Obxectivismo (filosofía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O obxectivismo é un sistema filosófico desenvolvido pola escritora e filósofa ruso-estadounidense Ayn Rand (pseudónimo de Alisa Zinóvievna Rosenbaum; San Petersburgo, 1905 - Nova York, 1982). Presenta posicións propias en metafísica, epistemoloxía, ética, política e estética.

O obxectivismo sostén que existe unha realidade independente da mente do ser humano, que este está en contacto con esa realidade a través da percepción dos sentidos e que adquire coñecemento procesando os datos desa percepción por medio da razón (ou a «identificación non-contraditoria»). O obxectivismo sostén que a realidade (natureza das cousas) só se domina obedecéndoa, que o propósito moral da vida é a busca da propia felicidade ou o «interese propio racional», que o único sistema social conforme con este fin é o capitalismo puro (chamado tamén capitalismo laissez-faire) e que o rol da arte na vida humana é a transformación das ideas metafísicas nunha forma física (obra de arte) que se poida comprender e á que se poida responder emocionalmente.

Rand presenta a súa filosofía como unha «para vivir na Terra», enraizada na realidade e orientada ó alcance do coñecemento do mundo natural, para o cal se rexeita a relixión e se busca unha interacción harmoniosa e mutuamente beneficiosa entre os seres humanos. Aínda que pouco coñecido, o obxectivismo é unha influencia filosófica importante no pensamento moderno, á vez que controvertido.

A esencia do obxectivismo[editar | editar a fonte]

Ayn Rand definiu o obxectivismo como unha filosofía «para vivir na Terra».

A miña filosofía é, en esencia, o concepto do home como un ser heroico, coa súa propia felicidade como propósito moral da súa vida, co logro produtivo como a súa actividade máis nobre e coa razón como o seu único absoluto.
Ayn Rand

Pouco antes da publicación de Atlas Shrugged, pedíuselle a Rand que resumira o obxectivismo nunhas poucas palabras. A súa resposta foi:

Metafísica: realidade obxectiva[editar | editar a fonte]

A natureza, para ser dominada, debe ser obedecida.
O simple desexar algo non o converterá en realidade.
A realidade existe como un absoluto obxectivo: os feitos son os feitos, independentemente dos sentimentos, desexos, esperanzas ou medos dos homes.
Ayn Rand
A realidade é o resultado da orixe e esta a testemuña da realidade absoluta.
Miguel Cifts

Os principios fundamentais da metafísica obxectivista son:

  1. Primacía da existencia. Establece que a realidade existe independentemente da conciencia humana.
  2. Lei de identidade. Establece que todo o que existe ten unha natureza fixa e finita (o «A é igual a A» aristotélico).
  3. O axioma da existencia da consciencia. Establece que un é consciente.
  4. Lei de causalidade. Corolario da lei de identidade, que establece que as cousas se comportan de acordo coa súa natureza.

De acordo co obxectivismo, estas proposicións son axiomáticas, isto é, evidentes por si mesmas e calquera argumento na súa contra tería que supoñer a súa verdade.

Epistemoloxía: razón[editar | editar a fonte]

Non podes comer o teu pastel e conservalo.

O todo é maior que as súas partes.

A razón (a facultade que identifica e integra as percepcións provistas polos sentidos dos homes) é o único medio de percepción da realidade do home, a súa única fonte de coñecemento, a súa única guía para a acción, e o seu medio básico de supervivencia.
Ayn Rand

Os seres humanos individuais fanse conscientes da realidade a través dos seus sentidos. Non hai, pois, «racionalidade colectiva». A razón é o único modo de conseguir coñecemento («as emocións non son instrumentos cognitivos»).

