Hábito cristalino

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

"Sol" de pirita nunha matriz de lousa laminada. Entre capas estreitamente espazadas de lousa, o agregado foi forzado a crecer lateralmente de maneira radial e comprimida lateralmente. En condicións normais a pirita formaría cubos ou piritoedros.

En mineraloxía, o hábito cristalino é a forma externa característica dun cristal individual ou un grupo de cristais. O hábito dun só cristal é unha descrición da súa forma xeral e as súas formas cristalográficas, e de ata que punto está ben desenvolvida cada forma. O aspecto dos minerais pode dividirse en cristais illados, asociacións ou agregados de cristais, e masas.

Recoñecer o hábito pode axudar a identificar un mineral. Cando as caras do cristal están ben desenvolvidas debido a un crecemento con moito espazo dispoñible o cristal denomínase euédrico, un cristal con caras parcialmente desenvolvidas é subédrico, e un con caras non desenvolvidas denomínase anédrico. O eixe longo dun cristal de cuarzo euédrico ten un hábito prismático de seis lados con caras opostas paralelas. Poden formarse agregados de cristais individuais con grans euédricos e anhedricos. A disposición dos cristais dentro dun agregado pode ser característica de certos minerais. Por exemplo, os minerais usados para o illamento con asbesto adoitan crecer nun hábito fibroso, unha masa de fibras finas.[1][2]

Os termos utilizados polos mineraloxistas para falar dos hábitos cristalinos describen a aparencia típica dun mineral ideal. Recoñecer o hábito pode axudar á identificación, xa que algúns hábitos son característicos. Porén, a maioría dos minerais non mostran hábitos ideais debido ás condicións reinantes durante a cristalización. Os cristais euédricos formados en condicións con moito espazo para crecer sen grans de cristal adxacentes non son comúns; o máis común é que as caras non se formen moi ben ou non se formen contra grans adxacentes e o hábito mineral pode non ser doadamente recoñecible.[1]

Goethita substituíndo cubos de pirita

Os factores que inflúen nos hábitos que vai ter un mineral poden ser: unha combinación de dúas ou máis formas cristalinas; trazas de impurezas presentes durante o crecemento; maclado e condicións de crecemento (é dicir, calor, presión, espazo); e tendencias de crecemento específicas como estriacións de crecemento. Os minerais que pertencen ao mesmo sistema cristalino non necesariamente presentan o mesmo hábito. Algúns hábitos dun mineral son únicos dunha determinada variedade ou lacalidade. Por exemplo, mentres que a maioría dos zafiros forman cristais con forma de barril alongado, os que se encontran en Montana forman cristais tabulares grosos. Ordinariamente, ese último hábito é o que teñen os rubís. O zafiro e o rubí son variedades dun mesmo mineral, o corindón.

Algúns minerais poden substituír outros minerais existentes conservando inalterado o hábito orixinal. Este proceso denomínase substitución pseudomórfica. Un exemplo clásico é o cuarzo ollo de tigre, onde o asbesto crocidolita foi substituído por sílice. Aínda que o cuarzo forma tipicamente cristais prismáticos (alongados e con forma de prisma), no ollo de tigre conservouse o hábito fibroso orixinal da crocidolita.

Os nomes dos hábitos cristalinos derivan de:

  • Caras do cristal predominantes (prisma – prismático, pirámide – piramidal e pinacoide – laminar).
  • Formas do cristal (cúbico, octaédrico, dodecaédrico).
  • Agregación de cristais ou agregados (fibroso, botrioidal, radiante, masivo).
  • Aparencia do cristal (foliado/lamelar (en capas), dendrítico, en coitelas, acicular, lenticular, tabular (con forma de tableta)).

Lista de hábitos cristalinos[editar | editar a fonte]

