Lei de memoria histórica de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rótulo que indica o cambio de nome da praza do xeneral Millán Astray na Coruña.

A Lei de memoria histórica ou Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, é unha lei española aprobada polo Congreso dos Deputados o 31 de outubro de 2007[1][2] partindo do texto do proxecto de lei previamente aprobado polo Consello de Ministros o día 28 de xullo de 2006, sendo Presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero.

Inclúe o recoñecemento de todas as vítimas da guerra civil e as vítimas da ditadura, pero non a apertura de fosas comúns, nas que aínda xacen os restos das vítimas das represalias dos sublevados na guerra civil, realizadas desde entidades privadas (como a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica -ARMH- e o Foro pola Memoria) ou comunidades autónomas.

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica -ARMH, pioneira na exhumación científica de fosas comúns de asasinados pola ditadura franquista, criticou que no seu preámbulo o texto afirma que a memoria das vítimas do franquismo é persoal e familiar; negando dese modo no seu marco de formulacións que os delitos do franquismo son cometidos contra toda a sociedade e a humanidade e o deber do Estado de practicar políticas públicas que garantan ás vítimas dos delitos máis graves que existen o seu dereito á verdade, á xustiza e á reparación.

A insatisfacción co texto da lei é o que levou a catorce asociacións memorialistas a presentar unha denuncia por centos de desaparicións ante a Audiencia Nacional o 14 de decembro de 2006.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En 1969 Francisco Franco ditou o Decreto-Lei 10/1969, polo que prescribían todos os delitos cometidos antes de 1 de abril de 1939,[3] (é dicir, o final da vuerra civil). Devandito Decreto-Lei foi ditado ós trinta anos de acabada a guerra civil.

Coa chegada da democracia fóronse promulgando unha serie de decretos e leis específicas para tratar de compensar as penalidades e sufrimentos daqueles que padeceron os avatares da guerra no bando republicano ou prisión na época franquista. Algunhas delas foron:

  • Decreto 670/1976, de 5 de marzo, polo que se regulan pensións a favor dos españois que, sufrindo mutilación por mor da pasada contenda, non poidan integrarse no corpo de cabaleiros mutilados de guerra pola patria.
  • Lei 46/1977, de 15 de outubro, de Amnistía. http://www.filosofia.org/hem/dep/boe/9771017.htm
  • Lei 5/1979, de 18 de setembro, sobre recoñecemento de pensións, asistencia médico-farmacéutica e asistencia social a favor das viúvas, fillos e demais familiares dos españois falecidos como consecuencia ou con ocasión da pasada guerra civil.
  • Lei 35/1980, de 26 de xuño, sobre pensións ós mutilados excombatentes da zona republicana.
  • Lei 6/1982, de 29 de marzo, de pensións ós mutilados civís de guerra.
  • Lei 37/1984, de 22 de outubro, de recoñecemento de dereitos e servizos prestados a quen durante a guerra civil formaron parte das forzas armadas, forzas de orde pública e corpo de carabineiros da República.
  • Disposición adicional décimo oitava da lei 4/1990, de 29 de xuño, de Orzamento Xerais do Estado para 1990, que determina as indemnizacións a favor dos que sufriron prisión como consecuencia dos supostos contemplados na lei 46/1977, de 15 de outubro, de amnistía.

Todas estas leis, decretos e disposicións foron mellorados e ampliados por algunhas comunidades autónomas.

