mesmo prato. Outros envelénanse ao comer este fungo durante moitos anos sen efectos nocivos.[23] Porén, o fungo é agora amplamente recoñecido como potencialmente mortal.[24]

Gyromitra esculenta contén niveis do veleno xiromitrina que varía localmente entre poboacións; aínda que estes cogomelos raramente están implicados en envelenamentos tanto en Norteamérica coma en Europa occidental, as intoxicacións son frecuentes no leste de Europa e Escandinavia.[25] Un estudo polaco de 1971 informou que nesa época a especie era responsable dun 23% das mortes causadas por comer fungos cada ano.[26] As taxas de mortes caeron desde mediados do século XX; en Suecia o envelenamento é común, pero, aínda que foron detectados envelenamentos, non houbo mortes durante os 50 anos que van desde 1952 a 2002.[27] Os envelenamentos por Gyromitra son raros en España, debido á estendida práctica de secar os cogomelos antes da súa preparación e consumo,[28] pero ten unha taxa de mortalidade dun 25%.[29]

A dose letal de xiromitrina estimouse en 10–30 mg/kg para nenos e de 20–50 mg/kg para adultos. Estas doses corresponden a 0,2-0,6 kg e 0,4–1 kg de cogomelos frescos, respectivamente.[30] Porén, as respostas individuais poden variar e a xente que inxeriu cantidades similares pode desenvolver unha toxicidade entre mínima e grave.[31] As probas suxiren que os nenos son os máis gravemente afectados; non está claro se isto se debe a un maior razón entre o peso consumido por masa corporal ou por diferenzas en actividade encimática e metabólica.[32] Aínda que a cantidade de xiromitrina presente pode ser reducida significativamente ao semifervelo, hai probas de que o consumo repetido pode incrementar o risco de toxicidade.[31]

Variación xeográfica

[editar | editar a fonte]

As poboacións de Gyromitra esculenta parecen variar xeograficamente na súa toxicidade. Un estudo francés mostrou que os cogomelos recollidos a elevadas altitudes teñen concentracións máis baixas de toxinas que os recollidos a baixa altura,[32] e hai algunhas evidencias de que os fungos ao oeste das Montañas Rochosas de Norteamérica conteñen menos toxinas que os do leste.[33] Porén, tamén se informou de envelenamentos no oeste,[34] aínda que son menos frecuentes que en Europa.[35]

Bioquímica

[editar | editar a fonte]
MMH (CH3N2H3), un metabolito tóxico.

A identidade dos seus constituíntes tóxicos non se descubriu ata 1968, cando se illou a acetaldehido N-metil-N-formilhidrazona, máis coñecida por xiromitrina.[36] A xiromitrina é un composto de hidracina volátil hidrosoluble, que é hidrolizado no corpo a monometilhidracina (MMH). Illáronse en posteriores investigacións outros derivados N-metil-N-formilhidrazona, aínda que só están presentes en menores cantidades. Estoutros compostos tamén producen monometilhidracina cando son hidrolizados, aínda que non está claro canto contribúe cada un deles á toxicidade deste fungo.[37]

As toxinas reaccionan con piridoxal-5-fosfato —a forma activada da piridoxina— e forma unha hidrazona. Isto reduce a produción do neurotransmisor GABA por medio da diminución da actividade da ácido glutámico descarboxilase,[38] producindo os síntomas neurolóxicos. A MMH tamén causa un estrés oxidativo que orixina metahemoglobinemia.[30] Ademais, durante o metabolismo da MMH, prodúcese N-metil-N-formilhidracina; esta despois sofre un metabolismo oxidativo regulado polo citocromo P450, o cal por medio de intermediarios de nitrosamida reactiva orixina a formación de radicais metilo, o que causa necrose hepática.[39][40] A inhibición da diamina oxidase (histaminase) eleva os niveis de histamina o que ten como resultado dores de cabeza, náuseas, vómitos e dor abdominal.[41]

Síntomas

[editar | editar a fonte]

Os síntomas de envelenamento por este fungo son tipicamente de tipo gastrointestinal e neurolóxico.[27] Os síntomas aparecen ás 6–12 horas do seu consumo, aínda que os casos de envelenamento máis graves poden presentarse antes, mesmo en só dúas horas despois da inxestión. Os síntomas iniciais son gastrointestinais, cun comezo súbito de náuseas, vómitos e diarrea acuosa, que pode ser sanguinolenta. A deshidratación pode desenvolverse se o vómito ou diarrea son graves. Pouco despois aparecen mareos, apatía, vértigos, tremores, ataxia, nistagmo patolóxico e dores de cabeza;[27] a miúdo hai febre, o que é unha característica distintiva que non se desenvolve despois do envelenamento por outro tipo de fungos.[42] Na maioría dos casos de envelenamento, os síntomas non progresan moito desde os iniciais e os pacientes recupéranse pasados 2–6 días de enfermidade.[26]

Nalgúns casos podería haber unha fase asintomática despois dos síntomas iniciais, que é seguida por unha toxicidade máis significativa incluíndo nefrotoxicidade,[43] danos hepáticos e disfunción neurolóxica incluíndo convulsións e coma.[30] Estes signos desenvólvense xeralmente en 1–3 días en casos graves.[27] O paciente desenvolve ictericia e o fígado e páncreas agrándanse, nalgúns casos os niveis de azucre sanguíneo elévanse (hiperglicemia) e despois baixan (hipoglicemia) e hai toxicidade hapática. Adicionalmente, a hemólise intravascular causa a destrución dos glóbulos vermellos, o que ten como resultado un incremento na hemoglobina libre e hemoglobinuria, que pode causar toxicidade renal ou insuficiencia renal. A metahemoglobinemia pode tamén ocorrer nalgúns casos, é dicir, no sangue encóntranse niveis maiores do normal de metahemoglobina, que é unha forma de hemoglobina que non pode transportar oxíxeno. Isto causa que o paciente teña problemas respiratorios e cianose.[44] Algúns casos de grave envelenamento poden progresar a unha fase neurolóxica terminal, con delirio, fasciculacións musculares e convulsións, e midríase progresando ao coma, colapso circulatorio e paro respiratorio.[45] A morte pode producirse en de cinco a sete días despois da inxestión do fungo.[46]

Tratamento

[editar | editar a fonte]

O tratamento é principalmente paliativo; a descontaminación gástrica con carbono activado pode ser beneficiosa se houbo atención médica poucas horas despois do consumo do fungo. Porén, a miúdo os síntomas tardan máis en aparecer e os pacientes non van xeralmente ao médico ata moitas horas despois da inxestión, o que limita a súa efectividade.[47] Os pacientes con vómitos graves ou diarrea poden ser rehidratados con fluídos intravenosos.[26] Realízase unha monitorización de parámetros bioquímicos como os niveis de metahemoglobina, electrólitos, función hepática e renal, análise de urina e reconto sanguíneo completo e corríxese calquera anormalidade. Pode utilizarse a diálise se a función renal está afectada ou hai insuficiencia renal. Para controlar a hemólise pode ser necesario unha transfusión de sangue para suplir a perda de glóbulos vermellos, mentres que a metahemoglobinemia é tratada con azul de metileno intravenoso.[48]

A piridoxina, a principal forma de vitamina B6, pode utilizarse para contrarrestar a inhibición por MMH no paso dependente de piridoxina da síntese do neurotransmisor GABA. Así, a síntese de GABA pode continuar e os síntomas vanse aliviando.[49] A piridoxina, que só é útil para os síntomas neurolóxicos e non incrementa a toxicidade hepática,[40][50] adminístrase a unha dose de 25 mg/kg; isto pode repetirse ata un máximo total de 15 a 30 g diariamente se os síntomas non melloran.[51] As benzodiazepinas adminístranse para controlar as convulsións; xa que como tamén modulan os receptores de GABA poden incrementar potencialmente o efecto da piridoxina. Ademais, a MMH inhibe a transformación química de ácido fólico na súa forma activa de ácido folínico; isto pode ser tratado por administración de ácido folínico a unha dose de 20–200 mg diarios.[30]

Carcinoxenicidade

[editar | editar a fonte]

A monometilhidracina,[52] e os seus precursores metilformilhidracina[53][54] e xiromitrina[55] e Gyromitra esculenta crúa,[56] demostraron ser carcinóxenos en animais experimentais. Aínda que non se observou que Gyromitra esculenta cause cancro en humanos,[57] é posible que haxa un risco carcinoxénico en persoas que inxiren este tipo de fungos.[53] As toxinas poden ser acumulativas[31] e incluso pequenas cantidades poden ter efectos carcinoxénicos.[58] Illáronse polo menos 11 hidracinas diferentes de Gyromitra esculenta, e non se sabe se os carcinóxenos potenciais se poden eliminar completamente ao fervelo lixeiramente.[4]

Á venda en Helsinqui, con instrucións obrigatorias para a preparación.

Malia a súa recoñecida toxicidade, Gyromitra esculenta comercialízase e consómese en varios países ou estados de Europa e Norteamérica. Antes era consumido en Alemaña, onde os fungos se recollían e exportaban a Polonia, pero máis recentemente, Alemaña e Suíza desaconsellaron o seu consumo ao prohibir a súa venda.[14][57] De xeito similar, en Suecia, as autoridades advertiron que non era apto para o consumo humano,[59] e restrinxen a compra de cogomelos frescos desta especie só aos restaurantes.[60] Este fungo está aínda moi ben considerado en Bulgaria, onde se vende en mercados e se recolle para a súa exportación.[61] Nalgúns países como España, especialmente na parte oriental dos Pireneos, son considerados tradicionalmente un manxar, e moitas persoas afirman telos consumido durante anos sen que lles causasen ningún dano.[62] A pesar de todo, ese fungo está na lista oficial de cogomelos perigosos do goberno de Cataluña[9] e a súa venda ao público está prohibida en toda España.[63] Fóra de Europa, G. esculenta consómese na rexión dos Grandes Lagos norteamericana e nalgúns estados do oeste dos Estados Unidos.[64]

Vender e comprar este fungo é legal en Finlandia, onde é moi aprezado.[65] Porén, a lei esixe que estes fungos vaian acompañados dunha advertencia de que son velenosos e de instrucións de preparación obrigatorias.[66] Tamén se venden preparados e enlatados, e nese caso están listos para ser usados. As cifras oficiais do Ministerio de Agricultura e Bosques de Finlandia indican unha venda total de 21,9 toneladas deste fungo en Finlandia en 2006 e de 32,7 toneladas (moi por enriba da media habitual) en 2007.[67] En 2002, as autoridades de seguridade alimentaria finlandesas estimaron un consumo anual de centos de toneladas destes fungos nos anos en que abundan.[68] Na cociña finlandesa, estes fungos poden cociñarse en tortilla ou sofritidos lixeiramente en manteiga nunha tixola, engadindo fariña e leite para facer unha bechamel ou para encher unha empanada. Alternativamente, pode engadirse máis fluído e facer con eles unha sopa de cogomelos. Os condimentos típicos que se engaden para dar sabor son perexil, ceboliño, aneto e pementa negra.[69][70]

Controversias

[editar | editar a fonte]

En 2015, o chef sueco Paul Svensson causou unha controversia ao preparar un prato con G. esculenta nun programa de televisión. A experta en cogomelos Monica Svensson criticouno por utilizalo, debido ás substancias carcinoxénicas deste fungo e o risco de que xente non experimentada puidese malinterpretar a receita e omitir as operacións previas que reducen o nivel de toxicidade. Tamén foi criticado polo actor e chef Per Morberg por razóns similares. Paul Svensson dixo que non coñecía os efectos carcinoxénicos e pediu desculpas despois, e prometeu eliminar eses cogomelos dos seus pratos.[71]

Preparación

[editar | editar a fonte]
Cociñado en salsa de nata.