Hábito[3][4][5] Imaxe Descrición Exemplo(s) comúns
Acicular Con forma de agullas, delgadas ou que se van afiando e acabando en punta Natrolita, rútilo[6]
Amigdaloide Forma de améndoa Heulandita, circonio subédrico
Con forma de coitela Forma de follas cortantes, delgadas e aplanadas Actinolita, Cianita
Botrioidal ou globular Con forma de uvas, masas hemisféricas Hematite, pirita, malaquita, smithsonita, hemimorfita, adamita, variscita
Columnar Similar ao fibroso: prismas delgados longos a miúdo con crecemento paralelo Calcita, xeso/selenita
Cristado (coxcomb) Agregados de cristais tabulares con follas estreitamente espazadas. Barita, marcasita
Cúbico Forma de cubo Pirita, galena, halita
Dendrítica ou arborescente Forma de árbore ramificado, ramificándose nunha ou máis direccións desde un punto central Romanechita e outros minerais de óxido de Mn, magnesita, cobre nativo
Dodecaédrico Dodecaerdro rómbico de 12 lados Granate
Drusas ou incrustacións Agregado de cristais diminutos que recobren unha superficie ou cavidade Uvarovita, malaquita, azurita, cuarzo
Enantiomórfico Hábito de imaxe especular (é dicir, maclado cristalino) e características ópticas; cristais dextroxiros e levoxiros Cuarzo, plaxioclasio, estaurolita
Equante (equant), groso A lonxitude, largura son aproximadamente iguais Olivina, granate
Fibroso Prismas extremadamente delgados Grupo da serpentina, tremolita (é dicir, asbesto)
Filiforme ou capilar Forma de pelo ou filamento, extremadamente fina Moitas ceolitas
Foliado ou micáceo ou lamelar (en capas) Estrutura laminada, separada en finas láminas Mica (moscovita, biotita etc.)
Granular Agregados de cristais anédricos en matriz Bornita, scheelita
Hemimórfico Cristais con dúas terminacións ou extremos de formas diferentes. Hemimorfita, elbaíta
Exagonal Forma de exágono de seis lados Cuarzo, hanksita
Cristais en moega Como o cúbico, pero as porcions externas dos cubos crecen máis rápido que as porcións internas, creando unha concavidade Halita, calcita, bismuto sintético
Mamilar Con forma de mama: superficie formada por formas esféricas parciais intersectadas, unha versión máis grande que a botrioidal, tamén agregados de capas concéntricas Malaquita, Hematite
Masiva ou compacta Sen forma definida, non ten forma externa distintiva Limonita, turquesa, cinabrio, realgar
Nodular ou tuberosa Depósito de formas aproximadamente esféricas con protuberancias irregulares Calcedonia, varias xeodas
Octaédrico Octaedro de oito lados (dúas pirámides unidas pola base) Diamante, magnetita
Laminar (en placas) Pinacoide prominente, plano, con forma de tableta Wulfenita
Plumoso Escamas con forma de pluma, finas Auricalcita, boulangerita, mottramita
Prismática Con forma de prisma alongado: caras dos cristais ben desenvolvidas paralelas ao eixe vertical Turmalina, berilo
Pseudoexagonal Aparencia exagonal debido ao maclado cíclico Aragonita, crisoberilo
Radiante ou diverxente Radiante cara a fóra desde un punto central Wavellita, soles de pirita
Reniforme ou coloforme Similar ao botrioidal/mamilar: masas con forma de ril intersectadas Hematite, pirolusita, greenockita
Reticulado Intercrecementos con forma de rede que forman cristais Cerusita
Roseta ou lenticular (cristais con forma de lente) Laminares en placas, radiando con forma de rosa radiais Xeso, barita (é dicir, rosa do deserto)
Esfenoidal Forma de cuña Esfena
Estalactitico Formas coma as das estalactitas e estalagmitas; forma cónica ou cilíndrica Calcita, goethita, malaquita
Estrelado Forma de estrela, radiando Pirofilita, aragonita
Estriada Non é un hábito propiamente dito, senón unha condición de liñas que poden crecer en certas caras do cristal en certos minerais Turmalina, pirita, cuarzo, feldespato, esfalerita
Groso ou en bloques ou tabular Máis alongado que o equante, lixeiramente máis longo que largo, forma de tableta plana Feldespato, topacio
Tetraédrico Cristais con forma de tetraedro Tetraedrita, espinela, magnetita
Feixe de trigo Agregados que lembran feixes de trigo seiturados a man Estilbita

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Klein, Cornelis, 2007, Minerals and Rocks: Exercises in Crystal and Mineral Chemistry, Crystallography, X-ray Powder Diffraction, Mineral and Rock Identification, and Ore Mineralogy, Wiley, third edition, ISBN 978-0471772774
  2. Wenk, Hans-Rudolph and Andrei Bulakh, 2004, Minerals: Their Constitution and Origin, Cambridge, first edition, ISBN 978-0521529587
  3. "What are descriptive crystal habits". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2017. Consultado o 17 de xullo de 2018. 
  4. "Crystal Habit". Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2009. Consultado o 17 de xullo de 2018. 
  5. "Habit". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 17 de xullo de 2018. 
  6. Hanaor, D.A.H; Xu, W; Ferry, M; Sorrell, CC (2012). "Abnormal grain growth of rutile TiO2 induced by ZrSiO4". Journal of Crystal Growth 359: 83–91. Bibcode:2012JCrGr.359...83H. arXiv:1303.2761. doi:10.1016/j.jcrysgro.2012.08.015.