Goián, Tomiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°56′51″N 08°46′16″O / 41.94750, -8.77111

Goián
Igrexia de Goian.JPG
Igrexa de San Cristovo de Goián.
ConcelloTomiño
Área11,08 km²
Poboación2.069 hab. (2014)
Densidade186,73 hab./km²
Entidades de poboación13

San Cristovo de Goián é unha parroquia do concello de Tomiño. Segundo o IGE en 2014 tiña 2.069 habitantes (1.054 mulleres e 1.015 homes), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.560 habitantes.[1] Pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Goián pertence á comarca do Baixo Miño, situada no extremo suroeste de Galiza. Esta zona está constituída xeoloxicamente por aliñacións montañosas que alternan granitos e xistos paleozoicos, e a elas acaróanse tres terrazas cuaternarias que descenden ata o actual leito do río Miño[2].

Historia[editar | editar a fonte]

Preto do Miño aínda quedan terreos enlamados lindeiros coa veiga chamada da Lamamá. Tamén ó sur da antiga parroquia de Tollo hai terreos enchoupados, de feito este topónimo de orixe celta é un sinónimo de "barreira". Aquelas terrazas foron asento durante o Plistoceno dunha poboación que posuía unha cultura paleolítica, e da que quedaron grande cantidade de instrumentos tallados en cuarcita abbevillense e principalmente acheuliano. Tamén hai algún petróglifo, que parecen ser da Idade de Bronce[2] e restos de varios castros: San Roque, Atalaia, Soutelo, Tollo.

Así mesmo atopáronse restos romanos na beira da serra Argallo, como anacos de tégulas, muíños de man e restos dos alicerces dun muro relacionados quizais coas explotacións mineiras de estaño, pola cantidade de calicatas existentes próximas ó lugar dos achados. Tamén é moi posible que o camiño real que atravesaba a parroquia de Tollo ata o século XIX tivera a súa orixe nunha vía romana.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Nada se coñece desta parroquia na alta Idade Media. A primeira vez que aparece o seu nome é nun documento privado do 7 de setembro de 1258, no que o mosteiro de Santa María de Oia aforaba a María Pérez, alcumada a Cerveira, un casal que tiña in ipsa villa de Goyhan. O mesmo nome de Goián parece ser de orixe xermánica, procedente dun possesor dunha villa ou granxa que recibiu o seu nome, Gaudila -anis[2].

O mosteiro de Oia, por sucesivas doazóns reais e de particulares e por compras, foi conseguindo unha grande cantidade de unidades agrarias ata finalizar o século XIII, que se estendían dende o Val Miñor ata mais ala do río Miño en Portugal. Fundouse nas terras que posuía en Goián un priorado ó pé da serra do Argallo, no lugar de San Lourenzo, do que queda a capela do seu nome. Nunha pedra da fachada á dereita figura a inscrición 1517 A, e noutra á esquerda figura XP S M.

A familia Correa[editar | editar a fonte]

Desde o século XIV a vila de Goián estivo ligada e vinculada á familia Correa. Segundo a árbore xenealóxica desta familia comeza con Lorenzo Correa, señor dos castelos de Cerveira e Goián, casado con María Suárez de Deza no século XIV. O seu fillo chamábase tamén Lorenzo Correa, casado con Leonor de Zúñiga. Non obstante, Felgueiras Gayo no seu nobiliario, considera ó segundo coma o señor de Cerveira e Goián.

Frei Filipe de la Gándara, no seu libro Armas y triunfos de los hijos del Reyno de Galicia, di que Paio Pérez Correa (1205-1275), fillo de Pedro Pérez e Dordia de Aguiar, foi nomeado décimo cuarto Mestre da Orde de Santiago en 1242, "hallándose en las conquistas a los moros de los Reynos de Murcia y Jaén, así como Triana en los arrabales de Sevilla, el Rey Fernándo III de León y Castilla (Fernándo III el Santo) dice que este caballero fué el que mayor explendor le dió a la orden". Frei Filipe de la Gándara sinala este cabaleiro como comezo da liñaxe dos Correa, pois o solar máis antigo estaba en Salvaterra de Miño "en donde son señores"[3].

Por outra banda, o Conde D. Pedro no seu catálogo, referíndose ao cerco de Sevilla en 1247, cita a Paio Correa o "vello", neto de Paio Ramírez, como un dos cabaleiros que tomaron parte na súa conquista: "este caballero fué uno de los hombres más ilustres de España, el cual destaco durante el reynado de Alfonso VI". Segundo o Conde, con el comeza a liñaxe[4]. Foi fillo de Urraca Heriz e avó do mestre de Santiago Paio Pérez Correa.

Deste señorío queda a casa-pazo chamada da Torre, construída no século XVII e reconstruída no XVIII, co escudo da familia na súa portada.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Durante a Guerra de Restauración, no reinado de Filipe IV, Goián foi escenario de varios feitos de armas. O primeiro ataque portugués á vila de Goián tivo lugar o 3 de marzo de 1664. Daquela contaba cuns 200 habitantes e outras tantas casas á beira do río Miño. Durante o ataque a vila foi saqueada e queimada e os seus moradores dispersados. A única defensa da vila eran unhas trincheiras de pedra e a casa-forte dos Correa. A raíz destes feitos, o Capitán Xeneral de Galicia, o Marqués de Tábara, en carta do 23 de maio de 1664 á xunta de guerra de España, sinalaba a conveniencia de construír un forte naquela parte. Noutra do 27 de agosto do mesmo ano, dicía que o forte se estaba construíndo, pero que non estaba acabado por falta de cartos.

