Arcea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Becada»)

A arcea[2], cea[3], galiñola, pitarola, pita das poulas ou torda[4] (Scolopax rusticola) é unha especie de ave da orde dos caradriformes, suborde dos escolopacios, e da subfamilia dos escolopacios, unha das integradas no xénero Scolopax.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.[5]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Scolopax.

O epíteto específico, rusticola, é o nome latino dunha ave de caza mencionada por Plinio o Vello e Marcus Valerius Martialis. Posibelmente fose unha pita do monte.[6]

Rusticola é o nominativo feminino singular do adxectivo rusticulus, -a, -um, "propio do campo", derivado de rūs, rūris, "campo".

Especie monotípica[editar | editar a fonte]

Scolopax rusticola é unha especie monotípica: non se recoñece ningunha subespecie.[7]

Características[editar | editar a fonte]

Os adultos miden de 33 a 38 cm de lonxitude, incluíndo o pico recto de 6 a 8 cm, e unha envergadura alar de 55 a 65 cm.[8] A súa plumaxe é críptico para adaptarse ao seu hábitat forestal, coas partes superiores de cor parda avermellada con debuxos moteados, e as partes inferiores pardas. A cabeza presenta dúas liñas case negras, non é raiada como a dos seus parentes próximos, como a becacina. Os ollos son grandes, e están situados a ambos os lados da cabeza, o que lle dá unha visión monocular de 360 graos.[9][10] As ás son arredondadas, e a base do pico é de cor carne caa punta escura. A cor das patas varía de gris a rosada.[8] A especie é sexualmente dimórfica, sendo o macho moito máis grande que a femia.[11]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Ovos de Scolopax rusticola.

Aproximadamente un terzo da poboación da arcea cría en Europa, e máis do 90 % da poboación do continente cría en Rusia e en Fenoscandia. A súa área de reprodución esténdese desde Fenoscandia até o mar Mediterráneo e as Illas Canarias, e desde Europa occidental até Rusia.[12]

Esta especie é a limícola que se encontra na maior parte da Eurasia temperada e subártica. As poboacións do norte e a asiática migran ao sur de Europa ou ao subcontinente indio, respectivamente. As aves dos países máis suaves de Europa occidental e das illas atlánticas,[13] son residentes. As poboacións que se reproducen no noroeste e sur de Europa son na súa maioría sedentarias.[12]

A migración primaveral das aves comeza en febreiro; os territorios de reprodución alcánzanse entre marzo e maio.[13] Os movementos de migración primaveral da arcea están influídos polas condicións meteorolóxicas, pero isto non ten un efecto importante no seu éxito reprodutivo posterior.[14]

Ameazas[editar | editar a fonte]

A ameaza máis importante para esta especie na súa área de reprodución é a actual fragmentación dos bosques. Fóra da época de cría, a especie está ameazada pola desaparición dos pastos permanentes,[15] e pola intensificación das prácticas agrícolas (por exemplo, a destrución de sebes, a diminución do número de prados de pastoreo permanente e o empobrecemento da fauna do solo como consecuencia do arado e da aplicación de fertilizantes químicos).[16] A especie é susceptible á gripe aviar (tanto na súa zona de reprodución como de invernada), polo que pode verse ameazada por brotes futuros do virus.[17] A especie é amplamente cazada, sobre todo en Francia, Italia, Reino Unido e España.[15]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, esta especie ten unha área de distribución moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tamaño da área de distribución. A tendencia de poboación parece ser estábel e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia de poboación. O tamaño da poboación é extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo o criterio de tamaño da poboación. Por estes motivos a especie é avaliada como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2019): Scolopax rusticola na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 13 de setembro de 2022.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Arcea.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Cea.
  4. 46. Precisión ornitolóxica 6: *becada e *becacina, Depto. Terminoloxía da USC, 2001. Referencia conxunta para arcea, cea, galiñola, pitarola, pita das poulas e torda
  5. Scolopax rusticola Linnaeus, 1758 no GBIF. Consultado o 13 de setembro de 2022.
  6. Jobling, James A. (2010): The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4, pp. 344, 351.
  7. Gill, Frank; Donsker, David & Rasmussen, Pamela, eds. (Xullo de 2021): "Sandpipers, snipes, coursers". IOC World Bird List Version 11.2. Unión Ornitolóxica Internacional.
  8. 8,0 8,1 Mullarney, Killian; Svensson, Lars; Zetterstrom, Dan & Grant, Peter (1999): Collins Bird Guide. London: HarperCollins. ISBN 0-0021-9728-6, p. 150.
  9. BWPi (2004): The Birds of the Western Palearctic on interactive DVD-ROM. London: BirdGuides Ltd. & Oxford University Press. ISBN 1-8981-1039-5.
  10. Cocker, Mark & Mabey, Richard (2005): Birds Britannica. London: Chatto & Windus. ISBN 0-7011-6907-9, pp. 214–219.
  11. Robinson, R. A. (2015): "Woodcock Scolopax rusticola". BirdFacts: profiles of birds occurring in Britain & Ireland (BTO Research Report 407). Thetford: British Trust for Ornithology.
  12. 12,0 12,1 Tucker, Graham M. & Heath, Melanie F. (1995): Birds in Europe: Their Conservation Status. BirdLife Conservation Series. Vol. 3. Cambridge: BirdLife International. ISBN 0-9468-8829-9, pp. 270–271.
  13. 13,0 13,1 "Species factsheet: Scolopax rusticola". www.birdlife.org. BirdLife International. Consultado o 14 de setembro de 2022.
  14. Le Rest, K.; Hoodless, A.; Heward, C.; Cazenave, J. & Ferrand, Y. (2019): "Effect of weather conditions on the spring migration of Eurasian Woodcock and consequences for breeding". Ibis 161 (3): 559–572.
  15. 15,0 15,1 del Hoyo et al 1996.
  16. Duriez et al. (2005): "Habitat selection of the Eurasian woodcock in winter in relation to earthworms availability". Biological Conservation 122 (3): 479-490.
  17. Melville, D. S. & Shortridge, K. F. (2006): "Migratory waterbirds and avian influenza in the East Asian-Australasian Flyway with particular reference to the 2003-2004 H5N1 outbreak". En: G. Boere, C. Galbraith & D. Stroud, eds. Waterbirds around the world, pp. 432-438. Edinburgh, U.K.: The Stationery Office.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]