Death metal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Death metal
e
Orixe musicalthrash metal, black metal, hardcore punk
Orixe culturalmediados dos 80 nos Estados Unidos (particularmente Florida)
Instrumentos típicosvoces, guitarra eléctrica, baixo, batería
Subxéneros
death metal melódico, death metal técnico
Xéneros de fusión
deathcore, blackened death metal, death/doom, deathgrind, death 'n' roll

O death metal é un subxénero extremo da música heavy metal. Adoita empregar guitarras fortemente distorsionadas, tremolo picking, voces guturais profundas, ritmos de batería blast beat, tonalidades menores ou atonalidade e complexas estruturas de cancións con múltiples cambios de tempo.

Construído a partir da estrutura musical do thrash metal e o primeiro black metal, o death metal apareceu a mediados da década dos 80[1]. Bandas de metal como Slayer[2], Kreator, Celtic Frost e Venom foron influencias moi importantes na elaboración do xénero. Possessed[3] e Death[4], xunto con grupos como Obituary, Carcass, Deicide, Cannibal Corpse e Morbid Angel[5] adoitan a ser considerados poneiros do death metal. A finais dos 80 e principios dos 90, o death metal gañou a atención dos medios como un xénero popular cando varios selos como Combat, Earache e Roadrunner comezaron a asinar contratos con bandas de death metal a un bo ritmo. Dende entón o estilo diversificouse, aparecendo distintos xubxéneros.

Historia[editar | editar a fonte]

Aparición e primeiros anos[editar | editar a fonte]

A banda inglesa de heavy metal Venom, procedente de Newcastle, fixo cristalizar os elementos do que posteriormente se coñecería como thrash metal, death metal e black metal, co seu álbum de 1981 Welcome to Hell[6]. O seu son escuro e rápido, con voces duras e macabras, e unha fachendosa imaxinería satánica foron unha grande influencia para as bandas de metal extremo[7]. Outro influente grupo, Slayer, formouse ese mesmo ano, e, aínda que practicaba o thrash metal, a súa música era máis violenta que os seus contemporáneos Metallica, Megadeth e Exodus[8]. A súa gran velocidade e destreza instrumental combinadas con letras sobre morte, violencia, guerra e satanismo proporcionáronlle a Slayer o estátus de banda de culto. Segundo Allmusic, o terceiro álbum da banda, Reign in Blood, "inspirou a todo o xénero do death metal". Este tivo un grande impacto entre os principais grupos do xénero como Death, Obituary e Morbid Angel.

A Possessed, unha banda formada na área da baía de San Francisco durante o ano 1983, Allmusic atribúelle o papel de "conectar os puntos" entre o thrash metal e o death metal co seu álbum de estrea Seven Churches (1985). Aínda que se lle atribuíu estar influenciados por Slayer, os membros do grupo realmente citaron a Venom e Motorhead, así como aos primeiros traballos de Exodus, como as principais influencias no seu son. A pesar de que o grupo ten editados só dous álbums de estudio e un EP nos seus anos formativos, foron descritos tanto polos xornalistas como polos músicos como fundamentais no desenvolvemento do death metal, ou incluso como a primeira banda do xénero.

Durante o mesmo período formouse unha segunda influente banda en Florida: Death. Orixinalmente chamada Mantas, foi fundada no ano 1983 por Chuck Schuldiner, Kam Lee e Rick Rozz. No ano seguinte publicaron a súa primeira demo titulada Death by Metal, seguida de varias máis. As cintas circularon a través do mercado, espallando rapidamente o nome do grupo. Co guitarrista, Chuck Schuldiner, pasnado tamén a encargarse das voces, a banda conseguiu un maior impacto na escena. Os rápidos riff en tonalidades menores e os solos eran complementados por ritmos rápidos de batería, creando un estilo que se puxo de moda no mercado das cintas[9]. O disco de estrea de Death, Scream Bloody Gore (1987), foi descrito por Chad Bowar de about.com como a "evolución do thrash metal ao death metal"[10], e "o primeiro disco de death etal auténtico" por The San Francisco Chronicle.

Xunto con Possessed e Death, outros pioneiros do death metal nos Estados Unidos son Autopsy, Necrophagia, Master, Morbid Angel, Massacre, Atheist, Post Mortem, Obituary e Deicide.

