Egoísmo moral
O egoísmo moral, ou egoísmo ético, é unha doutrina ético filosófica que afirma que as persoas deben ter a normativa ética de obrar para o seu propio interese, e que esa á a única forma moral de obrar, aínda que permite realizar accións que axuden a outros, pero coa finalidade de que o axudar nos dea un beneficio propio tomándoo como un medio para lograr algo proveitoso. Afirma que a validez dunha teoría ou praxe se encontra na súa achega directa á edificación positiva e responsable do eu ou desenvolvemento persoal.
O egoísta moral baséase na afirmación de si mesmo; que o converte no seu propio soberano ó tornalo consciente da súa realidade moral e persoal. A realidade é a da súa propia existencia e o seu vivir nunha realidade determinada. Está vencellado á dimensión moral de formas de subxectivismo ou solipsismo radical.
Lóxica privada e autoedificación
[editar | editar a fonte]O sentido do eu e os seus intereses só poden ser determinados ou interpretados polo eu mesmo; dentro desta lóxica encóntrase o principio de acción moral do egoísta. Frases como o persoal é o real de Søren Kierkegaard ou a miña causa é o meu de Max Stirner reflicten este criterio. A base para xulgar o beneficio propio é o nivel de edificación ou desenvolvemento persoal que produce a nivel material, intelectual e emocional.
A edificación dun mesmo é o resultado e o obxectivo do exercicio responsable da soberanía individual cando a través desta se logra autodeterminación e autorrealización . Esta actitude ética do egoísta moral foi explicada por medio de figuras identitarias como: o único ou o subxectivo
Tipos de egoísmo moral
[editar | editar a fonte]Identifícanse tres diferentes formulacións do egoísmo ético ou moral:
- Individuais. Un egoísta ético individual celebraría que todas as persoas deben facer o que lle beneficia a el (o que enuncia a afirmación).
- Persoais. Un egoísta ético persoal afirma que el debe actuar segundo o seu propio interese, pero non fai aseveracións sobre o que os demais deberían facer.
- Universais. Un egoísta ético universal argumenta que todo o mundo debe actuar dunha maneira que sexa no seu propio interese.
Unha filosofía que defenda o que se debe ser honesto, xusto e benévolo porque esas virtudes serven ó beneficio propio é unha filosofía egoísta; soster que esas virtudes deberían practicarse por razóns que non sexan de interese propio non é filosofía egoísta.
Argumentos a favor do egoísmo ético
[editar | editar a fonte]A maioría dos que apoian o egoísmo ético pensan que a verdade é moi obvia e polo tanto non se necesitan argumentos que o comproben. Xeralmente úsanse tres liñas de razoamento ó seu favor:
O argumento de que o altruísmo é contraproducente.
- Cada un de nós coñecemos perfectamente os nosos desexos e necesidades e sabemos que é o que nos fará feliz e como levalo a cabo. Os desexos e necesidades dos demais coñecémolos imperfectamente, polo tanto é probable que ó tratar de axudalos se lles provoque un prexuízo.
Ofrecerlle caridade a outra persoa é facela dependente doutra, é dicirlle que non é capaz ...; en vez de agradecérnolo, sentirase resentida pola axuda ofrecida. Estar pendente do benestar dos demais é unha invasión á súa privacidade. Se cada persoa se preocupara dos seus propios intereses, habería unha mellora na sociedade. Como di Robert G. Olson no seu libro The Morality of self-interest(1965): “É máis probable que o individuo contribúa ó melloramento social cando procura racionalmente os seus mellores intereses de longo prazo”.
A ética do ”altruísmo” é algo destrutivo para a sociedade.
- O altruísmo provoca que se abandonen soños, proxectos, etc., sacrificando a vida propia para salvar outras persoas. Polo tanto na ética do “altruísmo”, a vida dun individuo ou os intereses propios non teñen valor e débese estar disposto a facer un sacrificio para salvar a outros.
