Barrio marroquí de Xerusalén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Barrio Marroquí nalgún momento entre 1898 e 1946.

O Barrio marroquí [1] ou Barrio mughrabi[2] (árabe: حارَة المَغارِبة Hārat al-Maghāriba, hebreo: שכונת המוגרבים, Sh'khunat HaMughrabim) foi un barrio de 800 anos de antigüidade que formaba parte da Cidade vella de Xerusalén. Chegaba até o muro occidental do Monte do Templo ao leste (incluíndo o Muro das Lamentacións), e até os muros da Cidade Vella ao sur. Lindaba co barrio xudeu ao oeste e co barrio musulmán ao norte.

Tiña varias escolas e institucións relixiosas. Era o quinto e máis pequeno barrio da antiga Xerusalén, e foi demolido por completo en 1967 polo goberno israelí a fin de facilitar o acceso público ao Muro das Lamentacións. No século XXI, a maior parte da súa superficie foi absorbida polo barrio xudeu e non queda practicamente ningunha pegada da súa existencia.

Orixes[editar | editar a fonte]

Segundo relata o historiador do século XV, Mujir al-Din al-'Ulaymi, o Barrio Marroquí foi creado en 1193 polo fillo de Saladino, al-Malik al-Afdal, como un waqf dedicado aos marroquís; alí fundou unha escola, a Afdaliyyah. Máis adiante, varios doantes marroquís estendérono grazas a varios waqfs: en 1303, Umar ibn Abdullah ibn Abdun-Nabi al-Masmudi al-Mujarrad achegou unha doazón para crear unha zaouia (escola relixiosa) en beneficio dos marroquís que residían no barrio, e en 1320 Shuayb ibn Muhammad ibn Shuayb, neto do sufí andalusí Abu Madyan, doou fondos procedentes das súas terras de Ein Karem, nos arredores de Xerusalén. En 1352, o mesmo rei marínida Uthman I estableceu un waqf máis pequeno, un Corán doado á mesquita de Al-Aqsa, cun representante seu que debía asegurarse de que fose lido con certa frecuencia.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

O barrio xudeu e o barrio marroquí nos primeiros anos do século XX.
O canellón que separaba o barrio marroquí do Muro das Lamentacións, entre 1898 e 1914.

O barrio foi dotado e habitado maioritariamente por persoas de ascendencia mugrabí que perpetraban a súa cultura a través da súa gastronomía, a súa vestimenta e as súas tradicións. Co paso dos séculos, perderon as súas particularidades para integrarse na sociedade palestina, sen que se puidese diferenciarlles no século XX. Só uníalles as súas remotas orixes magrebís. Co tempo, un pequeno número de escolas, institucións científicas e mesquitas foron establecidas, e alí aloxábanse sacerdotes musulmáns que servían na Mesquita de Al-Aqsa.[4] As oficinas do Gran muftí de Xerusalén atopábanse no Barrio Marroquí.[5] Yasser Arafat viviu no barrio de 1933 a 1936.[6]

Pero o que ía determinar o futuro do barrio marroquí era o seu lugar. As súas casas chegaban a só catro metros do Muro das Lamentacións, un resto do Segundo Templo e importante destino de peregrinacións dos xudeus. O acceso ao Muro facíase por un canellón desde a rúa King David, o que creaba ás veces tensións entre os residentes e os visitantes xudeus, que reclamaban un acceso máis espazoso e que se queixaban dos cantos dos almuecíns e do ruído dos ritos musulmáns que se organizaban nun patio próximo. Co auxe do sionismo moderno, esas tensións agudizáronse.

En 1887, o barón Edmond James de Rothschild planeou comprar o barrio marroquí para demolelo "en honra e mérito do pobo xudeu".[7] Cómpraa-venda foi valorada e aprobada polo gobernador otomán de Xerusalén, Rauf Pasha, e o gran muftí de Xerusalén, Mohammed Tahir Husseini. Aínda que a operación gozase xa da autorización das máis altas autoridades civís e relixiosas, o proxecto foi apartado porque non se autorizou a construción de edificios na área despexada polas demolicións, só plantar árbores. Ademais, os xudeus non terían pleno control, polo que non poderían prohibir as actividades dos habitantes da zona que molestarían aos fieis, como transitar con mulas. Outros autores atribúen o fracaso do proxecto a disensións internas entre os xudeus sobre as posibles reaccións adversas que a operación suscitaría entre os árabes.[8]

Nos dous primeiros meses que seguiron a entrada do Imperio Otomán na primeira guerra mundial, o gobernador turco de Xerusalén, Zakey Bey, propuxo vender o Barrio Marroquí, que constaba de 25 casas, aos xudeus para ampliar a área onde rezaban. Pediu unha suma de 20.000 £ que se utilizaría para reacoller ás familias musulmás e crear un xardín público diante do muro. Pero os xudeus non tiñan fondos suficientes.[9]

En 1918, o líder xudeu Chaim Weizmann enviou unha carta ao ministerio de Exteriores británico, pedindo que se eliminase o barrio e que o muro se convertese nunha propiedade xudía. Pero os británicos mantiveron o statu quo ante, e o muro e o Barrio Marroquí seguiron sendo unha propiedade waqf, á vez que os xudeus mantiñan o seu dereito a visitalo. Despois dos disturbios palestinos de 1929, o Reino Unido nomeou unha comisión, co consentimento das Nacións Unidas, para solucionar o problema. A comisión reafirmou o statu quo, aínda que puxo algunhas restricións ás actividades que podían desenvolverse na área: prohibir aos xudeus os rezos do Yom Kippur, que implicaban tocar o shofar, e aos musulmáns realizar a cerimonia do Dhikr cerca do Muro ou causar molestias aos xudeus.

Durante a guerra árabe-israelí de 1948, as forzas árabes e israelís loitaron na zona ata que estes últimos foron vencidos e expulsados xunto con 1.500 civís xudeus que residían no veciño barrio xudeu.[10] Despois de sufrir severas desfeitas polos combates, o barrio, do mesmo xeito que toda a Cidade Vella, pasou a depender de Xordania que a anexionou xunto con Cisxordania en 1950.

Demolición[editar | editar a fonte]

Despexando a praza do Muro das Lamentacións en xullo de 1967.

Tres días despois de que Israel capturase a Cidade Vella durante a Guerra dos Seis Días, na tarde do 10 de xuño de 1967, os 650 habitantes do Barrio Marroquí foron obrigados a abandonar as súas casas con só tres horas de antelación. Os obreiros empezaron aquela mesma noite a derrubar o barrio que consistía en 135 casas, a mesquita al-Buraq, a zaouia Bou Medyan e outros edificios, con excepción dunha mesquita e unha zaouia que foron destruídas dous anos máis tarde.[11] A mesquita Sheikh Eid, unha das poucas mesquitas existentes da época de Saladino, foi tamén destruída.[12] Algúns habitantes negáronse a marchar ata que as súas casas empezaron a ser derrubadas, e unha anciá morreu sepultada baixo os cascallos da súa casa.[13]

As demolicións foron ordenadas polo alcalde de Xerusalén, Teddy Kollek, que relatou os acontecementos na súa autobiografía en 1978. Nunha carta dirixida ás Nacións Unidas, o goberno israelí afirmou que os motivos polos que se destruíu o barrio era que o goberno xordano había convertido a zona nun barrio de chabolas ("slum area").[14] A prema coa que se procedeu a arrasar o barrio explicouse polo alto número de peregrinos xudeus que se esperaban, os cales ían poder rezar no Muro por primeira vez en 19 anos.