O 28 de outubro de 2007, o Congreso dos Deputados aprobou a Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, comunmente coñecida como "Lei para a memoria histórica". O día 10 de decembro, foi aprobada no Senado.[4][5]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O programa electoral do PSOE para as eleccións de 2004 non incluía ningunha mención á "memoria histórica". Soamente fala da creación dun Centro Estatal de Documentación e Investigación Histórica sobre a Guerra Civil e o Franquismo, dentro da área de cultura do programa:

Creación do Centro Estatal de Documentación e Investigación sobre a Guerra Civil e o Franquismo. Concentrando no actual Arquivo Histórico de Salamanca (funcionalmente desaparecido) as capacidades de consulta, investigación e exhibición, a través de soportes físicos ou virtuais dixitalizados, sobre a totalidade dos fondos existentes, de titularidade pública ou privada, en todo o estado español, relacionados co período comprendido entre 1936 e 1975: o Patrimonio como memoria reconciliadora.
Programa Electoral do PSOE para as Eleccións Xerais de 2004. Obxectivos estratéxicos dun novo ministerio para a cultura e a comunicación.[6]

Tampouco no seu discurso de investidura,[7] o presidente José Luis Rodríguez Zapatero mencionou a memoria histórica ou outros proxectos relacionados.

O proceso que derivou na aprobación do mesmo iniciouse o 10 de setembro de 2004 coa aprobación dun Real Decreto de creación dunha comisión interministerial (a Comisión Interministerial para o Estudo da Situación das Vítimas da Guerra Civil), presidida pola vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega para o estudo da situación das vítimas da Guerra Civil e o franquismo, e buscase a súa "rehabilitación moral e xurídica".[8] O traballo da comisión non produciu resultados durante o ano seguinte e os entón socios preferentes do goberno, Esquerra Republicana de Catalunya e Esquerda Unida, expresaron o seu descontento pola falta de resultados da comisión, presentando, o 18 de novembro de 2005, senllas proposicións de lei para a recuperación da memoria histórica.[9]

O 22 de xuño de 2006 aprobouse no Congreso dos Deputados coa única oposición do Partido Popular que o ano 2006 fose declarado ano da memoria histórica. O 28 de xuño dese ano, o goberno presentou un proxecto de lei, co nome de Proxecto de lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura[10] que foi criticado tanto polo Partido Popular como por Esquerra Republicana de Catalunya e Esquerda Unida, que mesmo presentaron proxectos alternativos.[11]

Durante o mes de outubro de 2007, culminaron as negociacións entre o PSOE, Esquerda Unida, o PNV e BNG para tramitar o proxecto de lei de forma que fose aprobado antes da finalización da lexislatura.[12]

Disposicións[editar | editar a fonte]

O Val dos Caídos.

Despois do longo proceso de xestación da lei, as súas disposicións foron as seguintes:

  • Xuízos sumarios do franquismo: a lei recoñece no seu preámbulo o carácter radicalmente inxusto de todas as condenas, sancións e violencia persoal [..] durante a Guerra Civil e [..] a Ditadura". Os tribunais franquistas e as súas condenas, ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza [..] contra quen defenderon a legalidade institucional anterior, pretenderon o restablecemento dun réxime democrático en España ou tentaron vivir conforme a opcións amparadas por dereitos e liberdades hoxe recoñecidos pola Constitución, son declarados "ilexítimos". Con todo, aínda que os xuízos non son anulados, o preámbulo da lei establece que ante as demandas de revisión de xuízos, a Xustiza non poderá rexeitalas invocando as leis da ditadura, definidas como represoras e contrarias ós dereitos fundamentais, como ocorreu até a actualidade.
  • Axudas ós represaliados: as axudas existentes ás vítimas do franquismo e ás súas familias (pensións, compensacións financeiras) son estendidas. Ademais, poderán beneficiarse con até 135.000 euros as familias das persoas falecidas en defensa da democracia entre o 1 de xaneiro de 1968 e o 6 de outubro de 1977.
Véxase tamén: Comisión de indemnizacións a ex presos sociais.
  • Fosas comúns: o Estado axudará á localización, identificación e eventual exhumación das vítimas da represión franquista cuxos cadáveres se atopan aínda desaparecidos, a miúdo enterrados en fosas comúns.
  • Símbolos franquistas: a lei establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva do levantamento militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos. A retirada non será de aplicación cando [..] concorran razóns artísticas, arquitectónicas, ou artístico-relixiosas protexidas pola lei, o cal poderá aplicar a igrexas.