A maioría da xiromitrina debe ser eliminada para facer que este cogomelo sexa comestible. O procedemento recomendado consite en primeiro secar e despois ferver o cogomelo, ou ben ferver o cogomelo fresco directamente.[72] Para preparar estes cogomelos frescos recoméndase que se corten en pequenos cachos e sexan semifervidos dúas veces en abundante auga, polo menos tres partes de auga por cada parte de cogomelos cortados, durante polo menos cinco minutos, despois de cada fervedura hai que enxaugar moi ben o cogomelo en auga limpa.[72] Cada rolda de semifervedura reduce o contido de xiromitrina á décima parte.[73] A xiromitrina pasa á auga, onde permanece e, por tanto, a auga da semicocción debe tirarse e substituírse por auga fresca en cada rolda de fervedura. Secar os cogomelos pode reducir tamén a concentración de xiromitrina; e dez días de secado ao aire libre fan que se perda o 90% da xiromitrina.[31] Malia todo, aínda se recomenda que os cogomelos sexan fervidos despois de secados.[72]

A MMH ferve a 87,5 °C, polo que se vaporiza no aire cando estes fungos se ferven en auga.[34] Os espazos mal ventilados facilitan que o vapor se acumule, o que pode dar lugar a un envelenamento por xiromitrina. Se se ferven estes cogomelos en espazos pechados, debe terse coidado de que haxa unha boa ventilación e, se aparecen síntomas de envelenamento por xiromitrina, débese saír inmediatamente a un sitio con aire fresco.[74] Mesmo despois de fervidos, poden quedar pequenas cantidades de xiromitrina no fungo. Dada a posibilidade de acumulación de toxinas, o consumo repetido non se recomenda.[75]

Proxectos de cultivo

[editar | editar a fonte]

Descubríronse cepas deste fungo con concentracións moito menores de xiromitrina, que se conseguiron facer crecer ata a frutificación en cultivo.[76] Hai, pois, campo para futuras investigacións sobre o cultivo de cepas máis seguras.[77]

  1. "GSD Species Synonymy: Gyromitra esculenta (Pers.) Fr". Species Fungorum. CAB International. Consultado o 29 de setembro de 2015.
  2. Benjamin, Denis R. (1995). Mushrooms: poisons and panaceas—a handbook for naturalists, mycologists and physicians. New York: WH Freeman. ISBN 978-0-7167-2600-5. 
  3. Dicionario Digalego pantorra Arquivado 07 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.
  4. 4,0 4,1 Dart, Richard C. (2004). "Mushrooms". Medical toxicology. Philadelphia: Williams & Wilkins. pp. 1719–35. ISBN 978-0-7817-2845-4. 
  5. Persoon CH (1800) Comm. Schaeff. Icon. Pict.: 64
  6. Fries EM (1849) Summa veg. Scand., Section Post. (Stockholm):p. 346
  7. Liddell, Henry G.; Scott, Robert (1980). A Greek–English Lexicon (Abridged ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-910207-5. 
  8. Simpson, D.P. (1979). Cassell's Latin Dictionary (5th ed.). Londres: Cassell. p. 883. ISBN 978-0-304-52257-6. 
  9. 9,0 9,1 Departament de Salut, Generalitat de Cataluña. "Bolets" (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2009. 
  10. Benjamin 1995, p. 267
  11. O'Donnell, Kerry; Cigelnik, Elizabeth; Weber, Nancy S.; Trappe, James M. (1997). "Phylogenetic relationships among ascomycetous truffles and the true and false morels inferred from 18S and 28S ribosomal DNA sequence analysis". Mycologia 89 (1): 48–65. JSTOR 3761172. doi:10.2307/3761172. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Arora, David (1986). Mushrooms Demystified: a comprehensive guide to the fleshy fungi (2nd ed.). Berkeley: Ten Speed Press. pp. 801–02. ISBN 978-0-89815-169-5.
  13. 13,0 13,1 13,2 Nilsson, S.; Persson, O. (1977). Fungi of Northern Europe 1: Larger Fungi (Excluding Gill Fungi). Penguin. pp. 34–35. ISBN 978-0-14-063005-3. 
  14. 14,0 14,1 Zeitlmayr, Linus (1976). Wild Mushrooms:An Illustrated Handbook. Hertfordshire: Garden City Press. p. 112. ISBN 978-0-584-10324-3. 
  15. Ammirati, Traquair & Horgen 1985, p. 121
  16. Smith HV, Smith AH (1973). How to Know the Non-Gilled Fleshy Fungi. Dubuque, Il: Wm. C. Brown Co. ISBN 978-0-697-04866-0. 
  17. Kuo M (xaneiro de 2005). "Gyromitra esculenta". MushroomExpert.Com Web site. self. Consultado o 11 de maio de 2008. 
  18. Medel, Rosario (2005). "A review of the genus Gyromitra (Ascomycota, Pezizales, Discinaceae) in Mexico". Mycotaxon 94: 103–10. 
  19. Lamaison, Jean-Louis; Polese, Jean-Marie (2005). The Great Encyclopedia of Mushrooms. Könemann. pp. 230. ISBN 978-3-8331-1239-3. 
  20. "Northern Ireland's Herbarium Specimens". Northern Ireland Fungus Group. 2007. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2019. Consultado o 6 de marzo de 2008. 
  21. Türkoglu A, Alli H, Işiloğlu M, Yağiz D, Gezer K (febreiro de 2008). "Macrofungal diversity of Uşak province in Turkey" (PDF). Mycotaxon 103: 1–11. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de febreiro de 2009. Consultado o 7 de marzo de 2008. 
  22. Gezer K (2000). "Contributions to the Macrofungi Flora of Antalya Province". Turkish Journal of Botany 24 (5): 293–98. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2009. Consultado o 16 de febreiro de 2008. 
  23. Benjamin 1995, p. 264
  24. Benjamin 1995, p. 265
  25. Diaz JH (2005). "Syndromic diagnosis and management of confirmed mushroom poisonings". Critical Care Medicine 33 (2): 427–36. PMID 15699849. doi:10.1097/01.CCM.0000153531.69448.49. 
  26. 26,0 26,1 26,2 Lampe KF (1979). "Toxic fungi". Annual Review of Pharmacology and Toxicology 19 (1): 85–104. PMID 378111. doi:10.1146/annurev.pa.19.040179.000505. 
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Karlson-Stiber C, Persson H (2003). "Cytotoxic fungi—an overview". Toxicon 42 (4): 339–49. PMID 14505933. doi:10.1016/S0041-0101(03)00238-1. 
  28. Palomar Martínez, M.; Piqueras Carrasco, J. (1999). "Intoxicaciones por setas (micetismos)". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2009. 
  29. Lloret i Carbó, Josep (2004). Protocolos terapéuticos de urgencias (4ª ed.). Elsevier. p. 649. ISBN 978-84-458-1418-5. 
