Herbert E. Ives

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHerbert E. Ives

Herbert E. Ives ca. 1913. [1]

Biografía
Nacemento31 de xullo de 1882
Filadelfia, Pensilvania.
Morte13 de novembro de 1953.
(71 anos)
Upper Montclair, Nova Jersey.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
EducaciónUniversidade de Pensilvania.
Universidade Johns Hopkins.
Actividade
Campo de traballoEnxeñaría, física e numismática.
OcupaciónEnxeñeiro, físico e numismático.
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMabel Lorenz (1908).
FillosBarbara, Kenneth e Ronald Ives.
PaiFrederic Eugene Ives (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios
Medalla Edward Longstreth (1907, 1915, 1919).
Premio Rumford (1912, 1951).
Medalla Frederic Ives (1937).
Medalla ao Mérito (1948).
Sinatura


Herbert Eugene Ives, nado en Filadelfia, Pensilvania, o 31 de xullo de 1882 e finado en Upper Montclair, Nova Jersey, o 13 de novembro de 1953, foi un científico e enxeñeiro que dirixiu o desenvolvemento de sistemas de fax e televisión na compañía AT&T, durante a primeira metade do século XX.[2]

É coñecido sinaladamente polo experimento Ives-Stilwell, de 1938, que confirmou directamente a dilatación do tempo da relatividade especial,[3] aínda que o propio Ives non aceptaba a relatividade especial e defendía unha interpretación alternativa dos resultados experimentais.[4] Ives foi descrito como "o opositor máis autorizado da relatividade nos Estados Unidos entre finais da década de 1930 e principios da de 1950".[5]

Paralelamente, Ives Era un destacado coleccionista de moedas e apaixonado pola numismática, e chegou a presidir a American Numismatic Society de 1942 a 1947.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Herbert E. Ives naceu o 31 de xullo de 1882 en Filadelfia, Pensilvania, fillo de Mary Olmstead (1853-1904)[6] e de Frederic Eugene Ives (1856-1937),[7] un distinguido científico que inventara técnicas para a fotografía en cor e o proceso de semitón que fixo posible a reimpresión de fotografías en revistas e xornais. Cursou os seus estudos superiores na Universidade de Pensilvania, onde se graduou en 1905, e logo acadou o seu doutoramento, en 1908, na Universidade Johns Hopkins,[8][9] cunha tese titulada An Experimental Study of the Lippmann Color Photograpy ("Estudo experimental da fotografía en cor de Lippmann").[10]

Carreira científica[editar | editar a fonte]

Logo da súa etapa formativa, Ives ocupou diversos postos na investigación industrial, aínda que os seus maiores éxitos chegaron durante a súa estadía nos Laboratorios Bell, aos que se incorporou en 1919, tras servir no corpo de sinais do Exército dos Estados Unidos durante a primeira guerra mundial, onde realizou os primeiros traballos de aerofotografía.[9] En 1920, chegou a publicar un libro sobre fotografía aérea, cando era xa reservista do exército.[11]

Airplane Photography, publicado por Herbert E. Ives en 1920.

Do mesmo xeito que o seu pai, Herbert era un experto en fotografía en cor. En 1924, transmitiu e reconstruíu o primeiro fax en cor, unha fotografía en cor natural da estrela do cinema mudo Rodolfo Valentino en traxe de época, utilizando separacións de cor vermella, verde e azul, que fotografou no estudio do filme de Valentino Monsieur Beaucaire.[12]

Foi presidente da Optical Society of America —despois simplemente Optica— de 1924 a 1925.[13] Nos Laboratorios Bell chegou a ser o seu director de investigación electro-óptica.[14]

O 7 de abril de 1927, Ives fixo unha demostración de televisión de longa distancia con 185 liñas, transmitindo imaxes de vídeo en directo do daquela secretario de Comercio Herbert Hoover, a través da estación experimental 3XN de AT&T en Whippany, Nova Jersey, o que permitiu aos xornalistas ver a Hoover e comunicarse con el.[15][16]

En 1930, o seu sistema de teléfono-televisión bidireccional —chamado ikonófono; en grego: "imaxe-son"— xa se utilizaba de xeito experimental.[17][18] O gran centro de investigación dos Laboratorios Bell en Nova York dedicou anos de investigación e desenvolvemento ao longo da década de 1930, baixo a dirección de Ives e o seu equipo de máis de 200 científicos, enxeñeiros e técnicos. Os Laboratorios Bell pretendían desenvolver a videotelefonía e a televisión tanto para as telecomunicacións como para o entretemento.[19] A investigación en curso sobre teléfonos combinados de son e vídeo prolongouse nos Laboratorios Bell moito máis alá do mandato de Ives, cun custo de máis de 500 millóns de dólares, e finalmente deu como resultado o seu despregamento pola compañía AT&T, coa denominación de "picturephone".[20]

