Nikos Kazantzakis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nikos Kazantzakis
Nikos Kazantzakis.jpg
Nome completoΝίκος Καζαντζάκης
Nacemento18 de febreiro de 1883
 Heraclião
Falecemento26 de outubro de 1957
 Friburgo de Brisgovia - Freiburg im Breisgau
CausaLeucemia
SoterradoHeraclião
NacionalidadeGrecia
EtniaGregos
Alma máterUniversidade de Atenas
Ocupaciónguionista, xornalista, poeta, tradutor, novelista, filósofo, dramaturgo, escritor e político
CónxuxeGalateia Kazantzakē e Heleni Kazantzaki
PremiosGreek state literary award
Nikos-kazantzakis-signature.svg
editar datos en Wikidata ]
Tumba de Nikos Kazantzakis en Heraklion.
Lápida de Kazantzakis, cun epitafio que di: «Non espero nada, non temo nada, son libre».

Nikos Kazantzakis (en grego: Νίκος Καζαντζάκης), nado en Heraklion (Imperio Otomán) o 18 de febreiro de 1883 e finado en Friburgo (Alemaña) o 26 de outubro de 1957, foi un escritor grego, autor de poemas, novelas, ensaios, obras de teatro e libros de viaxe.

Posiblemente, é o escritor e filósofo grego máis importante do século XX e o que foi traducido a máis linguas. No entanto, non foi moi coñecido até a estrea do filme Zorba the Greek (1964), de Michael Cacoyannis, baseado na novela homónima e a obra máis recoñecida de Kazantzakis xunto con Ο Τελευταίος Πειρασμός ("A última tentación").

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Kazantzakis naceu en Megálo Kástro [Μεγάλο Κάστρο] (hoxe Heraklion, Creta) en 1883. Cando Kazantzakis naceu, Creta estaba aínda baixo o dominio do Imperio otomán. O seu apelido, Kazantzakis, deriva da palabra turca Kazanci, que significa "o que fabrica, repara ou vende caldeiros".

En 1902, Kazantzakis mudouse a Atenas, onde estudou dereito na Universidade de Atenas e logo, en 1907, emigrou a París para estudar filosofía. Como explica na súa obra autobiográfica Carta ao Greco[1], alí asistiu ás clases de Henri Bergson, mais sobre todo descubriu a Nietzsche, en quen creu atopar o artífice da volta á concepción dionisíaca grega presocrática do home como centro do universo. Desprazouse a Sils-Maria na Engadina suíza para coñecer de primeira man a contorna en que o filósofo redactara os seus escritos.[2] A partir dos libros de Nietzsche reafirmouse na súa concepción vitalista da existencia.

Ao regresar a Grecia, comezou a traducir obras de filosofía e en 1914 entrou en contacto con Angelos Sikelianos. Xuntos viaxaron durante dous anos polos lugares en que floreceu a cultura greco-cristiá, especialmente os mosteiros do monte Athos onde ambos permaneceron corenta días, visitando os mosteiros do lugar e vivindo a vida dos ascetas. A partir desta experiencia foi en gran medida influenciado polo nacionalismo entusiasta de Sikelianos.

En 1917, coñeceu a Georges Zorbas, futura icona da novela Alexis Zorba, e explotou con el unha mina de lignito na rexión grega de Mani que Nikos comprara coa herdanza dun tío paterno. A experiencia terminou en fracaso económico e tiveron que pechar a explotación, pero o vitalismo insubornable de Zorbas acabouno de reafirmar na súa vocación de escritor. Permaneceron en contacto epistolar ata a morte de Zorbas en Serbia, onde explotaba unha canteira, durante a segunda guerra mundial.[3]

Kazantzakis casou con Galatea Alexiou en 1911 e divorciáronse en 1926. Galatea Alexiou tomou o seu apelido e foi coñecida co nome de Galatea Kazantzakis, negándose máis tarde a deixar de utilizar o seu apelido e pondo isto como unha das condicións para o seu divorcio. Casou de novo, con Elena Samiou, en 1945.

En 1918 viaxou e residiu en Suíza. En 1919, como Director Xeneral do Ministerio de Benestar Social, organizou o traslado das poboacións gregas pónticas desprazadas pola Revolución Rusa de 1917, desde a rexión do Cáucaso a Grecia. Para Kazantzakis, este foi o comezo dunha odisea a través do mundo. Ata a súa morte en 1957, residiu temporalmente en París e Berlín (desde 1922 ata 1924), Italia, Rusia (en 1925), España (en 1932) e logo en Chipre, Exina, Exipto, o Monte Sinaí, Checoslovaquia, Niza (máis tarde comprou unha vila nos arredores de Antibes), a China e Xapón.[4]

Mentres estaba en Berlín, onde a situación política era explosiva, Kazantzakis descubriu o comunismo e converteuse en admirador de Lenin. Nunca foi un comunista consistente, pero visitou a Unión Soviética e estivo co membro da Oposición de Esquerda e escritor Victor Serge. Foi testemuña do ascenso de Stalin, e sentiuse defraudado co comunismo de estilo soviético. Ao redor desta época, as súas máis temperás crenzas nacionalistas foron gradualmente substituídas por unha ideoloxía máis universal.

