Fernando de Andrade e Soutomaior

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fernando de Andrade Soutomaior»)
Fernando de Andrade e Soutomaior
Arcebispo da Igrexa Católica Latina
Biografía
Nacemento23 de agosto de 1578 en Vilagarcía, Reino de Galiza
Pasamento22 de xaneiro de 1655 en Compostela, Reino de Galiza
Alma máterUniversidade de Salamanca
Universidade de Roma
Ordes
Ordenación sacerdotalagosto de 1596
Consagración episcopal10 de setembro de 1628, por Diego de Guzmán y Haro
Arcebispo metropolitano de Santiago de Compostela
1645 - 1655
PredecesorAgustín de Spínola Basadone
SucesorPedro Carrillo Acuña y Bureba
Cargos anterioresArcebispo-bispo de Sigüenza (1640-1645)
Arcebispo de Burgos (1631-1640)
Bispo de Palencia (1628-1631)
Vicerrei de Navarra
1637-1638
PredecesorFrancisco de Andía Irarrazábal
SucesorPedro Fajardo de Zúñiga
Gobernador de Galiza
1647
1647-1648
PredecesorGuillén Ramón de Moncada
Diego Benavides de la Cueva
SucesorDiego Benavides de la Cueva
Outros

Escudo de Fernando de Andrade e Soutomaior
Ficha en catholic-hierarchy.org

Fernando de Andrade e Soutomaior, nado en Vilagarcía de Arousa o 23 de agosto de 1578[1] e finado en Santiago de Compostela o 22 de xaneiro de 1655, foi un prelado galego que ocupou os cargos de arcebispo de Santiago de Compostela (1645-1655), arcebispo ―título persoal― de Sigüenza (1640-1645), arcebispo de Burgos (1631-1640) e bispo de Palencia (1628-1631), así como os de gobernador-capitán xeneral de Galiza (1647-1648), presidente do Consello de Cantabria (1640) e vicerrei de Navarra (1637-1638).

Foi, por conseguinte, unha importante figura relixiosa e política,[1] mais tamén un dos poucos bispos galegos que houbo en Galiza entre 1500 e 1830 (non máis dun 9 %)[2] e un dos reducidísimos gobernadores-capitáns xenerais de Galiza galegos.[a] Destacou igualmente por ser un gran mecenas artístico durante toda a súa vida.[4] Resultado do seu patrocinio foron, ademais, a creación do convento de Vista Alegre, a ampliación da igrexa parroquial de Arealonga e mailo traslado e construción do hospital e capela da illa de Cortegada. Encargou, así mesmo, unha historia xeral de Galiza.

Como bispo, foi o principal consagrador de Gonzalo Sánchez de Somoza Quiroga, bispo de Mondoñedo (1639), e de Juan Pérez de Vega, bispo de Tui (1649).[5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pazo de Vista Alegre.

Nado no pazo de Vista Alegre, seus pais foron Rodrigo de Mendoza Soutomaior, señor de Vilagarcía, Barrantes e Vista Alegre, e Urraca de Soutomaior Osorio, neta de Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, conde de Andrade e de Vilalba, que chegara a ser capitán xeneral de Galiza. A diferenza dos irmáns, non escolleu como primeiro apelido o do pai, senón o do avó e bisavó maternos, que tamén se chamaban Fernando.[6]

Estudou posibelmente a carreira eclesiástica na universidade de Salamanca e a finais de agosto de 1596 recibiu na capela do pazo familiar as ordes menores, conferidas desde Roma por intermediación do seu tío-bisavó terceiro, o poderoso cardeal e arcebispo sevillano Rodrigo de Castro Osorio.[7][8]

En 1603 acompañou o seu primo-sobriño segundo Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos, na súa marcha para Roma. Alí atinxiu o grao de doutor na Facultade de Cánones da universidade romana e, por mor do seu gran dominio xurídico, serviu na curia pontificia até 1609. Exerceu tamén, nesta etapa, o cargo de Procurador Xeral das Igrexas das dúas Castelas. Ese ano foi designado arcediago de Carrión e cóengo da catedral de Palencia; no entanto, a comezos de 1611 aparece de novo na cidade pontificia, pois recibira a chamada do seu parente cando aínda non pasara un ano do nomeamento. Nas palabras do propio Fernando de Andrade: «regresamos a Roma para ser axente do reino de Nápoles sendo vicerrei del don Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos e de Andrade». A estreita relación que sempre tivo co conde traduciuse en que este procurase continuamente a súa promoción e favorecemento. Así, o traballo como axente permitiulle unha relación próxima co papa Paulo V, feito que propiciou que en 1614 o sumo pontífice decidise outorgarlle o deanato da catedral de Ávila. Non obstante, o vilagarcián non chegou a asumir o posto, polo cal é posíbel que tanto el como o conde de Lemos non o considerasen bo dabondo. De feito, tanto Pedro Fernández de Castro como a súa muller, Catalina de la Cerda Sandoval, chegaron a escribir a Paulo V co obxectivo de promover o que era o seu protexido. Finalmente o papa concedeulle a finais do mesmo ano un canonicato na catedral de Sevilla. Para poder gozar enteiramente del foi ordenado de Epístola por Timoteo Caselli, bispo de Marsica, o 13 de decembro de 1615.[9]

En 1616 deixou a Cidade Eterna de xeito definitivo para se instalar na hispalense e desempeñar o seu novo posto como cóengo da catedral. Ó longo da década de 1620 foi acumulando unha serie de cargos que ocupou até chegar a ser bispo de Palencia en 1628: arcediago de Écija desde 1623, capelán mor da Capela Real desde agosto de 1625, subcolector da cámara apostólica do arcebispado sevillano tamén desde esta altura, inquisidor apostólico de Sevilla desde xullo de 1626 e visitador dos seus ministros desde pouco despois. Así mesmo, foi contador para o bienio 1625-1626 após ser nomeado o 9 de decembro de 1624. Esta ascensión meteórica debeu ser posíbel en parte grazas á influencia sobre o rei Filipe IV que exercía o seu primo segundo Antonio de Soutomaior, confesor real, quen sempre procurou o favorecemento dos seus familiares. Póñase de relevo que o cargo da capelanía mor da Capela Real era un dos máis ambicionados da sé sevillana.[10]

O 29 de maio de 1628, no papado de Urbano VIII e após un proceso comezado a finais do ano anterior,[11] foi nomeado bispo de Palencia.[5] O 10 de setembro foi consagrado na cidade hispalense por Diego de Guzmán y Haro, arcebispo de Sevilla, sendo co-consagradores Luis Camargo Pacheco e Juan de la Sal, ambos bispos auxiliares de Sevilla.[5] O factor decisivo na consecución da condición de prelado debeu ser de novo o seu parente Antonio de Soutomaior.[12] Durante o seu episcopado palentino cómpre salientar que, a diferenza da maioría doutros bispos, visitou persoalmente as terras máis afastados da diocese.[13]

O 10 de novembro de 1631 produciuse o seu nomeamento como arcebispo de Burgos.[5]

Escudo de Fernando de Andrade na súa época de arcebispo-bispo de Sigüenza.

O 10 de setembro de 1640 foi designado para rexer o bispado de Sigüenza, mais mantendo o seu título de arcebispo.[5]

En 1642 tivo lugar a súa designación para vicerrei de Aragón; porén, rexeitou o posto por motivos de saúde.[14][15] No final de setembro de 1639 unha doenza fixéralle temer pola súa vida, polo que realizara testamento no 2 de outubro.[16]

O 20 de marzo de 1645, no papado de Inocencio X, foi promovido a arcebispo de Santiago de Compostela, cargo que exerceu até o seu pasamento.[5]

Entre 1647 e 1648, período encadrado en plena Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), foi o gobernador-capitán xeneral de Galiza en dúas etapas. Do 3 de marzo de 1647 ó 22 de abril exerceu interinamente mentres non chegaba ó país galego o novo ocupante do cargo Diego de Benavides, conde de Santisteban. Durante este curto espazo de tempo evitou encrespar a situación e tentou mellorar aloxamentos e fornecementos de tropas. A partir do 4 de outubro do mesmo ano volveu desempeñar o posto, de novo de xeito provisorio, en substitución do citado conde, que regresou a Madrid debido a motivos persoais. Por mor da guerra era preciso morar preto da fronteira portuguesa; así, fíxoo en Pontevedra.[17] Como unha das funcións oficiais do gobernador e capitán xeneral desde había unha década,[18] presidiu nese ano de 1647 a Xunta do Reino, que fora convocada polo rei co obxectivo de tratar o encabezamento da renda de millóns e das cotas que cada provincia galega debía pagar para as levas.[17] Malia o carácter provisional do seu posto e a súa fidelidade á monarquía, Andrade Soutomaior amosouse totalmente comprometido co reino de Galiza e moi crítico coas falcatrúas da corte e a súa inoperancia, así como co estado das tropas de milicias galegas, o cal lle causou a reprensión do monarca. A volta de Benavides produciuse no verán de 1648.[19]

Contra ese 1648, en pleno auxe apoloxético de Galiza por parte da historiografía galega,[20] encargou a Antonio Rodríguez de Novoa a elaboración da Historia Universal de Galicia, texto que na actualidade se acha desaparecido.[21] No mesmo ano mandou construír a igrexa e convento de Vista Alegre a carón do pazo homónimo, propiedade da súa familia. O proxecto, que tiña como propósito servir de panteón familiar e acoller as mulleres da súa familia viúvas ou que ficasen solteiras, finalizouse en 1657, após a súa morte e baixo as ordes do seu irmán Mauro de Mendoza e Soutomaior.[22][23] En 1652 custeou a ampliación da capela mor da igrexa parroquial de Arealonga, pois había tempo que se tornara demasiado pequena para conter a poboación de Vilagarcía. A obra incluía a reedificación da nave e doutras partes anexas.[24] No mesmo ano tamén decidiu levar a cabo o traslado do hospital e capela da Virxe dos Milagres da illa de Cortegada, a cal pertencía á súa casa. As edificacións, situadas orixinalmente dentro da poboación insular, foron reconstruídas afastadas do lugar, onda o peirao, coa fin de evitar contaxios producidos pola grande afluencia que existía de peregrinos doentes.[25][24]

Solicitou para o seu irmán máis novo, o xa mencionado Mauro de Mendoza, os títulos de marqués de Vilagarcía e vizconde de Barrantes, para o cal recibiu o apoio da Xunta en 1650.[17] Acadou a súa concesión o 23 de xuño de 1654 polos moitos servizos que el e outros membros da súa familia prestaran á monarquía. Fóronlle outorgados directamente a el mesmo, polo cal cedeunos ó irmán.[26] Deste xeito, os escudos de armas de Andrade Soutomaior realizados a partir desta altura figuran coa coroa de marqués.[27] Igualmente obtivo o título de inquisidor xeral do reino de Galiza para o seu home de máxima confianza, o tamén vilagarcián Pedro de Navia Osorio.[28]

Finou o 22 de xaneiro de 1655 e foi soterrado na catedral de Santiago de Compostela, no corredor situado entre o coro e a capela mor, a carón do sepulcro do arcebispo Maximiliano de Austria (†1614). Aínda que a súa idea inicial fora enterrarse no panteón destinado á súa liñaxe, nos últimos anos mudou de opinión e preferiu o templo compostelán.[29]

Inscrición. D. O. M.
Le e chora
pola luz extinta, sustento
do reino, consolo dos pobres,
o ilustrísimo prelado e príncipe
don Fernando de Andrade e Soutomaior,
da prole dos marqueses de Vilagarcía.
Pontífice foi de Palencia,
Burgos, Sigüenza
e Compostela, ó servizo do rei de Navarra,
Aragón e Galiza, varón
maior ca todo honor, pío, prudente,
pacífico, magnífico en todo.
Morreu o 21 de xaneiro de 1655 con 76 anos de idade.
Descanse en paz.
Lápida sepulcral de Fernando de Andrade e Soutomaior, a inscrición desta (segundo López Ferreiro) e a tradución. Áchase no claustro da catedral compostelá e realizouna en bronce no ano 1658 un tal Franciscus Borges por orde e ditado do home de confianza do arcebispo e familiar Pedro de Navia Osorio, arcediago de Nendos e Inquisidor Xeral de Galiza.[30]

Obra[editar | editar a fonte]

  • Constituciones synodales hechas por el illustrissimo y excelentissimo Señor Don Fernando de Andrade y Sotomayor, Arçobispo de Santiago, en la Santa Synodo que celebró en su Santa Iglesia en 26, 27 y 28 de Mayo de 1648 ([1]).

