Saltar ao contido

Medio ton

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplo dunha fotografía de semitóns en branco e negro

Os semitóns ou medios tons[1] son unha técnica de reprografía que simula imaxes con tons continuos mediante o uso de puntos, variando tanto o tamaño como o espazamento, xerando así un efecto de degradado. Semitón e medio ton tamén se pode usar para referirse especificamente á imaxe producida por este proceso.[2]

O proceso de medios tons transforma as imaxes de tons continuos, que teñen unha infinidade de cores e grises, en imaxes que se imprimen con só unha tinta. Isto faise a través de puntos de diferentes tamaños ou distancias entre eles. Esta técnica baséase nunha ilusión óptica onde estes pequenos puntos parecen tons máis suaves ao ollo humano. Por exemplo, as películas fotográficas en branco e negro, a nivel microscópico, só teñen dúas cores en lugar dunha gama infinita de tons.

Coa evolución fotográfica e coa incorporación de filtros e capas de película, púidose imprimir en cor repetindo o método dos semitóns para cada cor do modelo substractivo, coñecido como CMYK. A natureza semiopaca da tinta fai que, ao combinar puntos de semitóns de diferentes cores, percibamos unha imaxe a toda cor grazas ao efecto óptico.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

A idea dos medios tons atribúese a W. H. Fox Talbot. Na década de 1830, suxeriu o uso de pantallas fotográficas ou veos conectados a un proceso de gravado en relevo.[3]

Nas décadas seguintes propuxéronse varios tipos de veos. Un dos máis coñecidos foi de Stephen H. Horgan no Daily Graphic. A primeira fotografía impresa foi unha imaxe de Steinway Hall en Manhattan, publicada o 2 de decembro de 1873.[4] O Graphic publicou entón a " primeira reprodución dunha fotografía cunha gama tonal completa nun xornal " o 4 de marzo de 1880, baixo o título "A Scene in Shantytown".[5]

Frederic Ives de Filadelfia patentou un método de semitóns en 1881, dividindo a imaxe en puntos de diferentes tamaños.[3][5] En 1882, o alemán G. Meisenbach patentou un proceso en Inglaterra inspirado nas ideas de Berchtold e Swan, que usaba tramas de liñas cruzadas, logrando un grande éxito comercial. Posteriormente, Ives, xunto con Louis e Max Levy, perfeccionou o proceso inventando parcelas de calidade de liñas cruzadas. O proceso de semitón en relevo foi un éxito inmediato e o seu uso nos xornais tornouse regular a principios da década de 1890.[3]

Os métodos de semitón por litografía seguiron un camiño independente. Na década de 1860, A. Hoen & Co. centráronse en métodos que permitían manipular os tons das pedras de impresión traballadas a man. Na década de 1880, Hoen desenvolveu métodos compatíbeis con pedras manuais ou fotolitográficas.[6]

Proceso tradicional[editar | editar a fonte]

O método máis común para crear tramas, a modulación de amplitude, produce unha cuadrícula regular de puntos que varían en tamaño. O outro método, a modulación de frecuencia, úsase nun proceso tamén coñecido como dithering ou tramado estocástico. Os dous métodos de modulación son nomeados por analoxía co uso de termos en telecomunicacións.[7]

Resolución das tramas de semitóns[editar | editar a fonte]

A resolución dunha pantalla de medios tons mídese en liñas por polgada (lpi). Indica o número de liñas de puntos dentro dunha polgada e pode escribirse como "150 lpi" ou co cancelo "150#". A maior resolución de píxeles do ficheiro, máis detalles terá a imaxe impresa. Pero, se a resolución da imaxe aumenta, a resolución de impresión tamén debe facelo para evitar a posterización. Por tanto, a resolución do ficheiro e da impresión deben coincidir.

Múltiples tramas de cores e semitóns[editar | editar a fonte]

Ángulos de trama nunha imaxe co modelo de cor CMYK

Ao combinar diferentes texturas, poden producirse efectos visuais que distraen, incluídos bordos que se enfatizan, como un patrón moiré. Este problema pódese reducir xirando os cadros.

O ángulo da pantalla é outro valor usado na impresión, determinado en graos º seguindo a dirección das agullas do reloxo desde unha liña orientada á esquerda (9 é 0 º). O semitón tamén se emprega para imprimir imaxes a cor. Variando a densidade do ciano, maxenta, amarelo e negro (CMYK), pódese reproducir calquera ton.[8]

Ao imprimir a cor usando técnicas similares ás da escala de grises, as cores deben estar próximas para que pareza unha única cor ao ollo humano. A industria estableceu ángulos estandarizados que forman puntos en círculos ou outras formas, imperceptíbeis ao ollo, pero visibles baixo microscopio ou lupa.

Formas de puntos[editar | editar a fonte]

Aínda que os puntos redondos son os máis comúns, hai outros tipos con características propias. Pódense usar simultaneamente para evitar o moiré. Xeralmente, a forma de punto preferida depende do método ou da placa de impresión.

· Puntos redondos: os máis habituais, axeitados para imaxes claras, sobre todo para tons de pel. Están no valor tonal do 70%.

· Puntos elípticos: apropiados para imaxes con moitos obxectos. Están nun valor tonal do 40% (os puntiagudos) ou do 60% (os de lados longos), polo que existe o risco dun patrón.

· Puntos cadrados: os mellores para imaxes detalladas, non recomendados para tons de pel. As esquinas teñen un valor tonal do 50%. A transición entre os puntos cadrados ás veces é posible para o ollo humano.[9]

Proceso de semitón dixital[editar | editar a fonte]

Cores en semitóns.

Desde os anos 70, o semitón dixital substituíu o fotográfico grazas ao desenvolvemento de "xeradores de puntos electrónicos" ligados a escáneres de tambor de empresas como Crosfield Electronics, Hell e Linotype-Paul. Na década de 1980, novas gravadoras de películas e papel evolucionaron a partir das impresoras láser. A diferenza dos escáneres puros ou dos tipógrafos puros, estas podían xerar todos os elementos dunha páxina: texto, fotos e gráficos. Un exemplo pioneiro foi o Linotronic 300 e 100 de Linotype en 1984, que introduciu o procesador de imaxes ráster (PostScript RIP) en 1985.[10]

As primeiras impresoras láser dos anos 70 podían xerar semitóns, pero estaban limitadas a unha resolución de 300 ppp, permitindo só arte lineal a 65 lpi. Co tempo, esta resolución aumentou, chegando a 600 ppp e incorporando técnicas de tramado. No semitón fotográfico, hai áreas locais da imaxe impresa, chamadas celas de semitón, que reflicten zonas específicas da imaxe orixinal. Estas celas conteñen puntos de semitón, que varían en tamaño e son compostos por tinta ou tóner. O ollo humano percibe estes puntos como niveis variados de gris, dependendo da proporción de tinta na cela.

Por outro lado, o semitón dixital usa un mapa de bits, onde cada píxel pode estar activado (con tinta) ou desactivado. Para imitar o semitón fotográfico, as celas dixitais conteñen grupos de píxeles. Estes non poden crecer 'de forma suave', e a súa posición pode ser descentrada. Para solucionar iso, os píxeles dixitais deben ser pequenos, variando entre 600 a 2.540 ppp. O avance dixital tamén permitiu algoritmos de tramado avanzados, producindo ás veces resultados mellores que o semitón dixital tradicional. Novas técnicas, como a difusión non lineal, tamén están sendo exploradas.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "semitón, medio ton". aplicacions.usc.es; bUSCatermos. Consultado o 2023-09-04. 
  2. 2,0 2,1 Campbell, Alastair (2000). The Designer's Lexicon (en inglés). San Francisco: Chronicle. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Twyman, Michael (1970). Printing 1770–1970: an illustrated history of its development and uses in England (en anglès). Londres: Eyre & Spottiswoode. 
  4. "100 Photographs That Changed the World". LIFE: 18. 25/08/2003. 
  5. 5,0 5,1 B., Philip (1998). A History of Graphic Design (en inglés). John Wiley & Sons, Inc. p. p 141. ISBN 0-471-29198-6. 
  6. August, Hoen (15/05/1883). Lithographic Process, (en inglés). 
  7. Gaurav, Sharma (2003). Digital Color Imaging Handbook (en castelán). CRC Press. p. 389. ISBN 978-0-8493-0900-7. 
  8. "Halftone Line Screens in Printing: Use of halftone line screens for printing digital images on press". ww1.prepressx.com. Consultado o 2023-09-04. 
  9. Johansson, Kay (2007). A Guide to Graphic Print Production (en inglés) (2ª edición ed.). Wiley & Sons. p. 286. 
  10. "Linotype History: 1973—1989". www.linotype.com. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2023. Consultado o 2023-09-04. 
  11. Least-square halftoning via human vision system and Markov gradient descent (LS-MGD): Algorithm and analysis (en inglés). 2009. p. 567–589. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]