Saltar ao contido

Luis Bagaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLuis Bagaría

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ca) Lluís Bagaria i Bou Editar o valor en Wikidata
29 de agosto de 1882 Editar o valor en Wikidata
Barcelona, España Editar o valor en Wikidata
Morte26 de xuño de 1940 Editar o valor en Wikidata (57 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor en Wikidata
Outros nomesBagaria, Luis Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncaricaturista, debuxante de prensa Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1127191 Tebeosfera: bagaria_bou_luis_lluis

Luis Bagaría (en catalán Lluís Bagaria), nado en agosto de 1882 en Barcelona e finado o 26 de xuño de 1940 na Habana (Cuba), foi un dos principais debuxantes políticos dos anos 10 e 20 do século XX en España. Tivo estreita relación con Galiza, foi amigo de Castelao, a quen máis dunha vez debuxou e entrevistou, e de Antón Vilar Ponte [1][2][3] e moi admirado por Luís Seoane.[4][5]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Debuxo satírico sobre mala praxe farmacéutica

Xuventude

[editar | editar a fonte]
Bagaria polo debuxante Ramón Casas (MNAC).

Pouco se sabe da orixe de Bagaría na pequena burguesía de Barcelona. Era fillo único do vendedor de zapatos Luis Bagaría i Roca e de Emilia Bou i Mas. Ao morrer seu pai sendo el un neno, trasladouse coa nai a México, onde viviron até que Lluís fixo os dezaoito anos. Con traballos temporais, chegaron a pasar noites sen teito antes de regresar a Barcelona. De volta en Cataluña frecuentou ambientes artísticos coma o de Els Quatre Gats, e fíxose amigo íntimo de Santiago Rusiñol.

Nas revistas satíricas daquela época, a loita contra a censura da Administración e da Igrexa era intensa. Coa perda de Cuba en 1898, a guerra tamén foi a miúdo tema das caricaturas.

Inicios como debuxante

[editar | editar a fonte]

Bagaría nunca tivo educación formal e practicou o que se chamaba caricatura persoal tamén común dito en francés portrait-charge: retratos grotescamente distorsionados e de liñas limpas. Os seus primeiros traballos xa demostran que dominaba a división do espazo e a arte da omisión.

En 1902 aparece o seu primeiro debuxo de humor no xornal El Rector de Valfogona e un ano máis tarde, en 1903, fai a súa primeira exposición con Nonell e Josep María Xiró na Sala "Parés" de Barcelona. O seu talento deuse a coñecer axiña e de novo expón aí en 1905. En 1906 colabora co diario La Tribuna, co semanario "Or y Grana" e coa revista "De Tots Colors" para as que retrataba a personalidades da vida cultural barcelonesa. En 1908 marcha a Cuba coa compañía teatral de Eric Borrás e alí faise amigo do fundador das Irmandades da Fala, Antón Vilar Ponte co que empeza a colaborar no Diario Español, e por primeira vez fai sátira política, criticando a corrupción do gobernador Magoon [6]. En 1911 regresa de Cuba e traballa en Madrid no xornal La Tribuna. En 1913 vai á Coruña e realiza unha exposición na Sala "Tizón" e reencóntrase con Antón Vilar Ponte que naquel momento colaboraba con La Voz de Galicia.

Neses tempos aínda dubidaba en facer a carreira de pintor e alternaba o debuxo coa pintura de paisaxes en Mallorca.

Traslado a Madrid

[editar | editar a fonte]

En febreiro de 1912 trasladouse, xa casado e con fillos, a Madrid. Os dous humoristas gráficos máis coñecidos eran Elias Feliu “Apa” e Castelao; a Simplicissismus influira tanto nos debuxantes de Els Quatre Gats coma nos Renovadores galegos, porén non había aínda unha revista satírica no Estado.

Segundo conta Bagaría, de camiño á estación de tren, atopouse casualmente con Pedro Milá i Camps, quen o invitou a traballar no seu xornal madrileño La Tribuna, cobrando 250 pesetas por mes. La Tribuna, producida mediante impresión rotativa, foi unha publicación experimental na súa primeira fase. Bagaría ilustrou as reportaxes de Tomás Borrás da vida cultural madrileña. Como elemento novo, introduciu unha segunda figura minúscula ademais das personalidades debuxadas sobredimensionadas, que ás veces sobresaían do marco do debuxo. O novo estilo de Bagaría axiña foi imitado por xente como Francisco López Rubio.