Pola contra, no egoísmo ético cada persoa debe velar polo seu propio ben; dáselle un valor fundamental ó individuo.
O egoísmo ético é compatible coa moral do sentido común.
- Consiste en obedecer certas regras: cumprir promesas, non mentir, non danar, etc., todos estes deberes ou obrigas derivan a un fin común, o cal é o interese propio. Aínda así, algúns deberes e obrigas poden ir en contra do interese propio.
O principio do egoísmo ético conduce a unha regra de ouro do axioma de non-agresión: "non lles debes facer ós demais o que non queiras que te fagan, por que se o fas, os demais moi probablemente faráncho." Así que se deben seguir certas normas ou obrigas onde non se debe danar a outros para un fin ou interese propio. Este razoamento lévanos á seguinte situación: se o egoísta ético estivese nunha posición tan vantaxosa que lle garantizase a súa propia seguridade ante os demais..., nada lle impediría facerlles a estes o que non querería que lle fixesen a el..., por iso o egoísmo moral encaixa dentro do relativismo cultural.
Argumentos en contra do egoísmo ético
[editar | editar a fonte]Afírmase que o egoísmo ético non pode resolver conflitos de interese. Kurt Baier, escritor do libro The Moral Point of View (1958) di que o egoísmo ético non pode ser correcto porque non pode darlles solucións ós conflitos de interese. É dicir, se nós só tomasemos en conta intereses propios, nunca aceptariamos que estes quedasen arruinados, polo tanto, non podería haber solucións morais a problemas de intereses. Non obstante, e como resposta, os partidarios do egoísmo ético afirman que o acordo pacífico ou negociación que permite solucionar un conflito de interese, pode ser benéfico para todos os egoístas involucrados. Autores como David Gauthier, autor de La moral por acuerdo (Gedisa, Barcelona, 1994), responden ás críticas contra o egoísmo moral afirmando que a solución de conflitos de interese pode explicarse por interese.
O dilema do prisioneiro, en teoría de xogos, amosa que aínda cando as actitudes cooperativas poidan supoñer un sacrificio inmediato de intereses individuais, a longo prazo a cooperación beneficia a todas as partes en xogo. Os egoístas éticos responden a isto dicindo que isto resulta ser un egoísmo sociocentrista, que denominamos colusión.
O egoísmo ético no individual di:
(A1) “Debemos actuar de maneira racional”. (A2) “O racional é mirar sempre polo propio interese”. (A3) Como (A1) e (A2) é verdadeiro, daquela “debemos mirar sempre polo propio interese”.
e engaden "egoísmo ético" (realmente sería altruísmo) no social:
(A4) “Aínda que o altruísmo fose o correcto, non estamos familiarizados cos desexos e necesidades dos demais, polo tanto, se os axudamos entremetémonos nas súas vidas e farémoslles máis mal que ben”. (A5) “Aínda que ó axudar ós demais lles fagamos ben, estamos degradándoos, roubándolles a súa dignidade e o seu respecto propio; estámoslles dicindo que non son competentes para coidarse a si mesmos”. (A6) Como (A3) e (A4) e (A5) son verdade, entón “debemos rexeitar as políticas que velan polos intereses doutros, pois cando cada un mira polo seu propio interese é máis probable que contribúa ó melloramento social”. (A7) Como (A6) é verdade entón “debemos promover unha sociedade capitalista”.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Rachels, James (1986): Introducción a la Filosofía Moral. VI. El egoísmo ético.
- Baier, Kurt (1958): The Moral Point of View.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Altruísmo
- Amoralismo
- Anarquismo egoísta
- Desenvolvemento persoal
- Egoísmo racional
- Egoísmo psicolóxico
- Interaccionismo
- Obxectivismo (filosofía)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- El único.org
- Kiekegaard en español
- Cínicos.com Arquivado 24 de abril de 2015 en Wayback Machine.
- Non serviam.com
- La ética del cuidado de uno mismo como práctica de la libertadArquivado 27 de abril de 2015 en Wayback Machine., entrevista a Michel Foucault