Case un ano máis tarde, o 18 de abril de 1968, o ministerio israelí do Tesouro expropiou oficialmente a área xunto co barrio xudeu, para destinala a uso público, e ofreceu 200 dinares a cada familia desprazada.[15]

Tras a demolición do Barrio Marroquí, a parte do Muro das Lamentacións dedicada a rezos foi estendida cara ao sur, dobrándose a súa lonxitude de 28 a 60 metros, mentres que o espazo orixinal fronte ao muro ampliábase de 4 a 40 metros: a área pequena de 120 m² diante do Muro converteuse nunha chaira (a Western Wall Praza) que cobre os 20.000 m² do desaparecido barrio marroquí, cuxa localización é utilizada como sinagoga ao aire libre.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. T. Abowd, The Moroccan Quarter: A History of the Present, in: Jerusalem Quarterly File (Institute of Jerusalem Studies), no. 7 (2000), pp. 6–16 [1] (consultado o 16 de outubro de 2012)
  2. The Legacy of Solomon. Consultado o 28 de novembro de 2012. 
     · Henry Cattan. The Palestine Question. Consultado o 28 de novembro de 2012. 
     · Annelies Moors. Discourse and Palestine: Power, Text and Context. Consultado o 28 de novembro de 2012. 
  3. Abdul Latif Tibawi, The Islamic Pious Foundations in Jerusalem, The Islamic Cultural Centre, Londres, 1978.
  4. The Moroccan Community in Palestine Arquivado 22 de agosto de 2007 en Wayback Machine., Noura al-Tijani, This Week In Palestine, nº 112, agosto de 2007. Acceso 22-07-2012 (en inglés).
  5. Informe de la Comisión internacional sobre derechos de judíos y musulmanes sobre el Muro de las Lamentaciones, diciembre de 1930. Arquivado 07 de marzo de 2019 en Wayback Machine.(enlace roto disponible en Internet Archive; véase el [https://web.archive.org/web/20190307000650/https://unispal.un.org/UNISPAL.NSF/9a798adbf322aff38525617b006d88d7/59a92104ed00dc468525625b00527fea?OpenDocument Arquivado 07 de marzo de 2019 en Wayback Machine. historial] y la [2] Arquivado 07 de marzo de 2019 en Wayback Machine.).[Ligazón morta] En UNISPAL. Acceso 22-07-2012 (en inglés).
  6. Danny Rubenstein, The Mystery of Arafat, Steerforth Press', Vermont, 1995, págs. 21-22, citado en la revista Jerusalem Quarterly (Verano 2005/24). Acceso 22-07-2012 (en inglés).
  7. David Rossof, Where Heaven Touches Earth, Beyond the Walls: 1870–1900, Guardian Press, Jerusalén, 1998, pág. 331, ISBN 0-87306-879-3
  8. Israel Stockman-Shomron, Israel, the Middle East and the Great Powers, Jerusalem in Islam: Faith and Politics, Transaction Publishers, 1984, pág. 43, ISBN 965-287-000-5.
  9. Martin Gilbert, Jerusalem in the Twentieth Century, War, 1914–1917, Chatto & Windus, Londres, 1996, pág. 42, ISBN 0-7011-3070-9
  10. The Moroccan Quarter: A History of the Present, Thomas Abowd, Jerusalem Quaterly, nº7, 2000. Acceso 22-07-2012 (en inglés).
  11. In Pursuit of Herzl's Broom: A Deconstruction of Teddy Kollek's Jerusalem, Joost R. Hiltermann, conferencia sobre Palestina en la Universidad de Amsterdam, abril de 1992. Middle East Research and Information Project, merip.org. Acceso 21-07-2012 (en inglés).
  12. Rare photograph reveals ancient Jerusalem mosque destroyed in 1967, Nit Hasson, Haaretz, 15 de junio 2012. Acceso 22-07-2012 (en inglés).
  13. Tom Segev, 1967, Metropolitan Books, 2007, págs. 400-401.
  14. "Letter to the Secretary General". Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2010. Consultado o 24 de setembro de 2018. 
  15. Simone Ricca: Heritage, Nationalism and the Shifting Symbolism of the Wailing Wall, Jerusalem Quarterly, Verano 2005, nº 24, Institute of Jerusalem Studies. (17 de agosto de 2007)