Nouvelle Vague
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Nouvelle vague (en galego, Nova Onda) é o nome co que se coñece a un grupo de cineastas franceses que, durante a década dos sesenta, realizan filmes baixo unha serie de principios ou metas estéticas comúns. Por este motivo, é posible consideralo coma un movemento cinematográfico. Este grupo de cineastas, influenciados polo existencialismo francés de Jean-Paul Sartre e de Albert Camus, pon en cuestión as estruturas narrativas tradicionais e formula a aplicación de novas técnicas de experimentación. Esta denominación aparece por vez primeira con Françoise Giroud, xornalista, guionista, escritora e ministra do Goberno francés, en 1957, na revista L’Express en referencia á nova forma de rodar dos novos cineastas franceses. Asemade, a cohesión deste grupo viña exercida pola revista de crítica de cine, Cahiers du Cinéma, fundada en 1951 por André Bazin, posto que a grande parte dos directores serían coñecidos, previamente, como críticos nesta revista. Serían, por tanto, en primeiro lugar, impulsores teóricos dunha perspectiva vangardista e crítica coas producións tradicionais e comerciais e, nun segundo momento, realizadores prácticos desa teoría.
Características[editar | editar a fonte]
Os realizadores da Nouvelle Vague terán como referente a proposta que en 1948 defendía o director e crítico de cine Alexandre Astruc: camera stylo. Trátase dun novo estilo de rodar baseado na creatividade do director, na exploración sen límites e na autonomía da narración a respecto de intereses comerciais. É o que, posteriormente, coñeceríamos como cine de autor.
A carencia de intereses comerciais, implicaba a ausencia de elevados orzamentos financeiros, feito que levou a estes cineastas á realización con cámaras lixeiras de 8mm. e 16mm. (formatos non empregados polos profesionais). Estas cámaras lixeiras permitíanlles rodar en exteriores, en localizacións reais, sen iluminación artificial, nin grandes esceneografías situadas en estudios.
O interese pola experimentación levou a un fondo de espontaneidade e de improvisación, especialmente, nos primeiros filmes do grupo, nos anos 1959 e 1960. Rompen a liñalidade da narración fílmica para gravar historias que son un reflexo do panorama intelectual e político francés do momento: preguntas sobre o sentido da vida, da liberdade, do amor e da xuventude na liña da teoría existencialista; críticas mordaces ao colonialismo e ao nazismo, pois eran os anos posteriores á segunda guerra mundial e a época en que se xestaba a independencia de Alxeria; defensa das revoltas sindicais e estudantís, na liña da esquerda marxista europea, moi especialmente no caso de Jean-Luc Godard.
Nomes influentes da Nouvelle Vague[editar | editar a fonte]
- Directores de Cahiers du cinéma: Claude Chabrol, Jean-Luc Godard, Jacques Rivette, Éric Rohmer, François Truffaut.[1]
- Directores da Rive Gauche: Henri Colpi, Jacques Demy, Chris Marker, Alain Resnais, Agnès Varda.[1]
- Outros directores asociados co movemento: Alexandre Astruc, Jacques Doniol-Valcroze, Jean Douchet, Marguerite Duras, Jean Eustache, Georges Franju, Philippe Garrel, Pierre Kast, Claude Lelouch, Louis Malle, Jean-Pierre Melville, Luc Moullet, Alain Robbe-Grillet, Jean Rouch, Jacques Rozier, Straub-Huillet, Roger Vadim.[1]
- Outros contribuidores: Raoul Coutard e Henri Decaë (directores de fotografía), Georges Delerue e Michel Legrand (compositores), Paul Gégauff, Marilù Parolini e Suzanne Schiffman (guionistas).
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 New Wave Film.com, "Where to Start Guide", section outlining directors. Consultado o 30 de abril de 2009.