Trátase dun do cinco novos estadios construídos para o Campionato do Mundo de 2010, e atópase no Complexo Deportivo Peter Mokaba. Está situado aproximadamente a 5 km do centro da cidade, e a súa capacidade para o campionato será de 46.000 espectadores.[1]
O complexo deportivo leva o nome do falecido Peter Mokaba, un soado activista político da sección xuvenil do Congreso Nacional Africano durante o apartheid. Nacera e vivira en Polokwane, e foi moi recoñecido polo seu espírito de loita e liderado contra o racismo. Ademais, dáse a circunstancia de que foi situado na provincia de Limpopo, a de maior cantidade de futbolistas federados de todo o país.[2]
A forma da grande estrutura de formigón está inspirada nunha árbore local chamada Baobab, cunha estrutura de aceiro que suxeita o teito plano desde cada esquina do estadio, e co apoio nuns troncos sobre os que se asentan as ramplas de circulación vertical. As instalacións foron organizadas para ofrecer un cómodo acceso, estacionamento e circulación dos afeccionados que asisten aos encontros tanto de fútbol como de rugby que se poderán disputar no seu interior.