Cinema de Italia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entrada aos estudios de Cinecittà

O cinema de Italia comprende os filmes realizados en Italia ou por directores italianos.

A industria do cinema italiano é unha das máis prestixiosas do mundo: é o país que gañou en máis ocasións o Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa e o segundo con máis Palmas de Ouro. Un gran número de autores están recoñecidos internacionalmente, como Roberto Rossellini, Federico Fellini, Michelangelo Antonioni ou Bernardo Bertolucci, amais de intérpretes coma Anna Magnani, Sophia Loren, Marcello Mastroianni ou Vittorio Gassman.

Os inicios[editar | editar a fonte]

Os irmáns Lumière comezaron as primeiras exhibicións públicas do seu invento en Italia en marzo de 1896 en Roma e Milán.[1] Os seguidores dos Lumière produciron curtametraxes e fitas cómicas a finais da década de 1890 e principios da de 1900. O pioneiro Filoteo Alberini patentou o seu Kinetograph durante este período.[2]

A industria italiana desenvolveuse entre 1903 e 1908 liderada por tres organización principais, Cines, en Roma, e Ambrosio e Itala Film en Turín. Os primeiros filmes italianos foron adaptacións de libros e obras de teatro, como Otello (1906), de Mario Caserini e The Last Days of Pompeii (1908), de Arturo Ambrosio. Tamén foron populares os filmes sobre personaxes históricas, como Beatrice Cenci (1909), de Caserini, e Lucrezia Borgia (1910), de Ugo Falena.[3]

O filme de Enrico Guazzone Quo Vadis (1912) foi un dos primeiros grandes éxitos da historia do cinema, empregando centos de extras.[4] Cabiria, en 1914, foi unha produción aínda maior.[5]

Entre 1911 e 1919 desenvolveuse o primeiro movemento cinematográfico no historia do cinema, o futurismo. Para os futuristas, o cinema era unha forma de arte ideal, con posibilidade de ser manipulado na velocidade, os efectos especiais e a montaxe. A meirande parte dos filmes deste período están perdidos, pero Thaïs (1917), de Anton Giulio Bragaglia adoita ser citado como de grande influencia e inspiración no expresionismo alemán.

Despois da primeira guerra mundial varios estudios, como Cines e Ambrosio, aliáronse para enfrontarse ao ascenso de cinematografías estranxeiras, en xeral con pouco éxito.[6]

Cinecittà[editar | editar a fonte]

En 1930, Gennaro Righelli dirixiu o primeiro filme falado italiano, La canzone dell'amore.[7] A chegada do cinema sonoro levou a unha estrita censura por parte do goberno fascista. Durante esa década predominaron as comedias lixeiras coñecidas como Telefoni Bianchi ("teléfonos brancos") caracterizadas polos espléndidos decorados, os valores conservadores e a promoción polo respecto á autoridade. Exemplos son Paradiso (1932), de Guido Brignone ou O la borsa o la vita (1933), de Carlo Bragaglia.[8][9]

En 1934 o goberno creou a Direzione Generale per le Cinematografia, dirixida por Luigi Freddi. Isto levou á creación dunha cidade ao sueste de Roma dedicada exclusivamente ao cinema, chamada Cinecittà ("Cidade do Cinema"), completada en 1937.[8]

Neorrealismo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Neorrealismo italiano.

Ao final da segunda guerra mundial comezou a tomar forma o movemento neorrealista. Estes filmes contaban historias da clase obreira e estaban rodados nas localizacións orixinais. O termo foi empregado por primeira vez para describir o filme de Luchino Visconti Ossessione (1943).[10] Se ben o último filme neorrealista adoita ser considerado Umberto D. (1952), de Vittorio De Sica, a súa influencia foi enorme en filmes de Federico Fellini ou Pier Paolo Pasolini, ademais de movementos como a Nouvelle Vague francesa.[10]

Neorrealismo rosa e comedia[editar | editar a fonte]

O cinema posterior ao neorrealismo xirou a atmosferas máis lixeiras, talvez en coherencia coa mellora das condicións do país, nun xénero chamado neorrealismo rosa, triunfando actrices coma Sophia Loren, Gina Lollobrigida, Lucia Bosè, Silvana Mangano, Virna Lisi, Claudia Cardinale e Stefania Sandrelli. O neorrealismo rosa de filmes como Pane, amore e fantasia (1953) foi substituído pola commedia all'italiana, xénero que empregaba a comedia para falar seriamente de temas sociais.[11] Nestes anos triunfou o maior cómico italiano, Totò.

Algúns filmes destacados destes anos son Rufufú (1960), de Mario Monicelli e Divorcio á italiana (1961), de Pietro Germi.[12]

Filmes de xénero[editar | editar a fonte]

A finais da década de 1940 os estudios de Hollywood comezaron a realizar producións en Europa.[13] Italia foi, co Reino Unido, o principal escenario, rodándose en Cinecittà filmes como Quo Vadis (1951), Vacacións en Roma (1953) ou Cleopatra (1963). Esta etapa foi chamada Hollywood no Tíber.