Os xornais naqueles tempos servían a miúdo ás aspiracións políticas dos seus donos; La Tribuna tamén apoiou a liña de Antonio Maura. Ademais do eido cultural, as caricaturas de Bagaría apareceron cada vez máis no apartado político. O seu primeiro gran tema aquí foron as Guerras Balcánicas, que amosaban o pacifismo absoluto de Bagaría. O debuxante rexeitou calquera forma de guerra, que non só o distinguía dos representantes da dereita, senón máis tarde tamén de moitos dos seus compañeiros da esquerda. Como representante dun xornal político tamén arremeteu contra o xefe do goberno, o conde de Romanones, pero Bagaría tiña cada vez máis dificultades coa tendencia do seu xornal e dimitiu por en agosto de 1913.

Pasou un ano ilustrando un elaborado catálogo. En 1914 expón con María Blanchard e Diego Rivera e un ano máis tarde empeza a colaborar cos xornais España e El Parlamentario.

Primeira guerra mundial

[editar | editar a fonte]

En outubro de 1914, pouco despois do estalido da primeira guerra mundial, Bagaría regresou a La Tribuna. Así é que publicou neste xornal algunhas das súas sarcásticas caricaturas cunha aberta crítica á guerra.

En 1915, Bagaría comeza a colaborar coa recentemente fundada revista España de José Ortega y Gasset, para a que adoita deseñar as portadas, e goza dunha liberdade artística que nunca antes coñecera.

A discusión sobre a guerra mundial tiña unha lectura en clave de política interna. A maioría pro-alemá dos españois interesados politicamente tamén apoiaba en xeral o sistema existente e a monarquía. Os pro-aliados, como a esquerda española e moitos intelectuais, esperaban unhas condicións democráticas e unha abolición da monarquía. Bagaría converteuse no caricaturista dos intelectuais. Na primavera ou verán de 1916, a embaixada alemá ofrecíalle a Bagaría a astronómica suma de 5.000 pesetas mensuais se cambiaba de bando. A cambio, John Walter, o organizador da propaganda británica en España, pagoulle a relativamente escasa suma de 12 libras ao mes para seguir debuxando segundo as súas crenzas. Bagaría recibiu esta subvención británica desde outubro ou novembro de 1916 até principios de 1918.

En 1917, leva os seus traballos á Bernhard Smith Gallery en Londres; e entra a colaborar no xornal El Sol no que seguirá até 1936. En decembro de 1917, o empresario vasco Nicolás Maria de Urgoiti fundou o diario que se converteu no portavoz da burguesía liberal. O buque insignia intelectual foi de novo Ortega y Gasset, Bagaría estivo representado dende o principio coas súas caricaturas. Os militares convertéronse cada vez máis no obxectivo das súas caricaturas: as juntas de defensa formadas no verán de 1917, a represión militar dunha folga de 1919 nunha central eléctrica de Barcelona e as operacións militares en Marrocos. Porén, os límites ideolóxicos eran máis estreitos en El Sol, padecía certa censura interna e aí non se lle permitía publicar nada sobre Marrocos. Durante ese ano fixo tamén varias viñetas sobre dura pandemia de gripe que estaban a padecer.

Unha novidade da arte de Bagaría foi que cada vez debuxaba máis á xente como híbridos humano-animal, por exemplo cando caracterizaba a Unamuno como un moucho ou utilizaba un mono para un cidadán anónimo. En 1920 Bagaría afiliouse ao Partido Socialista. Nesa época Bagaría recorreu aos tópicos que se acuñaran no romanticismo francés. O español preséntase como un andaluz co típico sombreiro cordobés e nada máis que tauromaquia na cabeza. A ollos de Bagaría, o simple español era preguiceiro e incapaz de velar polos seus propios intereses.

