Pazo de Dodro
Pazo de Dodro | |
---|---|
Concello | Dodro |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°42′58″N 8°41′38″O / 42.716111111111, -8.6938888888889 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | — (século XVI) |
Estilo actual | Barroco (séculos XVII e XVIII) |
Estado actual | En ruínas, Propiedade privada non visitable. |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O pazo de Dodro[1][2][3] é unha construción civil situada en Vigo, no concello de Dodro. Coñécese tamén co nome de pazo do marqués de Bendaña[4] ou como pazo de Vigo.[1][5] Era propiedade do marqués de Bendaña. Na actualidade atópase en moi mal estado de conservación e practicamente só se pode apreciar a que foi a súa capela e algunha das estancias menores. É propiedade particular ó ser vendido durante a transición española.[5]
Descrición
[editar | editar a fonte]Está situado na aldea de Vigo, crese que o mandou erixir Marcos Fandiño e xa existía a principios do século XVI. Fíxose posteriormente de estilo barroco, en concreto compostelán, dos séculos XVII e XVIII.[1] Estaba rodeado por un bosque de piñeiros e carballos. A torre de planta rectangular destacaba sobre o patio de honra das casas que o rodeaban. A torre tiña gárgolas nas catro esquinas, unha balconada á altura do primeiro andar ó longo da fachada, e un escudo historiado baixo o beiril.[6] A capela, coa bóveda de cantería, estaba dedicada a San Xosé.[1]
O brasón estaba constituído por cinco pedras armeiras divididas en seis cuarteis; a flor de lis, dos Florín, unha especie de reixa que representaba o axadrezado dos Valadares, unha torre con dous leóns, dez lanzas flanqueando o piñeiro dos Caamaño, as faixas dos Ribeira e unha serea nadando nas ondas dos Mariño de Lobeira.[1][6]
Historia
[editar | editar a fonte]O pazo de Dodro xa existía a principios do século XVI, non obstante fíxose despois en estilo barroco compostelán, dos séculos XVII e XVIII.[7] O Couto redondo de Dodro e Lestrobe foi potestade do marqués de Bendaña, a súa xenealoxía remontase a Marcos Fandiño, antepasado tamén dos señores da torre de Goiáns en Boiro.[1]
Na segunda metade do século XVII Carlos de la Torre Romai e Soutomaior herdou o pazo de Vigo e a torre do Monte en Padrón. A súa filla Xoana casou con Xoán Benito Piñeiro e Ulloa, que foi o segundo marqués de Bendaña, a partir de aí o título do marquesado permaneceu nesta familia.[1] O concello de Dodro ostenta un piñeiro no seu escudo de armas porque o título lle pertenceu ós Piñeiro e Ulloa a partir do segundo marqués.[6] A casa do marqués de Bendaña tiña lazos de unión coas familias nobres máis importantes de Galicia, tiñan parentesco cos Moscoso, cos Ulloa, cos Soutomaior e cos Romai.[1][6]
Conforme ós interrogatorios do catastro de Ensenada, os veciños de Santa María de Dodro pagábanlle a vasalaxe ó marques de Bendaña: catro ferrados de centeo, unha galiña e oito marabedís de billón e mais lutuosa cada vez que morría alguén. O marqués posuía tamén dereito de pernada. No Índice de pleitos sobre mayorazgos, estados y señoríos do Consello de Castela hai un preito do ano 1751 “sobre tanteo del señorío, jurisdicción y vasallaje” entre os veciños de Santa María de Dodro e o V marqués de Bendaña Andrés Vicente Piñeiro e Ulloa.[1]
Frei Martín Sarmiento fai mención do pazo na súa viaxe de 1754.[8] Foi descrito polo escritor Aubrey F. G. Bell na súa obra Galicia vista por un inglés, determinando que arredor do ano 1920 o pazo e a torre seguían en pé pero medio en ruínas.[9]
Concluída a guerra civil o gobernador da Coruña, Julio Muñoz Aguilar, ofreceulle a Francisco Franco un agasallo da provincia; o pazo de Meirás,[10][11] e para reconstruílo desmantelouse o pazo de Vigo.[2] Tralo acordo plenario do 4 de abril de 1938 a corporación municipal do concello de Dodro considerou necesario doar o pazo á causa do Caudillo,[12] o acordo outorgoulle a Franco a propiedade plena.[6] Franco visitou Dodro para ver o pazo do marqués de Bendaña.[13] Levaron as pedras do pazo, as figuras da capela, os escudos, os gravados etc.[13][14] Había no pazo de Dodro unha importante biblioteca que probablemente se encontra no pazo de Meirás.[13][14][3]
Coa chegada da transición o pazo de Dodro e o terreo lindeiro foron vendidos a particulares. Actualmente só se conserva a capela do pazo, e crese que as pedras da torre e os demais motivos ornamentais seguen no pazo de Meirás.[5] O concello de Dodro reclamou a devolución de parte do seu patrimonio no ano 2008 para tentar recuperar tódolos elementos posibles dun dos seus edificios máis emblemáticos.[12][15] De novo, no ano 2020, o goberno municipal de Dodro solicitou a restitución da memoria do pazo de Dodro e pediu que no inventario de bens do pazo de Meirás se identificasen as partes que puidesen corresponder ó devandito pazo.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Lorenzo Baleirón 2008, pp. 225-226.
