Pedro I de Portugal
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Pedro I, nado en Coímbra o 8 de abril de 1320 e finado en Estremoz o 18 de xaneiro de 1367, foi o oitavo Rei de Portugal. Mereceu o alcume de O Xusticeiro (xunto con O Cruel, O Cru ou O Vingativo), pola enerxía posta en vingar o asasinato de Inés de Castro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pedro I era fillo do rei Afonso IV e súa dona, a princesa Beatriz de Castela. Pedro I sucedeu ó seu pai no ano 1357.
Pedro foi coñecido pola súa relación con Inés de Castro, a aia galega da súa muller Constança, quen influenciou fortemente na política interna de Portugal no reinado de Afonso IV. Inés acabou asasinada por orde do rei en 1355, o que non fixo que Pedro volvese a estar baixo a influencia paterna. Ó contrario, entre 1355 e a súa ascensión o trono, Pedro púxose en contra do seu pai polo menos dúas veces e nunca lle perdoou o asasinato de Inés. Unha vez coroado rei, en 1357, Pedro anunciou o casamento con Inés, realizado en segredo antes da súa morte, coa intención de a ver lembrada como Raíña de Portugal.
Este feito baseouse só na palabra do Rei, xa que non existiron rexistros de tal unión. Dous dos asasinos de Inés foron collidos e executados (Pêro Coelho e Álvaro Gonçalves) cunha brutalidade tal (a un lle foi arrincado o corazón polo peito, e ó outro polas costas),o que lle valeron os alcumes mencionados. Conta tamén a tradición que Pedro mandou desenterrar o corpo da súa amada, coroándoa como Raíña de Portugal, e obrigando ós nobres a procederen á cerimonia de bicar a man real do cadáver, baixo pena de morte se non o facían. Trala cerimonia, ordenou a construción de dous túmulos (verdadeiras obras mestras da escultura gótica en Portugal), os cales foran colocados nas naves laterais do mosteiro de Alcobaça para que, no día do Xuízo Final, os eternos amantes, entón resucitados, estiveran xuntos.
Como rei, Pedro revelouse como un bo administrador, defendendo ao país da influencia papal (foi el quen promulgou o Beneplácito Rexio, que impedía a libre circulación de documentos eclesiásticos no país sen a súa autorización expresa). Na política externa, Pedro participou ó lado de Aragón na invasión de Castela.
D. Pedro reinou durante dez anos, sendo moi popular. Os seus restos xacen no Mosteiro de Santa Maria de Alcobaça.
Descendencia
[editar | editar a fonte]- Primeiro casamento: Branca, princesa de Castela (repudiada)
- Segundo casamento: Constança Manuel, princesa de Castela (1320-1349)
- Luís de Portugal (1340)
- María, princesa de Portugal (1342-1367), casada con Fernando, príncipe de Aragón
- Fernando, rei de Portugal (1345-1383)
- Terceiro casamento (?): Inés de Castro (1320 - asasinada en 1355)
- Afonso de Portugal (morto de neno)
- Beatriz, princesa de Portugal (1347-1381)
- Xoán, príncipe de Portugal (1349-1387)
- Dinis, infante de Portugal (1354-1397)
- Teresa Lourenço
Pedro I de Portugal Nacemento: 8 de abril 1320 Falecemento: 18 de xaneiro 1367
| ||
Títulos Reais | ||
---|---|---|
Precedido por Afonso IV
|
Rei de Portugal e dos Algarves 1357 – 1367 |
Sucedido por Fernando I |