Tamén como o seu pai, Ives interesouse polos métodos de visualización de imaxes 3D autoestereoscópicas. A finais da década de 1920 e a principios da de 1930, durante a súa estadía nos Laboratorios Bell, traballou no desenvolvemento de procedementos e aparellos para producir o que el chamaba "panoramagramas de paralaxe", o tipo de imaxes 3D que hoxe se coñece polas impresións lenticulares 3D e outras novidades similares que se fixeron populares a mediados da década de 1960 e que aínda se fabrican. Publicou varios artigos sobre os seus traballos neste campo no Journal of the Optical Society of America e acadou numerosas patentes polos seus inventos. Cando se xubilou dos Laboratorios Bell en 1947, Ives tiña publicados máis de 200 artigos e obtivera máis de 100 patentes.[9]

Herbert E. Ives (dereita) nos Laboratorios Bell, xunto co daquela presidente da compañía, Walter S. Gijford, en 1922.[21]

Seguindo a tendencia de Hendrik Lorentz, intentou demostrar a realidade física dos efectos relativistas mediante argumentos lóxicos e experimentos. É particularmente coñecido polo experimento Ives-Stilwell, que confirmou directamente a dilatación temporal da relatividade especial. O propio Ives consideraba o seu experimento como unha proba da existencia do éter e, xa que logo, como el suxería, unha refutación da teoría da relatividade.[22] Porén, críase que este experimento era o mellor apoio para a relatividade.[23] El sentiuse desalentado pola reacción da comunidade científica, que interpretaba o seu experimento de xeito oposto ás súas expectativas, mais insistiu na súa opinión de que o experimento amosaba que a variación da velocidade do reloxo co movemento indicaba a existencia do éter.[24]

Despois dedicouse á teoría e publicou unha serie de artigos,[25][26][27][28] nos que describía os fenómenos relativistas en termos dun único sistema de coordenadas, o que pensaba erroneamente que refutaría a relatividade.[29] Este aspecto paradoxal do traballo de Ives foi descrito polo seu amigo, o célebre físico H. P. Robertson, que achegou o seguinte resumo da actitude de Ives cara á relatividade especial nunha biografía del:

O traballo de Ives no campo óptóptico básico presenta unha anomalía bastante curiosa, xa que, malia que el consideraba que refutaba a teoría especial da relatividade, o feito é que o seu traballo experimental ofrece un dos apoios máis valiosos a esta teoría, e as súas numerosas investigacións teóricas son bastante coherentes con ela [...] as súas deducións eran de feito válidas, mais as súas conclusións só estaban superficialmente en contradición coa teoría da relatividade —a súa complexidade e a súa formidable aparencia debíanse enteiramente á insistencia de Ives en manter un marco e un modo de expresión do éter. Eu... nunca puiden convencelo de que, dado que o que tiña era indistinguible nas súas predicións da teoría da relatividade dentro do dominio da física, era de feito a mesma teoría...

En 1917 foi elixido membro da American Philosophical Society.[30]

Carreira numismática[editar | editar a fonte]

Paralelamente á súa actividade como científico, Ives era destacado coleccionista de moedas.[31]

A súa carreira numismática transcorreu moi vinculada á American Numismatic Society (ANS). Ives ingresou nesta entidade como membro asociado en abril de 1924. En 1934 entrou na súa xunta directiva, na que se mantivo ata o seu falecemento; dentro dela ocupou o cargo de 14º presidente da entidade, entre o 10 de xaneiro de 1942 e o 11 de xaneiro de 1947.[32]

En 1937 foi nomeado ademais padrón da ANS en recoñecemento á súa doazón a esta sociedade de vinte e dúas medallas que lle foran concedidas ao seu pai polos seus logros científicos.[9] Ademais, Ives aparece no anverso dunha das medallas emitidas pola ANS.[8]

A súa colección de moedas foi vendida en poxa pública por Edward Gans o 4 de maio de 1955.[8][33]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Herbert E. Ives casou con Mabel Agnes Lorenz o 14 de novembro de 1908, con quen tivo dous fillos e unha filla.[8]

Ives faleceu o 13 de novembro de 1953 en Upper Montclair, Nova Jersey,[2][34] e foi soterrado no Cemiterio do Leste, en Litcfield, Connecticut.[35]