O 26 de outubro de 1663 o Gobernador de armas de Entre Douro e Minho, Conde de Prado, ocupou o forte de Goián. En menos de dous meses quedaron acabadas as fortificacións portuguesas, compostas polo forte de Nosa Señora da Concepción (duns 50.000 m² do que quedan algúns restos e unha capela adicada a San Roque, construída en 1674), o forte das Chagas, a torre dos Correa e a torre dos Ratones, e unha ponte de barcas no Miño[5]. Desde aquí os portugueses ocuparon A Guarda o 22 de novembro de 1665. Outra columna de tropas entrou polo Rosal ata Gondomar, que foi destruído, e saquearon e incendiaron Bouzas. Unha terceira columna de tropas tomou o alto de San Colmado baixando ata O Porriño, que tamén foi saqueado e incendiado[6]. Non existen rexistros da retirada das tropas portuguesas de Goián, pero seguramente sería logo da paz acordada en Lisboa o 13 de febreiro de 1668.

Na entrada principal hai unha lápida flanqueada polos escudos de Girón á esquerda e o de Castillo á dereita. Na lápida figura a seguinte inscrición:

«FABRICOSE ESTE FVERTE REINANDO CARLOS
SEGUNDO REI DE LAS ESPAÑAS Y LA REINA GO
BERNADORA SV MADRE DOÑA MARIANA DE
AUSTRIA SIENDO GOBERNADOR Y CAPITAN GENE
RAL DESTE REINO EL EXCMº SEÑOR ARZOBISPO DE
SANTIAGO DON ANDRES GIRON ASISTIENDO A
ESTA FABRICA EL ILMº SEÑOR JVAN DEL CASTILLO
Mº DE Cº GENERAL DEL CONCEJO DE SV MJD
AÑO 1673»

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

A última vez que se usou o forte de San Lourenzo para actos de guerra foi cando as tropas do Baixo Miño se concentraron nel, mandadas polo portugués Serpa, para dende alí axudar á reconquista de Tui, no ano de 1811[7]. Na Guerra da Independencia española tomaron parte os tres fillos de María del Carmen Correa y Acevedo: o maior, Antonio Cadaval Correa, era Comandante Xeneral da provincia de Tui; José María, que ingresara en 1800 no exército e foi Mariscal de Campo, Inspector Xeneral dos Exércitos de Cuba e Alcalde Ordinario da Habana; o máis novo, Manuel, perdeu a vida nesa guerra sendo tenente.

Na constitución de 1812 establecía que "se pondrá ayuntamiento en los pueblos que no lo tengan, y en el que convenga lo haya, no pudiendo dejar de haberle en los que por sí o con su comarca lleguen a las mil almas". Por ese motivo foron creados os concellos de Barrantes, Goián e Sobrada. Esta etapa de Goián como concello só durou ata 1814, cando ó regresar Fernando VII a España restaurou o réxime absolutista. Pero ó restablecerse en 1820 a Constitución de 1812, Goián figura como Concello Constitucional.

Durante un tempo relativamente longo (o reinado de Amadeo de Savoia, I República e Restauración) Goián foi declarada entidade local menor.

Emigración[editar | editar a fonte]

Xa no século XVIII, había unha emigración temporal a Castela para traballar na construción. Na última década do século XIX a emigración mudou cara Brasil, sobre todo ó estado de São Paulo, ó ser abolida a escravitude en 1888. Recordo daqueles emigrados quedan na parroquia varias casas de estilo colonial. Entre 1955 e 1960 a emigración comezou a orientarse cara países de Europa como Suíza, Francia, Alemaña, Inglaterra ou Países Baixos.

Patrimonio histórico[editar | editar a fonte]

Na arquitectura relixiosa, ademais da igrexa parroquial de San Cristovo, destacan as capelas de San Roque, San Lourenzo e a do Espírito Santo. Igualmente son de interese a casa indiana da Familia Ortega ou a Casa das do Correo, antiga parada da dilixencia de correos a comezos do século XIX.

Lingua[editar | editar a fonte]

O galego de Goián caracterízase por ser do bloque occidental pero cunha característica moi peculiar que o fai destacar: a chamada ditongación goianesa. Este aspecto foi estudado en fondura por Manuel Fernández Rodríguez (CEG, 1969), María Jesús Pérez Alonso (1969) e Helena Pousa Ortega (tese de 1987),[Cómpre referencia] e despois profundado por ela mesma en 1991 e 2004 e comentado por Francisco Fernández Rei (1990) e Xosé Manuel Sánchez Rei (2011).[Cómpre referencia]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Goián[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Goián no concello de Tomiño (Pontevedra)

A Avenida do Brasil | A Avenida de Ordóñez | O Barrio Novo | A Calle | A Centinela | O Couto | Fontela | A Gándara | San Lourenzo | Soutelo | Tollo

Parroquias de Tomiño[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Tomiño

Amorín (San Xoán) | Barrantes (San Vicente) | Currás (San Martiño) | Estás (Santiago) | Figueiró (San Martiño e San Campio) | Forcadela (San Pedro) | Goián (San Cristovo) | Piñeiro (San Salvador) | Pinzás (Santa María) | San Salvador de Tebra (San Salvador) | Santa María de Tebra (Santa María) | Sobrada (San Salvador) | Taborda (San Miguel) | Tomiño (Santa María) | Vilameán (San Bieito)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. IGE. "Nomenclátor de Galicia". Consultado o 23/8/2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 M. Fernández Rodríguez: Goián estudio histórico
  3. Fray Filipe de la Gándara: Armas y triunfos de los hijos del reino de Galicia
  4. Conde D. Pedro: Nobiliario do Conde de Barcelos D. Pedro.
  5. J. Garrido Rodríguez: Fortalezas de la Antigua Provincia de Tuy
  6. Conde da Ericeira: Historia
  7. Segundo o apéndice 6 da Reseña de la Reconquista de Vigo de Félix Estrada Catoyra

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]