En 1945, converteuse en líder dun pequeno partido de esquerdas non comunista, e entrou no goberno grego como ministro sen carteira. Dimitiu do seu posto ao ano seguinte.

En 1946, a Sociedade de Escritores Gregos recomendou a Kazantzakis e Angelos Sikelianos para ser galardoados co Premio Nobel de Literatura. En 1957 comezou unha nova viaxe cara á China e ao Xapón. Esta foi a súa última viaxe. Kazantzakis, que sufría leucemia, sentiuse enfermo e foi trasladado a Friburgo (Alemaña), onde morreu. Foi enterrado sobre unha das murallas que rodean Heraklion, xa que a Igrexa ortodoxa non permitiu que fose enterrado nun cemiterio. O seu epitafio reza: «Non espero nada, non temo nada, son libre» (en grego: Δεν ελπίζω τίποτα, δε φοβούμαι τίποτα, είμαι λέφτερος).

Obra[editar | editar a fonte]

O seu primeiro traballo foi a narración Όφις και Κρίνο (1906), que asinou co pseudónimo Karma Nirvami. En 1909, Kazantzakis escribiu unha obra teatral nun acto titulada Ξημερώνει, na que remarcablemente resoan temas existenciais que prevalecerían moito despois, na Europa da posguerra, en autores como Sartre e Camus. En 1910, despois dos seus estudos en París, escribiu a traxedia Ο πρωτομάστορας, baseado nun popular mito folclórico grego.

Kazantzakis consideraba o seu enorme poema épico (33 333 versos de lonxitude), Οδύσσεια, como o seu traballo máis importante. Iniciado en 1924, reescribiuno sete veces antes da súa publicación en 1938. De acordo con outro autor grego, Pantelis Prevelakis, «foi un esforzo sobrehumano rexistrar a súa inmensa experiencia espiritual». Seguindo a estrutura da Odisea de Homero, está dividido en 24 rapsodias.

Os seus máis famosas novelas inclúen Alexis Zorba (1946); Ο Χριστός Ξανασταυρώνεται ("Cristo de novo crucificado", 1948); Ο Καπετάν Μιχάλης (1950); Ο Τελευταίος Πειρασμός ("A última tentación", 1951) e Ο Φτωχούλης του Θεού ("O pobre de Asís", 1956); Αναφορά στον Γκρέκο ("Informe ao Greco", 1961), contén tantos elementos autobiográficos como ficticios, e resume a súa filosofía como «unha mirada cretense», e discute a súa orixe arábiga (os árabes dominaron Creta entre os anos 825–961).[5]

Ao comezo da súa mocidade, Kazantzakis atopábase espiritualmente inquieto. Torturado por preocupacións metafísicas e existenciais, buscaba socorro no coñecemento e as viaxes, contactar cunha diversa variedade de xentes, de todo tipo de existencias. A influencia de Friedrich Nietzsche no seu traballo é evidente, especialmente os conceptos de Nietzsche do ateísmo e o superhome (Übermensch). Con todo, tamén estaba obsesionado con preocupacións espirituais. Para lograr unha unión con Deus, Kazantzakis permaneceu nun mosteiro durante seis meses.

En 1927, Kazantzakis publicou en grego os seus «Exercicios espirituais», os cales foran compostos en Berlín en 1923.

A figura de Xesús sempre estivo presente nos seus pensamentos, dende a súa mocidade ata os seus últimos anos. O Cristo de A última tentación comparte as angustiosas preocupacións metafísicas e existenciais de Kazantzakis, buscando respostas a preguntas obsesivas, e con frecuencia dividido entre o seu sentido do deber e a súa misión, por unha banda, e as súas propias necesidades humanas de gozar da vida, de amar e ser amado, e ter unha familia. Unha figura tráxica que ao final sacrifica as súas propias esperanzas humanas por unha causa maior, o Cristo de Kazantzakis non é unha deidade tan infalible e libre de paixóns mais é un apaixonado e emotivo ser humano que foi asignado a unha misión, cun significado co que está a loitar por comprender e que con frecuencia lle esixe enfrontarse á súa consciencia e as súas emocións, e en última instancia a sacrificar a súa propia vida para o seu cumprimento. É suxeito de dúbidas, medos e mesmo culpas. Ao final el é o Fillo do Home, un home cuxa loita interior representa a súa humanidade.

Moitos relixiosos gregos conservadores condenaron o traballo de Kazantzakis. A súa resposta foi: «Déstesme unha maldición, Santos Pais, eu douvos unha bendición: que as vosas consciencias sexan tan claras como a miña e que sexades tan morais e relixiosos como eu», antes de que a Igrexa Ortodoxa Grega o excomungara en 1955.