A popularidade medra[editar | editar a fonte]

Cara 1989 moitas bandas asinaran con selos ansiosos de facer caixa co subxénero, incluídos os grupos de Florida Obituary, Morbid Angel e Deicide. Este colectivo de conxuntos de death metal procedentes dese estado adoita a ser etiquetado como "Florida death metal". O death metal estendeuse por Suecia a finais da década, florecendo con pioneiros como Carnage, God Macabre, Entombed, Dismember e Unleashed. A comezos dos 90, estivo en auxe o tipicamente melódico "Gothenburg metal", con bandas como Dark Tranquillity, At the Gates e In Flames.

Tras os innovadores orixinais do death metal, comezaron a aparecer novos xubxéneros cara ao final da década. A banda británica Napalm Death foi asociada cada vez máis á escena, particularmente o seu álbum Harmony Corruption. Este traballo desprega uns riffs de guitarra agresivos e tecnicamente moi limpos, ritmos complexos, sofisticadas voces guturais por parte de Mark "Barney" Greenway e temas líricos con contido social, levándoos a unha fusión co grindcore. Outros grupos que contribuíron significativamente a este primeiro movemento foron os británicos Bolt Thrower e Carcass e os neoiorquinos Suffocation.

Para pechar o círculo, Death publicou o seu cuarto álbum, Human, en 1991, un exemplo de death metal moderno. O fundador da banda, Chuck Schuldiner, axudou a ampliar os límites de velocidade e virtuosismo técnico, mesturando un traballo de guitarra rítmica intricado e técnico con complexos arranxos e emotivos solos. Outros exemplos son o Necroticism – Descanting the Insalubrious de Carcass, o Effigy of the Forgotten de Suffocation e o Clandestine de Entombed. Nese momento estaban xa presentes todas as características anteriores: tempos e cambios abruptos, en ocasións ritmos de batería extremadamente rápidos, letras mórbosas e voces guturais.

Earache Records, Relativity Records e Roadrunner Records convertéronse nos selos máis importantes do xénero, con Earache publicando álbums de Carcass, Napalm Death, Morbid Angel e Entombed, e Roadrunner editando traballos de Obituary e Pestilence. Aínda que esas discográficas inicialmente non eran etiquetas de death metal, convertéronse nos selos insignia do xénero a coezos dos anos 90. Ademais, creáronse outras discográficas como Nuclear Blast, Century Media Records e Peaceville Records. Moitos destes selos acadarían o éxito noutros estilos de metal durante esa década.

En setembro de 1990, o representante de Death, Eric Greif, celebrou un dos primeiros festivais norteamericanos de death metal, o Day of Death, en Milwaukee, Wisconsin, e contou con 26 bandas entre as que estaban Autopsy, Broken Hope, Hellwitch, Obliveon, Revenant, Viogression, Immolation, Atheist e Cynic.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

A popularidade do death metal acadou a súa cima inicial entre os anos 1992 e 1993, con bandas como Morbid Angel, Cannibal Corpse e Obituary conseguindo un moderado éxito comercial. Porén, o xénero en conxunto nunha chegou ao grande público. O death metal diversificouse durante a década dos 90, xerando unha rica variedade de subxéneros que aínda teñen un gran número de seareiros no underground na actualidade.

Características[editar | editar a fonte]

Instrumentación[editar | editar a fonte]

A configuración máis frecuente usada no death metal é a de dous guitarristas, un baixista, un vocalista e un batería que adoita a usar dobre bombo e blast betas[11][12]. Aínda que esta é a configuración estándar, moitas bandas teñen incorporado ocasionalmente outros instrumentos como os teclados electrónicos[13].

O xénero adoita a identificarse polas súas guitarras rápidas, fortemente distorsionadas e con afinacións baixas, tocadas con técnicas como o palm muting e o tremolo picking. A percusión normalmente é agresiva e potente; con patróns de batería extremadamente rápidos engadindo complexidade ao estilo[14].

O death metal é coñecido polos seus tempos, tonalidades e cambios de velocidade abruptos. Ademais pode incluír progresións de acordes cromáticas e estruturas de cancións varadas, normalmente fuxindo do típico arranxo de verso-estribillo. Nalgúns casos o estilo incorpora riffs melódicos e harmonías efectistas. Esta incorporación de melodía e sons harmoniosos posteriormente usouse na creación do death metal melódico.