Desde o principio Bagaría opúxose ao imperialismo, que no contexto español significaba intervención en Marrocos. Por exemplo, nunha caricatura de 1913 combinou a crítica ao colonialismo e as corridas de touros colocando a un musulmán nunha praza berrando horrorizado: "¡Alá é grande! Que barbarie! [7] Con isto, Bagaría puña en dúbida e invertía a xustificación habitual do colonialismo - un pobo salvaxe debe ser civilizado .

En España estaba fóra de cuestión caricaturizar directamente ao rei. Bagaría recorreu a medios indirectos, por exemplo cando mostraba a un futuro visitante dun museo mirando unha coroa nunha vitrina; un león tamén aparece con frecuencia como representante de España, que se remonta a principios da década de 1870 na iconografía española. En Bagaría, o león queda ocasionalmente reducido a un esqueleto e colga a cabeza.

Ditadura e loita contra a censura

[editar | editar a fonte]

Bagaría, como o seu patrón El Sol , observaba o golpe de estado do xeneral Primo de Rivera en setembro de 1923 con cautela. A ditadura era para eles – en consonancia con amplos sectores da opinión pública – inicialmente como unha oportunidade para desfacerse da “vella política”. Bagaría denunciara recentemente a corrupción do antigo sistema cunha caricatura na que os políticos contaminaban a praia polo simple feito de ir a nadar. Porén, cando Primo de Rivera se negou a ceder o poder como prometeu, as viñetas de Bagaría distanciáronse claramente del. Nunha caricatura de xaneiro de 1924 o ditador, un neno indefenso, agáchase diante do reloxo roto do seu pai, sen saber como ensamblalo.

Durante a ditadura, dereitos constitucionais foron abolidos e a censura foi reforzada de pre-censura e auto-censura. Bagaría tivo que recorrer a medios sutís de crítica para conseguir burlala. Debuxou escenas naturais aparentemente inofensivas (dibujos para almohadón) e díxolles aos seus lectores no texto que o acompañaba que as imaxinaba pintadas de azul e dourado.– as cores dos militares. Bagaría chegou mesmo a publicar unha caricatura de La Caoba, unha prostituta patrocinada até o punto de pervertir a xustiza por Primo de Rivera, que o censor aparentemente pasou por alto. As caricaturas de Bagaría, pola contra, eran ben comprendidas polo seu público, e era famoso pola súa persistente loita contra a censura.

Despois do "Desastre de Annual", as caricaturas sobre Marrocos foron consideradas especialmente sensíbeis. Primo de Rivera prometeu nun principio poñer fin á aventura española en Marrocos. Só entre setembro e decembro de 1924, cando os militares españois estaban implicados nunha delicada operación de retirada, 27 viñetas foron capturadas polos censores. En maio de 1925 aínda Bagaría podía mostrar a súa obra na exposición da Sociedade de Artistas Ibéricos. Ese mesmo ano, así e todo, o réxime sinala que a súa campaña contra a censura estaba a pór en perigo a existencia de El Sol. Os editores do xornal seguiron ao carón do seu famoso debuxante, pero en maio de 1926 lanzouse un ultimato que consideraban que non podían ignorar, e Bagaría marchou rumbo a Bos Aires en xuño. Alí tamén era coñecido como caricaturista e o presidente da República Arxentina abriu en xullo unha exposición dos seus debuxos. Entre outras cousas, Bagaría gañaba a vida debuxando anuncios dun tónico capilar. Luís Seoane deu as conferencias no Centro republicano de Santiago: “Humorismo en la sociedad moderna”, unha reivindicación de Bagaría e Shum crítica cos gobernos que se mofan da xustiza e son inclementes cos que pensan demasiado [8] e posteriormente incluiría obra súa na revista Galicia Emigrante [9]

En novembro de 1927, cando o réxime comeza a perder apoio público, Bagaría regresa a España. En decembro retoma o traballo para El Sol. Para non volver entrar inmediatamente en conflito cos censores, o seu xornal encargoulle primeiro retratos de personalidades da vida cultural, da medicina, dos deportes e dos editores de xornais. Pouco a pouco, Bagaría foi reconquistando o terreo da caricatura política. En 1929, por exemplo, critica a fame imperante en España en varias viñetas. Nun exemplo, un mendigo di que a Coresma é a única época do ano na que, como cidadán, pode sentirse coma os demais.[10]

Outro grupo de caricaturas mostra a distancia de Bagaría de certas novidades. O seu retrato da Lei Seca demostra que prohibir o alcol estaba moi lonxe da imaxinación dos españois. Tamén comentou o feminismo con certa incomprensión retratando as relacións de parella de tal xeito que un varón pequeno é oprimido por unha matrona dominante. Na entrevista a Castelao preguntoulle "¿Por qué la mujer en Galicia tiene preponderancia sobre el hombre?", e este contestou con certa retranca tirando de tópicos.[11] Esa entrevista foi publicada un mes antes do golpe de Estado, e nove días antes publicou tamén a entrevista que lle fixo a Federico García Lorca, que sería a derradeira do poeta.

A segunda república

[editar | editar a fonte]

En 1931, o goberno obrigou ao propietario de El Sol, Nicolás de Urgoiti, a vender as súas accións, despois de que os principais editores e funcionarios abandonasen o xornal. Moitos deles atoparon acubillo cunha nova fundación súa, Crisol, que despois cambiou o título de Luz. Crisol nun principio só ía aparecer tres veces á semana, e a calidade dos debuxos de Bagaría tamén se resentiu das malas condicións da produción inicial. A monarquía caeu neste período e Bagaría, que sempre defendera a república como forma de goberno ideal, estaba no auxe da súa influencia. A xuízo de Josep Pla, o debuxante contribuíra de xeito decisivo á aparición do movemento republicano.[12]

Coa República cambiou o papel de Bagaría. Se antes vía o seu traballo como medio para desacreditar a hipocrisía de aparentar normalidade, agora o seu traballo consistía en defender o traballo do goberno e infundir esperanzas nun futuro mellor. Retratou á república como unha nena que había que salvar. As súas caricaturas só se agudizaron cando arremeteu contra a oposición, como o sindicato anarquista CNT, ao que acusou de dirixir os negocios dos monárquicos. Satirizaba o catolicismo reaccionario e á extrema dereita como vellos con lentes de sol.

Os seus estereotipos mudaron. O preguiceiro español co sombreiro cordobés perde o bigote, endereita a postura, viste o barrete frixio e mira seriamente as tarefas que ten por diante. O caricaturista puxo a súa arte ao servizo de Manuel Azaña, a quen enxalzou como mestre do pobo e as súas caricaturas perderon a mordida habitual.

Unha crise artística

[editar | editar a fonte]

A súa cosmovisión sempre fora pesimista. Isto quedara patente nunha conferencia en Bilbao en 1922: “É absurdo pensar que os caricaturistas son criaturas alegres, todo o contrario. A maioría dos humoristas son xente triste; o verdadeiro humor […] é produto dunha gran dor – a dor de nacer […].” [13] 1933

Bagaría atravesou unha crise artística e apenas sobreviviron caricaturas del deste período. O consumo constante de alcohol na vida bohemia, que seguiu cultivando como debuxante consolidado, pasou factura. Con 51 anos, parecía envellecido prematuramente; amigos íntimos morreran. Apenas reaccionou á caída do goberno de Azaña.

Así mesmo, o propietario de Crisol / Luz, Urgoiti, que sempre gardou as costas de Bagaría, atravesou en 1932 unha depresión que acabou nun intento de suicidio. Finalmente vendeu un bloque de accións ao empresario Luis Miquel. A redacción de Luz separouse entón e abandonou o xornal cun grupo de 22 editores de esquerdas. Aos poucos días, Bagaría, que seguramente se decatara de que arriscara a súa existencia económica, volveu. Isto xerou unha situación paradoxal: Luz comezou a atacar os socialistas pero el, gozando de total liberdade grazas á súa fama, seguiu apoiando o seu partido no mesmo xornal.

