Froito martelo da Nelumbo nucifera; a copa de sementes disecada emprégase en arranxos florais.Rapaz camboxano a vender froita de loto, tamén coñecida como martelo.
Nelumbo nucifera a flor de loto é unha das dúas especies pertencentes ao xénero NelumboAdans. 1763. Recibe tamén os nomes vulgares de loto sagrado do Nilo, loto sacro ou rosa do Nilo. O termo específico fai referencia aos seus froitos (latín: nucifer, -a, -um, que porta noces). É soada a lonxevidade das súas sementes, que poden xermolar logo de 30 séculos. En Galiza só aparece coma ornamental nos encoros dalgúns xardíns.
É unha herba acuática con rizomas de 10–20 m de longo, grosos, ramificados, con numerosos catafilos, profundamente enraizados no fondo dos encoros.
As follas son boiantes ou emerxentes, peltadas, glaucas, de limbo orbicular, de (25-)30–100cm de diámetro, glabro, de bordo frecuentemente ondulado, hidrófobo; pecíolo normalmente con acúleos de 1 a 2 m ou máis de longo, fistuloso. Flores de (1-)16–23cm de diámetro, rosa vivo a pálido ou brancas, recendentes, con pétalos cóncavos, oblongo-elípticos a obovados, 5-10 × 3–5cm; anteras de 1–2cm de longo; pedúnculos normalmente con acúleos, a exceder a altura das follas. Os froitos complexos están formados por un receptáculo elipsoidal, de 5–10cm de diámetro, de bordos feblemente engurrados estriados, co ápice truncado e plano, e as núculas insertas en fosetas nel. Núculas de 10-20 × 7–13mm, ovoides, usualmente máis de 1,5 × tan longas coma largas. Florea na primavera serodia e verán (usualmente de xuño a agosto). Tamén é símbolo de pureza en Corea, ademais ten a particularidade de medrar incluso na lama; é dicir lodo; é dicir chega como unha bendición para mellorar unha situación.
Ten un uso moi estendido en xardinaxe para cobertura de tonas de auga, a pesar das súas flores efémeras. Utilízanse numerosos cultivares con diferentes pautas florais. Os rizomas e sementes cómense torradas ou cocidas. Tamén se usa en menciña popular. Considérase planta sacra na India e na China, así como o fora no Antigo Exipto.
As flores do loto, quer pola súa beleza rechamangueira, quer por xurdir do "fondo" das augas teñen resultado simbólicas (polo medio da metáfora, xa for tal metáfora consciente ou inconsciente) nas relixións do Antigo Exipto, a India e despois da China.
No Antigo Exipto xunto ao escaravelloescaravello peloteiro, o fénix e o mesmo Sol (Re ou Ra), os lotos representan a resurrección, no caso do loto por emerxer resplandecente dende as profundas augas. Na India o loto chamado en sánscrito: "padma" quizais tivo inicialmente o mesmo significado que no Antigo Exipto, a tal significado engadíuselle o simbolismo segundo o cal os principais deuses e deusas naceron en padmas ou lotos; o padma hindú adoita servir de modelo para figurar mandalas ou para figurar aos chacras. Na China, no Xapón e en todos os lugares onde o budismo chegou, unha oración ritual característica menciona o loto, tal fórmula acostuma ser mani padme aum ( "om xoia no loto!").
As escolas budistas que emerxeron do culto creado polo monxe xaponés Nichiren toman como texto supremo o Sutra do Loto: 妙法蓮華経 "Myōhō Renge Kyō" ou abreviado 法華経 "Hokkekyō", e nas súas liturxias o mantra máis importante recitado reza 南無妙法蓮華経 "Namu Myōhō Renge Kyō" ("Loada sexa a Verdade do Marabilloso Sutra do Loto")
Por ese motivo, lotos moi estilizados adoitan aparecer representados en diversos obxectos da arte das culturas revisadas.
Sánchez de Lorenzo Cáceres, J.M. (Coordinador) (2000). Flora Ornamental Española Tomo I. Junta de Andalucía - Ediciones Mundi-Prensa. 303 págs; ISBN 84-8474-001-3 / ISBN 84-7114-947-8.