Voces e letras[editar | editar a fonte]

As voces no death metal adoitan a ser berridos, gruñidos ou ruxidos guturais, coñecidos coloquialmente como "death growls". Erroneamente adoita a pensarse que este tipo de voces son unha forma de berro usando o rexistro vocal máis baixo, un rexistro coñecido en inglés co nome de vocal fry, porén o vocal fry é realmente unha forma de berros harmónicos, e aínda que os ruxidos poden realizarse deste xeito por parte de vocalistas experimentados que usan esta técnica, as "verdadeiras" voces do death metal créanse de feito a partir dunha técnica diferente. Os tres principais métodos de vocalización usada no xénero adoitan a confundirse entre eles. Os gruñidos ás veces tamén son referidos como "voces do Monstro das Galletas", debido á semellanza coa voz da personaxe de Barrio Sésamo. Aínda que adoitan a ser criticados, os berros do death metal teñen o propósito estético de igualar o agresivo contido lírico do xénero. Os berros moi agudos son ocasionalmente usados no death metal, escoitándose en temas de Death, Exhumed, Dying Fetus, Cannibal Corpse e Deicide.

O temas líricos do death metal poden invocar ás violencia das películas gore, pero tamén esténdense a temas como satanismo, relixión, ocultismo, terror Lovecraftiano, natureza, misticismo, filosofía, ciencia ficción e política. Aínda que a violencia tense explorado tamén noutros xéneros, o death metal pode afondar nos detalles de actos extremos, como mutilacións, diseccións, tortura, violación e necrofilia. O sociólogo Keith Kahn-Harris comentou que esta aparente "glamourización" da violencia podería atribuírse á "fascinación" co corpo humano que toda a xente comparte nalgún grao, unha fascinación que mestura desexo e aversión[15]. Artistas do xénero adoitan a defendelo como algo máis que unha forma extrema de arte e entretemento, semellante ás películas de terror da industria do cine. Esta explicación puxo a moitos músicos no punto de mira de activistas de todo o mundo, que afirman que un gran número de adolescentes non se fixan nesta mensaxe e só quedan coa glamourización deste tipo de violencia sen contexto social ou conciencia de porqué este tipo de imaxes é estimulante.

Orixe do termo[editar | editar a fonte]

A teoría máis popular do bautizo do xénero é que provén da demo de Possessed de 1984 Death Metal; o tema do mesmo nome tamén aparecería no álbum de estrea da banda en 1985, Seven Churches[16] . O vocalista e baixista de Possessed, Jeff Becerra, dixo que cuñara o termo a principios de 1983 nun traballo para a clase de inglés do instituto[17] . Outra posible orixe é un fanzine chamado Death Metal, creado por Thomas Fischer e Martin Ain de Hellhammer e Celtic Frost. O nome foi porteriormente dado ao recompilatorio de 1984 Death Metal, publicado por Noise Records. O termo tamén puido orixinarse por outras gravacións. Unha demo editada por Death en 1984 foi chamada "Death by Metal".

Subxéneros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Documental Metal: A Headbanger's Journey
  2. As principais bandas de metal para a MTV
  3. Possessed en allmusic.com
  4. Death en allmusic.com
  5. Morbid Angel en allmusic.com
  6. Welcome to the Hell en allmusic.com
  7. Venom en allmusic.com
  8. Metal Hammer - Into the lungs of hell
  9. Liña de tempo de Death
  10. "about.com - Perfil de Death". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2014. Consultado o 09 de maio de 2013. 
  11. Purcell, N. Death Metal music: the passion and politics of a subculture
  12. Kahn-Harris, K. Extreme metal: music and culture on the edge
  13. "about.com - Death metal melódico". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2022. Consultado o 10 de maio de 2013. 
  14. fretjam.com - How to play death metal guitar
  15. Khan-Harris, Keith (2006). Extreme Metal: Music and Culture on the Edge. Oxford: Berg. ISBN 978-1-84520-399-3. 
  16. Purcel, Natalie J. (2003). Death Metal Music: The Passion and Politics of a Subculture. McFarland & Company. ISBN 0-7864-1585-1. 
  17. Ekeroth, Daniel (2008). Swedish Death Metal. Bazillion Points. ISBN 978-0-9796163-1-0.