Na primavera de 1934, Bagaría desenvolveu unha nova forma de expresión artística. Publicou unha serie de dezaoito entrevistas co título Diálogos espirituales y académicos, nas que o texto se combinaba cunha foto de Bagaría como entrevistador e caricaturas de gran formato. Os socios da entrevista foron políticos do actual presidente do Goberno Ricardo Samper e varios ministros do ex ditador Primo de Rivera. Non obstante, como indica o título, as conversacións moitas veces non xiran en torno a cuestións políticas senón filosóficas e relixiosas. Bagaría non só se limitou ao papel do interrogador, senón que fixo longas declaracións sobre as súas propias conviccións. As entrevistas a opositores políticos como José María Gil Robles caracterizáronse por un enfrontamento brusco dende o principio. o día 7 de setembro de 1934, Luz deixou de publicarse.

Bagaría volveu ao seu antigo xornal El Sol, o que se celebrou como un gran golpe xornalístico. En 1935, reintroduciuse a censura preliminar. Durante a sublevación asturiana e a rebelión da Generalitat en Cataluña en 1936, o goberno de Lerroux declarou o estado de excepción e suspendeu toda a prensa durante dez días. Despois, a censura previa impediu que para estes feitos se imprimise ningunha caricatura de Bagaría. Pero as caricaturas que aínda aparecían mostraban que a súa obra se perdía calidade. O contido tratado fíxose cada vez máis abstracto, sen atopar unha forma axeitada para el. Nalgún momento, que debeu ser 1935 ou 1936, Bagaría realizou unha rehabilitación de alcoholismo.

Propaganda na Guerra Civil

[editar | editar a fonte]

Durante a Guerra Civil, a obra de Bagaría estivo dominada por tres temas: a protesta contra as políticas de "non intervención" levadas a cabo por Francia e Gran Bretaña; mobilización pola guerra; e chamamentos á unidade de todas as forzas republicanas na loita contra o fascismo. O motivo de Caín e Abel tornouse recorrente – por exemplo con motivo do intento de asasinato de Indalecio Prieto ; Bagaría cría que os españois estaban intrínsecamente condenados ao fratricidio. A diferenza de 1931, en 1936 non celebrou o resultado electoral da Fronte Popular. A súa decepción tamén se reflicte no retrato do antes venerado Manuel Azaña, a quen agora acusa de impulsarse pola vaidade. En xullo de 1936, as caricaturas de Bagaría volveron ser vítimas da censura.

As viñetas apareceron maioritariamente no xornal catalán La Vanguardia. Segundo o seu biógrafo Emilio Marcos Villalón, os debuxos propagandísticos de 1937 e 1938 están entre os traballos máis débiles de Bagaría.[14] Entre elas están as chamadas á loita, a glorificación de José Miaja – defensor de Madrid – ou agradecemento a México, único país que apoiara abertamente á República Española dende o principio.

Representando os dous principais aliados de Franco – Hitler e Mussolini – Bagaría, pola súa banda, recuperou a súa antiga forma. Por primeira vez caricaturizara a Mussolini en 1923, e desde entón tentara ridiculizar con frecuencia ao líder fascista. En 1935 Italia anexionouse a Abisinia. Bagaría denunciou desesperadamente o fracaso da Sociedade de Nación neste tema. Neste contexto, elaborou unha caricatura que é un dos dous ou tres debuxos que máis reproduciu. Mentres avións italianos bombardean aldeas abisinias ao fondo, os veciños foxen. Un neno pregúntalle á súa nai: "É certo que o mundo está cheo de abisinios? "

Por primeira vez caricaturizou a Hitler en 1930. Como característica destacada, debuxou a súa boca engurrada cunha única liña curva cara a abaixo e colocou unha espiña na cabeza como sinal do militarismo alemán. Nos anos seguintes, Hitler tamén apareceu con frecuencia nas súas caricaturas. Con motivo da toma do poder, Bagaría amosou como, ao seu xuízo, a grande empresa alemá mantiña a correa curta ao chanceler. Unha caricatura de 1937 dun Hitler solitario camiñando polo tellado dunha caveira tiña calidades proféticas.

Franco, pola súa banda, entrou na mira de Bagaría sorprendentemente tarde, en 1937. O debuxante denigrou ao futuro ditador de cellas mestas e voz afrautada como completamente efeminado, cualificouno de traidor e axente da Igrexa católica.

