Polígono industrial A Grela - Bens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°21′08.7″N 08°25′20.9″O / 43.352417, -8.422472

O polígono industrial A Grela - Bens é unha zona industrial e de uso terciario-mixto situada no concello da Coruña, promovida polos antecesores do SEPES[1].

Historia[editar | editar a fonte]

Foi creado en 1963, o que o converte no máis antigo de Galicia. Conta cunha superficie de 1.421.818 metros cadrados dos que 887.677 pertencen ás 218 parcelas iniciais, porén algunhas de grande superficie foron subdivididas con posterioridade.

Sede do Grupo Hijos de Rivera e factoría de Estrella Galicia.

Nel están instaladas máis de 550 empresas, que xeran máis de 20.000 empregos directos, algunhas de grande relevancia a nivel autonómico como Alcoa, Comar, Hijos de Rivera, R, Alba Conde, Cafés Siboney, Dielectro Industrial, Kina Fernández, Eulen, Ipasa, Repsol, SGL Carbon, Vodafone ou Voz Audiovisual.

En 2004 foi inaugurado un busto en homenaxe a Eduardo Diz, fundador da empresa de frío industrial Frigo Diz e promotor do polígono, na rotonda onde conflúen a estrada de Baños de Arteixo, a avenida de Enrique Salgado Torres, a rúa Severo Ochoa e a avenida de Arteixo. Desde aquela, a glorieta leva tamén o nome do industrial coruñés.[2]

Superficies comerciais[editar | editar a fonte]

A comezos do século XXI, grazas aos cambios das normativas municipais, comezaron a se instalar no polígono cadeas de supermercados como Lidl, Eroski ou Día e se chegaron a construír até tres centros comerciais: Comcor (coas galegas Bricoking e Pórtico como grandes motores), Dolce Vita en 2008 e finalmente IKEA con Marineda City en 2010 e 2011 respectivamente.

Instalacións públicas[editar | editar a fonte]

Campo de fútbol Arsenio Iglesias
Igrexario de Agrela, convertido no Centro Municipal de Empresas

Ademais de empresas privadas do serctor industrial e servizos no polígono tamén se teñen construído unha serie de infraestruturas públicas de especial importancia a nivel municipal como son os campos de fútbol Arsenio Iglesias Pardo e Rodrigo García Vizoso, o parque de bombeiros, un gran almacén de mobiliario urbano[3], o matadoiro e o mercado municipal de froitas e verduras, un punto de recollida selectiva de lixo, o Centro Municipal de Empresas nun antigo igrexario. Tamén existiu un parque automobilístico do Exército de Terra de España, que pertenceu ao que hoxe se coñece como a BRILAT, e que foi parcialmente derrubado tras levar anos pechado para a construción da Ronda do Real Club Deportivo de La Coruña.[4]

Museos[editar | editar a fonte]

Na Rotonda Eduardo Diz érguese o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, asemade Hijos de Rivera está a construír dentro do seu propio recinto un museo dedicado á produción cervexeira.[5] A Fundación María José Jove, que conta cunha importante colección de arte, tamén ten a súa sede no corazón do polígono[6].

Accesos[editar | editar a fonte]

Ferroviarios[editar | editar a fonte]

Orixinariamente o polígono contaba -na rúa Severo Ochoa- cun cargadeiro que formaba parte do ramal ferroviario que conecta a Refinería da Coruña directamente coa Estación de San Cristovo, na actualidade en desuso.[7]

Estradas e autoestradas[editar | editar a fonte]

  • AG-55 e AC-552. Ámbalas dúas vías parten xuntas ao seu paso polo polígono baixo o nome Avenida de Baños de Arteixo.
  • V-1.4 (Ronda do Real Club Deportivo de La Coruña). Que o conecta co aeroporto e a A-6 mediante a AC-14.
  • AC-415 (Avenida de Fisterra). Marca o límite do polígono polo norte e o conecta co centro urbano da cidade e co barrio de Meicende.
  • Avenida Salgado Torres - AC-10. Conecta o polígono co porto interior.

Portuarios[editar | editar a fonte]

Un oleoduto que cruza o polígono en dirección leste - oeste conecta directamente os peiraos petroleiros coa refinería.[8]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "PLAN SECTORIAL DE ORDENACIÓN DE ÁREAS EMPRESARIAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA" (PDF). Instituto Galego de Vivenda e Solo. Consultado o 04-05-2017. 
  2. "El empresario Eduardo Diz falleció ayer a los 94 años". La Voz de Galicia (en español). 2011-05-24. Consultado o 2017-04-26. 
  3. La Opinión de A Coruña. "El Ayuntamiento deposita la estatua de Millán Astray en su almacén de A Grela - A Coruña - La Opinión A Coruña". www.laopinioncoruna.es. Consultado o 2017-04-26. 
  4. "Amigosdelamili.com Encuentra a tus amigos de la mili". www.amigosdelamili.com (en Spanish). Consultado o 2017-04-26. 
  5. La Opinión de A Coruña. "110 aniversario de Hijos de Rivera: Estrella Galicia estrenará un museo en su sede de A Grela". Consultado o 2017-04-26. 
  6. "Visita guiada a la Colección de Arte- Día Internacional de los Museos. Fundación María José Jove". www.fundacionmariajosejove.org (en español). Consultado o 2017-04-29. 
  7. La Voz de Galicia. "Tres trenes diarios con 250 toneladas de butano y propano, al lado de los andenes llenos de viajeros". www.lavozdegalicia.es (en español). Consultado o 2017-04-26. 
  8. La Opinión de A Coruña. "Un río de oro negro bajo la ciudad". Consultado o 2017-04-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]