Ética: egoísmo «racional»[editar | editar a fonte]

O home —cada home— é un fin en si mesmo, non o medio para os fins doutros. Debe existir por si mesmo e para si mesmo, sen sacrificarse polos demais nin sacrificando a outros. A busca do seu propio interese, o seu propio racional e a súa propia felicidade é o máis alto propósito moral da súa vida.
Ayn Rand

Ayn Rand propugnaba o egoísmo racional, isto é, a autoestima baseada en valores obxectivos e que, por tanto, nunca tivese sequera a pretensión de violentar de ningún modo a vida ou a liberdade dos demais. Ás veces acusouse a Ayn Rand de plaxiar o concepto de vontade de poder de Nietzsche, o cal é erróneo posto que a autora define a «vontade de poder» como un egoísmo «irracional», posto que supón a imposición da propia vontade ós demais.

Ayn Rand condenaba inequivocamente o egoísmo irracional de entregarse ós propios caprichos irracionais. Chamaba a esta actitude «whim-worshipping» (adoración do capricho), e ós seus practicantes dáballes o gráfico nome de «egoístas sen ego».

Política: capitalismo[editar | editar a fonte]

Dádeme liberdade ou dádeme morte.
Patrick Henry
O sistema político económico ideal é o capitalismo laissez-faire. É un sistema no cal os homes tratan uns con outros non como amos e escravos, senón como comerciantes, mediante intercambio libre e voluntario, en beneficio mutuo. É un sistema no cal ningún home pode obter ningún valor doutro mediante o uso da forza física, e ningún home debe iniciar o uso da forza física contra outros. O goberno actúa exclusivamente como policía, protexendo os dereitos dos homes en represalia e contra aqueles que inician o uso da forza física, tales como criminais ou invasores estranxeiros. Nun sistema de capitalismo puro, debe haber (pero historicamente esta situación aínda non se deu nunca) unha separación total entre o estado e a economía, na mesma maneira e polas mesmas razóns que no caso da separación entre a igrexa e o estado.
Ayn Rand

Segundo Ayn Rand, o capitalismo puro é o sistema económico máis produtivo que existe e o que xerou maior benestar. Pero, dicía, este non debe ser o motivo principal para defendelo. Segundo Ayn Rand o capitalismo debe ser defendido prioritariamente en termos morais, non prácticos. E o principio desta moral sería o respecto á liberdade de todos os individuos, que se relacionan e cooperan de forma voluntaria e non imposta.

Segundo ela, o único sistema social moral é o do puro capitalismo «laissez-faire», cun goberno estritamente limitado a xestionar as institucións destinadas a impedir ou castigar o inicio de violencia por parte duns seres humanos sobre outros, isto é: Sistema Xudicial, Policía e Exército.

Estética[editar | editar a fonte]

Tapa dunha monografía de 2.500 palabras da femme fatale polaca Pola Negri, publicada en 1925.[1]

.

A arte dalle ó home a experiencia de vivir nun mundo onde as cousas son como deberían ser. Esta experiencia é de crucial importancia para el: é o seu salvavidas psicolóxico. Dado que a ambición do home non ten límite, dado que a súa busca e logro de valores é un proceso que dura toda a vida —e canto máis elevados os valores, máis dura é a loita—, o home necesita un momento, unha hora, certo período de tempo no cal poida experimentar o sentido da súa tarefa terminada, o sentido de vivir nun universo onde os seus valores fosen exitosamente realizados. É como un descanso, un momento de repoñer combustible mental cara a novos logros. A arte dálle este combustible, un momento de alegría metafísica, un momento de amor pola existencia. Como un faro, alzado sobre os escuros cruzamentos de camiños do mundo, dicindo «Isto é posible».
Ayn Rand

O obxectivismo sostén que a arte é ó espírito do home o que a tecnoloxía é á súa vida material, e, por conseguinte, a arte debe mostrarlle ó home «como podería e debería ser».

As teorías estéticas obxectivistas plásmanse nunha escola artística chamada realismo romántico, que tende a plasmar seres humanos en situacións de alegría e triunfo.[2]

O obxectivismo considera que a práctica totalidade da arte moderna non é tal arte, e que a súa orixe está na corrupción filosófica pretendidamente introducida por Kant na filosofía occidental.

Conceptos obxectivistas a contracorrente[editar | editar a fonte]

Algúns conceptos obxectivistas resultan chocantes e requiren un pouco de explicación.

O egoísmo é unha virtude[editar | editar a fonte]

Para o obxectivismo, o egoísmo racional é unha virtude e calquera forma de altruísmo é inmoral, xa que non hai ningún motivo racional para poñer as necesidades dos demais por diante das necesidades racionais propias. Para Ayn Rand, o egoísmo é unha autoestima baseada na razón e na reflexión. O altruísmo, pola contra, é descrito por ela (adheríndose á definición orixinal de Auguste Comte) como unha filosofía segundo a cal un individuo non debe vivir para si mesmo, senón para outro. Ela vía isto como un atentado contra a autoestima e diferenciouno claramente da xenerosidade, a amabilidade e a compaixón que unha persoa pode sentir cara a outras sen deixar de quererse a si mesma.

Ós egoístas irracionais (por exemplo ós nietzscheanos), Ayn Rand chamábaos «egoístas sen ego», reivindicando así que o ego consciente é simplemente a razón, non os caprichos emocionais.

O orgullo é unha virtude[editar | editar a fonte]

Para o obxectivismo, o orgullo racional é a coroa de todas as demais virtudes. Se un se esforza en levar unha vida racional e produtiva, un gaña o dereito de ser orgulloso dos valores morais e materiais que se obteñan.

  • Non obstante, o obxectivismo condena inequivocamente os orgullos irracionais: o orgullo de ser de determinado país, de pertencer a unha ou outra raza ou tribo, de ter grandes riquezas herdadas, de pertencer a unha familia con títulos nobiliarios... En ningún destes casos o individuo fixo algo para gañar o dereito a estar orgulloso.

A humildade é un vicio[editar | editar a fonte]

Inversamente, a humildade (entendida como a baixa autoestima) é un vicio, xa que o humilde considérase a si mesmo como de pouco valor e non mellor que os demais. Para o obxectivismo, encontrarse neste estado e consideralo como algo bo mata calquera tipo de ambición moral no individuo.

  • Se un individuo está neste estado, tras unha avaliación sincera dun mesmo, o que un debe facer é loitar por mellorarse a si mesmo para así poder gañar o dereito a estar orgulloso.
  • Se un individuo é humilde a pesar de ter virtudes, é dicir, se o individuo elixe non apreciar as propias virtudes por temor a ser cualificado de orgulloso, o obxectivismo sostén que ese individuo está en guerra consigo mesmo e coa realidade.

O extremismo é bo[editar | editar a fonte]

Para o obxectivismo, os cultos ó «termo medio», ó compromiso e ó consenso son sintomáticos de inseguridade nos propios valores e nas propias decisións, consecuencia inevitable da filosofía de Platón e Kant e dos seus derivados, que sosteñen que o coñecemento seguro sobre o mundo é inalcanzable. É por isto que, para o obxectivismo, o extremismo é considerado como algo «bo».

O obxectivismo sostén que, se partindo de premisas correctas e seguindo unha epistemoloxía correcta un identifica algo como bo, o moral é levalo ata as súas últimas consecuencias.

O sacrificio persoal sempre é inmoral[editar | editar a fonte]

Un non debe sacrificarse nunca, baixo ningunha circunstancia.

Os actos encomiables ós que se denomina «sacrificios» non son tales. Por exemplo, un home arrisca a súa vida por salvar a da súa muller ou as dos seus fillos e perde a súa. Este home non se está «sacrificando», xa que a súa vida sen esas persoas carecería de valor, polo que está facendo simplemente unha transacción ou intercambio racional, baseándose en algo que este home coñece e sabe que valora. Se ese home arriscase a súa vida por salvar a descoñecidos, estaría cometendo un acto gravemente inmoral.

Igualmente, os obreiros dunha fábrica non se «sacrifican» nunca traballando para o seu empresario, xa que o soldo que cobran recompensa o seu traballo. Se o soldo lles parece insuficiente, son libres de marchar e buscar un traballo mellor pagado.

