Limanda limanda
Limanda Limanda limanda | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Limanda limanda (Linnaeus, 1758) |
A limanda,[1] é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[2] unha das seis que integran o xénero Limanda,[3]
É un peixe mariño, demersal, oceanódromo, de grande importancia comercial, de até 40 cm de lonxitude, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do norte de Europa, desde Islandia, o norte de Noruega e os mares de Barents e Branco, polo norte, até o golfo de Biscaia, polo sur, sendo particularmente abundante no mar do Norte.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné (Linneo), baixo o nome de Pleuronectes limanda, na 10ª edición do seu Systema Naturae, obra na que se inicia o moderno sistema de clasificación e nomenclatura dos animais.[2]
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome actualmente válido, e polo orixinario que lle deu Linneo, a especie coñécese tamén polos seguintes sinónimos:[2][4]
- Liopsetta limanda (Linnaeus, 1758)
- Pleuronectes limandula Bonnaterre, 1788
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome limanda, que Linneo empregou como nome específico (e que despois adoptou Gottsche para o xénero por el creado, e no que actualmente se sitúa esta especie) é un termo do latín científico tirado do francés limande "limanda", que á súa vez deriva do francés antigo lumande, e este do latín lima, "lima" (utensilio dos carpinteiros), ao que lle engadiu o sufixo -ande; estes peixes serían así denominados a causa da rugosidade da súa pel, no sentido de que era 'boa para limar'.[5][6][7]
Características
[editar | editar a fonte]A limanda ten unha aparencia similar á da solla (Platichthys flesus) e á doutros pleuronectinos e, así mesmo, ten ambos os ollos situados normalmente no lado dereito do corpo.[8]
A súa boca é pequena, e as escamas que recobren o lado pigmentado (superior) do seu corpo son moi rugosas (como nas demais especies do xénero).[9]
A superficie superior do corpo é xeralmente de cor parda pálida, con manchas escuras dispersas, pero no ten os puntos alaranxadoss típicos da aolla. As aletas pectorais poden ser alaranxadas.[8]
A liña lateral caracterízase por unha distintiva curva semicircular por encima da aleta pectoral. As aletas dorsal e anal forman unha curva lixeiramente arredondada ao redor do contorno do corpo.[8]
Pode alcanzar un tamaño duns 40 cm, e un peso de até 1 kg, pero os exemplares capturados raramente miden máis de 30 cm.[9]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]
Esta especie vive sobre fondos brandos, en xeral areosos, pouco profundos, desde os 5 aos 150 m, e distribúese polas costas do norte de Europa, entre os 72° N e os 43° N, e entre os 25° W e os 45° E, desde Islandia, o norte de Noruega e os mares de Barents e Branco, polo norte, até o golfo de Biscaia, polo sur, sendo particularmente abundante no mar do Norte, sendo o peixes planos máis abundante desta rexión, cunha poboación estimada de até os 15 millónms de toneladas.[8][9]
Alimentación
[editar | editar a fonte]A limanda aliméntase de moluscos gasterópodos e bivalvos, vermes poliquetos, crustáceos, equinodermos (ofiúras e pequenos ourizos) e, en menor proporción, de pequenos peixes bentónicos (especielmente gobíidos e alepisáuridos).[9]
Competencia coa solla
[editar | editar a fonte]Como a súa dieta e similar á da solla, en moitos lugares do mar do Norte os pescadores consideran que a limanda é un serio competidor das máis valiosas sollas, debido á súa abundancia. Pero a dieta da limanda é máis ampla que a da solla, e unha reprodución máis rápida, porque moitas limandas conseguen desovar antes de ser o suficientemente grandes como para caer nas redes de pesca. Por iso nalgúns lugares incrementouse o número de individuos, ao tempo que o da solla diminuíu seriamente (por exemplo, nos caladoiros daneses.[9]
Reprodución e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]Os machos da limanda alcanzan a madureza sexual, no mar do Norte, aos 2 ou 3 anos de idade, cando miden de 10 a 20 cm; as femias, cando teñen de 3 a 5 anos e miden entre os 20 a 25 cm.
A desova prodúcese entre xaneiro e agosto, máis cedo nas costas da Gran Bretaña, máis tarde no mar do Norte (entre abril e xuño) e no mar de Barents (entre xuño e xullo). A desova ten lugar en toda a súa área de distribución a de 20 a 40 m de profundidade (a máis profunda, no sur do mar Báltico).
Cada femia produce entre os 50 000 e os 150 000 ovos, peláxicos, que miden 1 mm de diámetro.[9]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Os ovos eclosionan ao cabo de entre 3 e 12 días, segundo a temperatura da auga, dando lugar a larvas, así mesmo peláxicas, de 2,4 mm, que non se desprazan até os fondos de 6 a 70 m até que xa se metamorfosearon a peixes planos e miden uns 14 mm. A taxa de crecemento varía notabelmente segundo a localidade.[9]
Lonxevidade
[editar | editar a fonte]A máxima idade rexistrada alcanza os 12 anos.[8]
Pesca
[editar | editar a fonte]A pesar da súa abundancia, a limanda foi considrada até hai pouco tempo como unha especie non comercial, e a maioría dos espécimes capturados só se apañaban durante a pesca doutras especies.[10][11] Porén, a diminución das capturas doutros peixes moi apreciados, como o bacallau (Gadus morhua) e o fogueiro (Melanogrammus aeglefinus) fixeron que a limanda se convertera nunha especie comercial cada vez máis importante.[12]
A miúdo a limanda é unha captura accesoria da pesca doutras especies con artes de arrastre e de cerco. De difícil transporte, comercialízase conxelada ou en fresco, conservada en xeo, e consómese xeralmente en filetes.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 82.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Limanda limanda (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
- ↑ Limanda Gottsche, 1835 no WoRMS.
- ↑ Sinónimos de Limanda limanda (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- ↑ "Limande". Trésor de la Langue Française informatisé. Consultado o 2021-03-16.
- ↑ "Limande". Trésor de la Langue Frrançaise informatisé. Consultado o 2022-12-12.
- ↑ Webster's New International English Dictionary. Webster. 2012.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Limanda limanda (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 262-263.
- ↑ Burton, Maurice & Robert Burton (2002): "Dab". En The international wildlife encyclopedia, 10. Marshall Cavendish. ISBN 978-0-7614-7266-7, pp. 634–5.
- ↑ North Sea Task Force (1993): North Sea quality status report 1993. Fredensborg, Denmark: Olsen and Olsen. ISBN 978-1-872349-07-7, p. 70.
- ↑ Dab en British Sea Fishing.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Limanda limanda ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Limanda limanda Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. na EOL. Contén informacións e numerosas imaxes e mapas de distribución (en inglés).
- Limanda limanda na ADW. Contén abundante información sobre a especie e numerosas referencias bibliográficas (en inglés).