Coenred de Mercia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Coenred de Mercia
Nacemento século VIIxuliano
  valor descoñecido
Falecemento 716
  Roma
Etnia Anglos
Fillos Ceolred de Mercia
editar datos en Wikidata ]

Coenred de Mercia, nado c. 675 e finado despois do 709, foi rei de Mercia de 704 a 709, era fillo do rei Wulfhere quen, tras a súa morte no ano 675, foi sucedido no trono polo seu irmán Aethelred.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 704, Aethelred abdicou en favor de Coenred para converterse en monxe. O reinado de Coenred non está ben documentado, pero os rexistros de fontes contemporáneas consignan que se enfrontou aos ataques dos galeses. A mesma ameaza puido levar a Aethelbald a construír máis tarde a Muralla Wat, un terraplén de defensa na fronteira norte con Gales. Non se sabe que estivese casado nin que tivese fillos, aínda que crónicas posteriores o describen como un antecesor de Wigstan, rei de Mercia durante o século IX. Abdicou en 709 e foise en peregrinación a Roma, onde máis tarde morreu. Ceolred, fillo de Aethelred, sucedeuno no trono.

Mercia no século VII[editar | editar a fonte]

Os reinos de Gran Bretaña no século VII.

No século VII, Inglaterra estaba case totalmente dividida en reinos gobernados polos anglosaxóns que chegaran a Gran Bretaña 200 anos antes. O reino de Mercia ocupaba o que hoxe é a rexión dos Midlands ingleses[1]. Os reinos veciños incluían Northumbria no norte, Anglia Oriental ao leste e Wessex, o reino dos saxóns occidentais, ao sur. Essex, o reino dos saxóns orientais, incluía Londres e estendíase entre Anglia Oriental e o reino de Kent[1]. O primeiro rei de Mercia para o que existe información histórica definitiva é Penda de Mercia, avó paterno de Coenred[2].

A principal fonte para este período é a Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda, completada ao redor de 731. A pesar do seu enfoque na historia da igrexa, este traballo proporciona información valiosa acerca dos primeiros reinos anglosaxóns. Beda tiña informantes que lle forneceron detalles da historia da igrexa en Wessex e Kent, pero parece que non tivo ningún contacto en Mercia[1]. As cartas que rexistran subvencións reais de terra a individuos e a casas relixiosas, proporcionan información adicional sobre o reinado de Coenred, do mesmo xeito que a Crónica anglosaxoa, compilada en Wessex ao final do século IX[3][4]. Poida que o escriba anónimo da crónica incorporase maior cantidade de información rexistrada en períodos anteriores[5]. Coenred tamén é mencionado en dúas haxiografías do século VIII, as de Wilfrido de York e Guthlac de Crowland[6].

Ascendencia e reinado[editar | editar a fonte]

Árbore xenealóxica de Coenred.

En 658, Wulfhere, pai de Coenred, accedeu ao trono de Mercia como resultado dun golpe de estado, pondo fin a un período de tres anos de dominio por parte de Northumbria[1]. Á súa morte en 675, foi sucedido polo seu irmán Aethelred, posíbelmente debido a que Coenred era demasiado novo para gobernar[1]. Northumbria viu reducido significativamente o seu poder e influencia grazas á decisiva vitoria de Aethelred na batalla do Trent en 679, seguida pola destrución do seu exército polos pictos na batalla de Nechtansmere en 685. Tamén hai evidencia de actividade de Mercia no sueste. Aethelred invadiu Kent en 676 e consérvanse cartas nas que confirma transferencias de terras feitas por Swaefheard e Oswine, reis do oeste e o leste de Kent. Outra carta de Aethelred, datada entre 693 e 704, concede terras a Waldhere, bispo de Londres[7][8][9]. Con todo, non parece que Aethelred buscase unha maior expansión cara ao sur[7]. A forza crecente dos saxóns occidentais baixo o mandato de Caedwalla e de Ine, limitaron as oportunidades de Mercia nesa dirección[1].

A Crónica anglosaxoa rexistra que Coenred accedeu ao trono no reino dos southumbrianos en 702 e que en 704 converteuse en rei de Mercia. Como a palabra southumbriano designaba aos que vivían ao sur do río Humber, límite norte de Mercia, o significado dos dous anais resultou enigmático. Coenred e Aethelred puideron gobernar conxuntamente por dous anos antes de que este último abdicase, ou poida que os cronistas rexistrasen o mesmo evento dúas veces e unha das fontes estaba equivocada por dous anos[10][11]. De acordo co rexistro da vida de san Guthlac do século VIII, Aethelred nomeou o seu herdeiro a Coenred, a pesar de ter polo menos un fillo propio, Ceolred[7]. Parece que Aethelred conservou certa influencia durante o reinado do seu sobriño: A Vita Sancti Wilfrithi (A vida de san Wilfrido) relata como chamou a Coenred e lle fixo xurar que apoiaría a Wilfrido no seu conflito coa xerarquía da igrexa[7][12].

O reinado escasamente documentado de Coenred menciónase en Vita Sancti Guthlaci (A vida de san Guthlac). O autor, Félix, informa de conflitos cos britanos:

nos días de Coenred rei dos mercios, [...] os britanos, inimigos implacábeis da raza saxoa, preocupaban aos ingleses cos seus ataques, o seu saqueo e as súas devastacións dos pobos [...].

En principio pensábase que, para contrarrestar tales ataques, foi Aethelbald, chegado ao trono en 716, quen construíu a Muralla Wat, un terraplén de defensa na fronteira norte con Gales; pero isto agora parece pouco probábel, xa que unha escavación realizada na zona en 1997 atopou carbón vexetal procedente dun fogar, obténdose datas de carbono-14 que oscilan entre os anos 411 e 561[13][14].