Non existen os dereitos positivos[editar | editar a fonte]

O obxectivismo sostén que os dereitos positivos (dereito ó traballo, á vivenda, á atención sanitaria...) son loxicamente contraditorios na súa soa enunciación, unha contradictio in terminis, xa que xerarían obrigas que destruirían os dereitos negativos (os únicos que hai) de terceiros.

Por exemplo, se un individuo ten dereito ó traballo ou á atención sanitaria, outros individuos terán a obriga de contratar a ese individuo e sufragar os gastos que a súa atención sanitaria xere, o cal suporía a destrución dos dereitos de propiedade e liberdade de terceiros. Os obxectivistas afirman: «Os mal chamados dereitos positivos suporían un dereito a escravizar os demais, e non existe o dereito a escravizar».

De acordo con este argumento, só existirían dereitos negativos, isto é, dereitos a non sufrir interferencias na propia vida, mentres un non interfira nos dereitos dos demais. Estes son os dereitos recollidos na Constitución dos Estados Unidos de América: vida, liberdade e a busca da felicidade.

  • Vida. Dereito a non sufrir dano corporal por parte doutras persoas.
  • Propiedade. Extensión do dereito á vida, xa que sen propiedade é imposible vivir. Ademais, a propiedade lexitimamente adquirida é unha extensión da propia vida, xa que un debe dedicarse a adquirila. Ó expropiar ou roubar a alguén estase, literalmente, roubándolle parte da súa vida.
  • Busca da felicidade. O obxectivismo defende que cada individuo ha de ser libre para facer co seu tempo o que desexe, aínda que sexa prexudicial para o seu corpo ou o seu espírito, sempre que non viole os dereitos dos demais. Coherentemente, o obxectivismo defende o dereito entre adultos a comerciar e consumir libremente drogas ou pornografía, xa que «a liberdade inclúe tamén a liberdade de facer cousas erróneas».

Razón do nome «obxectivismo»[editar | editar a fonte]

O obxectivismo deriva o seu nome do concepto do coñecemento e dos valores como «obxectivos», en vez de intrínsecos ou subxectivos. De acordo con Ayn Rand, nin os conceptos nin os valores son «intrínsecos» á realidade externa, pero tampouco son soamente «subxectivos» (con «subxectivo» Ayn Rand quería dicir ‘arbitrarios’ ou ‘creados polos sentimentos, desexos, intuicións ou caprichos’). Antes ben, os valores e conceptos debidamente formados son obxectivos no sentido de que están «determinados pola natureza da realidade, pero han de ser descubertos pola mente do home». Un non pode cambiar a realidade simplemente desexando que sexa diferente. O home debe interactuar coa realidade comprendéndoa, asumindo as limitacións propias e interactuando con ela de acordo coa propia capacidade para realizar cambios materiais consistentes cos desexos racionais propios. De acordo co obxectivismo, un subxectivista considerará os valores como arbitrarios, e un «intrinsicista» consideraríaos como algo non relacionado cos seres humanos.

«Obxectivismo» foi en realidade unha segunda elección como nome para a súa filosofía. Rand afirmou que «existencialismo» era en realidade un nome máis apropiado, xa que o axioma máis básico da filosofía é a afirmación «a existencia existe». Non obstante, Jean Paul Sartre «corrompeu», nas súas propias palabras, o significado do termo «existencialismo».

Relacións do obxectivismo con outras filosofías[editar | editar a fonte]

Rand consideraba os seus esforzos filosóficos como o inicio da corrección dos problemas do mundo, problemas que, ela sostiña, eran consecuencia da aceptación de filosofías erróneas: a filosofía mística relixiosa en xeral e do kantianismo en particular.