En 1996, o Servizo Postal dos Estados Unidos honrou a memoria de Herbert E. Ives coa emisión cun selo de 32 centavos co seu busto e a súa sinatura.[36]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dr. H.E. Ives". Library of the Congress.
  2. 2,0 2,1 "Herbert E. Ives". Optica.org
  3. Robertson, H. P. (1949). "Postulate versus Observation in the Special Theory of Relativity". En Reviews of Modern Physics. Vol. 21. Nº 3. Páxinas 378-382.
  4. Resnick, R.; Halliday, D. (1978). Physics, Parts 1-2. 3ª ed. John Wiley & Sons. Páxina 931. ISBN 9780471024569
  5. Lalli, R. (2013). "Confirming special relativity in spite of himself: the origin of the Ives-Stilwell experiment". En Pisano, R.et al. (eds.). Physics, Astronomy and Engineering: Critical Problems in the History of Science and Society. Scientia Socialis Press, Siauliai. Páxinas 298-304. ISBN 978-609-95219-3-0
  6. "Mary Olmstead Ives". Findagrave.com
  7. "Frederic Eugene Ives". Findagrave.com
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Smith, P. (2012).
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 "Ives, Herbert E. (Herbert Eugene), 1882-1953". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  10. Ives, Herbert E. (1908). An experimental study of the Lippmann color photograpy.
  11. Herbert E. Ives (1920). Airplane Photography. J. B. Lippincott Company, Filadelfia.
  12. Sipley, L. W. (1951). A Half Century of Color. Macmillan, Nova York.
  13. "Past Presidents". Optica.org
  14. "Contributors to this Issue". En Bell Labs Quarterly. Vol. 11. Abril de 1932. Páxina 78.
  15. "Radio Board Tests Television Process. Finds Demonstration Satisfactory and Will Keep Top Air Band for It". En New York Times. 28 de abril de 1927.
  16. Norcross, A. (2019). "Hoover joins 1st American demo of long-distance TV, April 7, 1927". En EDN.com. 7 de abril.
  17. Carson, D. N. (1968). "The Evolution of Picturephone Service". En Bell Laboratories Record. Outubro de 1968. Páxinas 282-291.
  18. "Washington Hails The Test: Operator There Puts Through the Calls as Scientists Watch". En New York Times. 8 de abril de 1927.
  19. "Dr. Herbert E. Ives (American) (1882-1953)". Bairdtelevision.com
  20. Borth, D. E. "Videophone". En Encyclopædia Britannica. 28 de xullo de 2023
  21. Bell Telephone Magazine. Tomo XXXI. Nº 2. Verán de 1952. Páxina 71.
  22. Ives, H. E.; Stilwell, G. R. (1938). "An experimental study of the rate of a moving atomic clock". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 28. Nº 7. Páxinas 215-226.
  23. "Einstein Hails 'Proof'. Dr. Ives Provides Best Support for Relativity, He Says". En New York Times. 27 de abril de 1938.
  24. Ives, H. E. (1940). "The measurement of velocity with atomic clocks". En Science. Vol. 91. Nº 2.352. Páxinas 79-84.
  25. Ives, H. E. (1947). "Historical note on the rate of moving atomic clock". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 37. Nº 10. Páxinas 810-813.
  26. Ives, H. E. (1948). "The measurement of the velocity of light by signals sent in one direction". En Journal of the Optical Society of America, Vol. 38. Nº 10. Páxinas 879-884.
  27. Ives, H. E.(1949). "Lorentz-type transformations as derived from performable rod and clock operations". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 39. Nº 9. Páxinas 757-761.
  28. Ives, H. E. (1950). "Extrapolation from Michelson-Morley experiment". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 40. Nº 4. Páxinas 185-191.
  29. "Anti-Relativity in Action: The Scientific Activity of Herbert E. Ives between 1937 and 1953". En Lalli, R. (2013). Historical Studies in the Natural Sciences. Vol. 43. Nº 1. Febreiro. Páxinas 41-104. University of California Press.
  30. "American Philosophical Society Member History". American Philosophical Society (Amphilsoc.org).
  31. "Herbert E. Ives coin catalog and card index, 1940-1953". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  32. "Presidents and Chairmen of the American Numismatic Society". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  33. Mail Bid Sale. Nº 15. Closing Date May 4. 1955[...] From the Cabinet of the late Dr. Herbert Ives [...]. Numismatic Fine Arts, Edward Gans. Berkeley, California.
  34. "Dr. Herbert Ives, Pioneer In TV, Dies. Researcher on Electron-Optics Developed 3-D Photography, Wirephoto Transmission". En New York Times. 15 de novembro de 1953.
  35. "Herbert Eugene Ives". Findagrave.com
  36. "32c Frederic E. Ives single". Smithsonian Institution.
  37. "Franklin Laureate Database". The Frankling Institute (Fi.edu).
  38. "History of Prizes". American Academy of Arts & Sciences (Amacad.org).
  39. "Herbert E. Ives". Optica.org
  40. "Frederic Ives Medal / Jarus W. Quinn Prize". Optica.org
  41. "Pay Honor to Frederic E. Ives". En The New York Times. 23 de xullo de 1937.
  42. Turner, D.; Hazelett, R. eds. (1979). The Einstein Myth and the Ives Papers: A Counter-Revolution in Physics. Hope Publishing, Pasadena.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]