Isabel Muñoz (fotógrafa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaIsabel Muñoz

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1951 Editar o valor em Wikidata (72/73 anos)
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfotógrafa Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua catalá, lingua inglesa e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiJulio Muñoz Ramonet (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

Páxina webisabelmunoz.es Editar o valor em Wikidata
Discogs: 3026978 Editar o valor em Wikidata

Isabel Muñoz Vilallonga, nada en Barcelona en 1951, coñecida como Isabel Muñoz, é unha fotógrafa española recoñecida con algúns dos máis prestixiosos premios nacionais e internacionais: dous World Press Photo, en 1999 e en 2004, PhotoEspaña e Medalla ao Mérito das Belas Artes en 2009, e Premio Nacional de Fotografía de España 2016. A súa obra caracterízase por unha procura constante da beleza e a linguaxe dos corpos, polo que algúns a chamaron "retratista do corpo".[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Isabel Muñoz naceu en Barcelona, aínda que está estabelecida en Madrid, cidade á que se trasladou aos vinte anos. En 1979 decidiu facer da fotografía a súa profesión matriculándose na escola Photocentro de Madrid. Os seus fotógrafos de referencia foron Ramón Mourelle e a Eduardo Momeñe.[1]

Comezou a recibir encargos pouco despois, para prensa e publicidade. E tamén para o cine, da man de Tote Trenas, quen a introduce no mundo da fotografía para cine. Nesa época realiza a fotofixa de películas como Sal gorda e Penumbra.

Para proseguir co seu proceso de aprendizaxe, en 1982 marchou a Nova York. A súa obsesión era atopar un soporte idóneo para reproducir a pel, polo que continuou en Maine os seus estudos con Craig Stevens, con Robert Steinberg e con Neil Silkirk. Regresou despois a Nova York para estudar o gran formato no International Center of Photography (ICP).

En 1986 regresa a Madrid e realiza a súa primeira exposición, Toques, no Instituto Francés. Entre 1990 a 2007 dedícase a percorrer o mundo co obxectivo de tentar compartir as súas emocións e traballa como reporteira e fotógrafa. A través da danza realiza traballos en Cuba, Burkina Fasso, Malí, Exipto, Turquía e co ballet de Víctor Ullate. En anos posteriores continúa viaxando a xeografías tan diversas como o Sueste asiático, México, Irán, Iraq, Siria, Turquía ou Etiopía, para coñecer e reflectir temas sociais como o tráfico de nenos, as tribos urbanas, a violencia e a traxedia da inmigración, ou a orixe da vida vinculada ao amor por outros seres vivos e á protección do medio.

Durante unha viaxe a Tailandia, mentres corría tras unha procesión para facer fotos, sufriu un accidente: unha caída que lle provocou a rotura dunha vértebra. Tivo que operarse e pasou un proceso de recuperación longo e duro. A rehabilitación durou até novembro de 2016 e fíxolle decatarse do efémera que é a vida.[1] Seguiu a partir de entón a súa carreira profesional con novas exposicións nas que o corpo, a diversidade cultural e o ambiente son temas predominantes.

Traxectoria artística[editar | editar a fonte]

En 1986, realiza a súa primeira exposición, "Toques", e en 1990 participa no Mois de la Photographie (Mes da Fotografía) de París, co que estabelece a súa proxección internacional. Na súa longa traxectoria expón en centenares de exposicións en todas as principais cidades de Europa, América e Asia.

A obra de Isabel Muñoz explora o corpo humano e investiga formas de reproducir o que comunica a textura da pel. Nese proceso experimenta coa platinotipia como técnica de revelado fotográfico e adóptaa como propia. Plasma corpos de todas as idades, razas, sexos, culturas. A miúdo, en relación a unha das súas paixóns, a danza, polo que as imaxes de bailaríns son recorrentes. E co tempo vai incorporando ademais a investigación e a denuncia social ao redor de dereitos humanos e medio. Por exemplo, realizou series tanto sobre a escravitude, a dignidade dos nenos do mundo ou das persoas trans, como sobre os dereitos dos animais e a denuncia da contaminación dos mares. Busca, en todo caso, fotografías que transmitan unha mensaxe, máis aló do estético porque, di, “non podo fotografar nada que non pase antes polos meus sentimentos”.[2]

Desde o inicio da súa carreira, Muñoz percorre distintos países para estudar e reflectir de primeira man os temas que lle atraen, para retratar a beleza ou ser altofalante de denuncia. Entre outras, no Sueste asiático desenvolve series sobre o tráfico de nenos; en Etiopía (2005) céntrase nas tribos que decoran os seus corpos como forma de expresión; no Salvador (2006) capta imaxes das tribos urbanas e produce traballos sobre violencia, e traballa no proxecto Nuestro Pequeño Mundo, fotografando nenos na commemoración do 20 aniversario da Convención dos dereitos do neno. Viaxou a Irán, Siria, Turquía e Iraq expondo El amor y el éxtasis como parte de PhotoEspaña 2010. Posteriormente, en México, expón sobre o drama da inmigración (2014). En 2015, decide buscar os vínculos cara á orixe dos humanos, investigando os grandes primates.