No Gráfico de Pournelle, o obxectivismo é situado no cuadrante superior esquerdo (alto grao de liberdade e racionalidade), xunto ó libertarismo.[3]

Filósofos ós que Ayn Rand consideraba especialmente perniciosos[editar | editar a fonte]

  • Platón: «Hai un único asunto fundamental en filosofía: a eficacia cognitiva da mente humana. O conflito de Aristóteles contra Platón é o conflito da razón fronte ó misticismo. Foi Platón quen formulou a maioría das preguntas —e das dúbidas— básicas da filosofía. Foi Aristóteles quen preparou as bases para a maioría das respostas».
  • Agostiño de Hipona
  • David Hume
  • Kant
  • Hegel: «Moitos profesores de filosofía de hoxe en día non teñen nin idea do que Kant dixo realmente. E ningún leu nunca a Hegel (aínda que moitos mirasen todas e cada unha das palabras escritas en todas e cada unha das súas páxinas)» (Las cartas de Ayn Rand, volume II, n.º 11, 26 de febreiro de 1973).
  • Karl Marx
  • Nietzsche
  • Herbert Spencer
  • John Rawls:
Certas maldades están protexidas pola súa propia enormidade: Hai xente que, lendo esa cita de Rawls, non podería crer que realmente quere dicir o que di. Pero faino. Non é contra as institucións sociais contra as que Rawls (e Mr. Cohen) se rebela, senón contra a existencia do talento humano. Non contra os privilexios políticos, senón contra a realidade. Non contra os favores gobernamentais, senón contra a natureza (contra aqueles que «foron favorecidos pola natureza», como se un termo como «favor» puidese ser aplicado aquí). Non contra a inxustiza social, senón contra o feito de que algúns homes nacen con mellores cerebros e fan mellor uso deles que outros. A nova «teoría da xustiza» esixe que os homes contrarresten a «inxustiza» da natureza mediante a institucionalización da máis obscenamente impensable inxustiza: de privar a aqueles «favorecidos pola natureza» (isto é, as persoas con talento, intelixentes, creativas) do dereito ó froito do seu traballo (isto é, o dereito á vida)- e concederlles ós incompetentes, ós estúpidos, ós vagos, o dereito ó desfrute de bens que non poderían producir, non poderían imaxinar e nin sequera saberían que facer con eles.
Tomado de The Ayn Rand Letter, volume II, n.º 10, 12 de febreiro de 1973

Filósofos ós que Ayn Rand consideraba positivamente[editar | editar a fonte]

Un manifestante durante unha das protestas do Tea Party Movement, en Chicago, en abril de 2009, cun cartel que di: «Eu son John Galt», o protagonista da novela de Rand Atlas Shrugged.

Rand considerábase a si mesma como unha correctora e continuadora da obra filosófica de Aristóteles, a quen consideraba o máis grande filósofo da historia.

A única débeda filosófica que podo recoñecer é cara a Aristóteles. Estou en completo desacordo con gran parte da súa filosofía, pero a súa definición das leis da lóxica e dos medios do coñecemento humano son un logro tan enorme que os seus erros son, por comparación, irrelevantes.
Ayn Rand, tomado da introdución de Atlas Shrugged

Ayn Rand tamén encomiou a Tomé de Aquino por introducir a filosofía aristotélica, especialmente a epistemoloxía aristotélica, no mundo católico.

Como se fixo pública a obra de Ayn Rand[editar | editar a fonte]

Rand publicou a maior parte dos seus ensaios (a súa obra de non ficción) no seu propio newsletter The Objectivist, e, con anterioridade, na revista que ela mesma editaba, na cal só se publicaban traballos de acordo coas teorías obxetivistas. Nunca publicou en revistas académicas convencionais. Gran parte do corpus de non-ficción de Ayn Rand quedou rexistrado unicamente na ampla colección de arquivos de son das súas conferencias.

A produción de obras de non ficción de Ayn Rand aumentou enormemente tras publicar a súa Opus Magnum de ficción, Atlas Shrugged (1957). A creación desta novela demandou de Rand a maior parte das súas enerxías desde 1943 ata 1957.

Escisións dentro do obxectivismo[editar | editar a fonte]

O obxectivismo coñeceu dúas escisións ou «cismas» maiores:

1968: Escisión Ayn Rand – Nathaniel Branden[editar | editar a fonte]

Sinatura da filósofa Ayn Rand.

