Río de San Lufo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río de San Lufo
Río de Vigo
PaísGalicia Galicia
ConcelloDodro
NacementoPexegueiro
Altitude130 m
Lonxitude5,03 km
DesembocaduraRío Ulla
Altitude desembocadura5 m
Cadea fluvialRío de San Lufo,
Río Ulla

O río de San Lufo é un río do concello de Dodro, afluente pola marxe dereita do Ulla.[1] Coñécese tamén como río de Vigo.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Lufo semella voz antiga, debe ser xermánico, relacionado coa partícula ufe/ulfe, lobo. Non hai no Nomenclátor ningún outro Lufo agás o de Dodro. Tamén se coñece como río de Vigo e chámanlle, augas abaixo da aldea de Vigo, río do Cabalo porque os chaláns abeberaban nel os animais cando ían á feira a Padrón.[2]

Curso[editar | editar a fonte]

Nace moi preto de Pexegueiro e do castro de Traxeito, discorren as súas augas por Traxeito, Paizal, Rialiño, continuando o seu percorrido por Susavila, Dodriño e Vigo para desembocar no río Ulla tras percorrer pouco máis de 5 km.

De Revixós a Dodriño por unha veiga amena e de Dodriño a Vigo cruzando o río San Lufo, que baixa de Laíño de riba regando e moendo un val de fermosura pouco vista (Pexegueiro, Traxeiro, Paisal, Rialiño) e con espectaculares cheas no inverno. Frei Sarmiento deténse a comentar a relevancia do Río San Lufo. Recolle (despois tamén o fará Murguía) que se trata dun río no que se practican ritos de curación ancestrais para nenos enfermos. Mergullába-nos na corrente levando posta a camisa, bañábanos tres veces, e deixando marchar polo río abaixo a camisa que vestían, puñan-lles outra nova.
Anxo Angueira, en Terras de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002).[3]

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira referencia escrita que atopamos sobre o río de San Lufo é do padre Sarmiento na súa viaxe de 1754. Menciónao Madoz no seu Diccionario como San Luf, describindo o ritual, e aparece tamén no catastro de Ensenada como San Lufe.[4] Neste río bañaban os nenos enfermos, somerxéndoos na corrente do río para salvalos do mal que padecian, superstición xurdida de antigas crenzas.[5]

Lémbrase en Dodro o día no que, cansados dos abusos do marqués de Bendaña, os mozos que o portaban botárono ó río dentro do palanquín no que ía á igrexa de Santa María a oír misa. Guindárono ó pasar pola ponte do San Lufo, para escarmentalo polo infame dereito de pernada, o ius primae nocti, que após foi abolido pola Constitución de 1812.[2]

Río arriba do lugar onde se facía o rito, o padre Sarmiento menciona a mediados do século XVIII a ermida de San Lufo, porén xa non se cita nos Libros de fábrica de Dodro, que empezan no 1790. Actualmente non se conserva a ermida.[6]

Ritos e supersticións[editar | editar a fonte]

O río ó seu paso polo Prado do cura, Vigo.

O río está vinculado a vellas tradicións, consideradas como antigas supersticións. Nas súas augas somerxíanse tres veces os nenos que padecían algún mal, bañábanos coa camisa posta nun meandro do río, á beira do prado do cura, arriba da ponte que da acceso á aldea de Vigo. Deixaban ir a camisa polo río e poñíanlle outra nova. Si a camisa flotaba o neno viviría pero se afundía considerábase mal sinal.[4][5][7] Acudía xente de moi lonxe para curar os meniños e despois quedaban as beiras do río cheas de camisiñas brancas. A tradición persistiu ata o século XX e foron moitos os nenos que se mergullaron nas súas augas en secretas noites de luar.[8]

A Vigo, e aquí a casa do marqués de Abendaña e a súa data 1643; e antes está o río ou regato de San Lufo, porque río arriba está unha ermida de San Lufo. Hai aquí a superstición de bañar os nenos enfermos neste río. Lévanos con camisa, báñanos tres veces, e despois deixan ir a camisiña polo río e póñenlle outra nova. Se a camisiña flota, din ser sinal de que vivirá o neno, e se se vai ó fondo, que morrerá.
Frei Martiño Sarmiento, na súa viaxe de 1754.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xunta de Galicia. "Mapa de fondo: Mapa Base Vectorial" (Mapa). Mapa Base Vectorial con capas de Hidrografía. Procurar provincia Coruña, concello Dodro, parroquia Laíño e lugar Pexegueiro. 1:2.257. Información Xeográfica de Galicia. Consultado o 08-05-2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Lorenzo Baleirón 2008, p. 177
  3. Angueira, Anxo (2002). Terras de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro. Vigo: A Nosa Terra. 
  4. 4,0 4,1 Lorenzo Baleirón 2008, p. 176
  5. 5,0 5,1 Murguía, Manuel (1888). Galicia: Sus Monumentos y Artes: Su Naturaleza e Historia (en castelán). Barcelona: Daniel Cortezo. p. 173. 
  6. Lorenzo Baleirón 2008, p. 78
  7. Rodríguez López, Xesús (1910). Supersticiones de Galicia (en castelán). Madrid: Imprenta Ricardo Rojas. p. 44. 
  8. Lorenzo Baleirón 2008, p. 178
  9. Sarmiento, Martín (1950). Viaje a Galicia de Fr. Martín Sarmiento (1754-1755) (PDF). Santiago de Compostela: Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. pp. 30–31. Consultado o 20-12-2020. —Tradución da Galipedia do texto orixinal: 
    A Vigo, y aquí la casa del Marqués de Abendaña y su fecha 1643; y antes está el río o riachuelo de San Lufo, porque río arriba está una ermita de San Lufo. Hay aquí la superstición de bañar los niños enfermos en este río. Llévanle con camisa, báñanle tres veces, y después dexan ir la camisita por el río y le ponen otra nueva. Si la camisita flota, dicen ser señal de que vivirá el niño, y si se va al fondo, que morirá.
    —Frei Martiño Sarmiento, na súa viaxe de 1754.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]