- ↑ 2,0 2,1 Bayod, Ángel (1981). "undécimo gobierno: Juan Castañón de Mena" (PDF). Franco visto por sus ministros (pdf) (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. p. 181. ISBN 84-320-5676-6. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 28-11-2018. Consultado o 20-12-2020. —Tradución da Galipedia do texto orixinal:
“Os elementos dun pazo moi destruído (o de Dodro) permitíronlle colocar unha magnífica balaustrada no bordo da explanada sobre o muro. A vista do pazo de Meirás quedou así moi mellorada. Estas vellas pedras do pazo de Dodro contribuíron moitísimo a embelecer o de Meirás...”
- ↑ 3,0 3,1 Sánchez Cantón, F. J. (25-07-1947). "Los libros que heredó y no pudo leer el Marquesito de Bendaña en 1730". La Noche (en castelán). p. 2. Consultado o 22-12-2020. (arquivo: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia). —Tradución da Galipedia do texto orixinal:
“En 1.º de maio procedeuse ó inventario dos bens mobles do pazo de Dodro, que era e non sei se é, un dos máis fermosos entre os barrocos da rexión. Acháronse os libros na sala da torre e na súa antesala; non chegan a cento cincuenta; pero, comproba o seu exame particularidades que fan digna de estudo esta colección...”
- ↑ Obaixoulloa.gal.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Rial Ares 2010.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Abuín, Avelino (05-05-2005). "Reclamación de Dodro". Galicia Hoxe (artigo de opinión). Arquivado dende o orixinal o 26-11-2018. Consultado o 20-12-2020.
- ↑ del Castillo, Ángel (1972). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia.
- ↑ Sarmiento, Martín (1950). Viaje a Galicia de Fr. Martín Sarmiento (1754-1755) (PDF). Santiago de Compostela: Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. p. 30. Consultado o 20-12-2020. —Tradución da Galipedia do texto orixinal:
“A Vigo, e aquí a casa do marqués de Abendaña e a súa data 1643; e antes está o río ou regato de San Lufo...”
- ↑ Bell, Aubrey F. G. (1922). Galicia vista por un inglés. Traducido por Gómez Clemente, Xosé María. La Voz de Galicia. ISBN 84-9757-195-9.
- ↑ Montero, Luis Miguel (17-09-2007). "El misterio del tesoro de los Franco". Interviú (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27-11-2018. Consultado o 20-12-2020. —Tradución da Galipedia do texto orixinal:
“En 1938, unha comisión de ricos e notables do réxime –como Julio Muñoz Aguilar gobernador civil da Coruña; Pedro Barrié de la Maza, fundador do Banco Pastor, e Fernando Álvarez de Sotomayor, alcalde da Coruña– ideou regalarlle un pazo ó caudillo.”
- ↑ "Las Torres de Meirás, pazo del Caudillo". ABC (en castelán). 28-04-1938. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 13-09-2019. Consultado o 20-12-2020. —Tradución da Galipedia do texto orixinal:
“A idea de doarlle ó Caudillo un pazo galego para os seus descansos estivais naceu no seo do Concello da Coruña e patrocinada con todo entusiasmo polo gobernador civil e membro ilustre da Junta Política e do Consejo Nacional de la Falange Española Tradicionalista, don Julio Muñoz Aguilar...”
- ↑ 12,0 12,1 Antía (19-05-2008). "Dodro pide la devolución de parte de su patrimonio expoliado para Meirás". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17-09-2017. Consultado o 20-12-2020.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Lorenzo Baleirón, Manuel (01-12-2020). "O patrimonio de Dodro no Pazo de Meirás". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 20-12-2020. Consultado o 20-12-2020.
“Carlos Josef Piñeiro e Ulloa, sabemos que posuía en Dodro unha importante biblioteca. Nun artigo publicado no periódico La Noche o 25 de xullo de 1947, Sánchez Cantón [...] detállanos as case cento cincuenta obras que a compoñían e que se atopaban polo visto na sala e na antesala da torre: vidas de reis e de santos, crónicas de batallas e conquistas, historias piratas e de terras ultramarinas, obras de Cervantes, Lope e Tirso, de Góngora e Quevedo, de Frei Antonio de Guevara, de Camoens, o nobiliario de Vasco de Aponte ou as Armas y triunfos de Galicia de Frei Felipe de la Gándara… O reconto faise o 21 de maio de 1947, pero non se explica onde.”
- ↑ 14,0 14,1 Pardo, Miguel (07-08-2017). "Meirás: la punta del iceberg del macroexpolio del que se lucran los Franco". eldiario.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20-12-2020. Consultado o 20-12-2020.
- ↑ C.G. (09-05-2008). "O donativo do espolio". Galicia Hoxe. Arquivado dende o orixinal o 26-11-2018. Consultado o 20-12-2020.
- ↑ López, Uxía (08-12-2020). "Dodro quere restituír a memoria do pazo de Bendaña en Meirás". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 20-12-2020. Consultado o 20-12-2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galicitas posúe citas sobre: Pazo de Dodro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lorenzo Baleirón, M. (2008). Toponimia de Dodro e Laíño. pp. 225–226. Consultado o 23-12-2020.
- Bayod, A. (1981). "undécimo gobierno: Juan Castañón de Mena" (PDF). Franco visto por sus ministros (en castelán). p. 181. Consultado o 23-12-2020.
- Sánchez Cantón, F. J. (1947). "Los libros que heredó y no pudo leer el Marquesito de Bendaña en 1730". La Noche (en castelán). p. 2. Consultado o 23-12-2020. Arquivado en: Galiciana.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Pazo do Marqués de Bendaña". Obaixoulla.gal. Consultado o 23-12-2020.
- Rial Ares, P. (2010). "O pazo de Vigo". O miradoiro da Revoltiña (blog). Consultado o 23-12-2020.