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Recibe o nome de Arcebispo Andrade unha rúa na súa vila natal (anteriormente denominada rúa da Ponte Vella)[38] e unha placa lembra na igrexa e convento de Vista Alegre a súa fundación en 1648.[39]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Durante os séculos XVI e XVII só foi nomeado como gobernador-capitán xeneral de Galiza, en calidade de titular, un galego: Rodrigo Pimentel Ponce de León, marqués de Viana do Bolo, en 1658.[3] Así e todo, houbo máis algún interino como Diego das Mariñas ou o propio Andrade Soutomaior.
Referencias
  1. 1,0 1,1 Lobato Fernández 2013a, p. 153.
  2. Pérez Pascual, X. Ignácio; Reboleiro González, Amando (1987). História da língua. A Coruña: Vía Láctea. p. 22. ISBN 84-86531-35-7. 
  3. AA. VV. (2003). La capitanía general en la historia de Galicia (en castelán). Deputación da Coruña. p. 32. ISBN 84-95950-39-1. 
  4. Lobato Fernández 2020, p. 131.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Cheney, David M. "Archbishop Fernando Andrade Sotomayor". Catholic-Hierarchy.org (en inglés). Consultado o 29 de febreiro de 2016. 
  6. Lobato Fernández 2020, pp. 131-132.
  7. Lobato Fernández 2013b, p. 355 [do PDF].
  8. Lobato Fernández 2020, pp. 135-136.
  9. Lobato Fernández 2020, pp. 136-141.
  10. Lobato Fernández 2020, pp. 141-149.
  11. Lobato Fernández 2020, pp. 150-151.
  12. Lobato Fernández 2020, p. 149.
  13. Lobato Fernández 2020, pp. 162-163.
  14. 14,0 14,1 14,2 Lamigueiro, José Luis. "Genealogía del linaje Caamaño de Mendoza, s. XVI - XVIII". Xenealoxías do Ortegal (en castelán). 
  15. "Testamento y Codicilo de Don Fernando de Andrade y Sotomayor, Arzobispo de Santiago y fundador del Convento de Vista Alegre - 1655". A Vilagarcía antiga (en castelán). 29 de xuño de 2015. Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2020. Consultado o 29 de setembro de 2021. 
  16. Lobato Fernández 2020, p. 180.
  17. 17,0 17,1 17,2 Rey Castelao.
  18. De Artaza Montero, Manuel María (1998). Rey, Reino y representación. La Junta General del Reino de Galicia (en castelán). Madrid: CSIC. p. 147. ISBN 84-00-07779-2. 
  19. AA. VV. (2003). La capitanía general en la historia de Galicia (en castelán). Deputación da Coruña. pp. 51–52, 185. ISBN 84-95950-39-1. no se puede conservar este exército mientras no hubiese mesadas fixas…; que se tome brebemente resolución en todo, porque en Madrid se camina a paso lento”, “y como no se les da sustento ni paga, ni más socorro que un pan de munición y andar desnudos y dormir en el suelo, sin cubierto, porque no hay cuarteles”, “si ya en Madrid no se haze concepto de que en Galicia no alcançan balas del enemigo y que este Reyno, sin defensa, se puede defender, y que la gente dél se sustenta sin comer más de pan y agua, que es sólo lo que le dan… 
  20. Barreiro Barreiro, Xosé Luís (2008). "Hacia la configuración de una conciencia propia: de los problemas de Galicia a Galicia como problema" (PDF). Galicia y Japón: del sol naciente al sol poniente. IX Encontros internacionais de filosofía no Camiño de Santiago (en castelán). Universidade da Coruña. pp. 87–114, en 100. ISBN 978-84-9749-308-6. 
  21. "Historia Universal de Galicia". A Historia das historias do Reino de Galicia. 
  22. Suárez Fuentes, Manuel (28 de maio de 2005). "Una obra «reciente» de 1657". La Voz de Galicia (en castelán). Arousa. 
  23. Lobato Fernández 2020, pp. 768 e ss.
  24. 24,0 24,1 Lobato Fernández 2020, pp. 736 e ss.
  25. Vieites, Elixio (6 de setembro de 2016). "Capela da Virxe dos Milagres de Cortegada". Patrimonio Galego. 
  26. Lobato Fernández 2020, pp. 135, 179-180.
  27. López de los Mozos Jiménez 2006, pp. 130, 143.
  28. Lobato Fernández 2020, pp. 179-180.
  29. Lobato Fernández 2020, p. 213.
  30. Lobato Fernández 2020, p. 214.
  31. Lamigueiro, Xosé Lois (2010). "Información sobre o Hábito de Santiago de Don Fernando de Andrade (1544)" (PDF). Xenealoxías do Ortegal. Ferrol. p. 17. 
  32. De Salazar y Castro, Luis (1795). Árboles de costados de gran parte de las primeras casas de estos reynos, cuyos dueños vivían en el año de 1683 (en castelán). Obra póstuma. Madrid: Imprenta de D. Antonio Cruzado. p. 213. 
  33. Lamigueiro, José Luis. "Genealogía del linaje Pérez Osorio, s. XIV - XVI". Xenealoxías do Ortegal (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2021. Consultado o 01 de novembro de 2021. 
  34. Lamigueiro, José Luis. "Genealogía del linaje de Castro y Osorio, s. XVI - XVII". Xenealoxías do Ortegal (en castelán). 
  35. Lamigueiro, José Luis. "Genealogía del linaje Ruiz de Castro y Portugal, s. XVI - XVIII". Xenealoxías do Ortegal (en castelán). 
  36. Celso Milleiro, Xavier (15 de agosto de 2006). "Soutomaior, Casa de". Xenealoxía.org. 
  37. InfoMAXE (5 de novembro de 2014). "Heráldica de la villa de la Guardia ( V )". Páxinas da Guarda (en castelán). 
  38. Garrido Castromán, Daniel (13 de maio de 2017). "La Calle Arzobispo Andrade". A Vilagarcía antiga (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2021. Consultado o 23 de agosto de 2021. 
  39. Don Fernando de Andrade y Sotomayor. A Vilagarcía antiga (en castelán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Miguel Ayala
 Bispo de Palencia 
1628-1631
Sucesor:
Cristóbal Guzmán Santoyo
Predecesor:
José González Díez
 Arcebispo de Burgos 
1631-1640
Sucesor:
Francisco de Manso Zuñiga y Sola
Predecesor:
Pedro González de Mendoza
 Arcebispo (título persoal) de Sigüenza 
1640-1645
Sucesor:
Pedro Tapia
Predecesor:
Agustín de Spínola Basadone
 Arcebispo de Santiago de Compostela 
1645-1655
Sucesor:
Pedro Carrillo Acuña y Bureba
Cargos Reais
Predecesor:
Francisco de Andía Irarrazábal y Zárate
 Vicerrei de Navarra 
1637-1638
Sucesor:
Pedro Fajardo de Zúñiga y Requeséns
Predecesor:
Enrique Enríquez Pimentel
 Vicerrei de Aragón 
1642
Non asumiu o cargo.
Sucesor:
Teodoro Trivulzio
Predecesor:
Guillén Ramón de Moncada y Castro
Diego Benavides de la Cueva y Bazán
 Gobernador e capitán xeneral de Galiza 
1647
1647-1648
Sucesor:
Diego Benavides de la Cueva y Bazán
Aristocracia galega
Predecesor:
-
 Marqués de Vilagarcía 
1654-1655
Cedeu o título ó seu irmán.
Sucesor:
Mauro de Mendoza e Soutomaior