Os diálogos están tomados directamente do Evanxeo de Mateu, xa que Pasolini sentía que "as imaxes nunca poderían acadar as alturas poéticas do texto".[2] Explicou ademais que escollera o Evanxeo de Mateu sobre os outros porque decidira que "Xoán era demasiado místico, Marcos demasiado vulgar e Lucas demasiado sentimental".[3]
Xesús de Nazaret viaxa por Palestina durante o imperio Romano cos seus discípulos, curando os cegos, resucitando os mortos, exorcizando demos e anunciando a chegada do Reino de Deus e a salvación de Israel. Proclama que é o fillo de Deus e polo tanto o mesías profetizado, o que o leva a enfrontamentos directos cos líderes do templo xudeu. É detido, entregado aos romanos e acusado de sedición contra o estado romano, cargo do que é declarado inocente polo gobernador de Palestina. Con todo, é crucificado por orde dos líderes do templo, mais tres días despois resucita de entre os mortos.
Pasolini empregou algunhas técnicas do neorrealismo italiano na realización do filme. A maioría dos actores non eran profesionais. Enrique Irazoqui (Xesús) era un estudante de economía español de 19 anos e activista comunista, mentres que o resto do elenco eran naturais de Barile, Matera e Massafra, onde se rodou o filme. Pasolini visitara Terra Santa, pero atopou as localizacións inadecuadas e "comercializadas".[4] A propia nai de Pasolini, Susanna, interpretou a nai de Xesús de vella. O elenco inclúe intelectuais como os escritores Enzo Siciliano e Alfonso Gatto, os poetas Natalia Ginzburg e Rodolfo Wilcock e o filósofo Giorgio Agamben. Ademais das fontes bíblicas orixinais, Pasolini empregou referencias a "2000 anos de pintura e escultura cristiás" ao longo do filme. O aspecto das personaxes á tamén ecléctica e en ocasións anacrónicas, lembrando representacións artísticas de diferentes épocas: o vestiario dos soldados romanos e dos fariseos por exemplo están influídos pola arte renacentista, mentres que Xesús parece máis ligado á arte bizantina ademais da obra do artista expresionistaGeorges Rouault).[5] O director describiu máis tarde o filme como "a vida de Cristo máis 2000 anos de narración sobre a vida de Cristo".[6]
Pasolini indicou que a súa experiencia na rodaxe foi moi diferente das anteriores. Expresou que mentres que o estilo de rodaxe de Accattone foi "reverencial", cando ese estilo se aplicou ás fontes bíblicas "volveuse retórico. (...) E entón cando estaba a filmar a escena do bautizo preto de Viterbo abandonei todas as miñas ideas técnicas previas. Comecei a empregar o zoom, usei movementos novos de cámara, novos planos que non eran reverenciais, senón case documentais [combinando] unha severidade case clásica con momentos case "godardianos", por exemplo nos dos xuízos de Cristo, filmados como cinema verite. (...) A clave é que (...) eu, un non crente, estaba contando a historia a través dos ollos dun crente. A mestura a nivel narrativa produciu a mestura estilística".[5]
Na 25.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Venecia, O evanxeo segundo San Mateo competiu polo León de Ouro e gañou o premio OCIC e o premio especial do xurado. Na estrea, reuniuse unha multitude para apupar a Pasolini, mais aclamárono cando o filme rematou. O filme gañou tamén o gran premio da Oficina Cinematográfica Católica Internacional.[6] Foi candidato ao premio das Nacións Unidas na 21.ª edición dos premios da BAFTA.[7]
↑"BAFTA Awards: Film in 1968". British Academy of Film and Television Arts. Consultado o 26-1-2016. for the best Film embodying one or more of the principles of the United Nations Charter in 1968
Bart Testa, "To Film a Gospel ... and Advent of the Theoretical Stranger," en Patrick Rumble e Bart Testa (eds.), Pier Paolo Pasolini: Contemporary Perspectives. University of Toronto Press, Inc., 1994, páx.180–209. ISBN0-8020-7737-4.
"Pasolini, Il Cristo dell'Eresia (Il Vangelo secondo Matteo). Sacro e censura nel cinema di Pier Paolo Pasolini (Edizioni Joker, 2009) por Erminia Passannanti, ISBN978-88-7536-252-2
Wakeman, John (1988). World Film Directors, Volume 2(en inglés). The H. W. Wilson Company.