Exilio en Francia e Cuba

[editar | editar a fonte]

Na primavera de 1938, Bagaría exiliouse en Francia; en España a súa última caricatura apareceu o 24 de abril en La Vanguardia. Acompañaba a súa muller Eulalia, tivo que deixar atrás á súa vella nai. Un dos seus dous fillos, Jaime, caera na fronte de Aragón, o outro, Luís, caeu pouco despois en Cataluña loitando pola República.

En París, a pesar do esgotamento e dunha enfermidade cardíaca, traballou na Voz de Madrid. Para este semanario republicano produciu as chamadas aucas ou aleluyas, semellantes á banda deseñada. En cada unha delas, Franco foi difamado nunha serie de catro imaxes. En agosto, Bagaría realizou unha exposición na galería Jeanne Castel, que tamén se mostrou en Lión, e outra un ano despois. A finais de maio de 1940 saíu de Europa coa súa muller e marchou a Cuba. Morreu alí menos dun mes despois da súa chegada.

Luis Bagaría mantívose en gran parte segredo durante o franquismo. A súa obra foi incorporada despois do seu pasamento ás publicacións galegas no exilio por Luís Seoane. As caricaturas da súa última exposición foron compradas polo diplomático mexicano Gilberto Bosques e agora están na Biblioteca Nacional de Madrid. O redescubrimento de Bagaría iniciouse cunha grande exposición na Biblioteca Nacional en 1983. En 1988 publicouse a primeira monografía de Antonio Elorza. El mesmo comisariou en 2007 a exposición da Fundación Mapfre sobre a súa obra.[15] En 2008 o edificio Sarmiento do Museo Provincial de Pontevedra acompañou a exposición da Fundación cun ciclo de conferencias sobre a figura do artista, no que participaron Antonio Elorza e Luis Miguel García Mora, comisarios da mostra, ademais de Ramón Villares e José Antonio Durán.

  1. "Bagaría". Fundación Castelao. Consultado o 25-1-2022. 
  2. Lieschen. "Retrato de Luis Bagaría con Castelao ó fondo". KAFFEKANTATE. Consultado o 2022-01-25. 
  3. LQSomos (2017-09-26). "Una conversación con el gran caricaturista gallego Castelao". LoQueSomos (en castelán). Consultado o 2022-01-25. 
  4. "Luis Seoane Catalogo Razonado". www.luisseoanecatalogorazonado.com.es. Consultado o 2022-01-25. 
  5. Galega, Consello da Cultura. "Luís Bagaría". CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Consultado o 2022-01-25. 
  6. "Galegos. Lluis Bagaría". GaliciaDigital.com. Consultado o 25-1-2022. 
  7. La Tribuna, 9. April 1913.
  8. "Luis Seoane Catalogo Razonado". www.luisseoanecatalogorazonado.com.es. Consultado o 2022-01-25. 
  9. "Galicia Emigrante". CCG. Consultado o 25-1-2022. 
  10. El Sol, 13. Februar 1929.
  11. LQSomos (2017-09-26). "Una conversación con el gran caricaturista gallego Castelao". LoQueSomos (en castelán). Consultado o 2022-01-25. 
  12. Josep Pla: Retrats de passaport. Obra Completa, Bd. 10. Destino, Barcelona 1992, S. 509. Zitiert nach: Marcos Villalón, S. 286.
  13. ”Es un absurdo pensar que los caricaturistas son seres alegres; nada de eso. La mayoría de los humoristas son hombres tristes: el verdadero humorismo […] es producto de un largo dolor – dolor de haber nacido […].” zitiert nach Marcos Villalón, S. 189.
  14. Marcos Villalón, S. 400.
  15. García, Ángeles (2007-07-12). "Caricaturas que torean a la censura". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-01-25. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Luis Bagaría: Caricaturas republicanas. Rey Lear, Madrid 2009, ISBN 978-84-92403-34-9.
  • Antonio Elorza: Luis Bagaría. El humor y la política. Anthropos, Barcelona 1988.
  • Emilio Marcos Villalón: Luis Bagaría. Entre el arte y la política. Biblioteca Nueva, Madrid 2004, ISBN 84-9742-380-1.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]