Nesa época xurdiron filmes de aventuras e orzamento baixo, como os chamados peplum, de temas mitolóxicos e bíblicos, e os de capa e espada, ambientados na Idade Media e no Renacemento. Foron comúns heroes como Hércules, Sansón ou o inventado Maciste.[13] Estes filmes permitiron a novos directores como Sergio Leone e Mario Bava lograr un lugar na industria. Tras este xénero fixéronse moi populares os Spaghetti Western, diferenciados dos westerns orixinais por seren rodados en Europa e con orzamentos tamén baixos. Amais dos filmes de Sergio Leone, que deron popularidade ao actor Clint Eastwood e ao músico Ennio Morricone triunfaron filmes que combinaban o xénero coa comedia, como os de Bud Spencer e Terence Hill.[14]

Anos sesenta e setenta[editar | editar a fonte]

Tras independizarse do neorrealismo o cinema de autor continuou a producir filmes de temática existencial e adoptando unha perspectiva máis introspectiva. Recoñeceuse o talento de directores coma Federico Fellini (La dolce vita, 1960), Pier Paolo Pasolini[15] (O evanxeo segundo San Mateo, 1964) ou Michelangelo Antonioni (O deserto vermello, 1965).[16]

Durante as décadas de 1960 e 1970 cineastas como Mario Bava, Riccardo Freda, Antonio Margheriti e Dario Argento realizaron filmes que mesturan giallo (suspense) e terror, que se converteron en clásicos, como La ragazza che sapeva troppo e L’uccello dalle piume di cristallo.[17] O éxito de James Bond fixo que aumentasen as imitacións neses anos.[18]

O triunfo de Mondo cane, de Gualterio Jacopetti, fixo que o cinema italiano se convertese en sinónimo de filmes de terror violentos. Moitos destes filmes foron producidos directamente para o vídeo. Directores deste xénero foron Lucio Fulci, Joe D’Amato, Umberto Lenzi e Ruggero Deodato. Entre os filmes destacou Cannibal Holocaust.[19][20]

Outro subxénero nado en Italia foi o poliziottesco, filmes de acción que acadaron a súa maior popularidade a mediados da década de 1970.[21]

O director Federico Fellini

A crise dos oitenta[editar | editar a fonte]

A finais da década de 1970 e ata mediados da de 1980 o cinema italiano estaba en crise.[22][23] Os filmes artísticos aumentaban de xeito illado, á parte dos comerciais. Triunfaban en festivais autores como Federico Fellini, Ermanno Olmi, os irmáns Taviani ou Nanni Moretti.

Nesta época eran populares as comedias sexys, descritas como filmes lixo, con escaso valor artístico.[24] Aínda que forman parte do xénero, os filmes sobre a personaxe Fantozzi, creada por Paolo Villaggio, mesturaban a comedia lixo coa sátira social elevada.

Actualidade[editar | editar a fonte]

A partir da década de 1990 xurdiu unha nova xeración de directores: os gañadores do Óscar Giuseppe Tornatore, Gabriele Salvatores, Roberto Benigni e Paolo Sorrentino, ademais doutros como Marco Bellocchio, Gianni Amelio e Ferzan Özpetek.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Angelini, F. Pucci Materiali per una storia del cinema delle origini 1981. “... allo stato attuale delle ricerche, la prima proiezione nelle Marche viene ospitata al Caffè Centrale di Ancona: ottobre 1896” (“... Segundo as investigación actuais, a primeira exhibición tivo lugar nas Marcas no Caffè Centrale de Ancona: outubro de 1896”)
  2. "Fernaldo Di Giammatteo (1999), "Un raggio di sole si accende lo schermo", in I Cineoperatori. La storia della cinematografia italiana dal 1895 al 1940 raccontata dagli autori della fotografia (volume 1°)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2013. Consultado o 23 de decembro de 2017. 
  3. "Il cinema più antico d'Italia: il Sivori di Genova veniva inaugurato 120 anni fa dai fratelli Lumière". Tgcom24. Consultado o 9-4-2017. 
  4. Gian Piero Brunetta, "Cinema muto italiano", cit., p. 43.
  5. Gianni Rondolino, Paolo Bertetto, Cabiria e il suo tempo, Torino, 1998.
  6. Gian Piero Brunetta, "Cinema italiano dal sonoro a Salò", in Storia del cinema mondiale, vol. III, Einaudi, Torino, 2000, p. 342.
  7. Gianfranco Gori, Alessandro Blasetti, La Nuova Italia, Firenze, 1984, p. 20.
  8. 8,0 8,1 Katz, Ephraim, "Italy," The Film Encyclopedia (New York: HarperResource, 2001), pp. 682-685.
  9. Gian Piero Brunetta, Cent'anni di cinema italiano, Laterza, Bari, 1991, p. 248.
  10. 10,0 10,1 Ronald Bergan, The Film Book (Penguin, 2011), p. 154.
  11. Enrico Giacovelli, La commedia all'italiana, Gremese, Roma, 1995.
  12. Enrico Giacovelli, La commedia all'italiana, Gremese, Roma, 1995, pp. 43.
  13. 13,0 13,1 Steve Della Casa e Marco Giusti, Il grande libro di Ercole, Il cinema mitologico in Italia, Edizioni Sabinæ, 2013
  14. "David alla carriera a Tonino Guerra, Bud Spencer e Terence Hill". Consultado o 10-11-2015. 
  15. Paolo Mereghetti & p. 28
  16. Aldo Tassone, I film di Michelangelo Antonioni: un poeta della visione, Gremese editore, 2002
  17. Paolo Mereghetti & p. 3505
  18. "Dizionario del Cinema spionistico italiano". Consultado o 14-6-2015. 
  19. Paolo Mereghetti & p. 560
  20. "Bon apetit! Guida al cinema cannibalico". Dossier Nocturno n.12 (Milán). 2003. 
  21. Roberto Curti, "Italia odia. Il cinema poliziesco italiano", Lindau, 2006
  22. Vito Zagarrio, Storia del cinema italiano 1977/1985, Marsilio, Venezia, 2005, p. 329.
  23. Vito Zagarrio, Storia del cinema italiano 1977/1985, cit., p. 348.
  24. Giuliano Pavone, Giovannona Coscialunga a Cannes. Storia e riabilitazione della commedia all'italiana anni '70, Tarab, 1999

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]