Obtén o premio World Press Photo en 1999 (na categoría Arte e Entretemento) e 2004 (na categoría Retratos). En 2006, o Premio de Fotografía da Comunidade de Madrid. E en 2009 faise merecedora do Premio PHotoEspaña, e recibe ademais a Medalla ao Mérito das Belas Artes, e o Premio Bartolomeu Ros ao conxunto da súa obra.

En 2016 recibiu o Premio Nacional de Fotografía que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O xurado valorou a súa traxectoria profesional na que "combina o compromiso social coa procura da beleza, profundando en temas como o corpo, o rito ou a diversidade cultural". Tamén se subliña "a singularidade da súa utilización dunha técnica tradicional aplicada a unha linguaxe contemporánea". Muñoz declarou queː

"o meu interese foi o ser humano. Aínda que nas persoas haxa zonas escuras, sempre hai unha parte de luz, o ser humano non pode vivir sen esperanza".[1][3]

En 2016 recibiu o "Premio Optimista Comprometida coa Cultura" que outorga a revista Anoche Tuve un Sueño.[4].

En 2018, organizouse a exposición ‘La antropología de los sentimientos’[5], que a propia Isabel Muñoz considerou a máis importante desde a primeira de París que descubriu a súa obra. Reuniu 97 fotografías, seis audiovisuais, e varias esculturas da artista, e reflictiu o seu percorrido destacando algúns aspectos menos coñecidos. “Un percorrido temático ao redor da representación obsesiva e heteroxénea do corpo humano, desde as mesmas orixes da humanidade, a espiritualidade, a tolemia, os límites e extremos do corpo, a dimensión social do corporal e, finalmente, a sexualidade e o desexo”, segundo o texto que acompaña á exposición.

Muñoz utiliza primordialmente o branco e negro nos seus traballos, excepto cando explora temas sociais ou antropolóxicos; neses casos utiliza a cor.

A obra desta fotógrafa catalá puideron verse en PHotoEspaña (1998, 2007, 2010 e 2012) e en institucións de todo o mundo, como o Chrysler Museum of Art (Norfolk, Virxinia, Estados Unidos de América, 1992), o Dansmuseet (Estocolmo, 2002), o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (A Coruña, 2006), a Casa de América (Madrid, 2006), a Fototeca Nacional do INAH (Pachuca, México, 2008), o Canal de Isabel II (Madrid, 2010), Caixa Forum (Barcelona e Madrid, 2010), o Institut Valencià d’Art Modern (2011) ou o Musée du Quai Branly (París, 2014), entre outros.

As súas fotografías forman parte de diversas coleccións permanentes, como as da Maison Européenne da Photographie (Casa Europea da Fotografía (MEP)) (París), o New Museum of Contemporary Art (Novo Museo de Arte Contemporánea) (Nova York), o Contemporary Arts Museum (Museo de Arte Contemporánea) (Houston), Foto Colectania (Barcelona), o Instituto Cervantes (Cidade de México, A Paz, Bolivia, Xangai, China), o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (Madrid), ou a Fundación Canal (Madrid).

Técnica[editar | editar a fonte]

As súas fotografías, case sempre en branco e negro, son un estudo humano mostrando partes do corpo, imaxes de guerreiros, toureiros ou bailarinas, usando un proceso minucioso e artesanal de revelado: a platinotipia.

Todas as fotografías son contactos de gran formato, realizados pola artista directamente do negativo, utilizando o antigo proceso do platino. Neste proceso a artista debe prepararse ela mesma o papel aplicándolle, coma se de pintura se tratase, unha solución de platino. Máis tarde os negativos, que deben ter o mesmo tamaño que a fotografía final, póñense en contacto directo co papel preparado, para ser expostos á luz baixo unha gran prensa de contactos. Unha vez terminado este proceso, as imaxes son reveladas e lavadas a man en grandes bandexas.
Web de Isabel Muñoz

 

Exposicións[editar | editar a fonte]

  • 1986 Toques - Madrid
  • 1990 Mois de la Photographie (participación) - París
  • 2018 Agua - Galería Blanca de Berlín
  • 2018 La antropología de los sentimientos - Tabacalera, Madrid

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • Parade Nuptiale, 1992, Fata Morgana, con texto de Gérard Macé.
  • Fragments, 1994, Saint-Gervais.
  • En jambes, 1994, Azygos.
  • María Ilusión, 1995, Plume.
  • Rome Efemer, 1997, Gallimard.
  • Figures Sans Visages,1997, Fata Morgana, con texto de Gérard Macé.
  • Rome, l'invention du Barroque, 1997, Marva, con texto de Gérard Macé.
  • I corpi la pietra, 1997, Leonardo Arte.
  • Fuerte como un turco,1998 , Galaxia.
  • La trampa del baile, 2000, Photobolsillo.
  • Isabel Muñoz, 2004, Lunwerg.
  • Cuenca en la mirada - Isabel Muñoz. 2004, Lunwerg.
  • Isabel Muñoz, 2007, Lunwerg. [6]
  • Isabel Muñoz, 2007, La Fábrica, Madrid
  • Maras: la cultura de la violencia. 2007, Caja Duero
  • Isabel Muñoz, 2009, Lunwerg, Barcelona, con textos de Isabel Muñoz, Isabel Coixet e Ramón Maydata.[7]
  • Infancia: fotografías de Isabel Muñoz, 2010, Lunwerg, Barcelona [8]
  • Isabel Muñoz: obras maestras, 2010, La Fábrica, con textos de Christian Caujolle [9]
  • Los cuerpos como territorio. Catálogo exposición, 2012, La Fábrica [10]
  • La piel de los hijos de Gea / The skin of the children of Gaia. Catálogo da exposición da fotógrafa Isabel Muñoz e a escultora Maribel Doménech 2013, Sociedad Estatal para la acción cultural exterior [11]
  • La antropología de los sentimientos, 2018 Ministerio de Cultura. España [12]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • Medalla de Ouro na Bienal de Alexandría, 1999
  • World Press Photo, 1999 (categoría Arte e Entretemento)
  • 2º premio de "The Arts Stories" na 43ª Edición do World Press Photo por "Chines Martial Arts Training"
  • 3º Premio "Portraits Stories" na 48ª Edición do World Press Photo por "The Surma people of Etiopia", publicado por El País Semanal.
  • World Press Photo, 2004 (categoría Retratos)
  • Premio de Fotografía da Comunidade de Madrid, 2008
  • Premio PHotoEspaña, 2009
  • Medalla do Mérito de Belas Artes, 2009
  • Premio Bartolomé Ros pola súa traxectoria, 2009
  • Premio Nacional de Fotografía 2016, do Ministerio de Cultura de España.[3]
  • Premio Optimista Comprometida coa Cultura, da revista Anoche tuve un sueño, 2016

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Morales, Manuel (17 de novembro de 2016). "Isabel Muñoz, retratista del cuerpo, premio Nacional de Fotografía". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 4 de xuño de 2018. 
  2. ""Isabel Muñoz, fotógrafa con sentimiento"". 
  3. 3,0 3,1 "Isabel Muñoz, Premio Nacional de Fotografía 2016". 17 de novembro de 2016. Consultado o 17 de novembro de 2016. 
  4. Press, Europa (23 de maio de 2017). "El periodista turco Can Dündar, Premio Libertad de Prensa 2017 de la revista 'Anoche tuve un sueño'". Consultado o 17 de xuño de 2019. 
  5. Villalón Vara, Roberto (27 de abril de 2018). "ISABEL MUÑOZ, LA FOTÓGRAFA DEL CUERPO Y LA TRIBU". clavoardiendo-magazine.com (Madrid, España). Consultado o 21 de marzo de 2021. 
  6. Isabel Muñoz (en español). Madrid: Lunwerg. 2007. ISBN 9788497851282. 
  7. Isabel Muñoz (en español). Barcelona: Lunwerg. 2009. ISBN 9788497855938. 
  8. Infancia. Fotografías de Isabel Muñoz. (en español). Barcelona: Lunwerg editores. 2012. 
  9. Isabel Muñoz: obras maestras (en español). Lunwerg. 2010. ISBN 9788492841271. 
  10. Los cuerpos como territorio (en español). Madrid: La fábrica. 2012. ISBN 9788415303657. 
  11. Sociedad estatal para la acción cultural exterior, ed. (2013). La piel de los hijos de Gea. Catálogo de la exposición homónima de la fotógrafa Isabel Muñoz y la escultora Maribel Domènech. (en español). ISBN 9788496933095. 
  12. Ministerio de Cultura, ed. (2018). La antropología de los sentimientos (en español). Madrid, España. ISBN 9788481817027. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]