A última tentación foi incluída pola Igrexa católica no Índice de Libros Prohibidos. Kazantzakis reaccionou co envío dun telegrama coa cita do escritor Tertuliano: "Ad tuum, Domine, tribunal appello" ("Interpoño a miña apelación ao teu tribunal, Señor"). Moitos cines prohibiron o filme de Martin Scorsese, que foi estreada en 1988 e estaba baseaba na súa novela.

Nos días de Kazantzakis, o mercado internacional de material publicado en grego moderno era moi reducido. Kazantzakis tamén escribiu en grego moderno (demótico), con rastros de dialecto cretense, o que fixo a todos os seus escritos os máis controvertidos nos círculos literarios conservadores domésticos. As traducións dos seus libros noutras linguas europeas non apareceron ata que era ancián. Por iso é polo que atopou dificultades para vivir da escritura, o que o conduciu a escribir gran cantidade de encargos, incluíndo un bo número de traducións do francés, alemán e inglés, e curiosidades como ficción francesa e libros de texto escolares en grego, principalmente porque necesitaba o diñeiro. Algúns dos seus escritos «populares» foron con todo distinguidos, tales como os seus libros baseados nas súas extensas viaxes, que apareceron na serie «Viaxar» que el fundou. Estes libros en Grecia, Italia, Exipto, Sinaí, Chipre, España, Rusia, Xapón, China e Inglaterra son obras mestras da literatura de viaxes grega.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ficción[editar | editar a fonte]

Novelas
  • Όφις και Κρίνο (1906)
  • Σπασμένες Ψυχές (1909)
  • Τόντα-Ράμπα (1929)
  • Ο Βραχόκηπος (1936)
  • Βίος και πολιτεία του Αλέξη Ζορμπά (1946), adaptada ao cinema no filme Zorba the Greek (1964)
  • Ο Χριστός Ξανασταυρώνεται (1948), adaptada ao cinema no filme Celui qui doit mourir (1957)
  • Ο Καπετάν Μιχάλης (1950)
  • Ο Τελευταίος Πειρασμός (1951), adaptada ao cinema no filme The Last Temptation of Christ (1988);
  • Ο Φτωχούλης του Θεού (1953)
  • Οι Αδερφοφάδες (1955)
  • Αναφορά στον Γκρέκο (1957)
Libros infantís
  • Μέγας Αλέξανδρος (1940)
  • Στα Παλάτια της Κνωσού (1940)
Poemas
  • Οδύσσεια (1938)
  • Τερτσίνες (1960)
Obras de teatro
  • Ξημερώνει (1906)
  • Φασγά (1907)
  • Έως πότε; (1907)
  • Ο πρωτομάστορας (1909)
  • Κωμωδία - Τραγωδία μονοπράκτη (1909)
  • Οδυσσέας (1915)
  • Νικηφόρος Φωκάς (1927)
  • Χριστός (1928)
  • Μέλισσα (1937)
  • Ιουλιανός ο Παραβάτης (1939)
  • Trilogía Prometeo (Προμηθέας) (1944-1945)
  • Καποδίστριας (1944)
  • Σόδομα και Γόμορρα (1948)
  • Κούρος, AKA Θησέας (1949)
  • Κωνσταντίνος Παλαιολόγος (1951)
  • Το χρυσό μήλο, tamén coñecida como Χριστόφορος Κολόμβος (1954)
  • Βούδας (1956)

Non ficción[editar | editar a fonte]

Ensaios
  • Η αρρώστια του αιώνος (1906)
  • Ο Φρειδερίκος Νίτσε εν τη Φιλοσοφία του Δικαίου και της Πολιτείας) (1909)
  • Η επιστήμη εχρεωκόπησε; (1909)
  • Henri Bergson (1913)
  • Συμπόσιον (1922)
  • Ασκητική, Salvatores Dei (1927)
  • Ιστορία της ρώσικης λογοτεχνίας (1930)
Cartas
  • Επιστολές του Νίκου Καζαντζάκη προς την οικογένεια Αγγελάκη (1917-1957)
  • Επιστολές προς τη Γαλάτεια (1920-1924)
  • Τετρακόσια Γράμματα του Καζαντζάκη στον Πρεβελάκη (1926-1957)
Viaxes
  • Σκίτσα από το Άγιον Όρος (1914)
  • Ταξιδεύοντας:
  1. Ταξιδεύοντας: Ισπανία -Ιταλία - Αίγυπτος- Σινά (1926-1927)
  2. Ταξιδεύοντας: Ισπανία (1926-1936)
  3. Ταξιδεύοντας: Ιαπωνία - Κίνα (1935)
  4. Ταξιδεύοντας: Αγγλία (1939)
  5. Ταξιδεύοντας: Ρουσία (1925-1929)
  6. Ταξιδεύοντας: Ιταλία - Αίγυπτος - Σινά - Ιερουσαλήμ - Κύπρος - Ο Μοριάς (1926-1927)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]