Algunhas cartas que aínda sobreviven do reinado de Coenred revelan que exerceu señorío sobre os gobernantes dos saxóns orientais. Offa, un destes gobernantes, fixo unha concesión no territorio de Hwicce (co que puido estar vinculado por un matrimonio do seu pai, Sigeheard), que foi confirmado máis tarde por Coenred. Na carta, Coenred refírese a Offa como o seu subregulus, expresión que neste contexto pode interpretarse como rei vasalo[15]. Coenred e tamén o seu sucesor, confirmaron subvencións a Waldhere, bispo de Londres, o que evidenciaba que Londres estaba firmemente baixo o señorío de Mercia[7]. Máis tarde, os reis de Mercia trataron a Londres como a súa posesión directa e non como unha provincia gobernada por un rei vasalo, pero Coenred non foi tan lonxe[13][16]. Sobrevive un documento que rexistra a concesión de terra en Herefordshire a unha monxa chamada Feleburg, así como algunhas cartas falsificadas en nome de Coenred que conceden privilexios á catedral de San Paulo de Londres e a Abadía de Evesham[17].

A influencia de Mercia en Kent foi limitada, tanto antes, como durante o reinado de Coenred[7]. Nunha carta que sobrevive (escrita en 704 ou 705), Waldhere, bispo de Londres, dille a Berhtwald, arcebispo de Canterbury, que Coenred o convidara a un concilio que levará a cabo sobre «a reconciliación de Elfthryth». Waldhere rexeitou a invitación xa que non coñecía a opinión de Berhtwald sobre a materia, que evidentemente era importante, aínda que non existe outra referencia sobre este asunto. A carta describe un concilio que se celebrará en Brentford para mediar entre os reis saxóns de oriente e occidente. En opinión do historiador Frank Stenton, a carta ilumina as «confusas relacións dos ingleses do sur nun momento en que non tiñan señorío común»[13]. O reducido prestixio de ambos, Coenred e, o seu sucesor, Ceolred, puido desencadear disturbios entre a nobreza de Mercia: Aethelbald estaba no exilio durante o reinado de Ceolred, e a supervivencia dunha crónica hostil sobre este pode indicar un descontento máis xeral coa liña dominante[1].

Abdicación e sucesión[editar | editar a fonte]

Parece que Coenred foi un rei moi relixioso. Beda conta a historia dun amigo do rei cuxos pecados o levaron á condenación, a pesar das súplicas deste de que se arrepentise e se reformase. En 709, Coenred abdicou en favor do seu primo Ceolred, fillo de Aethelred, co fin de marcharse a Roma e converterse en monxe; a historia de Beda foi citada polo cronista medieval Guillerme de Malmesbury como a razón para a decisión de Coenred, aínda que isto probabelmente sexa só conxecturas. Na súa viaxe a Roma estivo acompañado por Offa, o rei dos saxóns orientais, e foi convertido en monxe polo papa Constantino I. O Liber pontificalis, un rexistro inicial da vida dos Papas, recolle a chegada da súa comitiva:

no seu tempo, dous reis dos saxóns chegaron con moitos outros a orar aos apóstolos, tal como esperaban, as súas vidas rapidamente chegaron ao desenlace.[1][18]

Unha fonte posterior, do século XI, Vita Ecgwini, afirma que Ecgwine de Worcester acompañou a Coenred e Offa a Roma, pero os historiadores trataron esta afirmación con escepticismo[19]. Os historiadores polo xeral aceptaron o informe de Beda das abdicacións de Coenred e Offa, pero Barbara Yorke suxeriu que é posíbel que non renunciasen ao seu trono voluntariamente. Existen casos de reis que foron desprazados pola forza e colocados en ordes sacras para que isto os convertese en inelixíbeis para reinar, un deles foi Osred II de Northumbria, que foi obrigado a entrar nun mosteiro[1]. Por outra banda, se Coenred foi pola súa vontade, como Beda refire, entón a relación aparentemente amigábel entre Offa e Coenred, o seu señor, deixa claro que a relación entre un señor e o seu subregulus non era hostil en todos os casos[7].

Coenred permaneceu en Roma até a súa morte, cuxa data é descoñecida[20]. Non hai rexistros de que tivese esposa ou fillos. As crónicas que se conservan na Abadía de Evesham, con todo, afirman que era antepasado de Wigstan. Non din se foi a través do seu pai, Wigmund, fillo de Wiglaf, ou a través da súa nai, Elfflaed, filla de Ceolwulf[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Yorke
  2. Mercia»
  3. Hunter Blair
  4. Campbell
  5. Blackwell Encyclopedia
  6. "PASE Index of Persons" (en inglés). King's College London. Consultado o 21 de outubro de 2010. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Kirby
  8. "Charters of St. Paul's: 2" (en inglés). Trinity College, Cambridge. Consultado o 21 de outubro de 2010. 
  9. "Anglo-Saxons.net: S 65" (en inglés). Sean Miller. Consultado o 21 de outubro de 2010. 
  10. Swanton
  11. Whitelock
  12. Eddius Stephanus
  13. 13,0 13,1 13,2 Stenton
  14. 165
  15. Conde Salazar, Matilde; Martín Puente, Cristina (2004). "La denominación del gobernante en los historiadores latinos de la antigüedad tardía. Estudio léxico". EMERITA. Revista de Lingüística y Filología Clásica. LXXII: 281. 
  16. 95
  17. "PASE Index of Persons" (en inglés). King's College London. Consultado o 21 de outubro de 2010. 
  18. Liber Pontificalis
  19. 15
  20. 299–300