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 Michelot D, Toth B (1991). "Poisoning by Gyromitra esculenta—a review". Journal of Applied Toxicology 11 (4): 235–43. PMID 1939997. doi:10.1002/jat.2550110403. 
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Coulet M, Guillot J (1982). "Poisoning by Gyromitra : a possible mechanism". Medical Hypotheses 8 (4): 325–34. PMID 7099057. doi:10.1016/0306-9877(82)90024-X. 
  32. 32,0 32,1 Benjamin 1995, p. 272
  33. Benjamin 1995, p. 140
  34. 34,0 34,1 Leathem AM, Dorran TJ (2007). "Poisoning due to raw Gyromitra esculenta (false morels) west of the Rockies". Canadian Journal of Emergency Medical Care 9 (2): 127–30. PMID 17391587. doi:10.1017/s1481803500014937. 
  35. Balterowich L, Blaney B, White S (1996). "Acute hepatotoxicity following ingestion of Gyromitra esculenta(false morel) mushrooms" (PDF). Journal of Toxicology. Clinical Toxicology 34 (5): 602. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 26 de marzo de 2009. Consultado o 04 de febreiro de 2019. 
  36. List PH, Luft P (1968). "[Gyromitrin, the poison of Gyromitra esculenta. 16. On the fungi contents]". Archiv der Pharmazie und Berichte der Deutschen Pharmazeutischen Gesellschaft (en alemán) 301 (4): 294–305. PMID 5244383. doi:10.1002/ardp.19683010410. 
  37. Pyysalo H (1975). "Some new toxic compounds in false morels, Gyromitra esculenta". Naturwissenschaften 62 (8): 395. PMID 1238907. doi:10.1007/BF00625355. 
  38. Cornish HH (1969). "The role of vitamin B6 in the toxicity of hydrazines". Annals of the New York Academy of Sciences 166 (1): 136–45. PMID 5262010. doi:10.1111/j.1749-6632.1969.tb54264.x. 
  39. Braun R, Greeff U, Netter KJ (1980). "Indications for nitrosamide formation from the mushroom poison gyromitrin by rat liver microsomes". Xenobiotica 10 (7–8): 557–64. PMID 7445522. doi:10.3109/00498258009033790. 
  40. 40,0 40,1 Braun R, Greeff U, Netter KJ (1979). "Liver injury by the false morel poison gyromitrin". Toxicology 12 (2): 155–63. PMID 473232. doi:10.1016/0300-483X(79)90042-8. 
  41. Biegański T, Braun R, Kusche J (1984). "N-methyl-N-formylhydrazine: a toxic and mutagenic inhibitor of the intestinal diamine oxidase". Agents and Actions 14 (3–4): 351–5. PMID 6428190. doi:10.1007/BF01973825. 
  42. Benjamin 1995, p. 273
  43. Braun R, Kremer J, Rau H (1979). "Renal functional response to the mushroom poison gyromitrin". Toxicology 13 (2): 187–96. PMID 42171. doi:10.1016/s0300-483x(79)80022-0. 
  44. Benjamin 1995, p. 274
  45. Giusti GV, Carnevale A (1974). "A case of fatal poisoning by Gyromitra esculenta". Archives of Toxicology 33 (1): 49–54. PMID 4480349. 
  46. Hanrahan JP, Gordon MA (1984). "Mushroom poisoning. Case reports and a review of therapy". JAMA 251 (8): 1057–61. PMID 6420582. doi:10.1001/jama.251.8.1057. 
  47. Köppel C (1993). "Clinical symptomatology and management of mushroom poisoning". Toxicon 31 (12): 1513–40. PMID 8146866. doi:10.1016/0041-0101(93)90337-I. 
  48. Benjamin 1995, p. 276
  49. Wright AV, Niskanen A, Pyysalo H, Korpela H (1981). "Amelioration of toxic effects of ethylidene gyromitrin (false morel poison) with pyridoxine chloride". Journal of Food Safety 3 (3): 199–203. doi:10.1111/j.1745-4565.1981.tb00422.x. 
  50. Toth B, Erickson J (1977). "Reversal of the toxicity of hydrazine an analogues by pyridoxine hydrochloride". Toxicology 7 (1): 31–36. PMID 841582. doi:10.1016/0300-483X(77)90035-X. 
  51. Kirklin JK, Watson M, Bondoc CC, Burke JF (1976). "Treatment of hydrazine-induced coma with pyridoxine". New England Journal of Medicine 294 (17): 938–9. PMID 815813. doi:10.1056/NEJM197604222941708. 
  52. Toth B, Shimizu H (1973). "Methylhydrazine tumorigenesis in Syrian golden hamsters and the morphology of malignant histiocytomas". Cancer Research 33 (11): 2744–53. PMID 4355982. 
  53. 53,0 53,1 Toth B, Nagel D (1978). "Tumors induced in mice by N-methyl-N-formylhydrazine of the false morel Gyromitra esculenta". Journal of the National Cancer Institute 60 (1): 201–04. PMID 628017. doi:10.1093/jnci/60.1.201. 
  54. Toth B, Patil K, Erickson J, Kupper R (1979). "False morel mushroom Gyromitra esculenta toxin: N-methyl-N-formylhdrazine carcinogenesis in mice". Mycopathologia 68 (2): 121–28. PMID 573857. doi:10.1007/BF00441091. 
  55. Toth B, Smith JW, Patil KD (1981). "Cancer induction in mice with acetaldehyde methylformylhydrazone of the false morel mushroom". Journal of the National Cancer Institute 67 (4): 881–87. PMID 6944556. doi:10.1093/jnci/67.4.881. 
  56. Toth B, Patil K, Pyysalo H, Stessman C, Gannett P (1992). "Cancer induction in mice by feeding the raw false morel mushroom Gyromitra esculenta". Cancer Research 52 (8): 2279–84. PMID 1559231. 
  57. 57,0 57,1 Bresinsky A, Besl H (1990). A Colour Atlas of Poisonous Fungi. Wolfe Publishing. pp. 62–68. ISBN 978-0-7234-1576-3. 
  58. Benjamin 1995, p. 128–9
  59. Andersson, Christer (2007). "Stenmurklan – olämplig att äta". Livsmedelsverket (National Food Administration) (en sueco). Swedish National Food Administration. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2007. Consultado o 7 de marzo de 2008. 
  60. Andersson, Christer (2007). "Stenmurkla - frågor och svar". Livsmedelsverket (National Food Administration) (en sueco). Swedish National Food Administration. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2012. Consultado o 4 de marzo de 2012. 
  61. Drumeva-Dimcheva M, Gyosheva-Bogoeva M (1998). "Section One: Bulgaria's Biological Diversity – The Macromycetes Fungi of Bulgaria". Bulgaria's Biological Diversity: Conservation Status and Needs Assessment. Biodiversity Support Program (WWF, The Nature Conservancy, and World Resources Institute Consortium). Consultado o 2008-03-06. 
  62. "Bolets". Revista el cargol. 2008. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2007. Consultado o 8 de xuño de 2008. 
  63. Ministerio de Sanidad y Consumo (6 de febreiro de 2004). "ORDEN SCO/190/2004, de 28 de enero, por la que se establece la lista de plantas cuya venta al público queda prohibida o restringida por razón de su toxicidad" (PDF). BOE (en castelán) (32): 5061–65. Consultado o 8 de xuño de 2008. 
  64. Simons, DM (1971). "The Mushroom Toxins". Delaware Medical Journal 43: 177–87. 
  65. Härkönen, M (1998). "Uses of mushrooms by Finns and Karelians". International Journal of Circumpolar Health 57 (1): 40–55. PMID 9567575. 
  66. "False morels must be accompanied by warning and handling instructions". The Finnish Food Safety Authority Evira. 11 de maio de 2006. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2007. Consultado o 2008-03-04. 
  67. Suomen Gallup Elintarviketieto Oy (marzo de 2007). MARSI 2007 – Luonnonmarjojen ja -sienien kauppaantulomäärät vuonna 2007 [Amounts of wild berries and mushrooms offered for sale in 2007] (en finés). Helsinqui: Finnish Ministry of Agriculture and Forestry. p. 10. 
  68. Finnish Food Safety Authority (2002). Riskiraportti – elintarvikkeiden ja Talousveden kemialliset vaarat [Risk report on toxins in food and tapwater] (en finés). p. 38. 
  69. "Kevät on aikaa korvasienen ja väinönputken" (en finés). Lapin Keittiömestarit. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2008. Consultado o 22 de xuño de 2008. 
  70. Davidson A (2003). North Atlantic Seafood: A Comprehensive Guide with Recipes. Ten Speed Press. p. 361. ISBN 978-1-58008-450-5. 
  71. Nilsson, Kerstin (26 de abril de 2015). "Här lagar tv-kocken Paul Svensson mat med giftsvamp" (en Swedish). Aftonbladet. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  72. 72,0 72,1 72,2 "False Morel Fungi – poisonous when raw". The Finnish Food Safety Authority Evira. 2008. Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2007. Consultado o 2008-03-04. 
  73. Pyysalo H, Niskanen A (1977). "On the occurrence of N-methyl-N-formylhydrazones in fresh and processed false morel, Gyromitra esculenta". Journal of Agricultural and Food Chemistry 25 (3): 644–47. PMID 558239. doi:10.1021/jf60211a006. 
  74. Benjamin 1995, p. 269
  75. Benjamin 1995, p. 278
  76. List PH, Sundermann G (1974). "Achtung! Frühjahrslorcheln". Deutsche Apotheker Zeitung 114: 331–32. 
  77. Benjamin 1995, p. 279

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]