En 1968 Ayn Rand expulsou a Nathaniel Branden do movemento obxectivista. Ata ese momento, Rand afirmaba publicamente que Branden era a persoa que mellor entendía o obxectivismo e considerábao como o seu «herdeiro intelectual».

Os motivos da expulsión son discutidos. Os que quedaron con Ayn Rand aducen que a expulsión se debeu a unha xestión económica deshonesta e a tendencias irracionalistas por parte de Nathaniel Branden. Nathaniel Branden cualificou de difamación estas acusacións e explicou a súa expulsión por motivos puramente persoais, xa que Ayn Rand soubo daquela que Branden mantiña relacións cunha terceira muller (Branden estaba casado e fora amante de Ayn Rand).

Inmediatamente despois da expulsión, Ayn Rand desmantelou toda a puxante organización ata daquela existente para propagar o obxectivismo, o Nathaniel Branden Institute.

Trala ruptura, Branden sostivo que o obxectivismo, a pesar de ter moitos valores positivos, carece dunha comprensión profunda da psicoloxía humana, e advirte o estudante obxectivista neófito a que, aínda persistindo no seu estudo, teña isto presente. Finalmente, Branden pasou a colaborar co tamén obxectivista «disidente» David Kelley.

1985: Escisión Leonard Peikoff - David Kelley[editar | editar a fonte]

Leonard Peikoff, o «herdeiro intelectual» de Ayn Rand no momento da súa morte e detentador de todos os dereitos sobre as súas obras, afirma que o obxectivismo é un «sistema cerrado», que consiste no que Ayn Rand escribiu ou dixo, e demais elaboracións posteriores baseadas nos fundamentos orixinais. Peikoff considera calquera desacordo en asuntos esenciais co que Rand afirmou como unha traizón ó obxectivismo, e oponse á colaboración con non obxectivistas.

No 1985, Leonard Peikoff expulsou a David Kelley do Ayn Rand Institute.

David Kelley escribiu un ensaio titulado «Unha cuestión de sanción», no que argumentaba a favor da colaboración con non obxectivistas. Peikoff argumenta que todos aqueles que non son obxectivistas están evadindo a realidade, e que, polo tanto, colaborar con eles supón unha sanción («sanción» no sentido de ‘aprobación’) desa evasión.

En cambio Kelley avoga tamén por unha concepción do obxectivismo como un «sistema aberto», que pode incorporar novos conceptos máis alá do que Ayn Rand escribiu ou dixo, e corrixir os seus supostos erros.

Peikoff expuxo os seus argumentos contra as teses de Kelley no seu artigo «Fact and value». Pensadores obxectivistas como Peter Schwartz e Harry Bisnwanger apoiaron a Peikoff.

Kelley fundou en 1990 o Instituto de Estudos Obxectivista[4] (chamado máis tarde O Centro Obxectivista e posteriormente The Atlas Society[5]) para difundir a súa interpretación do obxectivismo. Kelley colabora co movemento libertariano estadounidense, e con outros grupos cos que Peikoff se nega a colaborar. Peikoff e outros membros do Ayn Rand Institute negan que Kelley sexa un obxectivista. Citan, por exemplo, a oposición de Ayn Rand ó libertarianismo na década de 1960 como un motivo para condenar a Kelley, quen se defende aducindo que Peikoff e os seus asociados toman a oposición de Rand ó libertarianismo fóra de contexto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Russian Writings on Hollywood (Softcover), ed. Michael S. Berliner". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 09 de marzo de 2016. 
  2. [1]
  3. Os eixes políticos de Pournelle Arquivado 07 de abril de 2005 en Wayback Machine. (en inglés)
  4. O Instituto de Estudos Obxectivista fundado por David Kelley (Institute for Objectivist Studies IOS-1990), distinto do Instituto de Estudos Obxectivista fundado en 2013 por Irfan Khawaja e Carrie-Ann Biondi (https://instituteforobjectiviststudies.wordpress.com/) (en inglés)
  5. The Atlas Society (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]