O estadio ten unha capacidade prevista dunhas 70.000 persoas. Está situado no novo Recinto Deportivo Kings Park, como parte dos plans da cidade para a Copa do Mundo da FIFA. Sitúase xunto ao antigo Estadio Kings Park, que dará paso ao novo complexo que inclúe un pavillón cuberto, un museo do deporte, novos aparcadoiros e unha estación de transporte. O nome previsto nun principio para esta instalación era Estadio King Senzangakhona, e aínda é coñecido con este nome nalgúns ámbitos.
O deseño do estadio foi levado a cabo polo Estudo alemán GMP Architekten, que xa levou a cabo obras similares en distintas partes do mundo. A característica principal do estadio é o arco que se proxecta 105 m sobre o chan, podendo acceder ao alto do mesmo os espectadores por teleférico dende un lateral, ou a través de centos de chanzos desde o outro. Situado xunto ao océano Índico, o Moses Mabhida Stadium dispón dun teito cuberto que lle converte no máis vistoso dos novos estadios de Suráfrica.[2]
A súa construción atrasouse trinta e dous meses sobre os prazos previstos, sendo finalizado en outubro de 2009, e inaugurado o 29 de novembro do mesmo ano. O custo da construción foi de máis de 450 millóns de dólares, o segundo máis caro dos construídos para o mundial.[3]
Durante a disputa do Mundial de Fútbol Suráfrica 2010, o estadio foi a sede de cinco encontros da fase de grupos, un de oitavos de final e unha semifinal. Despois foi destinado a partidos de fútbol da liga de Suráfrica e da selección nacional, así como encontros de rugby e atletismo, entre outros acontecementos.
O estadio Moses Mabhida albergou durante o campionato sete encontros: cinco encontros da fase de grupos, un de oitavos de final, e unha semifinal. Os partidos foron os seguintes: