Diego de Andrade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Diego de Andrade
VII Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba e I Conde de Vilalba

Mandato 1470?-1492
Nacemento ?
Falecemento 1492
Sepultura Igrexa do mosteiro de Monfero
Predecesor Fernán Pérez de Andrade, O Mozo
Sucesor Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas
Cónxuxe/s María das Mariñas
Descendencia

Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas Tareixa de Andrade

Violante de Andrade
Liñaxe / Dinastía Casa de Andrade
Proxenitores Fernán Pérez de Andrade, O Mozo
María de Moscoso

Diego de Andrade foi un nobre galego, fillo de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, de quen herdou os señoríos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Os Reis Católicos outorgáronlle o título de Conde de Vilalba.

As súas posesións[editar | editar a fonte]

A máis dos señoríos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba herdados do seu pai, o seu casamento con María das Mariñas, filla de Gómez Pérez das Mariñas, deulle a posesión das terras das Mariñas dos Condes e as dos Frades, que formaron a xurisdición de Miraflores. Isto fixo a Diego de Andrade señor dun gran territorio que abarcaba as terras comprendidas entre A Coruña, Ferrol e Vilalba.

Unha vez asegurado o señorío e xurisdición dos seus estados, tentou facerse tamén co señorío eclesiástico. Para elo, reclamou o dereito da presentación dos beneficios da comarca ferrolá ao posuidor del, o Mosteiro de San Martiño de Xuvia. O 13 de xullo de 1472 os frades do referido mosteiro outorgan en Diego de Andrade e os seus descendentes o señorío e o dereito de presentar os beneficios dunha gran cantidade de freguesías de Ferrolterra. Así mesmo afóranlle as sinecuras das anteriores freguesías e doutras máis. Todas estas cesións e foros cústanlle a Diego de Andrade catrocentos marabedís de moeda vella de dez cornados o marabedí ... pago por cada día de San Martiño de novembro en cada ano.

Fin das revoltas irmandiñas[editar | editar a fonte]

Nos inicios da revolta irmandiña Diego de Andrade, xunto con Sancho de Ulloa, tentou de fuxir a Castela por medo á irmandade, mais foran presos pola condesa de Ribadavia. Recuperada a liberdade logo de dous anos de cadea e morto xa seu pai, tomou nunha noite a fortaleza de Pontedeume, en poder do arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca. Así mesmo, prendeu na fortaleza de Pontedeume a un dos xefes da revolta, Pedro Osorio, finando nela. Deste xeito quedaba descabezado o movemento irmandiño pois seu pai, Fernán Pérez o mozo, xa dera morte a outro dos xefes, Afonso de Lanzós.[Cómpre referencia] O terceiro home forte dos irmandiños, Diego de Lemos, correu mellor sorte pois morreu de morte natural na súas posesións en Ferreira.

Loitas cos nobres galegos[editar | editar a fonte]

Finalizada a guerra irmandiña, os nobres galegos coaligáronse para restauraren o seu anterior poderío e reedificaren as fortalezas. O arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca non vía con bos ollos esta alianza pois supuña unha ameaza ao seu poder.

Era cuestión de tempo que se producira o enfrontamento. A desculpa foi a reedificación da fortaleza de Altamira, capital dos estados de Lope Sánchez de Moscoso. O arcebispo, coa axuda do seu irmán, Luís de Acevedo, tentou expulsar aos que estaban reedificando a fortaleza sen conseguilo. Xa que logo, preparaba un segundo ataque. O señor de Altamira pediu axuda aos nobres galegos e ao seu chamado acudiron Diego de Andrade, Gómez Pérez das Mariñas, Sancho Sánchez de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos. O enfrontamento, coñecido como a Batalla de Altamira tivo lugar o 13 de xuño de 1471 e rematou coa vitoria dos nobres.

Ao ano seguinte aparece de novo Diego de Andrade axudando ao señor de Altamira para recuperar das mans do arcebispo de Santiago as fortalezas de Vimianzo e Mesía.

Aínda en máis ocasións axudará Diego de Andrade a Lope Sánchez de Moscoso nas súas disputas co arcebispo ou con outros nobres. En reciprocidade tamén o señor de Altamira auxiliou ao de Andrade na disputa que tiña este con Pedro Pardo de Cela que se apoderara de moitas terras da diocese de Mondoñedo e quixera fortificar Samarugo a dúas leguas de Vilalba. Foi vencido polo de Andrade e o de Altamira, e forzado a levantar o campo.

A chegada ao trono dos Reis Católicos[editar | editar a fonte]

Gravado que representa aos Reis Católicos na corte

Na disputa pola sucesión do trono de Castela entre Isabel a Católica e Xoana a Beltranexa, os nobres galegos posicionáranse a favor de Isabel, agás Pedro Álvarez de Soutomaior, abertamente partidario da Beltranexa, e Pedro Pardo de Cela, que mantivo unha actitude ambigua opoñéndose á Católica máis por interese propio que por defensa da Beltranexa.

Xa no trono Isabel, mandou a Galicia a Ladrón de Guevara para sufocar a rebelión dos dous nobres mencionados. Diego de Andrade participou no asedio a Viveiro, onde se fixera forte Pardo de Cela. Ladrón de Guevara por mar e Diego de Andrade por terra lograron que a cidade pasase a mans reais. Posteriormente foi chamado para participar no primeiro dos dous asedios infrutuosos de Pontevedra en poder do Conde de Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior.

Outros servizos prestados aos Reis Católicos por Diego de Andrade foron a defensa da cidade da Coruña do Conde de Benavente, motivo polo cal os reis nomeárono rexedor e capitán da cidade amais de recibir unha recompensa económica; e a participación no asedio á catedral de Santiago por negarse o arcebispo a entregar aos reis a fortaleza da igrexa.

Xa pacificada Galicia, os Reis Católicos visitárona en 1486. Diego de Andrade foi un dos nobres galegos obrigados a marchar á corte real, onde formou parte do Consello real. É nesta época cando os reis outórganlle o título de Conde de Vilalba.

O último servizo aos reis foi a súa participación en 1491 na conquista de Granada.

Descendencia e pasamento[editar | editar a fonte]

Do seu casamento con María das Mariñas tivo un fillo e dúas fillas: Fernando, Tareixa e Violante. Fernando herdou o señorío do seu pai, chegando a ser nomeado Conde de Andrade. Tareixa casou con Rodrigo Osorio de Moscoso, fillo do xefe irmandiño Pedro Osorio do que fora verdugo Diego de Andrade. Este cabaleiro era un destacado poeta e valente guerreiro que participara na conquista de Orán en 1509 e morrera na toma de Buxía. Sabedora Tareixa da morte do seu home, morreu de mágoa pouco despois na fortaleza de Altamira. Foi soterrada no convento de San Domingos de Bonaval.

Diego de Andrade morreu no primeiros meses de 1492 e, como varios dos seus devanceiros, foi soterrado no mosteiro de Monfero.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Diego de Andrade
Nacemento: ? Falecemento: 1492


Aristocracia galega
Precedido por
Fernán Pérez de Andrade, O Mozo


VII Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba e I Conde de Vilalba
1470? – 1492
Sucedido  por
Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas