Cúpula da Rocha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Cúpula da Rocha
Vista exterior.
Cúpula da Rocha dende o Monte das Oliveiras.

A Cúpula da Rocha ou o Domo da Rocha (en lingua árabe, قبة الصخرة Qubbat as-Sajra) é un monumento islámico situado na cidade vella de Xerusalén, no centro do Monte do Templo. Os musulmáns cren que a rocha que se atopa no centro da cúpula é o punto dende o cal Mahoma ascendeu aos ceos para se reunir con Deus, acompañado polo anxo Gabriel. En honra a devandito episodio da vida de Mahoma, foi construído o edificio entre os anos 687 e 691 polo noveno califa, Abd al-Malik.

Os credos xudeu e cristián afirman que ese lugar foi onde Abraham estivo a piques de sacrificar ao seu fillo Isaac por orde de Xahveh e onde Xacob viu á súa vez a escaleira ao ceo, segundo os relatos da Xénese. O islam recolle tamén a tradición do sacrificio de Abraham, aínda que na versión islámica o fillo non era Isaac senón o primoxénito, Ismael. Segundo a tradición xudía desde esta primeira pedra construíuse o mundo. Alí foi erixido o Sanctasanctórum, a parte máis sacra do templo de Xerusalén.

Sen cambios esenciais durante máis de trece séculos, a Cúpula da Rocha segue a ser un dos máis preciosos e duradeiros tesouros arquitectónicos do mundo.

Tecnicamente, a Cúpula da Rocha non se considera unha mesquita, mais si é un lugar de culto para o islam. Xunto ao Domo da Rocha, coa súa cúpula dourada, no extremo sur da chaira, atópase a Mesquita de Al-Aqsa coa súa cúpula prateada, e anexa ao Domo da Rocha atópase a Cúpula da Cadea. Tamén se adoita chamar erroneamente Mesquita de Omar á Cúpula da Rocha.

O significado deste sitio abrolla tradicións relixiosas monoteístas ligadas coa rocha á que preserva a cúpula dourada: coñecida como a "Rocha Fundacional", a mesma é considerada un importante punto de referencia polos monoteístas.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Época pre-islámica[editar | editar a fonte]

Reconstrución do Templo de Herodes visto desde o leste. (Maqueta da Terra Santa de Xerusalén, 1966)

A Cúpula da Rocha está situada no centro do Monte do Templo, o lugar do Templo de Salomón e o Segundo Templo xudeus, que foi amplamente expandido durante o reinado de Herodes o Grande no século I a. C.. O Templo de Herodes foi destruído no ano 70 polos romanos, e trala revolta de Bar Kokhba no 135, erixiuse un templo na honra do deus Xúpiter Capitolino no seu lugar.[3]

Xerusalén estivo baixo o poder do Imperio bizantino desde o século IV ata o VI. Durante este tempo, a peregriñaxe cristiá a Xerusalén comezou a desenvolverse.[4]

A Igrexa do Santo Sepulcro foi construída polo emperador Constantino I na década de 320, pero o Monte do Templo quedou esquecido e convertido nun vertedeiro tralo falido intento de reconstruír o Templo xudeu do emperador Xuliano o Apóstata.[5]

Época cruzada[editar | editar a fonte]

A Cúpula da Rocha identificada co Templo de Salomón durante a época cruzada do Reino de Xerusalén.

Durante séculos os peregrinos cristiáns puideron visitar o Monte do Templo, pero a escalada de violencia na súa contra por parte das autoridades musulmás[a] deu lugar ás Cruzadas.[6] Os cabaleiros cruzados capturaron a cidade en 1099 e a Cúpula da Rocha foi entregada aos augustinos que a converteron nunha igrexa, mentres que a mesquita de Al-Aqsa pasou a ser o palacio real. Os cabaleiros templarios identificaron a Cúpula da Rocha como o lugar no que se erixira o Templo de Salomón e estableceron o seu cuartel xeral nun recinto da mesquita de Al-Aqsa durante gran parte do século XII. O Templum Domini, como pasou a coñecerse a Cúpula, apareceu nos selos oficias dos Grandes Mestres Templarios, como por exemplo nos de Everard des Barres e Renaud de Vichiers, e axiña converteuse en modelo arquitectónico para as igrexas redondas templarias por toda Europa, como a Igrexa do Temple en Londres.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Por exemplo, Al-Hakim bi-Amr Allah ordenou a destrución da Igrexa do Santo Sepulcro.
  1. Árabe: صخرة (Sajrah); hebraico: אבן השתייה (Even Hashetiá).
  2. Considerado tamén santo polos hebreos, o lugar en cuestión é non menos venerado polos musulmáns, quen construíron o Domo da Rocha para preservar dito sitio.
  3. Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Aelia Capitolina". Encyclopædia Britannica (11th ed.). Cambridge University Press. p. 256. Lester L. Grabbe (2010). An Introduction to Second Temple Judaism: History and Religion of the Jews in the Time of Nehemiah, the Maccabees, Hillel, and Jesus. A&C Black. p. 29.
  4. Davidson, Linda Kay and David Martin Gitlitz Pilgrimage: From the Ganges to Graceland : an Encyclopedia Volume 1, ABC-CLIO, Inc, Santa Barbara, CA 2002, p. 274.
  5. 5,0 5,1 Sebag Montefiore 2011.
  6. Stark, Rodney. God's Battalions; a Case for the Crusades. Harper Collins, NY, 2009, pp. 84–85.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Sebag Montefiore, Simon (2011). Jerusalén: la biografía (epub). Crítica. ASIN B007PKNKYG. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]