Só en Andalucía fixeron un inventario de 595 fosas na que se descoñecen o número total de cadáveres.[13]

  • Val dos Caídos: rexerase polas normas aplicables a lugares de culto e relixiosos. Disponse a súa despolitización, prohibíndose os actos de natureza política [..] exaltadores da Guerra Civil, dos seus protagonistas, ou do franquismo e que a fundación xestora do Val incluirá entre os seus obxectivos honrar e rehabilitar a memoria de todas as persoas falecidas a consecuencia da Guerra Civil de 1936-1939 e da represión política que lle seguiu.
  • Brigadistas Internacionais: concederáselles a nacionalidade española sen que teñan que renunciar á propia.
  • Nacionalidade para Fillos e Netos de exiliados: A pesar de estar incluída como Disposición Adicional dentro da Lei de memoria histórica, o Apartado Primeiro da Disposición Adicional 7a permite optar pola nacionalidade española ós fillos de persoas que fosen orixinariamente españolas, sen importar a data de nacemento nin o lugar de nacemento destas. É dicir que na práctica pode optar calquera neto de home emigrante desde que este mantivese a nacionalidade española até polo menos o nacemento do seu fillo no exterior. É de lembrar que até o 29 de decembro de 1978 era o home quen transmitía a nacionalidade ós seus fillos, de modo que estes puideron ser orixinariamente españois sen importar o seu país de nacemento, dando así dereito ós seus propios fillos a optar polo Apartado Primeiro, sen importar a data de emigración do avó. Polo Apartado Segundo da Disposición Adicional 7a, poden optar os netos de quen perdesen ou tivesen que renunciar á nacionalidade como consecuencia do exilio. É dicir que para poder optar por este Apartado si é necesario ter en consideración a data de emigración de España do avó ou avoa, pois se presume a condición de exiliado de calquera que emigrase de España no período comprendido entre o 18 de xullo de 1936 e o 31 de decembro de 1955. A Disposición Adicional 7a estará en vixencia até o 27 de decembro de 2011.
  • Centro Documental da Memoria Histórica: créase o Centro Documental da Memoria Histórica en Salamanca, no que se integrará o Arquivo Xeral da Guerra Civil.
Sede do Arquivo Xeral da Guerra Civil, que se integrará no Centro Documental da Memoria Histórica.

Críticas[editar | editar a fonte]

O Partido Popular e diversos medios de comunicación de carácter conservador criticaron estas iniciativas alegando que abren vellas feridas. Outros medios chegan a afirmar que con estas accións, José Luis Rodríguez Zapatero pretende "gañar a guerra civil que se enterrou e superou coa Transición e pretende establecer a lexitimidade democrática en 1931, non en 1978" (Luís María Ansón, 4/10/2005).

Os aliados preferentes do goberno ó comezo da lexislatura, Esquerra Republicana de Catalunya e Esquerda Verde, criticaron a tardanza do goberno en aprobar a lei de recuperación da memoria histórica prometida en 2004 e atrasada en tres ocasións, presentando as súas propias proposicións de lei en novembro de 2005.

Outro motivo de crítica contra esta lei é a alteración de material e monumentos históricos alegando que o principal motivo dos devanditos actos é a vinganza.

O goberno de Rodríguez Zapatero alega que é necesario lembrar para non volver cometer os mesmos erros e di que a oposición non entende que esta lei poida non reavivar vellas rifas, senón cicatrizar as feridas dunha gran parte de españois que teñen que cargar co esquecemento e con aquela humillación.

En xullo de 2007 o líder da oposición, Mariano Rajoy, prometía derrogar esta proposta de lei que cualificou como "asunto incomprensible" se conseguía gañar as seguintes eleccións (2008). Con todo, durante a súa tramitación por parte da Comisión Constitucional do Congreso o seu partido votou favorablemente varios dos seus artigos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martín Pallín, José Antonio; Escudeiro Alday, Rafael (eds.) (2008). Dereito e memoria histórica. Editorial Trotta. ISBN 978-84-8164-964-2. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]